19.11.08

Nove meses


Así de digna e hierática se pon a nosa cadela cando está no colo de B. Nada que ver coas súas actitudes cando anda pola horta ou cando ve xente. A todo o mundo ten que saudar, a todos parece que lles debe un euro, a todos lles menea o rabo coma se fosen vellos amigos cos que hai tempo que non xoga. Na praia e no monte pásao de medo, na cidade circula en plan aspiradora osmándoo todo; aínda non comprende por completo o concepto "amodo", polo que tira da correa coma se non lle chegase o tempo. Pesa máis de vinte e sete quilos e desde que estivo maliña por beber auga con deterxente dun cubo, recuperou máis apetito do que antes tiña e xa sabe pedir comida a base de deambular ao meu redor e lamberme o pantalón. De feito, lambernos é unha das súas ocupacións favoritas.

14.11.08

Repetíndome


Si, repítome, pero non me puiden resistir a esta nova entrega, moito mellor cá de abaixo, na que Sam Vimes e a súa aristocrática muller Lady Sybil representan a Ankh-Morpork no reino sen leis de Uberwald, onde vampiros, lobishomes e ananos conviven a, digamos, respectuosa distancia.
As novelas de Terry Pratchett seguen sempre un esquema semellante; non hai capítulos e altérnanse o que en aparencia son historias distintas que van confluíndo ao final coma as pezas dun crebacabezas que encaixan á perfección.
O embaixador e duque consorte, máis afeito a batallar con delincuentes ca con malabarismos diplomáticos, vese metido nunha lea onde non faltan un sanguinario e psicópata lobishome, un traidor ao futuro rei, unha nai consentidora e tantos outros personaxes que adquiren vida entre os dedos de Pratchett acugulados de imaxinación e de frases memorables. Realmente excelente.

11.11.08

Unha de bruxas

Unha máis das novelas de Mundodisco do prolífico Terry Pratchett, quen a pesar da enfermidade da memoria que padece, continúa entreténdonos e facéndonos sorrir coas súas disparatadas aventuras. En Carpe Jugulum entran en escena os vampiros, convidados polo rei á cerimonia de poñerlle nome á súa filla. Mediante a súa forza mental convencen a case todos de que beber sangue non é tan malo, agás a Agnes, e sobre todo a Perdita, e a Yaya Ceravieja.

Quizais non é unha das mellores novelas da serie, pero consegue o que pretende: meternos no seu mundo, divertirnos e de fondo facernos pensar. Porque non todo é puro entretemento, senón que hai máis.

3.11.08

Praceres cotiáns

Noemí mándame un meme que fago con pracer. Trátase de compartir seis praceres cotiáns, deses que parecen non ter moita importancia pero que fan a vida máis agradable. Velaquí van:
1.- Escoitar o espertador e acubillarse na cama con preguiza porque sabes que aínda contas con media hora máis antes de encarar o mundo.
2.- Os bicos de B cando se ergue da cama e eu quedo lacazaneando un chisco.
3.- O zume de froitas do almorzo.
4.- O efusivo saúdo de Dona polas mañás.
5.- O viño despois do xantar e da cea.
6.- Ler no sofá ou na cama unha novela apaixonante.

A orde corresponde á do transcorrer do día, non á intensidade do pracer.
Contra o meu costume, gustaríame coñecer os praceres cotiáns de X, Cesare, Dorvisou, Meiga en Alaska, Martin Pawley e Vendell, se lles prace.

1.11.08

Papá Noel

Xa teño falado do home de Maryland, unha especie de Papá Noel que chega cando lle cadra cheo de agasallos. Onte levounos a Aghiño, a unha das paraxes máis fermosas que teño visto en moito tempo; camiñamos polo paseo, cruzamos a ponte e vimos cunchas de todo tipo e forma, aínda que non demos coas famosas margaridas, que recollen a irmá e o cuñado, unha cunchiñas pechadas sobre si mesmas que semellan doces de nata.
O home de Maryland é un esteta, marabíllano as delicias da Natureza e as que proveñen da man do home; libreiro impenitente, visitador incansable de librerías de segunda man, incluso acode aos saldos que as bibliotecas públicas fan de obras que ninguén le. Así, tróuxome un exemplar dunha famosa obra dun famoso autor galego, traducida ao inglés, que a biblioteca vendeu porque ningún usuario se animara a sacala dos andeis. Eu lera a novela en versión orixinal que traía un lapis plano, hai anos, nunhas circunstancias penosas para min, e gustárame, deixárame levar pola maxia das palabras e conseguira calmar un chisco o desacougo que me enchía naquel terrible verán. Mágoa que os estadounidenses desa zona non se sentisen atraídos polo título dun, para eles, descoñecido autor galego.
Hoxe coincidimos con el cando estabamos con X e o seu B no local de Webmaster, mellor dito na súa terraza, pois non é cívico que os cans entren nos sitios públicos. A conversa foi máis que agradable e marchamos de alí a unhas horas prohibitivas para xantar (menos mal que as noites dan para preparar cousas saborosas para o día seguinte).
O home de Maryland é, sen dúbida, un gran tipo. Tamén con X terei o gustazo de seguir conversando.

