1.1.14

Perrografías

Amparo Garrido é fotógrafa e tíñalle medo aos cans, coma min. Conseguiu vencelo psicanalizándose e descubrindo que provocaba ese pánico. Eu non acudín a esa panacea que seica din produce marabillas, quizais porque non me fixo falta ou porque son demasiado teimuda como para non intentar por min mesma atopar a orixe dos meus medos, probablemente porque me era máis doado ca a ela dar co dispositivo que se poñía en marcha cando vía un can.
Coñecina a través de FB e gustoume o seu proxecto; Dona e Melas xa estaban connosco e creo que foi por iso que o seu libro me atraía tanto: retratos de cans en primeiro plano que amosan toda a súa caninidade e a súa beleza e que lle axudaron a vencer definitivamente a súa fobia. Hai un par de días chegoume o seu libro, cunha sentida e fermosísima dedicatoria (para Peke, con todo el cariño del mundo, y también para Dona y Melas, quienes con su ternura, transformaron el miedo en amor. Amparo Garrido), que me fixo máis valioso o exemplar. E aí está, sobre a saba, a superficie máis cómoda que atopei. Encántanme as fotos, o resultado final e as palabras de Amparo; un precioso autoagasallo de Nadal.

3 comentarios :

Unknown dixo...

É un proxecto precioso! Eu tamén tíñalles medo, de pequena perseguiume un e dábanme pánico, por eso decidín adoptar ó primeiro, Tuck, e xa nunca mais sentín medo :)

mariajesusparadela dixo...

Non sei se sabes que eu tamén tiña medo (pánico) dos cans.
Alguén me regalou ó Ten, o meu primeiro pastor alemán...logo veu a Seño e a súa camada que nos fixo chegar a Paradela...débolle a felicidade e todos os meus descubrimentos sobre as miñas posibilidades e capacidades ós cans...

Paz Zeltia dixo...

Eu téñolle o medo "normal" aos cans. Se paso por unha finca que teñen un can fero que bota escuma cos ladridos estarrecedores mentres me fica con odio, claro que me alegra que haxa un valado entre eu e el ;-)
pero os cans que non están educados para atacar, as mascotas que conviven "humanizadas", non me dan medo ningún, e iso que de meniña cando empecei a ir á escola, unha cadela da veciña sempre rompía a correa e perseguíame regañando os dentes e ladrando ata o mesmo pupitre! :)

paréceme moi valiente a xente capaz de enfrontar as súas fobias.