27.6.10

Ocupacións


Así de digna se amosa Dona descansando dos cativos, pero alerta. Eu mentiría se dixese que non sinto tentacións de poñer outra foto deles, para que se vexa que medraron moitísimo durante os seus primeiros dezaoito días de vida. Tamén mentiría se negase que paso unha morea de tempo mirando para eles, pero non é cuestión. Non é o único que fago, por suposto. Leo, claro, unha serie de novelas de Ruth Rendell que me deixou miña nai; o último, Uno horizontal dos vertical, provocoume tal tensión que a piques estiven de deixalo; está moi ben consiguido o ambiente abafante en que se move o protagonista, a situación tan entolecida na que el soíño se vai metendo por desexar con demasiado fervor o que non é seu. Escribe moi ben esta muller, moi ben, si.

20.6.10

Medrando



Ademais de estar gordechos coma bólas, cambian de día en día. Aínda non abriron os ollos pero amáñanse de marabilla para atopar a nai ou estomballarse enriba de calquera irmán que se cruce no seu camiño. Quedo embobada mirándoos varias veces ao día e asómbrame observalos moverse con menos torpeza a medida que pasa o tempo. Dona decicidiu meterse nunha zona da cociña bastante protexida e alí pasa horas lambéndoos, dándolles de mamar e mirando para eles con cara de abraio. De cando en cando érguese e sae á horta para corricar e ladrar, pero en canto escoita un ganido ou un choro, entra correndo para comprobar que todo segue en orde. Todo un espectáculo.

16.6.10

Avaría



Unha avaría na zona mantívome illada de internet, así que non puiden informar do acontecido. Tres foron os que rescatamos da horta a medida que Dona os paría correndo de acá para alá, máis asustada, supoño, que eu mesma. Desde as tres da madrugada até as oito da mañá intentamos por todos os medios que os aceptase, pero gruñíalles e botáballes os dentes.

Ao día seguinte, sen durmir, deixamos os cachorros nunha manta pensando que fose o que Deus quixese. Comprei leite de cadela e biberóns medio desesperada despois de falar coa veterinaria. Segundo ela, seguro que estaban mortos ao chegarmos, pois non poden pasar tanto tempo sen comer. Pero os tres gordechos choraban como condenados e tras moitos "moi ben" e "non" conseguimos que a nai os aceptase. Agora maman, choran e dormen ao abeiro de Dona que por fin se comporta como se esperaba dela.

Iso si, polo aspecto, ignoramos quen pode ser o pai.

7.6.10

Cuspir ao ceo



Confirmado por ecografía: Dona está preñada e supoñemos que o autor da fazaña é ese que aparece na foto con ela, os dous rebuldando inconscientes hai case dous meses.

Eu que non quería para ela máis que un golden de pura cepa, que non desexaba palleiros ou mestizos ou como queiran chamalos, que nun principio non tiña a menor ansia por que criase, véxome así, con cara de parva, esperando acontecementos. Mantereinos informados.

4.6.10

Sufrimento e morte

Sinto unha desolación absoluta, agora que teño tempo de estar comigo mesma, ante a morte de Begoña, tan inesperada e fóra de lugar e a enfermidade terminal de Marcos, tamén fóra de lugar.
Con Begoña estudei e vivín situacións que non veñen a conto; con Marcos só tiven breves contactos telefónicos e saudabámonos pola rúa, pero é unha persoa entrañable en Auria e iso abóndame. Agora, nestes momentos de soidade, só quero comunicar aos meus poucos lectores que me sinto tan pouquiña, tan feble, tan tristeira, que, en fin, sobran as palabras.