24.10.08

Unha boa combinación

Nestes dous enlaces pódense ler tanto o argumento coma un comentario interesante deste libro que rematei hai pouco. Tivo moi boas críticas e está sendo un fenómeno mundial. Confeso que cando unha obra é moi gabada sinto un pouco de prevención, pois adoita acontecer que non poucas veces me decepciona. Non é este o caso.

Novela negra de calidade que se sae do normal; os protagonistas resultan interesantes e a historia de fondo intriga e engancha a partes iguais.

O autor morreu antes de ver publicada a súa obra e os seus herdeiros son o seu pai e o seu irmán, a pesar de que levaba vivindo trinta anos cunha muller. Non é curioso nunha sociedade coma a sueca, modelo de todo o que coidamos avances sociais? A min chamoume a atención unha barbaridade. Se até aquí, neste país, se recoñecen os dereitos de herdanza nas parellas de feito.

Porén, neste país ocorren cousas tan rechamantes como a seguinte: solicítase un documento a nome de Peke, sen citar a B en ningún momento. A sorpresa é que envían o tal documento a nome de B sen citar a Peke. Por que? Non é normal que Peke se cabree e lembre todas as veces que nesta vida lle aconteceu o mesmo (e van unhas cantas)? Cando neste país se respectará as Pekes coma seres independentes dos B? Vereino algún día? Empezo a dubidalo.

21.10.08

Avaría masiva

Por fin, despois de non entender que lle pasaba ao router, facerme cun novo, ver que tampouco funcionaba e desconectada do mundo, chamei a avarías de telefónica onde un amable operador, tras algúns intentos de arranxar a desfeita, me comunicou que se trataba dunha avaría masiva, que non era eu a única que tiña problemas e que o informaban que xa estaban intentando arranxala. Parece que se esmeraron, pero non me fío moito. Así que, meus amigos, estou de volta (polo momento).

10.10.08

Meme da millonaria excéntrica



Paideleo encárgame que poña cinco desexos excéntricos que cumpriría de ter euros abondos, é dicir, sen taxa. Non creo que sexan moi excéntricos, pero son desexos que non se poderán cumprir máis ca en soños. Así que aí van.

1.- Fundar unha editorial onde se publicarían novela negra e fantástica de calidade de todos os tempos.

2.- Abrir unha enorme librería-cafetería na que calquera podería mirar e remexer con calma ao tempo que toma un café, unha infusión ou unha copa. Os dependentes serían persoas coñecedoras do que venden.

3.- Contar cun chofer que me levase onde eu quixese, que mantivese a tranquilidade e o sangue frío en todo momento e se caracterizase pola súa seguridade ao volante.

4.- Suprimir dun saque a estupidez esa do politicamente correcto e chamar ás cousas polo seu nome: ao pan, pan e ao viño, viño.

5.- Posuír unha clínica cos mellores adiantos e os médicos máis cualificados de todas as especialidades na que os pacientes non pagarían nada, nin sequera os medicamentos.

Non lle encargo o meme a ninguén máis ca a aquel que o queira facer.

Na foto está Dona durmindo sobre a miña coxa nun momento de placidez.

3.10.08

Presentación


Había tempo que non ía á presentación dun libro, pero onte non me puiden resistir a pesar de que non tiña o pracer de coñecer o autor, Herminio Barreiro, pero o título do libro, Recordar doe, pareceume moi suxestivo, aínda que non estea de acordo con el ao cento por cento. Coma adoito, o Ateneo Valle Inclán estaba cheo e alí acudiron bastantes antigos alumnos deste profesor e... algo máis.
Non poño en dúbida que as súas clases debían de ser amenas, interesantes e ilustrativas, pois a súa maneira de falar resulta engaiolante. Coma sempre, púxenme na primeira fila para oír ben e creo que non perdín ningunha das súas palabras.
En xeral gústanme os libros de memorias e as biografías, se cadra por curiosidade cara ás vidas e experiencias alleas, se cadra por un afán de descubrir outras maneiras de pensar e sentir. Espero gozar con este.

