29.1.10

Ás voltas coa tensión

Continúo coas novelas de Patricia Highsmith e houbo dúas que me impactaron moitísimo: El diario de Edith e Ese dulce mal, quizais máis a segunda ou quizais doutra maneira. Á parte da tensión en si, que é bastante pero soportable, son novelas nas que se ve o desvarío do protagonista e, na segunda sobre todo, a imposibilidade ou a incapacidade de aceptar un non por resposta. É ese un asunto que desde sempre me rebentou, a teimosía de alguén en crer que a súa visión é a correcta e o outro está errado a pesar de si mesmo; a teimosía tamén de estar convencido de saber que é o máis oportuno e conveniente para outro, querer que te queiran aínda que veas de xeito claro e diáfano que non hai nada que facer. Estiven a piques de deixala, pero por fortuna non o fixen.
En El diario de Edith, porén, impresionoume que unha actividade en principio inocua como é escribir un diario con invencións para evitar, se cadra, deixarse amargar polas frustracións da vida, desemboque nunha especie de tolemia que os demais acaban por percibir, por moi en segredo que un pretenda levala. Caeume ben Edith e por iso amoloume que a súa vida rematase dun xeito tan parvo.

19.1.10

Tensión, si, pero menos

Hai máis de vinte anos merquei no Círculo de Lectores unha serie de novelas de Patricia Highsmith; non as lin no seu momento porque alguén me comentou que eran de moita tensión e eu daquela era o que menos necesitaba. Covardía, supoño, ou sinxelamente desexo de non alterarme de xeito inútil.
Agora, con vinte e pico anos máis, decidinme a rescatalas dos andeis e xa pasaron polos meus ollos A pleno sol (El talento de Ripley), Crímenes imaginarios, El hechizo de Elsie e La celda de cristal. Onte comecei La máscara de Ripley.
Supoño que daquela o meu temperamento nervioso e impresionable en exceso coidaría estas novelas bastante terribles, se cadra pola falta de moral dalgúns dos protagonistas, porque o culpable sae ben librado case sempre ou incluso porque esperta a nosa simpatía; pero non percibo esa tensión tan enorme que me dixeran nin me quitan o sono nin me sinto particularmente alterada. Como ben dixo a escritora, son libros para entreter o lector, non para facer moral; non hai preocupación polo feito criminal pero si se esmiúza a acción dun xeito alleo a calquera formulación ética.
Creo que seguirei coa serie até rematala. Dá gusto ter libros novos que son vellos.

8.1.10

Frío

Os meus vellos xerseis, grosos, moi grosos, apenas chegan para protexerme dun frío que me lembra a Auria, aínda que sospeito que alí é moito peor. Dona parece non notalo; vai pola beira do mar tan campante, coma se o vento xeado non fose con ela, mesmo se mete no mar buscando calquera trebello que se axite para xogar con el, mentres nós (cando menos eu) nos encollemos e apertamos o paso para chegar canto antes á casa.
Estas estrañas vacacións pasaron nun sopro e dentro de nada volveremos á rutina do curso, cunhas semanas que transcorren voando, as anécdotas que se suceden no instituto de B e os paseos habituais.
Por fin acabei o alfabeto do crime de Sue Grafton e o bo de ler todos os libros seguidos é comprobar a variedade de argumentos e de temas, ademais de ir vendo como evoluciona a protagonista e demais personaxes. Unha remata convencida de que esta autora sabe o que leva entre mans.

20.12.09

Cativeces



Aquí está unha das causas de que non actualice máis, Dona, que xa ten vinte e dous meses, pesa trinta e un quilos e é a cadela máis mecosa que vin na miña vida. Claro que tampouco vin moitas tan de preto, pois é a primeira coa que me relaciono día tras día. Desde que está connosco adelgacei once quilos, paseo moito máis e miro con maior simpatía os outros cans. Tamén establecín relacións con moita xente dona de mascotas coas que nunca falaría se non fose por Dona. É incrible o doado que resulta charlar con descoñecidos cando levas un can ao lado.

Onde mellor o pasamos é na praia de Coroso, onde hai mar, area, algas, herba e un longo paseo, ademais dunha especie de marisma onde a cadela se pon a correr coma unha tola, xoga con outros cans e osma e envórcase en todo o que lle apetece. Dá gusto vela gozar de tal maneira, vela tan viva.

