3.1.11

Primeiros paseos do ano


Aínda que non chego aos sete meses, son case tan grande coma mamá e corro e chouto máis ca ela polo monte. Estes días pola mañá aquí estivo un tempo estupendo e fomos con Peke e B ao monte; encántame ir ao monte porque, entre outras cousas, me deixan ir ceiba, agás cando cruzamos as estradas, e podo corricar, cheirar, osmar e comer piñas como fai mamá acotío. De cando en vez atopamos algún amiguiño, como o de Sarreiras, que é pequeno pero sabe seguirme o xogo de marabilla. O sábado nadei por primeira vez nunha das pozas e foi unha sensación tan agradable que repetín varias veces.
Tamén estivemos uns días en Teucro e puiden xogar con Tobi, a quen non vía desde que eu era moi pequecha, pero a el non lle importou; creo que me recoñeceu polo cheiro. Iso si, non me deixaron entrar no cuarto da mamá de B que seica está moi maliña, pero nun momento puiden coarme e subir enriba dela para darlle ánimos, aínda que creo que ela non se decatou.
Mamá é unha golden moi guapa e din que me parezo a ela, só que eu non son branca, senón negra, e teño o fociño máis estreito, de xeito que cando Peke nos deixa lamber o frasco de salsa de tomate case non pillo nada, porque mamá é moi voraz para as chuches e non podo case respirar. Pero, con todo, mamá é boíña e xoga comigo aínda que non teña moitas ganas: perségueme, ládrame, vénceme nas batallas e ás veces pelexa comigo por algún xoguete. É moi boa mamá. Agora vaise achegando a hora de cear e se hai algo que non perdoo son as comidas; encántame comer.
Por veces Peke preocúpase por se son feliz e pódolle asegurar que son unha cadela moi feliz porque son eu mesma, sempre coa incomparable axuda de mamá.

Ningún comentario :