29.9.08

Decepción


Xa dixen nunha ocasión que Guelbenzu como crítico me gusta moito por argumentar moi ben, non cebarse nunca co libro que comenta e escribir cunha prosa elegante e coidada. De aí pasei a lerlle as novelas protagonizadas pola xuíza Mariana de Marco que, confeso, case sempre me deixaron un chisco insatisfeita a pesar de que me resistía a aceptar esa sensación.
Un asesinato piadoso é a cuarta entrega da serie e, agora si, acepto a decepción por inevitable. Ou eu son moi espelida ou o escritor non soubo levar ben a trama até chegar á suposta sorpresa final, pois case desde o principio me cheirei de que se trataba. Non vou destripar a novela por se alguén sente curiosidade, pero aínda que non está mal escrita ten erros de linguaxe que me parecen fóra de lugar; se cadra os correctores non andaron moi finos á hora de facer o seu labor. Algúns personaxes resultan tan planos que unha queda coa impresión de que en realidade non pasaron de monicreques; as alternancias entre os pensamentos de Mariana e a acción por veces soan forzadas, o que lle resta unidade ao conxunto. A mesma Mariana desconcerta por amosar un gusto particular polos chulos e arrogantes, detalle do que non me decatara até agora. Nalgúns momentos resulta repetitiva ao volver sobre un tema xa tratado que non necesitaba recordarse.
En fin, que lle imos facer.

22.9.08

Outono

Que diferenza co verán camiñar agora por Coroso! Non hai ninguén na praia agás algún solitario que, coma nós, vaia pasear o can ou as ideas. Caemos á hora do recreo dos dous institutos que teñen a vantaxe ou a desgraza de estar situados nese enclave privilexiado, sobre todo para que o alumnado falte á clase.
O trebón de onte modificou por completo o aspecto da cunca do río (mágoa de cámara) que amosaba unha aparencia case lunar. O que eu chamo marisma, á esquerda do paseo de madeira, aparecía enchoupada e resultaba un tanto atrevido lanzarse por ela; sospeito que no inverno debe ser un verdadeiro lamazal onde será imposible poñer un pé sen perigo de quedar afundido até os xeonllos. Dona corricou coma unha toliña, meteuse na auga até o peito (polo momento só nadou un día unhas cantas brazadas, pero vai perdendo o medo pouco e pouco) e sacudiu a auga da pelaxe, como non!, á nosa beira.
Logo, cansos, mercamos o pan e fixemos o xantar, porque B empezaba as clases pola tarde.
Un novo curso deu comezo, un novo horario e novos costumes.
Por certo, Un asesinato piadoso non me está enganchando demasiado. Síntoo por Guelbenzu.

17.9.08

Meme lector

Con algún atraso respondo o meme ao que me retou Kaplan, pillado na de Noe. Non sei se serei moi veraz, porque non lembro se todos os lin no verán ou algún se remonta á primavera, pero nunca tiven moita afección a levar a conta do que leo nin cando. Adoito tirar para adiante sen pararme moito en calcular tempos, por algo son unha privilexiada nese sentido. En fin, que aí vai:
Pánico de Jeff Abbott. Nada do outro mundo.
El bosque de Harlan Coben. Correcto e incluso notable coma todo o del.
Ciudad de huesos de Michael Connelly. Bo, mesmo por veces brillante coma case sempre.
El libro de los muertos de Patricia Cornwell. O título coincide con outro libro de Douglas Preston e Lincoln Child. Empézame a cansar porque a sigo desde o principio. Está entrando en camiños que non me satisfan.
Un nicho para Marilyn de Miguel Anxo Fernández. Relectura motivada polo seguinte libro da lista. Este é mellor, bastante mellor.
Tres disparos e dous friames de Miguel Anxo Fernández. Terceira entrega de Frank Soutelo. En fin. Mellorable, cousa que non diría do primeiro.
Venganza de Brian Freeman. Non me deixou pegada ningunha, pero ningunha, ningunha. Terei que volvelo ler ou intentalo.
Silencio en Hannover Close de Anne Perry. Relectura involuntaria dun libro que merquei pero que xa tiña. Intrigante e humano ambientado na época vitoriana. Sígoa desde sempre, aínda que ás veces canse.
Incendios en Highcate Rise de Anne Perry. Relectura motivada polo anterior. Descrición de ambientes impecable, como adoita. Trama ben enfiada, absorbente, coma sempre.
El ángel rojo de Franck Thilliez. Do máis forte que teño lido en novela negra. Lese moi ben, aínda que ás veces dean ganas de trousar.
Luna helada de Jan Costin Wagner. Descubrimento. Boa aínda que de ambiente opresivo.
Estou con Un asesinato piadoso de J.M.Guelbenzu, pero apenas comezo. Cheguei a ese señor polas súas críticas literarias elegantes, xustas e delicadas. A xuíz Mariana de Marco cada vez me cae mellor.

