22.2.14
Cando María Reimóndez estivo no club de lectura
É María Reimóndez unha escritora inquieta, comprometida e combativa cos temas que lle interesan e iso (que á fin e ao cabo non deixa de ser paixón pura e dura) resulta de agradecer entre tanto leite morno que nos rodea.
Das súas obras non teño moito que dicir máis que hai que lelas e comprobar de seu os matices que encerran. O que me apetece, en realidade, é comentar algunhas sensacións xurdidas no Ateneo. Como non podía ser menos, ten un falar fluído e ameno, ponderado e cargado de razón; as súas mans (si, fíxome moito nas mans das persoas) son delicadas e miúdas, case de nena; chamáronme a atención porque non é unha muller pequena e por uns intres semelloume que non cadraban cun aspecto tan rotundo e definido; igual cá súa voz, fina e suave. Ao escoitala falar, repousada e contundente, coidei que esa é a mellor maneira de expresar cousas importantes, non ese xeito arrebatado e mesmo lercho que temos algunhas. Creo que estivemos todas e os dous homes que acudiron moi a gusto, coma nunha charla de bar (que é o que era). Quedoume a boca doce. Sentinme moi cómoda e interesada. Espero que poidamos repetir. Grazas, María e grazas tamén pola dedicatoria. Un auténtico pracer.
19.1.14
Boa literatura
Pero a novela non sofre demasiado por iso, no sentido de que a escrita de Anxos Sumai é tan poderosa que o atura sen grandes problemas. Realista, lírica, tenra, por veces brutal pero sen perder de vista a humanidade, poboada de personaxes cuxas vidas e sentires atraen e repelen asemade, se cadra porque están cheos de auténtica vida, de vida literaria, que é a que importa nunha obra de ficción.
O día 31 de xaneiro presentarase no Auditorio de Rianxo, ás 8'30 do serán, e eu espero estar alí co meu exemplar.
23.11.13
Vestida de gala
O xoves pasado o club de lectura de Ribeira tivo a honra de compartir a sesión con el e gozar coma nunca do verbo fácil e fluído deste gran escritor. A pesar de que cheguei á reunión co libro sen rematar (aínda me quedan unhas cincuenta páxinas: un nada, se temos en conta que a novela ten máis de setecentas), a medida que avanzaba na lectura a sensación de marabilla ía a máis. A unha estrutura abondo complexa (que non é o que máis adoita gustarme, pero neste caso está máis que xustificada) únese unha historia engaiolante e dura, narrada cunha mestría e delicadeza que non fan máis que confirmar que estamos ante un autor capaz de crear mundos enormes cunha prosa elegante e áxil, afondar na psique dos personaxes sen que nada resulte chiante e sorprendernos coas reviravoltas polas que a historia vai cobregueando sen perder en ningún momento o pulo inicial.
Entre chuches humanas (cacahuetes, millos, tapas de carne con queixo...) e algunha caña, público entregado e curioso, ambiente distendido e agradable, Antón contounos cousas ben interesantes do proceso que durou seis anos e desembocou na conclusión desta novela que ninguén debería perder. Un luxo ao alcance de calquera. Por riba, recibín unha dedicatoria ben agarimosa e, aínda que non son fetichista, volverei ler acotío coa mesma emoción. Grazas, Antón!
12.12.12
A quen non lle gusta rir?
Gustounos a todos o humor desmesurado e retranqueiro da novela, a evolución dos personaxes e a súa caracterización, as situacións case irracionais que se producen e a algúns chocoulles que, a pesar de seren pícaros e delincuentes, un acaba por collerlles simpatía e agarimo. Velaí a habelencia do escritor, apostilei eu.
No mundo hai moitos libros interesantes para ler, demasiados se cadra, o que dificulta abondo a escolla, pero este resultou unha verdadeira delicia, aínda que tamén posúa o seu lado escuro tras tanto riso.
29.9.12
Club de lectura II
Para o vindeiro mes escolleuse La hija de Robert Poste de Stella Gibbons que, malia gozar de boas críticas e numerosas reedicións, tamén provoca rexeitamento, como se pode ver nos comentarios do primeiro enlace deste parágrafo. Porén, a min divertiume e, a pesar de non rir ás gargalladas, unha sombra de sorriso cubriume os beizos durante a súa lectura, e iso que non sei inglés e perdín moitos xogos de palabras e ambigüidades que a tradución non pode reflectir.
Veremos qué nos depara a próxima xuntanza.
2.6.12
Citas
1.12.11
Club de lectura
Aínda que a xuntanza non terá lugar até o quince de decembro, eu traguei o libro nunha tarde e media, libro que non convence a todo o mundo, pero tanto ten. Gustoume como gustan as cousas ben feitas, en aparencia con poucos medios pero que conseguen comunicar e transmitir sensacións. O coidado e o esforzo que o señor Linh emprega ao coidar a súa neta, o medo a que lla rouben, a amizade que establece cun home cuxo idioma descoñece, a súa andaina por un país que non é o seu, a saudade polo que si o era e perdeu... todo contado con sinxeleza e que só cando chegas ao final rebobinas e adquire outra dimensión.9.5.11
Visitando neneces
Jacqueline Kelly estreouse na literatura con La evolución de Calpurnia Tate, a historia dunha nena de once anos á fin do século XIX. A edición é preciosa, de xeito que o libro chama a atención pola súa coidada estética, que lle acae coma anel ao dedo, por certo. Había bastante tempo que non lía unha novela destinada a todas as idades, en especial á adolescencia; imposible non reparar nesta pola cantidade de críticas e reseñas que saíron no seu día, até que ao final caín na tentación. Gustoume, claro, pero fíxoseme curta, algo case impensable nos tempos que corren en que semella que encher páxinas e páxinas de (acotío) reiteracións inútiles e superfluas é o único modo de contar unha historia.27.3.11
Reencontro
Sete palabras de Suso de Toro foi o motivo polo que o autor estivo o xoves pasado no club de lectura, que se reúne no Ateneo Valle Inclán de Ribeira. Había máis xente da habitual e bastante expectación, polo que puiden intuír. Eu tiña curiosidade por velo en persoa despois de tantísimos anos. Sorrímonos, claro, recoñecendo tras as engurras os cativos que fomos un día.