Felices festas a todos e un moi feliz 2010. :)

28.11.09

Relecturas

A amiga Noe falou hai uns posts de G de guardaespaldas que acababa de saír en peto e déronme ganas de poñerme a reler todo o alfabeto do crime. Vou por H de homicidio e non podo menos de renovar a miña admiración por Sue Grafton, non só pola súa imaxinación, senón tamén pola axilidade da súa escritura, a súa habelencia para atar cabos e a aparente facilidade para deixar caer de cando en vez imaxes do máis evocador.
Kinsey, ademais, resulta un personaxe atractivo cun pasado abondo complicado que a enriqueceu como persoa e en certo modo a fixo dura pero non conseguiu restarlle esa tenrura que aflora cando ten que aflorar. Xa asistín a varias persecucións, algúns intentos de asasinato, un par ou algo máis de escenas de sexo, outro par de hospitalizacións, unha fuga dunha delas e moitas carreiras pola beira do mar.
O mellor de todo é que non teño a sensación de que se repita, cousa que non deixa de marabillarme.

10.11.09

Sesenta anos



Son os que obsesionan a Wallander a pesar de estar encantado coa súa neta. Aínda que non o rematei, levo a lectura bastante avanzada e chámame a atención o preocupado que se manifesta o inspector pola vellez, se cadra porque a min me pasa algo semellante. Cando vexo a miña nai acabada de operar por quinta vez, cargadiña de achaques, ou a miña sogra que desbarra máis cada día que pasa, non podo evitar sentir un intenso calafrío que me sacode por dentro. Sospeito que non son a única en temer unha vellez dependente, pero non hai que pensar moito nesas cousas porque non se debe vivir con medo á vida. O que teña que ser será. Ou non?

27.10.09

Mulleres



A estas alturas Maitena non necesita presentación, supoño, claro. Acabo de reler este libro e aínda que non me identifico ao cento por cento con estas mulleres, hai cousas nas que si coincidimos plenamente. Resultan un pouco estarrecedoras a penetración psicolóxica da autora, a agudeza en plasmar unha idea e a capacidade de facerte reflexionar, acompañado todo iso dun semisorriso que ás veces se che queda conxelado, porque á fin de contas acabas de descubrirte pensando coma unha desas alteradas.

Gústanme estas mulleres de catro dedos, realistas e ilusas, desenganadas e esperanzadas que nunca acaban de aprender. Algunhas provócanme tenrura, a outras dáballes de labazadas por complicar a vida inutilmente, con moitas, en fin, non me identifico en absoluto.

Tamén os homes quedan reflectidos, quizais con moitos tópicos nos que eu me nego a crer, pero que a vida me está demostrando que teñen máis razón da que eu querería. Porque sempre me desgustou que o mundo se dividise en homes e mulleres e non en boas ou malas persoas. Que se lle vai facer; tamén eu teño algo de ilusa.

17.10.09

Outono

Está aquí o home de Maryland; chegou, coma sempre, cargado de agasallos e sorrisos e semella que trouxo consigo o bo tempo, tan bo que nos fai esquecer que temos enriba o traidor outono, a estación que máis me gusta. Claro que o comezo dunha catarreira encárgase con éxito de lembramo.
Onte coincidimos con Maru, a da fermosa voz, na terraza do Plaza e o home de Maryland evocou o concerto onde a coñecera. Entre unhas cousas e outras soubemos que B nunca escoitara Alfonsina y el mar, esa canción que tantas sensacións provocou na adolescencia; entón produciuse unha situación única ao sol do mediodía entre viños, cañas e empanada: Maru cantouna e conseguiu prendernos unha vez máis da súa voz (xa dixen que é moi fermosa?).
Un agradable e algo fresco xantar na terraza dun novo bar que ofrece pequenos pratos unipersoais transcorreu con estupenda conversa e bastantes risos, deses que saen de dentro, logo os cafés e as copas e, mentres eu descansaba na casa, eles foron ao monte coa cadela. Pero non acabou aí a xeira: chegaron de volta e fomos de novo ao Plaza a felicitar a Webmaster, que estaba de aniversario. E creo que nese momento foi cando a catarreira decidiu que eu era unha hóspede magnífica para pasar unha semana comodamente instalada.

