27.5.09

Amores



Gustoume esta novela, gañadora do primeiro Certame de novela curta da cidade centenaria de Ribeira que tivo lugar hai dous anos, pois o concurso é bianual. En cento dezaoito páxinas a autora traza un universo algo abafante no que destaca Gabriel, o protagonista e narrador, que quere con ansia á nena Aldara, filla de Lis, até o punto de casar con esta para salvar a filla do que el ve como maltrato. O pulo narrativo é firme, a historia non decae en ningún momento e a personalidade do protagonista, malia resultar para os demais pusilánime, arrastra a saber máis e mesmo atrae, se cadra porque nalgún momento todos tivemos e temos as nosas indecisións. Ademais, a súa psicoloxía está ben armada, contraditoria na súa medida, pero humana, moi humana. A súa decisión final, non sei por que, non me sorprendeu.

26.5.09

A modo de folletín

Rematei Blue moon de Xosé Carlos Caneiro, unha novela que ten moito de folletín, aínda que a linguaxe por veces non casa con ese tipo de obras, o que a fai chocante e por veces un chisco pedante. Publicada na editorial Mandaio, ten cento corenta e oito páxinas que se len de xeito doado, aínda que a historia ten algunha incongruencia que chía, sobre todo cando unha das vías que parecen insinuarse (a función do fillo, por exemplo) queda arrombada ás poucas páxinas, a pesar de que en aparencia ten a súa importancia.
Creo que non lle lera antes nada a Caneiro, se cadra porque falar marabillas de si mesmo e poñer a pingar a outros é unha actitude que me desgusta e sen podelo evitar repercute nas miñas simpatías e antipatías. Non sei se repetirei con outra. Quizais si, malia que só sexa por curiosidade.

20.5.09

Agasallo



Chegoume hai un par de días a primeira novela de Mauro Eiroa, Los años del verdugo. As primeiras entregas léraas aquí e gozara delas porque, entre outras cousas, o autor paraba xusto no momento culminante deixando o lector co mel nos beizos e forzándoo a acudir ao seu blog case cada día por ver se actualizara. Pero esas ansias pertencen ao pasado; agora co libro nas mans unha puido permitirse o luxo de lelo de vez deixando que a envolvese o ambiente, o ton perfectamente conseguido a guiase por unha infancia preñada de detalles ben recoñecibles e a prosa fluída e fermosa a conducise paseniñamente da man por un camiño que se chama o pracer da lectura. Pouco máis podo engadir que animarvos a gozar dela como eu a gocei.

12.5.09

Unha de Kostas

Muerte en Estambul é a última novela de Márkaris aparecida en España. Xa Noemí nos falou dela, aínda que máis brevemente do que nos ten acostumados, se cadra con razón porque só ten duascentas trinta e nove páxinas, distancia máis curta do que Petros Márkaris adoita. Non me sorprendeu tanto coma a primeira que lle lin, hai xa algúns anos, e continúa rebentándome un chisco a mirada entomolóxica que fai sobre rúas e avenidas, de xeito que máis parece que esteas percorrendo un plano da cidade que lendo unha novela de intriga. Pero é unha das caracterísitcas do autor, menor, por certo, se te fixas máis noutras de máis valor; por exemplo, o retrato en aparencia desleixado que fai dos personaxes, que cunhas cantas pinceladas deitadas aquí e acolá quedan reflectidos con bastante minuciosidade; a trama desta flúe incluso con tenrura, trazo que non lle tiña apreciado a Márkaris con tanta nitidez; o racismo aparece, claro, de xeito que che fai preguntarche por enésima vez onde conduce, e as relacións familiares vanse matizando até o punto en que me pregunto por que unha vez o comisario Jaritos me pareceu misóxino. Só é convencional.

Por certo, mañá fago 52. Por que será que non me sinto unha señora?

3.5.09

Cabío

Quedei prendada das praias de Cabío non só pola súa beleza, senón tamén pola tranquilidade e limpeza que nelas se pode gozar. Ademais de ter un cámping excelente con preciosas casiñas de madeira, hai un hotel con encanto moi preto dun dos areais. Como me dicía un amigo, na Pobra non teñen moitas cousas, pero as que teñen están moi coidadas, bastante máis que na Centenaria, todo hai que dicilo aínda que non guste.
O paseo de madeira permite realizar un percorrido do máis agradable, sempre co mar á beira. As poucas persoas que nos atopamos aparentaban felices. Sospeito que en tempada alta esa paz e tranquilidade se verán moi diminuídas, porque todo o mundo ten dereito a gozar das marabillas da vida. Alguén se anima?

