19.12.05

Visita

Coma o ectoplasma que sae da boca da médium para dar corpo a un espírito doente, saía o bafo polos nosos narices mentres dabamos un paseo pola beira do Miño en Auria, onde fomos coa intención de ver a Vicente; máis delgado, un chisco esbrancuxado quizais, pero tan bo mozo coma sempre, recupera día a día as forzas e o ritmo, como ten que ser. Acompañábao outro amigo, o autor da mellor páxina sobre os ríos galegos que hai na rede, esa que tanto lle gusta a Dorvisou.
A paso pousón e falando polos cóbados, vimos con sorpresa corvos mariños e garzas grises, inesperados tan ao interior (as gaivotas non son novidade desde hai anos), mentres a brétema se levantaba moi engorde do río Miño e da cidade dando paso a un sol que semellaba non decidirse por completo a asomar o fociño.
O Nadal respirábase nas luciñas que adornaban as rúas, nos comercios adobiados para a ocasión, nas moreas de xente que pasaban con bolsas e paquetes, nos abrigos de pel tan típicos das mulleres desa cidade, no frío case polar que cortaba o alento. Pero iso era o de menos; o de máis: saber que dentro duns meses Vicente e a súa muller nos devolverán a visita.

Ningún comentario :