Amosando publicacións coa etiqueta Teucro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teucro. Amosar todas as publicacións

15.9.12

Días en Teucro

Malia non estar presente, sei que a nai de B marchou cun livián suspiro, de xeito apracible grazas a un médico con conciencia, sen sufrimentos engadidos aos xa padecidos durante catro anos. Non houbo máis bágoas cás vertidas durante ese tempo en que Mimí foi mirrando día a día, perdendo a noción da realidade e a fala, a capacidade de comunicarse con soltura, de saber que dicir e como dicilo. Descanse, por fin, en paz.

9.8.12

Visita familiar

Se algo agradezo do paso do tempo é que vaia convertendo determinados membros da familia en colegas, feito que hai vinte ou máis anos semellaba imposible. Os nenos xa non son nenos, a avoa segue encamada pero intenta esforzarse por comunicarse, malia que lle custa, os adultos fomos limando asperezas e chegamos a un punto en que nos gusta estar xuntos porque nos entendemos bastante ben e, sobre todo, aceptamos o que somos hoxe e imos comprendendo o que fomos no pasado. Todos temos algo que achegar: bromas, problemas, ledicias e tristuras; experiencia en suma. É bonito. Moito.

5.4.12

Chamada de Teucro

Tobi ou Tobías é esta especie de raposiño que un bo día chegou á casa de Mollabao para quedar. Ao lado de Dona e Melas semella máis pequeniño do que é e, madía leva, moito máis áxil e etéreo; o seu corricar non ten nada que ver coa solidez e contundencia -mesmo pesadez, en comparanza- co das nosas cadelas. M, a nai de B, aínda tivo a ocasión de relacionarse con el, acaricialo e admirar a suavidade da súa pelaxe antes de ir perdendo devagar a capacidade de comunicarse con palabras. Agora só unha súbita ollada e un intento de sorriso, que a irmá de B sabe interpretar, fan que te decates de que te recoñeceu por un brevísimo intre, pero axiña volve caer no baleiro ou pecha os ollos esgotada polo esforzo.
Cando acudimos a Teucro, a raíz da chamada, coidamos que o faciamos para despedila, pero non; do hospital mandárona de volta para a casa porque alí non podían -ou non querían- seguir coidándoa. Controladas as infeccións que levaron a ingresala con urxencia, só quedaba continuar a medicación na propia casa. Alí segue, sen moverse, sen falar, case se diría que sen sentir, pero iso ninguén o pode saber.

23.3.08

Miudezas



O xardín de Mollabao é bastante salvaxe e está distribuído en varias alturas. O ollo inexperto pode pasar por alto detalles fermosos, incluso pensar que non hai orde nin concerto, pero trabúcase. Nun espazo máis ben pequeno atopas multitude de flores distintas, algunhas tan tenras que che quentan o corazón, plantas que medraron case soas, sen agarimos nin coidados especiais, outras que custou sacar adiante e ao final acabaron resistindo a pesar dos nenos e do can.

Por primeira vez en moito tempo puiden mirar ese xardín con ollos curiosos sen que se cruzasen polo medio lembranzas desagradables. E é que a vida, meus, nunca deixa de sorprender.

20.3.08

A visita

A breve estadía en Teucro estivo marcada por tres idades: a vellez, a madureza e a adolescencia da man da nai de B e Rex, o ancián da foto (un carro de mecos con patas, inspirador no pasado dalgún pesadelo), a miña cuñada e nós mesmos e os sobriños mais un acoplado que pasaba uns días con eles. Foron noites de longas conversas ao abeiro de botellas de bo viño, tardes de prolongadas sobremesas preñadas de diálogo imposible noutros tempos e longas mañás durmindo para poder responder o resto do día.
A cidade, cada vez máis bonita e habitable para os peóns, converteuse nunha agonía para os condutores que ven cada vez máis limitadas as rúas por onde poden circular, algo polo que xamais se me ocorrería protestar. Aínda que non tivemos moita ocasión de pasear por ela, ollamos desde o coche as marabillas que a miña cuñada nos ía amosando.
Acostumados como estamos a unha vida tranquila e silenciosa, volvemos á casa coa cabeza ateigada de berros, protestas e un ritmo de vida que pouco ou nada ten que ver connosco. Pero pagou a pena.