21.12.06

Marabillada

Si, marabillada ando coa lectura de Viajes de Gulliver de Jonathan Swift na fermosa edición ilustrada que fixo Galaxia Gutenberg. Lera na miña nenez unha adaptación na que só figuraban as dúas primeiras viaxes, cando se atopa cos ananiños e cos xigantes. Vira tamén un par de adaptacións cinematográficas cos mesmos protagonistas. Pero o libro é moito, moito máis ca iso.
Quen queira facer ou facerse un agasallo ben lindo que o teña en conta. Paga a pena porque vale o que custa.
Andarei desconectada durante estas festas polas visitas familiares que nos agardan. Pasádeo o mellor posible.

18.12.06

Prexuízos

Os prexuízos embazan o pensamento e toldan a mente. Son herdados ou aprendidos, ningún é innato. Na nosa man está desaprendelos abrindo a mente.

13.12.06

Vellos tempos e outras herbas

Coma nos vellos tempos volvo ter unha otite despois de dez anos, desta vez no oído menos xordo. A consecuencia é que non podo usar ese audífono e ando ás apalpadelas auditivas poñendo cara de idiota e ollando fixamente para os beizos de quen me fala. Nin sequera podo poñerme ao teléfono. A sensación de illamento (se me apuran, de soidade) é enorme. O acúfeno dese lado está máis entolecido do habitual e resulta paradoxal o balbordo interno e o silencio externo.
Un dos libreiros da vila botoume unha rifa coma nunca na vida recibira. O home estaba anoxado pola organización da presentación, a ver por que el non tiña libros meus. B suxeriulle que chamase á editorial e el, moi digno, respondeu que NON, que o que fixeramos era de aldea. Mal sabe el a ilusión que me fixo que me considerase da aldea. Aínda teño que pensar se volverei mercarlle a prensa os sábados.
Relín estes días Cuentos de invierno de Isak Dinesen, moi coñecida a raíz da película Memorias de África que pouco ten que ver co libro. Hai anos fun afervoada seguidora desta muller e conservo case todos os seus libros en vellas coleccións. En tempos difíciles o seu xeito de ver a vida axudoume a mudar o meu, a crisparme menos polas complicacións que me xurdían no camiño. Despois din que a literatura non serve para nada.

4.12.06

O libro

No bar Plaza hai moita expectación para o martes, o día da presentación do meu novo libro, ese que tardou sete anos en ver a luz. Seica é a primeira vez que se fai tal cousa na vila e noto a emoción latexando no ar. Imos inaugurar con este acto o ateneo Valle Inclán, no que Patu ten postas moreas de ilusións. Espero que todo saia ao seu gusto.
Telefónanme de distintos sitios para facerme entrevistas. Nun caso envíanma por correo electrónico e respóndoa polo mesmo medio pensando case maldades das estrañas preguntas. Non sei que esperaba, en todo caso algo máis racional.
O diario cultural da radio galega quere gravarme lendo fragmentos dalgúns relatos e necesita un teléfono fixo. Grazas ao desleixamento de Telefónica non me queda outra que pedir permiso para recibir a chamada ao director do instituto de B, que me facilita o trámite cunha amabilidade conmovedora. Non sei por que, pero a amabilidade sempre me conmove.
Á porta do mesmo instituto, á tardiña do mércores, un home que conduce unha furgoneta preme coma un tolo a buguina; non recoñezo o condutor pero el insiste e aparca a un lado. É Opaco de volta á casa do traballo! Sacódeme a ledicia de velo de xeito tan inesperado. Charlamos uns intres mentres fumamos un cigarro e a escuridade do día que morre tingue o ceo de azulón. Pregúntame por Paleón e dáme recordos para el. Xusto ao cabo de media hora teño a oportunidade de transmitirllos mentres ultimamos detalles da presentación co libreiro e vemos a biblioteca do ateneo, que semella pouco nutrida pola cantidade de espacio baleiro. Hoxe recibo a sorpresa de ollar os andeis moito máis recheos.

