Amosando publicacións coa etiqueta paseos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta paseos. Amosar todas as publicacións

15.6.14

Botas

Grazas ao blog Perrunadas, mellor dito, á súa autora, merquei unha botas de trekking ou sendeirismo para ir ao monte. Tras probar de todo e comprobar que o medo a caer ou esvarar non marchaba, aterrei un bo día nunha tenda de deportes e pedín unhas; a moza que me atendeu tróuxome unhas Bestard, das que nunca oíra falar, feitas 100% en España, en concreto en Mallorca, nunha empresa familiar que, madía leva!, non usa man de obra escrava nin menor de idade. Son moi maniática con esas cousas, que lle imos facer!, e non me apetece nada levar algo enriba elaborado por alguén que non cobra o que debe polo seu traballo. Pasear con elas foi unha experiencia estupenda: agárranse de marabilla ao chan, manteñen os pés e nocellos ben amarrados, proporcionan seguridade e paso firme e, de propina, contribúen a que non se note tanto o cansazo. O primeiro día que volvín con elas postas esta Lúa iluminaba o ceo -hai unhas corenta e oito horas- e fun quen de continuar as tarefas sen dar as boqueadas. Sen dúbida, unha compra inmellorable.

29.12.13

Rochas

O monte da Garita queda moi preto da casa e a el imos acotío a pasear coas cadelas; elas dedícanse ás súas ocupacións favoritas, que consisten en osmar todo a fondo, buscar coellos e non pillalos nunca (do cal me alegro), choutar e correr con liberdade, roer piñas e paus e saudar a quen nos cruzamos. B goza coma un cosaco ollando as novidades que se produciron desde o día anterior e eu, basicamente, procuro non despegar moito os ollos do chan para non tropezar coas raíces e pedras; detéñome de cando en vez para mirar a contorna e descubrir cousas que non deixan de sorprenderme, coma ese piñeiro que medra no medio e medio das rochas. Porque a Garita está salferida de penedos enormes e un dos máis grandes é o miradoiro, que mesmo ten uns chanzos primitivos para agatuñar ao cume e contemplar as amplas vistas. Eu nunca subín pola sinxela razón de que logo hai que baixar e dubido moito da miña habilidade para facelo sen dano. A B, porén, encántalle imitar a Tarzán e emitir berros inconexos que o deixan coma novo.
Resulta rechamante este monte penedoso, dividido en leiras de distintos donos, cruzadas por unha morea de camiños, ao que acode xente de todo tipo: ionquis, amantes do botellón, amantes a secas, paseantes, deportistas, buscadores de setas e recolectores de piñas. O que non acabo de comprender é por que, se existen varios puntos limpos e recollida de trastes a domicilio, hai persoas que se molestan en levar alí colchóns, sofás, lavabos, bañeiras, persianas e restos varios. Sospeito que é un costume moi galego difícil de erradicar.

15.8.09

Monte



Cousas como un piñeiro medrando entre dúas rochas vemos no monte cando polas mañás saímos a pasear antes de que aperte moito a calor. Estase ben camiñando á sombra sen outra cousa que facer que gozar do que nos rodea, aínda que a cantidade de porcachada que se ve esparexida nos lugares máis insospeitados amargan un chisco ese gozo. As leiras teñen distintos donos e moitos procuran mantelas limpas para evitar incendios, pero non poden evitar que algunhas persoas que van ata elas a merendar ou beber ou drogarse deixen as súas pegadas como proba do incívicas que son. Desde as típicas bolsas de plástico até xiringas ou papel de prata, latas, botellas de plástico, panos do nariz, televisores, colchóns vellos... afean a paisaxe que en principio está para o pracer de todos. Unha mágoa.

10.2.08

Primavera


Cada ano chega un momento en que me digo: "cheira a primavera", e esa sensación tan vívida e real provócame un sorriso interior, a pesar de que durante moito tempo a súa chegada supoñía meses de sufrimento e temíaa como se temen as desgrazas. Agora, por fortuna, non hai montaña rusa grazas á ciencia médica e podo alegrarme sen peros do cambio de estación.
O paseo de Coroso onte bulía de xente camiñando ao sol, de nenos con patíns e patinetes, de cans corricando arredor dos seus donos ou turrando deles coa lingua colgando; o ceo estaba limpo coma unha patena e o mar tranquilo invitaba a un baño; sobrábame o chaquetón e B, sempre amable, cargou con el boa parte do camiño.
Falamos da miña teima nos últimos anos que é facernos cun can igual ao da foto. Dadas as circunstancias, polo momento non é posible, pero estou desexando que se aclare o panorama. Será unha femia, sen dúbida.