1.6.10

Rarezas


Noe convida a quen queira a seguir un meme no que se conten sete rarezas propias. Houbo un tempo en que me sentía coma un becho raro, pero agora, ao relacionarme con menos xente e con menos frecuencia, a verdade é que me vexo máis normal. Pero si sei o que lle parecen rarezas miñas a outras persoas, así que alá van. Dedico o meme a Karen Blixen, que morreu por desnutrición a pesar de vivir ben e non lle faltar de nada.
1ª- Gústame bastante estar soa. Non se me cae a casa enriba nin sinto esa necesidade compulsiva que moitos experimentan por recibir visitas, sexan de quen sexan. Ante a posibilidade dun plasta, prefiro non abrir a porta, algo que resultaba moito máis doado nun piso que agora nunha casa.
2ª- Non vou a lugares ruidosos nin aturo moito eses ambientes, pero máis que por rareza é polos meus problemas de oídos. Por iso tampouco vou ao cine nin a concertos nin a pubs.
3ª- Non son amante da familia, agás de B que, por certo, é a persoa coa que máis a gusto me sinto a pesar de levarmos xuntos case tres décadas.
4ª- Horrorízame a praia no verán: o sol abrasador, a xente, a auga... Prefiro un día con chuvia ou de inverno para pasear por ela.
5ª- Nunca saio de vacacións en agosto se podo evitalo porque todo está ateigado de xente e non hai xeito de estar tranquila en ningures máis que na propia casa.
6ª- A pesar de que en teoría me encantan a Natureza e os animais, prefiro velos en fotos. Dona é unha excepción.
7ª- Non levo ben as adversidades ou os contratempos, coma a maioría da xente por outra parte, pero aínda que sexa tremendo por dentro, poño a cara e intento resolvelos canto antes. Teño comprobado que deixalos podrecer é o peor que se pode facer.
E non falo das contradicións porque esas, coido, non son nada raras.

28.5.10

Estrañeza


Cando empecei a ler Mantis de Mercedes Castro preguntábame a cada pouco pero isto que é?, pero isto que é?, coma se non puidese dar creto ao que con ambigüidade sibilina se insinuaba alí. Leveina a Compostela para que me axudase a pasar as horas (por certo, todo moi ben, moi rápido e limpo) e metinme na trama de tal xeito, deixeime conducir con tanta facilidade e entusiasmo por esa prosa limpa e coidada que a rematei bastante antes do que esperaba, porque as súas catrocentas corenta e sete páxinas agoiraban como pouco un día máis.
Como dirían os expertos, a "proposta" de Mercedes Castro é atrevida, orixinal e extravagante; a sensación que tiven foi coma se a autora me chiscase un ollo e me dixese asemade "veña, anímate, permíteme que te abraie", e permitinllo, claro.
Aínda que por veces repite detalles que non achegan nada ou moi pouco á acción, a lectura resulta fluída e ao final unha acaba satisfeita de que Teresa bordease o abismo pero non caese nel.

18.5.10

Sensacións

Non acabo de entender esta preocupación por algo tan sinxelo. Xa pasei por iso e non lembro como foi, o único que cambia agora é que me van quitar o pólipo ao mesmo tempo. Será este venres e estou desexando que sexa sábado.
Por riba, os acúfenos están tan altos que me resulta imposible ignoralos nin sequera un momento. Creo que subiron de volume desde que aumentou a xordeira e me adaptaron os audífonos, vai xa para tres meses, pero ultimamente están tan presentes que me custa ferro e fariña aturalos con serenidade. Gustaríame lembrar o silencio.

5.5.10

Libros

Non perdín o vicio de ler, por suposto; sospeito que tal cousa sería imposible a estas alturas. Movida pola curiosidade, lin dous libros de Camilla Läckberg que me parecen sobrevalorados pola crítica, pero, claro, cando algo se pon de moda (neste caso, os escritores nórdicos) as gabanzas desátanse ás veces sen moito criterio.
Dous tamén foron os de Donna Leon, nun dos cales botei en falta máis escenas familiares e os comentarios agudos de Paola, a muller de Brunetti. Recoñezo que sigo a serie porque me caen ben e sempre atopo algo estimulante en cada nova entrega.
E rematei hai pouco La pista de arena de Andrea Camilleri que, coma sempre, resultou entretida, máis complexa do que a simple vista podería semellar e mesmo desenvolve unha certa tenrura cara á obsesión de Montalbano polo paso do tempo, inevitable, como todos sabemos.