4.10.09

Enredos e libros

Non sei en realidade en que meto o tempo para levar tantos días sen pasar polo blog; non só polo blog senón polo ordenador, de xeito que tiña as contas de correo ateigadas de mensaxes sen ler. Sospeito que o bo tempo tivo algo de culpa, así como o comezo de curso que esixe adaptarse a unha nova rutina despois da longa paréntese das vacacións.
Lin bastante, iso si, empezando por El nombre del viento de Patrick Rothfuss, que me deixou un leve sabor amargo porque será unha triloxía que aínda non está rematada, así que quedei co mel nos beizos e con ganas de saber máis. Chegoume por fin á librería El silencio de los claustros de Alicia Giménez Bartlett que me lancei a ler coma unha tola. Nada que ver Petra Delicado con Ana Belén nin Fermín Garzón con Santiago Segura. Esta novela é unha máis da serie, pero resulta diferente porque as vidas dos protagonistas van cambiando e enriquecéndose. O final, por curioso que pareza, sorprendeume.
Hai uns días rematei Los relatos del padre Brown de G. K. Chesterton que, se por un lado me fixeron retroceder á primeira adolescencia, por outro trouxéronme novidades, pois faltábanme varios libros que agora, por fin, teño nos meus andeis. Que xeito tan diferente de escribir tiñan os escritores antes e que delicia mergullarse nunhas descricións tan minuciosas que te conducen directamente ao campo inglés.
E seguindo o ronsel destes contos, agora ando con E.A. Poe e os seus Todos los cuentos traducidos por Julio Cortázar. Tampouco os tiña todos, así que me esperan moitos días de pracer e sorpresa.
Espero reformarme e actualizar con máis frecuencia, iso se consigo saber en que meto o tempo.

19.9.09

Despedida

Quedo coas dúas Albas ás cinco da tarde no bar Plaza para despedirme delas. Rubín rematou a substitución de fotógrafa para un xornal de Galicia e volve ao seu curruncho natal, onde a coñecín xa hai unha morea de anos. Atos, o seu can, compórtase de maneira exquisita mentres tomamos as nosas bebidas na terraza; seguro que botará de menos a praia e o clima suave destes lugares.
Cando chego á casa o monstro dos alaridos está tan durmido que, a pesar do inevitable ruído, nin se decata da miña presenza, mentres Dona menea o rabo coma unha tola antes de entrar na casa para poder meter o coche no seu lugar.
Sinto unha estraña sensación, non porque o pasado me rozase de novo, senón porque o presente, malia traer ecos daquel, é tan diferente, tan variado, tan novedoso para os que un día formaron parte de min, que me decato do moito que eu tamén debín de cambiar, do diferente que debo de ser para eles, do distinta que eu mesma me noto. O curioso é que non albisco morriña nin melancolía; aquilo xa pasou, non o acho de menos, aínda que me encante recibir visitas daqueles que supuxeron notas importantes no meu pentagrama particular. Agora percibo outras notas que intentan espertarme dun letargo que dura demasiado e algúns plans pululan, intentan abrirse paso nas miñas intencións e mesmo un asomo de organización pretende impoñerse nesta pacífica vida. Que así sexa.

10.9.09

Aparezo

A inesperada visita de Cesare onte á tardiña supuxo unha alegría inmensa e unha cea e unha sobremesa tranquilas, aínda que non moi prolongadas, pois hoxe tiña que marchar a levar a cabo unha xornada maratoniana. Reconfórtame saber que, malia non responder correos, aínda permanezo na súa memoria.
O mes de agosto transcorreu sen pena nin gloria, con moitos paseos, bastante calor e ritmo repousado. Aproveitamos a primeira fin de semana de setembro para ir a Teucro e despedir a tempada. Alí estaba Tobi, un cadelo rescatado da soidade pola miña cuñada, moi amigo de Dona, coa que xogou até o esgotamento mentres os adultos nos dedicabamos a parolar e cambiar impresións, algún día até altas horas da madrugada. Aí están os dous repoñendo folgos despois de corricar pola horta, as escaleiras e a casa. Paseino moi ben mirando para eles, capaces de entenderse sen palabras.
E agora, ás portas dun novo curso, cómpre cambiar o ritmo e mentalizarse para unhas cantas novas sesións de odontoloxía. O conto de nunca acabar.

