10.9.07

A tele

Hoxe veu a tele galega á casa para gravar unha entrevista da que sairán ao ar unhas escenas; o programa é deses nocturnos que poñen a horas prohibitivas, Libro aberto, e o tema vai sobre blogs de escritores. Escolléronme por veterana, pois este blog comezou a andar en febreiro de 2004, pero logo lembrei que o primeiro blog de escritor declarado (eu vou de medio anónima, aínda que as novas corren que voan) foi Cabrafanada, a bitácora de Fran Alonso, da que falei con Cesare cando me iniciaba neste mundo, daquela para min descoñecido.
Remisa como era a ter internet na casa, faime graza (e non é para menos) o enganchada que estou agora ás bitácoras, que leo con fruición e non só as que figuran enlazadas aí á esquerda, senón que de leoeosseus, a pícara de Allegue ou Brétemas (que teñen unhas listaxes ben longas) saltarico de aquí para alí e coñezo novos mundos. Tamén, desde que descubrín o blog de Rafael Reig, introdúzome noutros ámbitos, algúns ben curiosos e interesantes. Un que passava, do amigo Ferran, bibliotecario para máis datos, sérveme para practicar o meu cativo catalán, do que apenas lembro indicacións de cando estudaba filoloxía, aló na aldea sagrada, a miña pequena patria.
A entrevistadora e o cámara foron o colmo da amabilidade e, por riba, ao rematar o encontro, este último informoume de que a súa muller e eu estudamos filoloxía ao mesmo tempo, aínda que eu, madía leva, son maior ca ela, non en van pasei os cinco anos anteriores na facultade de historia. O que son as cousas e que cativo é este mundo.

Ningún comentario :