26.4.09

Petición



O home de Maryland pídeme nun correo que fale de Dona. Se non o fago con máis frecuencia é porque non quero cansar os meus escasos lectores.

Teño que confesar que esta cadela gañou o meu corazón; é bastante pacífica, pero moi activa; encántalle xogar a tirar dun xoguete que ten de nós e que é o único que aínda resiste desde que llo mercamos de cativa. Pesa vinte e nove quilos e agora mesmo está mudando o pelo, co cal a casa parece un niño de paxaros. Pide mecos buscando as mans co fociño, pero tamén sabe estar ao seu aire cando lle peta. Cada vez que vén alguén corre a saudar coma se acabase de chegar o seu máis prezado amigo; é moi curiosa e o seu fociño aspira todo canto se lle pon a tiro. Non conseguimos quitarlle o vicio de subir coas patas ao peito da xente, cousa que resulta un pouco embarazosa porque non discrimina se se trata de alguén coñecido ou descoñecido, sobre todo cando está mollada. É moi cariñosa e os seus recibimentos semellan un estourido de ledicia. Para min é a máis guapa de todos os golden que hai en Ribeira.

15.4.09

Resultado e morte

Por fin acabamos co concurso e supoño que os membros do xurado non teremos que reunirnos de novo máis có día da entrega do premio que, non o esquezamos, son tres mil eurazos. O secretario abriu a plica demorando todo o que puido o momento e logo chamou o gañador para darlle a boa nova, pregándolle, iso si, que fose discreto ata o xoves, día en que se comunicará aos medios o fallo. Seica o home quedou máis contento ca un cuco e iso de achegarlle alegría a alguén sempre é moi satisfactorio.

Despois de gozar de días cheos de sol onde fixemos algunhas excursións agradables, levamos unha semana con chuvia, frío e algunha mala noticia desas irreparables que che deixan un sabor algo amargo na boca, a pesar de saberes que contra a morte non hai rebelión que valla por moito que che entre a pena no corazón. Asúmelo con máis ou menos esforzo, pensas nesa nai octoxenaria que despide por segunda vez un fillo, aspiras aire e ollas para adiante dicíndote a ti mesma que cómpre gozar da vida mentres se poida.
Por ti, Tito, descansa en paz por fin.

7.4.09

Concurso

Levo bastantes días afastada de Chesterton e do seu Padre Brown por ter que ler as nove obras que se presentaron ao concurso de novela curta da Centenaria. Había de todo, claro, pero o bo do asunto é que eran curtas. Onte tivemos unha primeira reunión e espero que a semana que vén cheguemos a un acordo.
Dúas chamáronme a atención; unha por mala, malísima. Non sei en que estaría pensando o autor cando decidiu enviala ao concurso. Pero cadaquén é moi dono de probar sorte con calquera produto. A outra, polo contario, está ben escrita, ten ritmo e o autor parecía saber o que levaba entre mans... até o final. Poucas veces lin algo que se estrague de tal maneira por un final fóra de toda lóxica.
Xurárame a min mesma non volver participar como xurado literario e xa se ve que os xuramentos privados non valen de nada. Desta vez non me arrepinto.

29.3.09

Sorpresa

To era un adolescente pasota, rebelde e algo díscolo que se facía os buratos da orella coa axuda dunha agulla de coser e unha pataca. Explicárame o método pero hai tanto tempo que prefiro non lembralo; o da pataca sempre foi un misterio para min, pero parece ser que tiña algo que ver con manter frío o lóbulo.
Agora é un home de trinta e poucos que dá clases de guitarra a todo aquel que teña interese, toca en dúas bandas de música (unha de festas populares e outra de concertos de corda para os que queiran chamalos, incluídos vodas, bautizos e primeiras comuñóns), practica surf, viaxa nunha furgoneta con cama, forno, cociña e todo o necesario para unha emerxencia, vive na planta baixa da casa dos avós ao lado da praia de Vila Real e ten unha conversa sempre interesante.
Foi moi agradable telo na casa, cear con el, escoitar as súas aventuras en Australia e tomar aquela beberaxe tranquilizante a base dunha raíz que os aborixes non cansan de beber no seu día a día.
Ao meu comentario de quen o viu e quen o ve, B contéstame que unha cousa é un homiño e outra un home. Abofé que si.