27.4.10

Resultados

É benigno, si, pero hai que sacalo, así que espero que o próximo mes teñan un oco para min.

18.4.10

A horta


A nosa horta é un territorio medio salvaxe no que medran libres trevos e margaridas, ademais de pequenas árbores plantadas por B. O nome de xardín non lle acae nada ben, á parte de que na zona a ninguén se lle ocorrería aplicarllo; horta, leira e agro (se é grande) son as palabras que os nativos usan de xeito espontáneo.
A ampliación do terreo converteu a horta en agro, que aínda está coa terra levantada de facer o pozo e coas pegadas das máquinas; de feito unha delas mantense á espera de que volvan os operarios.
Non me fago moita idea de como quedará unha vez arranxado, pois nin B nin eu somos dos que realizan planos previos e chantan no sitio previsto as plantas milimetricamente estudadas; máis ben deixámonos guiar por un azar un tanto anárquico, aínda que xa se mercaron unha nogueira, dúas figueiras e varias oliveiras, estas últimas castigadas con dureza por Dona, pero que mantemos en testos coa esperanza de que sobrevivan. Algunhas xa empezaron a botar follas e estou desexando ver a que ritmo medran.

11.4.10

Non é por aí



Podía escoller outra foto e titular o post frustración, pero non quero facer deste blog unha páxina erótica. Tamén podía titulalo amante fiel e inútil, pois durante unha semana Roque (que tal é o nome do negrito) non faltou un só día á súa cita. E ten mérito o asunto, porque debía agatuñar polo muro e logo saltar desde unha considerable distancia para o seu tamaño, todo para atoparse cunha cadela en celo á que non podía acceder, a pesar de que o intentou de todos os xeitos posibles.

Recoñezo que ao principio non o levei nada ben, pero cando comprobei que o perigo era relativo tranquiliceime bastante, incluso cheguei a sentir algo de mágoa por el cando trousou o almorzo.

2.4.10

Batallas caninas



Dona está en celo, o terceiro, e a maior parte do tempo pásao apoltronada diante do portón á espera dos mozos cativeiros que a roldan pola zona. Non está á espera de que lle abramos a porta para entrar e saudarnos co seu abaneo de cadrís solicitando caricias, non; nestes momentos ela anda noutras batallas. Nin sequera vén a que lle pase a carda e lle dea uns pensos, menos mal que segue ceando case como se nada pasase.

A min non sei que dá vela tan ansiosa, pero B retrúcame que as cousas son así e que a Natureza non pide permiso. Alarmeime o outro día por Coroso cando se nos achegou un can negro bastante grande con que a cadela adoita xogar; inclineime nunha postura moi pouco elegante e respirei aliviada ao comprobar que o tipiño non tiña collóns. Uf!

31.3.10

Aventuras

Así quedou onte a leira do lado, que mercamos hai uns meses. Había que pechala, guindar co muro de comunicación coa nosa propiedade e retirar os cascallos. Apalabramos un orzamento cun individuo moi necesitado de traballo, contentos por atopar co que coidabamos un orzamento axeitado. Ah! Pero..., sempre hai un pero, o factor humano é imprevisible. O individuo trabucouse ao medir o muro de pedra, detalle que non tería maior importancia se nolo dixese no momento, pero fíxoo cando rematou os cartos (si, foi cobrando por adiantado) e pretendía que seguísemos pagando, cousa que non era posible naquel momento.
Falando con amigos descubrimos que o tal individuo non é nada serio, ten fama de pufero e, aínda máis, mesmo unha persoa comentou que era un xitano, con todos os meus respectos para as razas itinerantes.
Total, que estivemos un mes coa obra parada, dispostos a non pagar nada máis mentres non se rematase o traballo; como o home non quería ou non podía facer nada sen cobrar, decidimos encargarlle o asunto a outro; chamei onte, veu o mesmo día e agora escoito as máquinas como música celestial.
En canto á saúde, o brazo vai mellor, o día quince teño revisión do ciste e o vinte faranme a proba que, queira ou non queira, algo me altera, a pesar de que a ecografía previa non amosou ningún problema.