9.9.08

Breve

De todos é sabido que cando hai unha tormenta deben deixarse desconectados os ordenadores. Eu sabíao. Avisáronme na tenda onde merquei este.
De todos é sabido que cómpre facer copias de seguridade de todo o que interese para non levar un desgusto se hai unha tormenta. Eu sabíao, pero non sempre fai un o que sabe.
A placa base do meu ordenador morreu por unha tormenta. E non, non tiña copia de seguridade de todo o que me interesaba. Por suposto, perdino todo, incluso as fotos de Dona.
Como moi ben di B, non hai que compunxirse polos imponderables que trae a vida, senón rectificar.

27.8.08

Cativeces



Este brazo é meu, si; está así de xogar con Dona e a súa boca; mellor dito, de xogar a boca de Dona con el. Por iso cando me din que un can é un xoguete boto as mans á cabeza ante tal irresponsabilidade e inconsciencia, sobre todo se hai un cativo polo medio. Pero, claro, ten que haber de todo. Farta de que se me faga negrón sobre negrón, empecei a aplicarlle un remedio que nunca usara e que aínda non sei como me vai porque hai apenas unhas horas que o botei. Espero que funcione, abofé, porque me doe o seu.

22.8.08

Encontros

Viñeron desde Ares os criadores de Dona con Kiss, un dos dous golden que viven con eles. Non creo que Dona os recoñecese pero amosou tanta ledicia coma se chegasen vellos parentes; pasamos un par de horas moi agradables mentres os cans corricaban na horta e Kiss mexaba por todo canto recanto o fixera antes Dona. Os machos, seica, son así. O pobre maréase no coche e non amosaba o seu mellor aspecto, pero axiña atopou un cacho de óso e abstraeuse en roelo despois de percorrer o terreo e facerse -case- o dono do lugar.
E onte tivo lugar un estupendo encontro con X na terraza do Plaza, onde me relaxaba despois de fisioterapia e agardaba por B e Dona. Estivemos falando dúas horas longas como se fala cos vellos amigos, aínda que a tranquilidade viuse algo alterada polo balbordo xeral e a excitación da cadela, empeñada en subir á mesa malia saber de sobra que o ten prohibido. Foi un deses praceres inesperados que trae o verán.

14.8.08

Novidades

Por fin coñecín a Xiana, a pequecha filla de Descalza e Paleofreak, seis meses de sorrisos, ollos máis azuis có mar e unha dermatite que lle ten a pel toda aquelada. Coas súas manciñas collía o dedo que lle achegabas e respondía aos bicos que B lle mandaba polo aire rindo coa súa boca desdenteda. O papá era todo tenrura e no seu colo parecía máis pequena do que é, papou o biberón case sen respirar e logo quedou durmida no seu carriño. Foi unha experiencia ben bonita.
Tamén recibimos a visita de Chicho, o dono do Moucho, cervexaría onde pasei momentos inesquecibles alá en Auria charlando con el e co seu antigo socio, o mítico Toño. A vida cambioulle moito, pero segue sendo o tipo sensato, discreto e maduro que lembro, quizais máis crecido e máis maduro, non en van o tempo vai aprendendo cousas a calquera que estea disposto a aprender.
As nosas visitas familiares amosáronme que a vellez é unha fase da vida que ás veces dá arrepíos, pero que hai que levar con dignidade cando se pode. Incluso o Rex, todo pel e ósos, me impresionou; convertido nun venerable ancián, non deixou de marcarlle o territorio a Dona, que ao seu lado mesmo parecía gordiña. Axiña aplacou as súas manifestacións de cachorra tola que todo o pode en canto el lle dixo mira, nena, esta é a miña casa; ollo co que fas.
Por fortuna non estamos tendo un mes de agosto en exceso caloroso, aínda que os cambios de tempo e as néboas non lle sentan demasiado ben aos meus músculos doentes. Continúan a gustarme eses días grises que os turistas odian para ir á praia a corricar con B e Dona. Porque agora, meus, somos tres.