27.11.06

Best-seller

Leo best-seller de Douglas Preston e Lincoln Child e o seu axente especial Pendergast. Mellor dito, releo. É este un personaxe bastante logrado, excéntrico, rico pola súa estraña familia, que, malia pertencer ao FBI, vai por libre. Entre outros trazos, conta cun aspecto físico que se sae do normal (elegante, moi loiro até o punto de semellar albino, ollos grises clarísimos, alto e delgado) e a facultade de concentrarse mentalmente no que el denomina palacio da memoria. As tramas, abondo complexas, teñen moita acción, misterios por resolver e os escenarios son variados e cheos de cambios. Resulta moi entretido.
Faime certa graza o desprezo con que se fala en determinados círculos deste tipo de novelas, coma se a única literatura válida só puidese ser a de tese. Co paso dos anos a miña afección por elas foi aumentando, se cadra porque me gustan as historias ben contadas que non pretenden dar leccións de vida e, como non, tamén me gusta sentirme transportada a outros ambientes. Boa proba diso é a nutrida sección da miña biblioteca.
Tanto británicos coma norteamericanos teñen unha habilidade especial para construílas, quizais porque non andan con complexos tan habituais noutros pagos.

20.11.06

Personaxes II

- A camiñadora: Fraca, case esquelética, anda a paso lixeiro monte arriba e monte abaixo coma se esa fose a única ocupación valiosa neste mundo. A face seria e o xesto adusto fanme pensar na tecedora de vidas, esa que asemade as destece. Non me gusta demasiado cruzarme con ela pola noite.
- A cociñeira: Chea de vida, franca, alegre e acolledora, fai as tapas no Plaza, ese bar do que tanto se ten falado en certos lugares. Leva toda a vida na vila e dá bos consellos; comprende moitas cousas sen apenas palabras; dá xenio vela traballar con ese ritmo interno que a impulsa. Semella unha boa amiga.
- A ladroa: Anunciouse no súper para facer limpezas; o corpo bolecho e rotundo non denunciaba unha ionqui, malia que a dentamia cariada facía sospeitar. Tiña que traballar. Necesitaba os cartos. Limpou ben. Agora está pendente de xuízo. Un máis do seu longo historial.
- A señora: Toma café con leite a pequenos sorbos estirando o dedo maimiño. Vai vestida con elegancia e moi ben peiteada, igual que se fose a un importante acto social. O home, ao seu carón, semella un aprendiz de executivo; fai xogo con ela. Non falan.
- O construtor: Tira por terra calquera prexuízo que se teña sobre a raza. Sincero, amable, preocupado, é un filósofo amante de lecturas e de libros e sabe falar de calquera tema. Non pregoa o seu produto coma o mellor do mundo e dá mostras abondas de ecuanimidade. Que distinto doutros que andan por aí!

13.11.06

Outono

A calor desacostumada que estamos vivindo este outono (despois dos temporais un chisco desacostumados) faime suar coma se estivésemos no verán. Miro ao meu redor e asómbrome de que a maioría das follas dos pradairos, que outros anos comezaban a caer en agosto, continúan prendidas; a gardenia que me agasallou B hai dous sábados bota flores decontino, e o camiño que leva ao instituto é unha constante trafega de xente en camiseta e pantalón curto.
Fago esforzos por manter a calma en medio do trebón de acontecementos desgraciados das últimas semanas; sei que non teñen remedio, que a vida ás veces se comprace en sacudirte de má maneira, pero iso non impide que se me poña unha angustia no ventre moi maliña de aturar. Cando menos a certeza de que conto co apoio de B alivia un chisco a tensión e lévame a aferrarme á idea de que, a pesar de todos os pesares, son bastante afortunada.