23.3.10

Saúde

Acúfenos moi altos. Aumento da perda de audición. Brazo dereito amolado. Diarreas continuas. Fibromialxia en alza. Ánimo baixo.
Ando de médicos, non sei para que.

7.3.10

Scarpetta


Hai moitos anos que sigo as novelas de Patricia Cornwel, o que me serviu para curarme de espantos ante as atrocidades que unha mente humana pode concibir. En Scarpetta acláranse algúns detalles que quedaron colgados en El libro de los muertos e amósanos unha Scarpetta máis humana e boíña, aínda que Kay sempre foi bastante boíña.
Produce unha sensación un tanto estraña ver a evolución dos personaxes ao longo de tantas novelas, sobre todo a de Lucy, que era unha nena prodixio e libro tras libro foise convertendo nunha persoa conflitiva e chea de sorpresas ou os avatares polos que pasa a vida de Marino, á sombra de Kay ou a carón dela.
Non é esta a mellor de todas, pero déixase ler, a pesar de que a xerga forense me irritou un chisco nalgunha ocasión, se cadra por escaparme o significado de certas palabras.
Só para admiradores recalcitrantes.
Por certo, o dos comentarios arranxouse de seu.

2.3.10

Tregua

Aproveitamos os días de entroido para ir ao monte apañar leña e piñas para a cheminea e a veciña, logo viñeron os temporais e agora volvemos ter unha pequena tregua que non durará moito, pero menos dá unha pedra.
Onte Dona estivo a piques de afogar no río de Coroso, que baixaba cunha forza tremenda. Inconsciente como é, lanzouse a xogar cun par de parrulos que botaron a voar decontado; a forza da corrente impedíalle subir a terra firme e alá acudiu B ao rescate. Saíu coma un pito e papou un bo susto, que non lle impediu rebuldar en toda canta poza atopou. A pesar de que xa cumpriu dous anos, carece por completo de sentidiño e, segundo as características da raza, coido que nunca o acadará. Por riba, aínda que lle encanta a auga, non nada nada e non hai xeito de conseguilo; o plan B do criador (guindala a traizón nun sitio onde cubra) non nos convence nada.
Hoxe cando abrín o blog, pensei que ninguén entrara no post anterior e resulta que me cambiaron os comentarios sen comelo nin bebelo. Se alguén sabe como teño que facer para que se reflictan no espráiate que mo explique moi clariño por correo, e que teña en conta que son unha completa analfabeta nestas cousas. A quen sexa quedareille moi agradecida.

23.2.10

Aniversario


Seis anos de blog, si. Nos últimos tempos non son moi fiel nin demasiado constante, pero non o abandono, non polo momento, cando menos. E non sigo porque hai tormenta e non teño ganas de que se me funda todo. Grazas a todos.

7.2.10

Prolingua

Asistín o venres cinco á presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega que tivo lugar no Ateneo Valle Inclán de Ribeira, onde case non cabía un alfinete máis. Mágoa que a maioría das persoas presentes non necesitase que a ilustrasen sobre o tema. A asociación Prolingua foi a encargada de organizar o acto que, por certo, estivo moi ben, sobrio, sensato e cargado de sentido común.
Pero saín de alí cabreada e non porque non me dixesen nada novo, senón precisamente poir iso, porque en máis de trinta anos sigo escoitando os mesmos argumentos tan doados de rebater e, porén, aí continúan tan vixentes que necesitan un libro que os desminta.
Paréceme incrible que a sociedade mudase tan pouco, aínda que son moi consciente de que os cambios sociais requiren tempo, moito tempo, e así llelo dicía aos meus alumnos cando estaba na profesión. Pero dáme rabia, e non o podo evitar, que a realidade desminta unha esperanza se cadra inxenua de que a normalidade era posible. Está visto que non. Haberá que continuar agardando.