25.3.09

O pegatina

Pequeno, delgado, cabelo gris e dentes enormes, traballa no mercado dos sábados da vila, o día en que aproveitamos o bo tempo para xantar nunha terraza con Dona aos nosos pés. Custa un pouco lograr que se calme, pero unha vez tranquila non se move a menos que alguén veña a falarlle.
Recoñezo que me molesta o seu que a xente se empeñe en acariciar un can en descanso cando non sabe se se vai alterar; nós estamos comendo ao noso aire e o Pegatina non falla: ponse a uns metros de distancia da nosa mesa e comeza a facer espaventos cara á cadela; logo achégase e non para de sobala até que ela lle dá as dúas patas con gran movemento de rabo. A botella corre perigo de caer ao chan, os pratos abanean de xeito alarmante; agarramos a mesa e procuramos seguir comendo mentres o homiño nos explica polo miúdo a súa vida. Despídese varias veces co aquel de que vai xantar, pero non se dá ido. Por fin, despois de múltiples anuncios, decide que xa é o momento.
A dona do restaurante achégase a nós cun sorriso retranqueiro: Que? Xa estades integrados na vila.

18.3.09

Unha francesa


La tercera virgen de Fred Vargas foi o último libro que lin. Esta novela de enigmas (como di a autora) parécese moito a unha novela negra e como tal a considero. A sensación final que me quedou, a pesar de gozar bastante coa súa lectura, é de que se trata dunha historia bastante rocambolesca sobre todo por un final que semella sacado do sombreiro como por arte de maxia. Hai algún cabo solto que repercute na total verosimilitude da obra e iso para min é un fallo que non se debería producir. Gústanme os libros nos que todo está atado e ben atado.
A pesar de todo está ben escrita, engancha e lese con pracer.

8.3.09

A Chus e Kaplan


Temo que vos vou decepcionar, no sentido de que iso de que os animais senten o malestar do(s) seu(s) dono(s) para min é moi relativo. Quizais Dona estea afeita a verme mover con rixidez, non facer demasiados alardes co corpo e, en xeral, comportarme fisicamente coma se tivese vinte anos máis. O feito é que cando estou nunha das miñas crises, non cambia de actitude. Como sempre pide aloumiños, nesas circunstancias non noto que pida máis do habitual; achégase a min meneando o rabo e ponse en plan que?, dásme uns mecos? Se non lle fago moito caso tómbase aos meus pés e agarda tempos mellores, pero nunca protesta. Hai que engadir que mentres eu estaba maliña ela tivo dous percances estomacais que a mantiveron baixo mínimos e pouco atenta ao que a rodeaba. Non comía, trousaba e manifestábase inquieta ou apagada, tanto que a min me preocupaba máis o seu benestar có meu, que á fin de contas xa é familiar e sei que tarde ou cedo acabará pasando.
As primeiras veces que Dona se puxo mal o primeiro que pensaba é que me ía morrer, algo que a B lle provocaba unha reacción alporizada: Claro que vai morrer. Todos imos morrer. Non lle falta razón, madía leva. Abondaron uns cantos días de reflexión para que se me fose da cabeza (bastante) esa idea traizoeira que non conduce a ningures. Porque, claro, todos imos morrer.

6.3.09

Un vaqueiro moderno

A familia P vive moi preto da miña casa; dedícase a alugar maquinaria diversa e participar en obras que lles encarga o concello ou calquera que os poida pagar. Máis por afección que por necesidade, ten dúas vacas e un cabalo que saca a pacer o pai a distintas leiras da súa propiedade. O señor P lévaos até o prado, déixaos alí o tempo que coida oportuno e logo volve por eles montado nun quad. Dá xenio velo coma un curtido vaqueiro, ben abrigado, guiando o cativo rabaño.
O outro día, xa as portas da corte, berroulle ao cabalo: Eh! Ven aquí. O animal acudiu axiña, refregou o fociño contra a cara do amo, recibiu o seu aloumiño e entrou para adentro. Igual que un canciño.

3.3.09

De volta á normalidade

Unha crise de fibromialxia tívome bastantes días fóra de combate; á parte das dores en todo o corpo, o cansazo sen motivo aparente é o peor de levar; o que en situación normal fago en media hora, cando me dan as crises (tres ou catro por ano, máis ou menos) tardo tres veces máis e teño que parar con frecuencia para recuperal o fol. O desánimo aparece de xeito inevitable, por moito que B me diga que xa sei o que hai e que non consigo nada deixándome levar por el. Como non te vas desanimar se che doe todo, non podes coa alma e o único remedio que che dan é descansar? E se ese descanso aliviase, moi ben, pero non, apenas consegue nada.
Por fortuna xa vai pasando e espero que dentro duns días acabe a crise. Cando menos poderei volver á miña normalidade, que non é como para botar foguetes, pero fai a vida máis soportable.