6.11.06

Novas

Definitivamente Telefónica clausurou as miñas contas de correo electrónico. Agora estou en peke.aixu@gmail.com para o que queirades mandar. Teño outra conta co meu verdadeiro nome e apelido separados por un punto, tamén en gmail. Así que quedades avisados.
Continúo sen ter teléfono nin internet na casa, como podedes comprobar polo abandonado que teño o blog, malia que non penso pechalo polo momento; isto do cíber non está mal pero é un pouco latazo, sobre todo porque non podo vir acotío, senón unha vez por semana, con sorte algo máis. Non hai tantos nenos coma no verán, pero si xogadores que ás veces se entusiasman e berran coma críos sen ningunha consideración cara aos demais usuarios. Neses momentos, máis ca nunca, debo morder a lingua para non protestar; se o dono do local non di nada, quen son eu para facelo?
Sigo adaptándome paseniño ao novo hábitat (son lenta, moi lenta neste tipo de asuntos), agora xa controlo varios quioscos de prensa -ao principio coidei que só había un- e xa sei onde está a policía. Por diante da casa pasa un camiño que asfaltarán cando rematen as obras, pero o seu estado calamitoso non impide que haxa un tránsito continuo de vehículos e persoas, a pesar de que todo o mundo asegura que o lugar é moi tranquilo. Tranquilo? Ha. Como se nota que non veñen por aquí.

23.10.06

Personaxes I

- O pegureiro de vacas: Antes ca el, aparecen os seus bigotazos de cosaco e os dous cans. A face amoratada denuncia un bo bebedor no tempo libre e as catiuscas enlamadas, un bo traballador. Procura leiras desocupadas para alimentar o gando; onte estiveron na do lado da casa, a un tiro de pedra da cociña. Cando as recolle, zosca nelas e solta palabróns, método que semella do máis efectivo.
- O paseante: Pasa por diante das terrazas cun suave balanceo. Apoia o calcañar, imprímelle un pulo especial e sacode todo o corpo ao ritmo dunha música interior que ninguén máis oe, pero que cadra de marabilla con Radio Futura. O calzado deportivo executa unha estraña danza que resulta harmoniosa. Unha barba de varios días adórnalle a face fraca. Diríase que a chuvia non o molesta.
- Os rillotes: Non han ter máis de doce anos; enredan cunha especie de bebida que cómpre elaborar segundo as instrucións. Len a berros abouxadores e levan a cabo os pasos na fonte pública, esa onde beben todos os cans. Temen que a mestura estoure pero trágana igual. Un deles, o bolecho, sacode a man con cara de limón ao tempo que exclama Róncalla! Desde a nosa atalaia, B e mais eu rompemos a rir ás gargalladas.
- A veciña: Atrapounos case ao voo cando saïamos a dar un paseo co aquel de preguntarnos se estabamos contentos. Moi amable, presentouse ela e presentounos o home; correspondemos, claro. Logo, de xeito sibilino, fíxonos a ficha técnica en menos de cinco minutos. Non o coñece todo da nosa vida, pero case case.

16.10.06

Abrindo caixas

Non quedan moitas sen abrir, as que conteñen obxectos miúdos que se van coleccionando cos anos por obra e graza de amigos e caprichos.
Na mesiña baixa de teca coloquei por fin o tapete de seda morada sobre o que dispuxen a bóla de cristal sobre a súa base, o Buda sedente e o viaxeiro, o san Pancracio, a Shiva e a Tara, sen esquecer as sete boliñas de cores que tanto me suxiren. Quedan as cunchas, que terán que agardar a que colguemos o seu moble.
Apuntamentos de dúas carreiras xorden coma vellas pantasmas para lembrarme que fun unha boa estudante, cando menos cumprín como mellor souben. Cadernos e folios cubertos con letra grande, subliñados en vermello, sen outros colorinchos. Traballos devoltos polos profesores cando fixeron limpeza nos seus despachos tráenme á cabeza a cantidade de horas que pasei elaborándoos: don Quixote e as súas mulleres, os narradores, Quevedo, Bécquer, Lope de Rueda (uf!), dialectoloxía, as cantigas de Santa María... permanecen quedos en folios amarelados polo tempo. Outrora estiveron tan vivos!
Pero sigo en movemento, intento non pararme, algo me remexe por dentro. Algo.