A pesar de estar agripallado e de ter que desprazarse desde Compostela, o escritor falou de xeito moi ameno sobre a súa última novela e coido que non minto se digo que nos fixo pasar a todos un bo serán.
Había moito que non lle lía nada, pois confeso que non é un dos meus escritores favoritos, pero a lectura de Sete palabras resultoume agradable. Increpado por unha segunda persoa o autor vai debullando as pescudas que realiza para dar con novas sobre o seu avó paterno, un expósito criado nun orfanato. Un relato intimista que a min non me parece exactamente unha novela, pero así a cualifican na contraportada e así a considera o propio escritor.
14.3.11
Libros pendentes de lectura
Todo é silencio de Manuel Rivas
El hombre del revés de Fred Vargas
Carmen Laforet. Una mujer en fuga de Anna Caballé e Israel Rolón
El monstruo de Florencia de Douglas Preston con Mario Spezi
La evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly
Reckless. Carne de piedra de Cornelia Funke.
E algúns máis que merquei no seu día, pero polo momento non teño moita gana de ler. Cando remate Falsa inocencia de Anne Perry (que me está gustando bastante; son unha adicta ás series), é probable que me meta con Manuel Rivas ou coa biografía de Laforet. Hai tempo que non leo biografías e xa me vai apetecendo.
5.3.11
Miscelánea
17.1.11
De libros
En certo modo decepcionoume, quizais porque leo novelas de psicópatas con relativa frecuencia e estou afeita ás truculencias literarias; aquí non se amosa nada que poida ferir sensibilidades, só se insinúa, sospeito que pola época en que foi escrito. Non imaxino a ningún novelista do XIX entrando en detalles sórdidos. As descricións son vívidas e mesmo poéticas, o que contrasta poderosamente co que se narra, pero ás veces faise pesado por prolixo.
Claro que non se debe xulgar unha obra do pasado con criterios actuais; tan só se pode intentar meterse na acción e deixarse levar. E aínda que na miña mocidade era moi afeccionada á novela decimonónica, confeso que me custou entrar nesta.
27.5.09
Amores
Gustoume esta novela, gañadora do primeiro Certame de novela curta da cidade centenaria de Ribeira que tivo lugar hai dous anos, pois o concurso é bianual. En cento dezaoito páxinas a autora traza un universo algo abafante no que destaca Gabriel, o protagonista e narrador, que quere con ansia á nena Aldara, filla de Lis, até o punto de casar con esta para salvar a filla do que el ve como maltrato. O pulo narrativo é firme, a historia non decae en ningún momento e a personalidade do protagonista, malia resultar para os demais pusilánime, arrastra a saber máis e mesmo atrae, se cadra porque nalgún momento todos tivemos e temos as nosas indecisións. Ademais, a súa psicoloxía está ben armada, contraditoria na súa medida, pero humana, moi humana. A súa decisión final, non sei por que, non me sorprendeu.
26.5.09
A modo de folletín
Creo que non lle lera antes nada a Caneiro, se cadra porque falar marabillas de si mesmo e poñer a pingar a outros é unha actitude que me desgusta e sen podelo evitar repercute nas miñas simpatías e antipatías. Non sei se repetirei con outra. Quizais si, malia que só sexa por curiosidade.
20.5.09
Agasallo
Chegoume hai un par de días a primeira novela de Mauro Eiroa, Los años del verdugo. As primeiras entregas léraas aquí e gozara delas porque, entre outras cousas, o autor paraba xusto no momento culminante deixando o lector co mel nos beizos e forzándoo a acudir ao seu blog case cada día por ver se actualizara. Pero esas ansias pertencen ao pasado; agora co libro nas mans unha puido permitirse o luxo de lelo de vez deixando que a envolvese o ambiente, o ton perfectamente conseguido a guiase por unha infancia preñada de detalles ben recoñecibles e a prosa fluída e fermosa a conducise paseniñamente da man por un camiño que se chama o pracer da lectura. Pouco máis podo engadir que animarvos a gozar dela como eu a gocei.
16.2.09
A forza das palabras
Escrita cun estilo directo e bastante doado de seguir, non está exenta de lirismo, de frases bonitas e de certa humanización da Morte que incluso por momentos fai que a vexamos coma unha personaxe simpática ou, cando menos, aceptable.
Merqueina a pesar de non estar moi convencida, tras ler algunhas reseñas e ver que se convertía nun dos libros máis vendidos, algo que por principio non me atrae en exceso. Á fin caín e non me arrepinto, a verdade, pero tampouco me felicito; é unha obra totalmente prescincible que fai fincapé na forza das palabras, aínda que a medida que se vai lendo unha non acaba de atopar ese toque máxico que, en efecto, nos leva a pensar que as palabras teñen unha forza irresistible. Quizais o escritor non conseguiu o que se propoñía.