22.8.09

De festa en festa

A partir da da Dorna no mes de xullo, a vila convértese nunha continua festa entre concertos, diversas feiras, a calor tan desexada por moitos que invita a cear fóra nalgunha terraza cando por fin chega a fresca... Agora está montada a feira artesanal e mariñeira que de novo desviou o tráfico e converteu o centro nunha morea de postos con diversidade de mercadorías. Onte, á sombra dunha terraza, contemplamos a montaxe dun por parte dunha parella que non nos semellou demasiado experimentada; entre as múltiples pezas que o compoñen e que cómpre ensamblar dun xeito medianamente seguro, tanto o home coma a muller dubidaban escollendo unha e cambiándoa por outra, mesmo colocaron un vertedoiro sen nada debaixo que nos intrigou unha barbaridade. B empezou a comentar detalles e eu deixeime levar por ese chisco de maldade tan humana ata o punto de que soltamos o riso en máis dunha ocasión.
Resultou que o posto era de bebidas, ente as cales había leite, ron, gasosa, auga, viño e demais que pola distancia non puiden distinguir. Non agardamos a que chegasen os primeiros clientes, pero espero que ningún se amosase demasiado efusivo como para tirar abaixo aquel fráxil alboio.

15.8.09

Monte



Cousas como un piñeiro medrando entre dúas rochas vemos no monte cando polas mañás saímos a pasear antes de que aperte moito a calor. Estase ben camiñando á sombra sen outra cousa que facer que gozar do que nos rodea, aínda que a cantidade de porcachada que se ve esparexida nos lugares máis insospeitados amargan un chisco ese gozo. As leiras teñen distintos donos e moitos procuran mantelas limpas para evitar incendios, pero non poden evitar que algunhas persoas que van ata elas a merendar ou beber ou drogarse deixen as súas pegadas como proba do incívicas que son. Desde as típicas bolsas de plástico até xiringas ou papel de prata, latas, botellas de plástico, panos do nariz, televisores, colchóns vellos... afean a paisaxe que en principio está para o pracer de todos. Unha mágoa.

8.8.09

Ledicia

Alba Rubín está aquí traballando de fotógrafa, o que para min supón unha boa ledicia, sobre todo porque tiven a ocasión de quedar varias veces con ela e o seu can Atos, un fermoso exemplar negro de ollos vivaces e bigotes ásperos. Charlamos do pasado, claro, pero tamén do presente e do que nos move na actualidade. O sábado uníronse a todos nós o seu irmán, David Rubín, e as súas respectivas parellas. Tardarei en esquecer a tarde estupenda que pasamos primeiro na casa e logo paseando polo Vilar, tomando unhas cervexas en Corrubedo e por fin de remate ceando na vila case á beira dunha orquestra que resoaba na praza. Con tanta emoción non me lembraba para nada das festas, pero aturei ben o ruído porque a compañía era inmellorable.
Gustoume velos, charlar con eles, manifestarlles o meu afecto e sentir o deles.

31.7.09

Natureza

Nos últimos tempos o lugar preferido de Dona é diante do portón esperando a chegada dalgún pretendente. Leva desde o día dezanove co celo e estamos desexando que remate, pois o seu comportamento está bastante alterado; case non parece a mesma. Por momentos amósase moi cariñosa, pero en xeral pasa de nós e anda ao seu aire, do portón á cancela e da cancela ao portón, apenas come e polas mañás non se achega á porta para que lle abramos.
Estes días estivemos en Teucro para ver unha parte da familia. O novo hóspede é Tobi, un canciño con pinta de raposo que acolleron hai un par de meses; fíxose moi amigo de Dona e andáballe ao rabo todo o tempo cheirándolle as súas partes. Por desgraza e por estúpida non lle fixen fotos, algo que non ten perdón pois levei a cámara. Ao final creo que acabou algo estresado e bastante canso de tanto corricar de aquí para alá. Ningún dos dous comeu moito eses días, estaban a outras cousas.