9.10.06

Detalles

Os pardais e as rulas engordaron a conta das sementes de céspede que plantaron os encargados do presunto xardín; agora medra en grupiños amoreados entre calvas máis que respectables, de xeito que o terreo ten un aspecto desleixado, coma se un perruqueiro inexperto aplicase ao tolo, sen orde nin concerto, as tesoiras nunha mesta cabeleira.
As vacas dos veciños brúan a súa sinfonía entre cheiro a estrume e refoladas de vento que converten o lugar nunha illa en medio da nada, mais a un tiro de pedra da suposta civilización. Había anos que non vía acotío pacer vacas nos prados.
Os prexuízos idiomáticos chócanme, ao meu pesar, nunha poboación galegofalante que aínda conserva tópicos de hai máis de corenta anos; reprímome para non dar leccións explicativas de sociolingüística que poñan os puntos sobre os is. A prudencia guía as miñas intervencións máis ca calquera outra virtude; prefiro calar a boca para non parecer unha mestriña que bota de menos a profesión. Confeso que me custa ferro e fariña.
O mar, ao fondo, encréspase axitado polo vento durante o día ou semella un prato chan cando, á noitiña, volvemos á casa camiñando e nel a Lúa tremeloce de emoción imprimíndolle á paisaxe un aire de postal.
Na casa estase ben.

2.10.06

Vivindo

A nova rutina vaise impoñendo paseniño; a diario levo a B ao instituto por unha estrada revesgada que atravesa un monte acugulado de piñeiros onde se nota o rastro do Gordon na cantidade de pólas e ramallos que a salfiren. A néboa, por veces, confírelle un aire fantasmal máis propio de contos e lendas á calor do lume ca da realidade. Algúns condutores locais guían por ela coma auténticos amos do mundo e métenme algo de medo no corpo; cómpreme ir moi atenta e amodiño para non sufrir ningún percance. Mo advertiume de varios tramos para que andase con coidado.
Cesare veu visitarnos dúas veces a semana pasada, a segunda para traernos unha das súas pertenzas que lle sobran na nova vida. Alédome de velo tan contento e expectante, aínda que a distancia que nos vai separar me poña un pequeno nó na gorxa. Cousas dunha sentimental xa algo maior.
Afágome de novo, despois de catro anos de vivir bastante illada, a relacionarme con xente de distinto tipo e, aínda que non debería, sorpréndeme comprobar que continúan vivos estereotipos ancestrais que me resultan alleos; non me recoñezo non que din sobre se as mulleres son deste ou daquel xeito, coma se se tratase dunha especie do xénero humano de imposible comprensión. Dependerá da muller, non? Ou será que, como dicía hai varios anos un meu amigo alá en Auria, eu non son unha muller, senón un home con tetas.

21.9.06

Libros

O pedido de Biblos tróuxome Ollos de auga de Domingo Villar e Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz. O primeiro é unha novela policial sinxela, ben levada, sen grandes ambicións e doada de ler; se cadra abondo previsible pero, en calquera caso, amena e coa facultade de captar a atención. Seica está traducida ao español e ao italiano.
Corredores de sombra preséntanos o misterio dun cadáver atopado nun pazo durante unhas obras de restauración; levaba emparedado cincuenta anos e amosaba un furado de bala na cabeza. A investigación que a protagonista asume retrotráenos, unha vez máis, aos anos da guerra civil española e da posguerra. O estilo é tan fluído como nos ten acostumados o autor ao longo da súa dilatada carreira, aínda que eu, a verdade, estou un pouco cansa de tanta guerra cicil, se cadra porque a teño máis que sabida e non me gorenta en exceso unha temática que parece estar de moda outra vez. Ben está non esquecer para que non se repita, pero pregúntome se tantos recordatorios como nos fornecen nos últimos tempos non serán contraproducentes. Claro que a novela está dirixida a adolescentes que o ignoran todo desa traxedia e quero supoñer que non lles vén mal que alguén asuma o papel de relator para que coñezan o que pasou.
Entrementres, levo mediada Os libros arden mal de Manuel Rivas, coa guerra civil de novo como fondo, tema que -acabo de dicir- non me apaixona. Xa opinarei polo miúdo cando a remate. Ou non.

