paradela de coles: Hasta siempre,
Por si no lo sabíais, María Jesús murió. Vivió como ella quería y murió de la misma forma, supongo. Era muy suya, ya lo sabéis. Ojalá descanse en paz.
23.2.16
4.2.16
Nunca fun gradicela
Descubrín os blogs hai doce anos grazas a un amigo que me foi convencendo para que abrise un. Daquela un blog en galego celebrábase coma unha festa do blogomillo e pensabamos -coitados de nós- que estabamos facendo historia dun xeito ou doutro.
O caso é que lle puxen Gradicela ao meu porque había pouco lera sobre eses animais que, amais de ter forma de estrela, posuían calidades tales como rexenerar o corpo a partir dunha soa pata e, asemade, rexenerar a pata perdida no corpo eivado. E o que máis me chamara a atención fora que, segundo as necesidades do hábitat, podían cambiar de sexo para equilibrar a carencia do doutro.
Unha auténtica marabilla, vaia, ou iso coidara eu naquel momento.
Non había nin un ano que me xubilaran, deixaramos Ourense no verán e instalámonos en Monte Lourido, ao lado de Praia América, nunha casa que asomaba ao mar e desde a que se vían as illas Estelas, Baiona e Panxón. Tres anos que serviron para recuperarme un chisco bastante grande. Quizais ocorría que me coidaba unha gradicela de verdade e sentíame animada por un afán de superación que moita xente non comprendía.
Non tiña unha idea nada clara de que ía contar, o que me apetecese -supoño- e a iso me ativen. Aquí hai desde pequenas peciñas literarias, anécdotas máis ou menos graciosas ou acedas, pouca política e bastante tempo investido procurando escribir o que mellor sabía sobre o que me interesase no momento.
Hai amizades, relacións preciosas, desgustos (a morte de Ike aínda me levanta bágoas), malentendidos... En fin. De todo, como en botica.
Levo oíndo desde hai anos que os blogs morreron, cousa que me fai moitísima graza. Non morreron, foron cambiando, especializándose, mudando as súas intencións e temáticas. Un blog coma o meu debe de ser un espécime único ou case.
Pero se algo descubrín ao longo deste tempo é que nunca fun unha gradicela, por moito que na miña inxenuidade me gustase soñar. Mesmo o meu ánimo xa non é o que era.
Se algunha vez sinto morriña deste remanso, volverei facer unha entrada. Polo momento, son incapaz de vencer o... desánimo? Sospeito que esa é a palabra. É un pouco duro decatarte de que non, non tes forma de estrela, se perdes un brazo quedas sen el e, madía leva, non podes cambiar de sexo aínda que o hábitat o esixise.
Grazas a todos os que me acompañastes. Quérovos.
Uxía Casal Silva.

15.8.15
Talantes?
Agradezo a formación que teño porque creo que, grazas a ela, son quen de apreciar a grandeza e pequenez do mundo; sospeito que tamén inflúe o meu talante para ver con claridade que ignoro moitas cousas importantes que, para outros, son o pan noso de cada día. Gústame esa ignorancia, non por compracerme nela, senón porque, ao recoñecela, estou abrindo a porta para emendala. Sen curiosidade o gato viviría, pero non aprendería nada novo e iso sería moi triste.
Pola mesma razón, non me gustan os fachendosos nin os pedantes que intentan por todos os medios deixar pampo o persoal, xa non amosando o que saben, senón facendo gala do cúmulo de coñecementos que atesouraron ao longo da vida, poñéndose por riba dos demais, do ben e do mal, e desprezando a quen non ve as cousas coma eles.
No chamado mundo intelectual é moi frecuente atopar elementos así, que non empregan a lingua para que os entendan con claridade, senón que, asemade, desexan deixar patente que están noutro nivel, máis excelso quizais, máis exquisito. Quizais por unha deformación nacida cando impartía clase, desde o primeiro momento en que me decatei de que, se empregaba determinadas palabras, non se me entendía, procurei comezar a casa polos alicerces e non polo tellado. Iso é traballoso? Abofé que si! Cómpre buscar termos que expresen algo semellante, esmiuzar a explicación para, a seguir, introducir a palabra precisa -unha vez constatado que se comprende o seu significado- e usala con naturalidade, sen esquecer lembrar de cando en vez o concepto ao que se refire. O coñecemento non serve de nada se non se comparte e para iso cómpre adecuar o léxico que se emprega a quen nos escoita. O demais é puro farelo.

