21.7.07

Meme

O que é o verán. Leo no blog de Akin un meme un tanto estraño por carecer de preguntas concretas e vou e anímome a seguilo. A el vénlle de Findûriel (que non frecuento), así que tiramos para adiante.
1.- Desde nena até unha idade indefinida sempre provoquei odios e amores sen término medio, se cadra porque eu mesma non era de términos medios. Agora non o noto tanto, quizais porque xa non me fixo nesas cousas e ando máis á miña bóla, quizais porque desde hai uns anos procuro ser amable cos demais, porque descubrín que a amabilidade non custa nada e sáeme de dentro.
2.- Houbo unha tempada en que pensaba que a opinión dos demais non me importaba en absoluto, pero ás veces sorpréndome cavilando en que pensarán os outros sobre min, sobre nós. Non é que me importe demasiado, pero dáme curiosidade, se cadra para intentar comprenderme a min mesma un chisco mellor, porque dun tempo a esta parte sorpréndome non entendéndome en absoluto.
3.- A primeira vez que me trataron de vostede e me dixeron señora para referirse a min mirei por encima do ombreiro por se se trabucaban. Non, non se trabucaban. Eu era vostede e era a señora. Aínda non me acostumei.
4.- Son unha pura contradición, a pesar de que os anos e a medicación me van fornecendo máis equilibrio. Lembro coma se fose hoxe cousas de cando tiña catorce anos (a labazada que me deu unha presunta lesbiana por comentar a outros a súa declaración de amor) e non me acordo do que fixen onte, se cadra porque non é demasiado importante.
5.- A miña cor favorita supostamente é a azul escura, pero confeso a miña debilidade pola laranxa, sobre todo se pertence á que tingue as nubes dun solpor acá na costa. As violetas e toda a súa gama non me desgustan nadiña, ao contrario. De feito, sempre que podo, visto de morados.
6.- A miña aspiración na vida é recuperar a alegría de escribir, as ocorrencias que me levan a inventar historias sen freo e atoparlle un sentido á escritura. Para moitos será unha estupidez; para min é o máis importante da vida. Saír deste marasmo creativo que me ten os ánimos máis abaixo do subsolo e deixar de experimentar esta sensación de déjà vu cada vez que emprendo unha aventura coas palabras e a imaxinación.
7.- Vivo en vacacións case permanentes desde que me xubilei, así que non ansío grandes períodos de lecer. Iso si, desexo que a miña relación con B siga tan fluída coma até agora e que a xente que nos vexa nos siga dicindo que non se pode estar tan namorado a estas idades. A miña pregunta é por que non?
8.- Non penso no futuro, quizais porque teño asegurada unha boa pensión estatal e carezo de penuria laboral. Hai tempo que lle perdín o medo á morte e síntome preparada para calquera eventualidade (malia que me trabuque). A visión dos vellos que nos rodean faime tremer porque non me custa nada imaxinarme na súa situación. Téñolle medo, máis ca nada, á imposibilidade de valerme por min mesma. Bendita sexa a eutanasia!
Neste meme habería que designar oito receptores, pero non é o meu estilo. Se cadra, do que máis me pica a curiosidade é de Kaplan, pero el verá.

Ningún comentario :