11.9.06

As gaitas máxicas

Subimos por unha estrada bastante frecuentada e á fin metémonos por un desvío que indicaba o miradoiro da Garita. O camiño estaba cuberto de arume (pico, chamábanlle en Gondomar ás follas do piñerio) e a brétema espallábase polo monte a bastante velocidade. B dime que se oen gaitas; eu míroo pero aínda tardo un anaco en percibir os sons. E á fin, alí, no medio e medio dunhas rochas, dous gaiteiros embebidos cos seus instrumentos en plena Natureza, completamente sincopados entre eles e con Ela.
O miradoiro está formado por enormes rochas desde as que en teoría se debe ver a ría enteira, ou case. Na práctica, a brétema impediunos gozar do panorama, mais o paseo pagou a pena.
E non esquecerei o son das gaitas ao unísono en medio de piñeiros, pico, cheiro a terra e a estrume, lembrando que aínda hai lugares máxicos en Galicia.

7.9.06

Por fin blogueo

Con calma, abstraéndome dos nenos que xogan nos outros ordenadores, consigo bloguear e ler os últimos posts e comentarios dos meus blogs habituais. Nalgúns sitios non podo deixar comentarios porque non me lembro de que contrasinal escollín no seu día para Peke; que lle imos facer.
Un berra "non dispares", outro "non me deixa ser terrorista" e fico abraiada porque non imaxinaba que nos cíberes houbese tanta clientela miúda. Será que non coñezo moito da vida actual.
Levei a B ao instituto (non esquezamos quen é a taxista da familia) que queda no curuto dun monte en medio da nada. Pantasmas de árbores queimadas rodean un edificio pintado de rosa sucio que máis parece un cárcere ca un centro de ensino. Pero iso será o de menos; o de máis é que por fin haberá un horario completo da súa especialidade. E por riba B é unha das poucas persoas que está desexando empezar de novo a traballar; descoñece o significado do síndrome postvacacional. Bendito el.

5.9.06

Rodeada de xente

Desde un ordenata portátil, cortesía de Patu, rodeada de pombas peteirando coma ratas e de xente sedenta, con B e o propio Patu á beira, cun rebumbio do diaño, intento concentrarme no que fago.
As emocións dos últimos días están xustificadas. Primeiro unha m iniquedada con Muralla, Paleón, Mad e MH; logo o mesmo MH visitou a casa coas súas ideas brillantes; creo que lle gustou. Ao día seguinte viñéronnos ver uns amigos en barco desde a illa de Arousa e fun recibilos á praia do Castro. É unha sensación curiosa esa de verse con xente, case a tiña esquecida na soidade de Monte Lourido, tan tranquilo e tan fermoso. Aquí, na cidade centenaria de Ribeira, estamos adaptándonos devagar, gozando da nova casa e de todo o que implica.
Como é lóxico, aínda non teño liña; hoxe mesmo chamei ao 1004 para protestar enerxicamente, pero creo que a miña protesta será unha de tantas e que o maldito, pero necesario, poste non o poñerán até que lles dea a gana.
Podo prometer e prometo que intentarei ser un chisco máis perseverante e adaptarme aos cíber.
Os enlaces poñereinos desde un ordenador que non me desoriente tanto.
Por certo, volvo escribir.