15.7.09

Memoria viva

Durante estes días estivo na casa un verdadeiro álbum de lembranzas do máis heteroxéneo: mamá. O corpo non lle responde como ela querería, pero a mente saltarícalle de acá para alá nun verdadeiro remuíño sen repouso; contounos tantas cousas que sería imposible resumilas nun cento de post. A maioría delas refírense á súa nenez e abráiame que teña tan claros detalles de hai máis de setenta anos, pero din que iso é o normal coa idade: que a memoria a longo prazo aumenta e a de curto, mingua. Ten oitenta e catro anos, polo tanto viviu a guerra civil e moitos dos seus recordos datan daquela época. De todos eles destaco un polo exemplar que resulta das reviravoltas da vida e dos seus misterios; aínda estamos sorprendidos e marabillados de que se producise unha coincidencia tan rechamante.
Nun momento da guerra civil, en Valencia, tres familias alugaron unha casa en plena Natureza para que mulleres e nenos estivesen a salvo de bombas e ataques aéreos; de cando en vez acudían os homes a visitalos, pero na rutina cotiá convivían os gardiáns da propiedade, tres nais e os seus fillos, entre os que estaba mamá, as súas irmás, o fillo doutra familia e os dous dun tal capitán A. O apelido deste último non é moi frecuente e os nomes dos fillos, tampouco, por iso B púxose á espreita e rescatou unha vella revista que traía un artigo sobre un tío avó seu, aviador, de nome Sol e de apelido A. As fotos non lle dixeron nada a mamá, sería incapaz de lembrar a faciana do aviador, pero si foi capaz de recoñecer nos nomes dos fillos os daqueles nenos que xogaron con ela. E aquí estamos, B e Peke, compartindo por delegación un pasado que para nós nin existía.

7.7.09

Nunca defrauda


Polo momento esta muller segue sendo unha das mellores escritoras inglesas que coñezo, non só de misterio, senón de literatura en xeral. A exquisita ambientación dos seus libros é unha auténtica gozada para os que valoramos a atmosfera ben conseguida e nos gusta mergullarnos no escenario que se nos describe. Ademais, o comandante Dalgliesh e os outros membros do seu equipo sempre presentan facetas novas que van logrando que os vexamos, máis que coma personaxes dunha novela, seres humanos cos seus costumes, os seus fallos e debilidades e as súas virtudes. E aínda hai máis: unha prosa coidada, unha trama intrigante que engancha desde o principio e a facultade de levarte moi lonxe do cuarto onde les.


27.6.09

Fenómeno

Domingo Villar é o autor de A praia dos afogados, segunda entrega da por agora curta serie protagonizada polo inspector Leo Caldas e o seu axudante o zaragozano Rafael Estévez. Ollos de auga, a primeira, tivo un éxito inmediato aínda que a min o fenómeno me sorprendeu un chisco, pois non me parecera nada do outro mundo. Líase ben, enganchaba bastante, pero antollóuseme un pouco canónica de máis. Na crítica que lle fixera para unha revista comentaba que se era a primeira dunha serie comezaba con bo pé, opinión que manteño. Ambientada en Vigo, contaba coa presenza de case todas as clases sociais, desde a alta burguesía até o lumpen nocturno. A de agora cambia por completo o escenario e a acción transcorre na vila mariñeira de Panxón, onde aparece o cadáver dun mariñeiro coas mans atadas.
Continúa a empregar os ingredientes básicos da novela policial de xeito moi tradicional e con habilidade, o carácter arroutado do zaragozano non presenta tantos tópicos coma na primeira e afóndase na forma de ser de Leo Caldas con sutileza e bo facer.
Siruela é a encargada da tradución ao castelán.

17.6.09

Ardores de agosto



Este é o título do último libro de Andrea Camilleri protagonizado polo comisario Montalbano. Xa confesei máis dunha vez a miña devoción por Camilleri e sobre todo polas súas novelas negras; esta non decepciona, ao contrario, é unha mostra máis do bo facer deste siciliano que imparte clase de teatro en Roma.

É breve, como adoita, e por iso fíxoseme un chisco curta; a este autor non se lle pode acusar de que aos seus libros lles sobran páxinas, desde logo, aínda que aos seus lectores nun momento dado non lles importaría. A calor do título imprégnao todo, até o punto de que semella encher o cuarto tranquilo e fresco onde unha le. Mergúllase nos sentimentos do comisario quizais máis ca noutras novelas, sobre todo na súa conciencia da mediana idade que lle vai pesando comparada coa mocidade de Adriana.