24.7.08

Calor e descanso


Parece boíña, toda sucia despois de cavar un dos numerosos buratos que adornan a horta, pero está pasando unha fase crítica, pois bota a boca ás mangas e aos brazos (debo de ser de negrón doado porque teño os antebrazos cheíños deles). A calor excítaa, cánsaa, altéraa e non comprende que pasa coas moscas que se empeñan en pousarse no seu corpo.
Hoxe tiven fisoterapia relaxante e todas as contracturas volveron ao batallar con ela, porque B está doente na cama e non me puido axudar. Por fortuna, levamos dous días de frescor, con chuvia incluída, pero xa ten a súa caseta case rematada; só queda poñer a tea asfáltica no tellado e pintar co verniz o resto da madeira. Ignoro que fai polas noites; sospeito que entra e sae da casa sen que ninguén a controle. Soño moito con ela, supoño que porque enche os meus días de ledicia e preocupacións, como non podía ser menos dado o meu xorne de seu preocupado.
Encántame o lugar onde vivo porque ten todo o que desexaba: espacios abertos, mar, monte e núcleo urbano a un tiro de pedra, incluso veciños acolledores pero respectuosos. Dona ten moito que aprender, e nós con ela.

16.7.08

Vivindo


Comentábame Webmaster esta mañá que apenas escribía e é certo; os días pásanme a velocidade de vertixe e case non me dou conta de que estou noutro novo cando xa chegou un diferente. Visito moi pouco o ordenador, saio ao exterior bastante máis ca antes e fago recados acompañada de Dona e B (teño varias fotos estupendas dos dous, pero non podo poñelas por expresa prohibición do segundo). Facemos excursións polos arredores, paseamos a vila para aprenderlle a circular (con moi lento éxito, todo hai que dicilo), xantamos ou ceamos de cando en vez nalgunha terraza das que abundan nesta época do ano, leo algún libro sen demasiado interese, recibo chamadas do home de Maryland que non nos esquece e incluso nos envía algún agasallo (un fermoso dicionario de palabras dunha soa letra; mágoa que mo teñan que traducir) e, en fin, vemos pasar a vida moi devagar, a ritmo pousón, entre visitas ao xulgado (a ladroa vai pagando en cómodos prazos o que nos roubou), mañás de compra de comestibles, tratos con algúns encargados de obras que precisamos e charlas co veciño que, outra vez, está só.
O verán, malia que para min signifique calor e incomodidade con certa frecuencia, trae días con máis horas de luz e sorpresas coma a doutro día en que entrei en contacto con Meiga en Alaska, aínda que tiña tanta présa que me esquecín por completo de darlle o meu número de móbil, incluso de dicirlle o meu verdadeiro nome. En fin, un desastriño. Espero volver coincidir con ela.

8.7.08

Lectura

A primeira da serie (Un nicho para Marilyn) non me desgustou, a segunda (Luar no inferno) xa non me chistou tanto, a terceira (Tres disparos e dous friames) tampouco me pareceu gran cousa, aínda que a lin enteira. Hai como un desaxuste entre as partes, pois nun momento dado o detective Frank Soutelo pasa a contar o acontecido saltando pasos, lembrando o que aconteceu e deixando o lector coma se o estafasen, pois el sabe todo e queda moi claro a media novela, xa que el move os fíos e é moi consciente diso.
Trátase de entreter e nada máis e eu respecto moito o entretemento puro e simple, pero na novela negra pido algo máis que esta non achega. Quizais puxen demasiadas expectativas na serie, quizais agardaba sorpresas menos previsibles ou quizais me abraian certas solucións máis traballadas para leas nas que se mete o protagonista. Porque parece, si, que Frank é unha especie de mago que saca coellos da chisteira cando un menos o espera e a realidade convértese nunha especie de xogo con que calquera pode xogar facendo trampa. E iso que me aleda que o prota saia ben librado, pero cun pouco máis de seriedade, por favor.

1.7.08

Oasis

Foi unha auténtica mágoa non poder ver a Descalza o domingo, pero estabamos convidados a xantar nun dos recantos máis lindos do planeta. As cañas en Corrubedo estiveron ben, aínda que nada que ver co lugar ao que os nosos hóspedes nos levaron. Tras un paseo en coche polo que semellaba un páramo, chegamos á propiedade destes amigos, un verdadeiro oasis no medio dun deserto no que apenas medra nada, pois está moi batido polo mar aberto. Eu, que teño tendencia a perder a concentración ao cabo de pouco tempo de estar con xente, mantívenme alerta durante case toda a tarde mentres degustaba os manxares elaborados pola anfitrioa, espléndida cociñeira e experta xardineira. Baixo un dosel de plantas xantamos mentres o sol devalaba amodiño e a conversa esvaraba plácida e gorentosa; as cadelas pedían comida e facían furados ao tempo que os humanos aprendían a arte de vivir. Comín en exceso, como non podía ser menos, pero volvín á casa a tempo de ver o partido no que España marcou o gol da vitoria. Unha marabilla que me gustaría repetir.