9.11.14

Achado

Aínda que non rematei A memoria da choiva de Pedro Feijoo -e non se debe cantar vitoria antes de tempo- durante os días que levo coa súa lectura vou de pasmo en pasmo. Pasmo, si, a pesar de que poida semellar unha esaxeración. Ignoro que me deparará o que me queda por ler (menos da metade da novela), pero o camiño percorrido a través das súas páxinas foi enchéndome liña a liña desa ledicia exultante que xorde e vai medrando cando se descobre un autor de calidade, de gran calidade.
Baixo a aparencia de novela negra (con todas as dificultades do xénero), o eixo principal arredor do que xira a trama é unha serie de poemas de Rosalía que van recibindo algúns personaxes para logo apareceren mortos de xeito brutal. Abráiame o tino do novelista á hora de escoller os poemas (confeso que eu non son ningunha autoridade na obra rosaliana, máis ben ao contrario), a relación que establece co personaxe correspondente e a súa morte, o ben levada que está a acción e o traballo de documentación previa que tivo que existir.
O mellor de todo -polo momento- é a nova visión que ofrece da obra dunha autora alcumada a "Santiña", alcume que, ao meu entender, tanto mal lle fixo. A verdade é que estou encantada coa lectura desta obra. Dubido moito que me defraude o que me queda.

3 comentarios :

paideleo dixo...

Pois haberá que tomar nota desta novela anque a novela negra non me chiste muito.

Paz Zeltia dixo...

resulta chamativo o tema dos poemas de rosalía relacionados coas mortas.
parece que a boa literatura combina ben cunha trama que manteña en vilo.

Raposo dixo...

Fixeches que me entrara a curiosidade. Haberá que lelo.