Amosando publicacións coa etiqueta Riberia b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Riberia b>. Amosar todas as publicacións
15.6.14
Botas
Grazas ao blog Perrunadas, mellor dito, á súa autora, merquei unha botas de trekking ou sendeirismo para ir ao monte. Tras probar de todo e comprobar que o medo a caer ou esvarar non marchaba, aterrei un bo día nunha tenda de deportes e pedín unhas; a moza que me atendeu tróuxome unhas Bestard, das que nunca oíra falar, feitas 100% en España, en concreto en Mallorca, nunha empresa familiar que, madía leva!, non usa man de obra escrava nin menor de idade. Son moi maniática con esas cousas, que lle imos facer!, e non me apetece nada levar algo enriba elaborado por alguén que non cobra o que debe polo seu traballo. Pasear con elas foi unha experiencia estupenda: agárranse de marabilla ao chan, manteñen os pés e nocellos ben amarrados, proporcionan seguridade e paso firme e, de propina, contribúen a que non se note tanto o cansazo. O primeiro día que volvín con elas postas esta Lúa iluminaba o ceo -hai unhas corenta e oito horas- e fun quen de continuar as tarefas sen dar as boqueadas. Sen dúbida, unha compra inmellorable.
27.5.12
Futura colleita
Os entendidos dicíannos que os froitos da primeira colleira non se debían arrincar, que cumpría deixalos caer de seu, aínda que a min non me quedou nada claro o porqué. Seguimos o consello a medias, pois José de Marcos estaba xa moi maliño e quixémoslle regalar unha cesta deles; escollemos os máis fermosos separándoos con coidado das pólas, convencidos de que gorentaban só con miralos. Se esta colleita non se estraga por algún temporal (oxalá que non!), este ano gozaremos de novo dun sabor indescritible, pois non se lles bota ningún tipo de produto.
Cada mañá achégome ao pexegueiro para controlar o proceso e non deixa de marabillarme que dunha floriña saia unha froita tan saborosa.
5.1.12
Todo por un atado
Onte tocou ir ao punto limpo para desfacernos de residuos varios e a tres supermercados para abastecer frigorífico e despensa de produtos necesarios. Polo espello retrovisor vin a B meter algo no coche e pensei: "A ver que lixo recolleu este home do colector". Lanceille un semiberro para advertilo e, coma sempre, B explicoume que aquilo era un desaproveitamento indignante; respirei fondo para calmarme e á fin souben que se trataba dun atado de botes dunha coñecida marca de cacao en po. Mordín a lingua para non poñerme a protestar e arrincamos para o primeiro súper, a cuxa porta está acotío un romanés que pide traballo ou cartos e con quen charlamos de cando en vez. Como non podía ser menos (hai moitos anos que nós non tomamos cacao en po), o atado foi para el.
Tras o xantar, e con toda a calma do mundo, comentei con B as posibilidades que se me ocorreran desde o primeiro momento en que o vin co atado:
- Quen tira un atado de botes dun produto comestible en perfecto estado? Sería cacao en realidade ou outra substancia?
- Se fose esa substancia, que faría o romanés con ela?
- Se a policía se vise metida nunha investigación, como ía tragar que un par de cincuentóns sen problemas económicos remexese no lixo alleo? Como a iamos convencer de que todo fora inocente?
- Se fose cacao mesturado coa substancia en cuestión, que efectos podía producirlles ao romanés e á súa familia? Seriamos acusados, coma pouco, de atentado contra a saúde pública ou (o que sería case peor) de incitar ao consumo de substancias ilegais servíndonos de medios pouco éticos.
Continuei un anaco debullando outras posibilidades mentres degustaba un grolo de viño, até que B, cun sorriso retranqueiro, rematou dicíndome: "Si, claro, pero tamén podía ser o que aparentaba: uns botes de cacao en po".
Con isto volvín ao principio: Quen tira un atado dun produto comestible en perfecto estado?
8.11.11
A profesión
Dona e Melas reciben a T con grandes espaventos de cola e cadrís porque elas, claro, queren saudar a calquera que cruza a cancela da casa ou entra no salón. A min preocúpame que se poñan pesadas e molesten a convidada, pero en canto se lles dan unhas cantas caricias e comproban que sabemos que están aí, axiña se deitan aos nosos pés e só de cando en vez reclaman máis atención. Hai momentos en que cheiran os apuntamentos que T sostén no colo ou meten o fociño no dicionario que manexo, pero, en xeral, compórtanse de xeito educado. T di que son moi boíñas e non quere que as deixe fóra porque lle dá mal corpo pensar que as botou da súa propia casa.
Estamos preparando unha das asignaturas que lle quedan para rematar a carreira, ten moito interese e é rápida para captar as explicacións e eu, ben..., eu volvo sentir o benestar de ensinar algo que sei a unha persoa que non o sabe. Porque de que serve posuír determinados coñecementos se non se poden compartir?
17.6.08
Milagre?
Non quixen tirala cando pareceu esmorecer definitivamente hai catro anos. Por moito que o intentei, non conseguín sacala adiante e quedou murcha nun testo onde se plantaron outras cousas. B viuna un día que andaba de xardineiro na nova casa e pensou que era unha herba calquera, pero eu recoñecina. Regalámoslle o tempo que non nos falta e agradeceuno así, medrando.Na Natureza case todo está latente por un tempo mentres conserva un sopro de vida para, no momento axeitado, brotar con pulo e beleza acumulados. Ela lévame a pensar que non todo está perdido.
26.5.08
Maldito tráfico

O tráfico en Ribeira é cousa do demo, a pesar de que se podería pensar que nun sitio pequeno non debería haber demasiados problemas. Á parte dos horteiras que levan a música a todo trapo para torturar os demais, as dobres filas nunha das rúas principais son un pesadelo cotián, pois por moi principal que sexa non se trata dunha avenida. A estreiteza xeral das vías non impide que calquera aparque un momentiño no lugar máis inoportuno para facer un recado, co conseguinte atranco da fluidez; os peóns atravesan por onde lles peta, malia que nunca vin unha vila con tantos pasos de cebra; como as vellas beirarrúas son diminutas, a xente non ten reparo ningún en invadir a calzada no seu afán de camiñar con máis comodidade; ás horas de entrada e saída dos coles os autobuses detéñense cada pouco para deixar preto das casas os tenros infantes, e cómpre andar con cen ollos para non atropelar os máis ousados que nin miran se poden pasar ou non; non é nada estraño que non se respecten os cedas nin que vellos con muletas ou bastóns se lancen á calzada coma nos antigos tempos; raro é, en xeral, o que mira para os lados antes de cruzar a rúa. Como en todas as partes, hai condutores que cren contar con máis dereitos ca ninguén e teño para min que a maioría dos automóbiles non traen intermitentes de serie. Sospeito que o que vai detrás debe adiviñar o seguinte movemento do de diante.
Ao principio de chegar aquí coidei acharme no salvaxe oeste americano ou nunha selva onde impera a lei do máis forte ou do máis espelido; non vou negar que me estresaba un chisco. Coa práctica funme armando de paciencia e, incluso, de grandes doses de resignación, non precisamente cristiá. Iso si, a pesar de todos os pesares, continúo a ser a raíña das rotondas.
Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)