22.8.06

Desde un cíber

Por primeira vez na vida escribo desde un cíber. Aínda non temos liña na casa porque cómpre poñer primeiro un poste e creo que xa están nesas.
Atopámonos na gloria na nova vivenda, aínda que os horribles incendios dos días pasados encheron todo de fume mesto e cinza abafantes; non lembraba un ano tan duro neste aspecto. Como dicía unha señora nunha das canles locais, o problema é o alcolito que arde moito porque ten moito alcol. Non serei eu quen se atreva a poñelo en dúbida.
Os primeiros días coidei ser a señora das moscas, pola cantidade inxente que acudiu a inaugurar a casa; pouco e pouco parece que van respondendo ao tratamento, que consiste basicamente en zoupar nelas cun pano de cociña. Os obreiros continúan arredor traballando nas outras vivendas e rematando pequenos detalles da nosa. É un mundo, o da construción, totalmente masculino e confeso que cheguei a sentirme algo estraña rodeada de tanto home. Mais a todo se afai unha.
Non teño costume de escoitar música cando estou co ordenador e a que puxeron aquí, a un volume bastante prohibitivo, estame levantando dor de cabeza. A ver cando podo volver.

30.7.06

Novela policial e outras herbas

Donna Leon axúdame a pasar o tempo que media entre a tarde e a noite; en concreto ando relendo este libro, ameno e incisivo coma todos os do comisario Brunetti e do que lembraba apenas uns cantos detalles. Gústame reler, sobre todo cando na mente non caben novidades e concentracións excesivas.
Non sei cando terei liña telefónica e internet na nova casa, aínda que a amable señorita de Telefónica que me atendeu aseguroume que en quince días estaría o problema resolto e, a pesar de que irei a unha zona rural, poderei conservar o ADSL. Confío en que así sexa, máis ca nada porque a vez anterior non tardaron nin unha semana. Ademais, que carafio!, cómpre ter fe de cando en vez.
Este ano perdemos a festa da dorna de Riberia, pero Paleón fixo fotos en cantidade e Patu, o dono do Plaza, tamén puxo algunhas mostras. Polos comentarios, debeu ser unha das mellores festas dorneiras do século. Por certo, atopei o bar Plaza máis punto de encontro ca nunca, ateigado de xente que ía e viña. Dentro duns días formaremos parte de todo ese rebumbio. Até entón.

25.7.06

Blogueando

A través de Vendell chego a un curioso xogo, por chamarlle dalgún xeito, que me leva a outro moi semellante e que me vén coma auga de maio, dado o estado desacougado no que me acho.
Cando pertencía á clase activa, batallaba contra o estrés facendo exercicios de relaxación que me axudaban a levar as tarefas cotiás de mellor maneira; fun perdendo ese costume porque o ritmo da miña vida mudou de xeito radical e chegou o momento en que non os precisaba. Agora, ante o cambio que se aproxima (dentro dunha semana será o traslado), fun caer nese oportuno post de Vendell, que me lembrou as útiles prácticas que antes desenvolvía.
Un dos pensamentos deformados tipificados polos psicólogos é o que se refire ao costume de adiantarse aos acontecementos mediante a pregunta e se...? E se non me adapto?, e se non me gusta vivir alí?, e se...? e se...?, e se...? A inutilidade das preguntas é evidente. Non somos pitonisas nin aprendices de meigas; de nada vale atormentar a mente con posibilidades negativas que nos fan perder enerxías parvamente.
Poñámonos os sombreiros de cores e acouguemos o espírito.

19.7.06

A flor da paixón

pasiflora
Cando chegamos a esta casa plantamos dúas flores da paixón ou pasifloras, que medraron ao abeiro da hedra, principal compoñente da sebe que separa o xardín das dúas casas de paredes medianeiras. Agora, despois de tres anos, a sebe presenta máis verde escuro ca verde claro e está salferido destas flores de pouca vida pero espléndidas á vista. Cando a flor pecha aos poucos días de nacer, fórmase unha bóla verde que paseniñamente vira ao laranxa e dentro ten sementes dun vermello case granate.
Descubrín esta flor na nenez, aló pola estación do tren de Compostela, mentres xogaba cos meus amigos e curmáns, e fiquei prendada dela. Durante o verán non paran de abrir e pechar e resulta unha delicia para os ollos. Carecen de aroma, pero tanto ten.
B preparou dous escallos para levarmos. Espero que prendan e se sintan cómodas no novo fogar.