Amosando publicacións coa etiqueta persoal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta persoal. Amosar todas as publicacións

11.4.08

Vidiña


Como parece que nos últimos tempos non estou escollendo moi ben as lecturas, ocupo bastante tempo en facer recados, pasmar, continuar informándome sobre cans e ollar as azaleas que conseguimos non hai moito no mercado dos sábados. As flores da foto xa caeron, pero aledaron a casa durante algunhas semanas. Sempre me gustaron as azaleas, a pesar de que son velenosas para animais domésticos e nenos, porque os pétalos me lembran a muselina ou a seda e cada flor semella unha saia en miniatura para unha muller moi moi pequena.
Esta fin de semana B e mais eu estamos de aniversario; canto tempo xa e parece que foi onte! Mais non paga a pena pensar no paso do tempo nin nos seus estragos; o que imos celebrar é que nos divertimos xuntos.

23.3.08

Miudezas



O xardín de Mollabao é bastante salvaxe e está distribuído en varias alturas. O ollo inexperto pode pasar por alto detalles fermosos, incluso pensar que non hai orde nin concerto, pero trabúcase. Nun espazo máis ben pequeno atopas multitude de flores distintas, algunhas tan tenras que che quentan o corazón, plantas que medraron case soas, sen agarimos nin coidados especiais, outras que custou sacar adiante e ao final acabaron resistindo a pesar dos nenos e do can.

Por primeira vez en moito tempo puiden mirar ese xardín con ollos curiosos sen que se cruzasen polo medio lembranzas desagradables. E é que a vida, meus, nunca deixa de sorprender.

11.3.08

A paso de caracol


O caracol é un animal lento de movementos, menos cando se agacha na cuncha cando sente un perigo; para min é un bo símbolo do ritmo evolutivo da sociedade actual. Fotografeino o outro día, que o pillei esvarando polo chan do porche, alleo por completo a min e a todo o que non fose o seu avance cara a ningures. Pero non quería falar das eleccións, senón de determinadas actitudes cara ás ideas políticas alleas. Non me entra na cabeza, por exemplo, que un partido autoproclamado progresista favoreza o canon cultural, cando o acceso á cultura debería facilitarse por riba de todo. Moléstame que se fale da dereita coma unha banda de trasnoitados aos que cumpriría pouco menos que fusilar. Amólame que se asegure que uns menten e os outros non, cando é público e notorio que en cuestión de mentiras todos teñen bastante que rañar. Horrorízame a falta de espírito crítico que leva a uns a coidar fanáticos aos outros, cando o fanatismo non é patrimonio de ninguén en particular e si de todos os que non son capaces de pararse a pensar cun mínimo de distancia. Desgústame que a estas alturas a guerra civil continúe a ser unha arma, a pesar de que os máis novos que a viviron teñen como pouco oitenta anos.

Gustaríame que a palabra respecto non estivese tan esquecida na nosa sociedade, que os insultos dun e doutro bando se penasen de xeito contundente, que se aprendese a ver pallas e trabes por igual nos ollos propios e alleos...; gustaríame, en fin, unha sociedade máis equilibrada e xusta.

Por iso votei en branco (e seguirei facéndoo se alguén non o remedia).

2.3.08

Miscelánea de vida


Estes días na aldea sagrada foron, por fortuna, de ledicia. A pantasma dunha operación vai desaparecendo no horizonte grazas a que o meu organismo decidiu funcionar como debía para evitala, con gran contento pola miña parte. Non me puxen a choutar na consulta porque me freou a parte adulta e contida que todos levamos dentro, pero no meu interior, a infantil e espontánea non paraba de executar triples saltos mortais. Celebrámolo coa mamá e a irmá, claro, e logo volvemos celebralo na casa como debe ser: a base de paparotas ben regadas.
A mamá, dentro das súas múltiples doenzas, está bastante ben, fala moito do pasado e algo do presente, continúa pintando e anda ás voltas co proxecto de facer unha pintura da arca de Noé con todo o bicherío subindo a ela. Xa mercou un lenzo alongado que nos amosou e describiu a escena tal e como a ve na mente; ilumínaselle a expresión comentando os detalles.
Tamén me paseei por esa gran librería que frecuento sempre que podo e merquei varios libros dos que irei dando conta no seu momento; tiven que conterme moito para non agarrar todo o que me atraía, pois a casa, aínda que grande, ten as súas limitacións espaciais.
Agora, por fin, poderemos empezar a buscar ese can que desexamos; xa mirei na protectora do Barbanza os que hai para adoptar e só falta que nos decidamos entre esa opción e a outra despois de bastante pensar.
En fin, que se abre unha etapa nova libre de preocupacións e iso é un bo motivo para dicir que a vida é unha marabilla.
Fotografía sacada de aquí.

20.2.08

774 en 4

Hai catro anos por estas datas abrín este blog despois de moito pensar. Acababa de instalar internet na casa e aínda non estaba moi tranquila con esta fiestra aberta ao mundo, que se me antollaba non sei que trebello perigoso por descoñecido. Era a ignorancia dos que nos resistimos ás novidades tecnolóxicas por sistema ou polo que sexa, o caso era dicir non.
Daquela os blogs en galego non chegaban a douscentos e o blogmillo (se aínda existe tal) non tiña nada que ver co actual, abranguíase con facilidade e coñecíase a case todos os que tiñan un (por referencias, máis ca nada, no meu caso). Agora iso resulta impensable.
Aínda que non tiña unha idea moi clara de que ía falar (á parte dos libros que lía), si sabía que había dous temas que non quería tocar: a política e a relixión; tampouco desexaba que o meu nome real se coñecese, atraíame o relativo anonimato, a liberdade de poder expresarme sen que se me identificase cunha faciana. Agora iso tanto me ten; á fin de contas, son unha blogueira máis aceptada ou non polo que son, non por un nome.
Que supuxo para min o blog? Sobre todo, compañía no meu (in)voluntario retiro, conversar con xente descoñecida que axiña se convertía en familiar; tamén supuxo escribir case a diario, ás veces reflexionar con calma sobre asuntos que lía noutros cadernos e que antes non me chamaran a atención, asomar a cabeza a outras fiestras que, coma a miña, se abrían aos demais.
A través del coñecín na realidade bastante xente coa que tomei unhas cañas e botei algunhas gargalladas, o espírito da arañeira era solidario e colaborativo e iso para min resultou un descubrimento estupendo. Aínda o é.
Grazas a todos os que pasades por aquí por estar aí.