Tiña gana de coñecela e agardaba con impaciencia o día 20 de febreiro, despois de acordar outro e trasacordar; porque cando unha ten un traballo coma o seu e unha actividade tan intensa noutros aspectos non é doado concordar datas. No club de lectura lemos, primeiro, Feminismos e, dous meses despois, En vías de extinción. Ignoro se os demais membros do club coincidían na miña ansia, pero sei que a todos lles gusta compartir as xuntanzas co autor, algo ao que eu tamén lle vou collendo gusto.
É María Reimóndez unha escritora inquieta, comprometida e combativa cos temas que lle interesan e iso (que á fin e ao cabo non deixa de ser paixón pura e dura) resulta de agradecer entre tanto leite morno que nos rodea.
Das súas obras non teño moito que dicir máis que hai que lelas e comprobar de seu os matices que encerran. O que me apetece, en realidade, é comentar algunhas sensacións xurdidas no Ateneo. Como non podía ser menos, ten un falar fluído e ameno, ponderado e cargado de razón; as súas mans (si, fíxome moito nas mans das persoas) son delicadas e miúdas, case de nena; chamáronme a atención porque non é unha muller pequena e por uns intres semelloume que non cadraban cun aspecto tan rotundo e definido; igual cá súa voz, fina e suave. Ao escoitala falar, repousada e contundente, coidei que esa é a mellor maneira de expresar cousas importantes, non ese xeito arrebatado e mesmo lercho que temos algunhas. Creo que estivemos todas e os dous homes que acudiron moi a gusto, coma nunha charla de bar (que é o que era). Quedoume a boca doce. Sentinme moi cómoda e interesada. Espero que poidamos repetir. Grazas, María e grazas tamén pola dedicatoria. Un auténtico pracer.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
2 comentarios :
Una charla de bar, agradécese. Cando leva engadido tanta bo facer, mel en filloas...(jejeje)
Unha veciña de perto de Ribeira, amiga miña, hai uns anos quedou igual de gratamente sorprendida coa súa visita ao club de lectura que ela frecuentaba por entonces.
Debe ser unha muller con moito carisma.
Publicar un comentario