A trama áxil, os personaxes ben perfilados, a prosa fluída e precisa condúcennos a "nadar e chorar" con Montalbano.

6.6.09

O mellor e o peor

Houbo unha época na que reinaba en todo o mundo o poderoso amo Obatalá. Era sabio e intelixente e non precisaba axudante ningún. Pero Obatalá decidiu buscar alguén que puidese gobernar a Terra no seu lugar.
Pensou en Orula. Era de confiar, aínda que moi novo, e isto quería dicir que non tiña madurecido para gobernar a Terra e dirixir os homes.
"Antes de falarlle disto teño que poñer a proba a súa sabencia", pensou Obatalá. "Xa verei logo o que fago".
Obatalá mandou buscar a Orula e díxolle:
- Quérote probar. Cumpre o meu degoxo: tráeme algo de comer sexa cocido ou asado; pero ten en conta que esa comida ha de estar feita co mellor que haxa no mundo.

Orula foi ao mercado. Camiñou dun lado para outro e viu froitos fermosos, pero non os mercou. Viu doces, pero non os mercou. Viu moitas verduras, pero non as mercou. Viu diferentes peixes, pero non os mercou. Viu aves, e tampouco as mercou. Había moitas clases de carne, que non mercou.
Despois de moito andar e ollar, Orula mercou unha lingua de vaca. Levou á súa casa herbas, follas de loureiro e outros condimentos, e arranxou un bo prato que lle ofreceu a Obatalá.
Cando Obatalá probou a lingua de vaca dixo:
- É un prato moi saboroso.
E comeuno sen deixar farangulla.
- Moi saboroso -repetiu-; de certo que estaba feito co mellor do mundo. Pódese saber, Orula, admirable cociñeiro, de que estaba feito?
Orula calou.
- Fuches ao mercado, non si? -preguntou Obatalá-. A ver, a ver, alí hai froitas, doces, verduras, peixes, carne... Non era unha simple lingua iso que me trouxeches para comer? E iso é o mellor do mundo?
- Sabio Obatalá -respondeu Orula-; práceme saber que che gustou o prato que che arranxei. A túa intelixencia é abraiante e acertaches... Agora ben, non recordas que non hai cousa no mundo que se poida comparar coa lingua? A lingua pode dar as grazas por un bo traballo, pode gabar unha grande obra, aconsellar na desgraza e dar consolo nas mágoas. Quen dá as noticias aos homes? A lingua. Quen nos di o que temos que facer? A lingua. A través dela un home calquera pode chegar aos máis altos postos do mundo -dixo Orula sorrindo.
- Todo o que dis é certo -respondeu Obatalá.
E pensou: "aínda que é novo, ten grande intelixencia".
Non obstante, Obatalá decidiu probar de novo a Orula.
- Arranxáchesme un prato co mellor que hai no mundo -dixo Obatalá-. Isto foiche doado. Agora dareiche unha tarefa máis difícil: que me arranxes un prato co peor que haxa no mundo. Vai e non bulas moito na busca pois no mundo hai cousas malas abondo.
Orula foi ao mercado e de novo mercou unha lingua de vaca.
Volveu á casa coas herbas, as follas de loureiro e outros condimentos, preparou o prato e levoullo a Obatalá.
- Como! -dixo Obatalá-. A primeira vez que me trouxeches este prato dixéchesme que estaba feito co mellor que había no mundo, e confirmeiche que era certo. Agora vésme outra vez coa lingua de vaca e dis que se trata do peor que hai no mundo. Como explicas isto?
Orula respondeu:
- Sabio Obatalá, no que digo non hai nada estraño. É ben sabido que a lingua pode esnaquizar os esforzos dos homes e o bo nome dunha persoa. Cunha soa palabra pode privar o home dos seus medios de vida. A lingua serve para aldraxar e pode traerlles ás xentes moitos males. Pero aínda hai máis. Con ela é posible converter en escravos os habitantes dun país. Pode haber peor cousa no mundo?
E Obatalá respondeulle:
- Todo o que dis é certo. A primeira vez eran certas as túas palabras e tamén agora estás dicindo a verdade. Eu desconfiei da túa xuventude, pero agora respecto a túa intelixencia. Ti ocuparás o meu lugar.


Conto cubano sacado de Contos vellos pra rapaces novos de Xosé Neira Vilas; edicións do Castro, 1983.