6.6.15
Series
Ler series de novelas protagonizadas polo mesmo personaxe produce unha sensación curiosa, sobre todo se comezaches a serie hai anos e agardaches a publicación da seguinte novela durante o tempo que fixese falta porque che quedou gana de máis. A cada nova entrega, o protagonista amosa un detalle, unha característica, unha pequenísima folerpa que non aparecera nas anteriores e iso faino medrar aos teus ollos. Á parte da habelencia de quen escribe para dotar o protagonista dunha mini-faceta nova que resulte verosímil, o lector agradece a (relativa) novidade quizais porque se sente a gusto e agrádalle que Guido Brunetti, Petra Delicado ou Salvo Montalbano abran unha nova xaneliña nas súas vidas e che permitan botar unha ollada. Son algo semellante a parentes non moi próximos dos que sabes algo de cando en vez, cuxa vida experimenta acontecementos coma a túa que os fai cambiar e ti, espectadora privilexiada, asistes a eses cambios que che poden gustar ou non, pero que de seguro te entreteñen. A idea que tiñas dese personaxe muda, ás veces de xeito irremediable, e se non che agrada o rumbo que encara, abandonas a serie sen moitos remorsos, mais cunha leve sensación de desgusto ou traizón.
Pouco espazo queda xa para Kinsey (unhas tres novelas) porque o alfabeto está rematando, e debo recoñecer que me vai custar prescindir das súas historias. Mariana de Marco hai algún tempo que me cansou. A Marco Didio Falco teño que estar de "quero" para lelo, e de Kay Scarpetta aínda me quedan dúas aventuras sen tocar. Vila e Chamorro non tardarán (espero) en saír de novo a resolver un caso e de Harry Bosch agárdame unha entrega, ao igual que de Pitt, Jaritos e Pendergast -aínda que este último está comezando a incharme os narices.
Iso sen contar co que está á espera de lectura e non ten precedentes.

29.5.15
Club de lectura: Pedro Feijoo
Onte estivemos de noraboa no club de lectura de Ribeira. A presenza de Pedro Feijoo fixo da xuntanza -sempre agradable- unha verdadeira festa. Contounos detalles da elaboración d'A memoria da choiva que nos interesaron a todos os presentes, comentou cal é o seu xeito de entender a literatura, esbozou o seu método de escritura e, por riba de todo, converteu a reunión nun intercambio de pareceres ameno, fluído, dialogante, respectuoso e encantador grazas ao seu encanto persoal. Xa comentara o libro noutra ocasión, acabado de ler, para deixar patente a miña admiración. Na distancia curta teño que dicir que Pedro Feijoo é unha persoa que se fai querer. Riquiño!
2.5.15
Agasallos
Hai un ano o home de Maryland tróuxonos unha peonia (en castelán, peonía) que un temporal case arrasou. B, que é máis experimentado ca min nestas lides, aseguroume que lle dese tempo, que volvería agromar. En verdade alucinei co proceso -lento, como cómpre- de renacemento, até que hai uns días descubrín no curuto da planta un rebento que semellaba querer abrir en calquera momento. Non me trabuquei e, en efecto, abriu esta enorme flor que a chuvia desta noite case manda ao outro barrio. Esta mañá estaba abeirada dentro da caseta das cadelas -elas non a usan porque dormen dentro da casa- e aproveitei para facerlle unhas fotos que non saíron nada ben. Metémola para que a ventada que sopra non a desfollase e por fin puiden captala en repouso. Como lle brillan os pétalos!, que grande é!, que colorido! Graciñas, Paco, polo agasallo. :D
24.3.15
Os segredos de Melas
Preguntoume o outro día B se lle dera algo verde a Melas e respondinlle que non. Explicoume que acababa de enterrar algo verde; primeiro fixo a coviña e logo, co seu fociño, tapouno ben tapadiño. Ao día seguinte repetiu a operación, a cuxo final puidemos asistir; á beira do eucalipto agachou algo baixo a terra e fixo o disimulado -daquela maneira-.
Pregunteille a B se non lle proía a curiosidade por saber e a súa resposta foi o colmo da consideración: "son os seus segredos; non temos por que indagar".
E aquí estamos, comestos pola curiosidade, pero discretos, respectando os segrediños da nosa cadela pequena; ela, tan riquiña, tan cariñosa e bicadora, ten cousas que agochar. Seguro, segurísimo, que cando as queira recuperar, non saberá onde están.

Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)