24.2.09

Cinco

Pois si, xa van cinco anos de blog.

16.2.09

A forza das palabras

Aínda non sei moi ben que pensar de La ladrona de libros de Markus Zusak, un autor australiano bastante novo que usa como narradora a Morte para contarnos a historia de Liesel, ambientada na segunda guerra mundial, unha nena adoptada por Rosa e Hans antes de que estoure a guerra, que carga co seu pasado sen que se faga un drama del. Algunhas opinións din que é sensibleira, aínda que a min non mo pareceu, máis ben penso que a pesar de que no fondo a historia é terrible, tal e como está tratada non conmociona, non fai chorar -como din algúns por aí- nin te remexe por dentro.
Escrita cun estilo directo e bastante doado de seguir, non está exenta de lirismo, de frases bonitas e de certa humanización da Morte que incluso por momentos fai que a vexamos coma unha personaxe simpática ou, cando menos, aceptable.
Merqueina a pesar de non estar moi convencida, tras ler algunhas reseñas e ver que se convertía nun dos libros máis vendidos, algo que por principio non me atrae en exceso. Á fin caín e non me arrepinto, a verdade, pero tampouco me felicito; é unha obra totalmente prescincible que fai fincapé na forza das palabras, aínda que a medida que se vai lendo unha non acaba de atopar ese toque máxico que, en efecto, nos leva a pensar que as palabras teñen unha forza irresistible. Quizais o escritor non conseguiu o que se propoñía.

11.2.09

Por fin



Por fin o cataventos ten uns momentos de respiro e nós, ocasión para sacudir a morriña que se nos instalou dentro sen pedir permiso. Prometeron que mañá, a máis tardar, volverá o sol que se perdeu entre nubes e temporais. O meu lado sensato dime que estamos no inverno e ten que chover; o outro rebélase contra ventos e mareas e atrévese a berrar ben alto que xa está ben, que necesita un pouco de luz entre tanto escuro nubeiro.

O problema de aquí, e máis concretamente do lugar onde vivimos, é que case sempre sopra un vento non necesariamente agradable, sobre todo cando hai alerta laranxa. A pesar de que é moi fermoso, día tras día de ceos grises e chuvias constantes acaban co bo humor do máis optimista.

Quédame o consolo de que na zona só neva cada trinta anos.

3.2.09

T de trampa



Sue Grafton por fin sacou a seguinte novela da serie do alfabeto, ou mellor dito, por fin a editorial sacou a tradución, bastante boa por certo. En T de trampa percibo un cambio no xeito de desenvolver a trama que nos pon decontado cara a cara coa mala, unha vividora que se dedica a suplantar identidades. Pero iso non lle resta intriga nin misterio, quizais ao contrario, pois nos mantén pendentes de como se vai descubrir o enredo, que vai in crescendo a medida que avanza a acción.

Nótase que agora a autora non publica un libro por ano, senón cada dous anos, co cal estes están máis traballados e resultan mellores, para pracer dos seus lectores. Ao meu ver, algúns dos anteriores eran algo frouxos, quizais por ese compromiso de publicar anualmente.

Sempre me pareceu unha escravitude verse na obriga de expremer os miolos cada ano para non perder presenza pública. Penso que un escritor debe escribir ao ritmo que lle pida o corpo, non a editorial. Pero, claro, cadaquén é cadaquén.

27.1.09

Bosch & Connelly



Non lembro moi ben cal foi a primeira novela que lin de Michael Connelly ; creo que Llamada perdida pero non podería aseguralo. En realidade tanto ten porque o estilo deste autor me enganchou até tal punto que procurei andar alerta para conseguir cada novo libro que lle ían traducindo. E así cheguei a Harry Bosch, un personaxe cun pasado escuro que se nos revelará nun dos episodios e que explica algunhas das súas características. El observatorio é a última entrega que, por certo, recibiu un importante premio, protagonizada por este home atormentado (que policía ou investigador que se prece non o está?), perseverante até a teimosía no seu traballo e posuidor dun instinto de sabuxo que o leva a saltar as normas que rexen calquera organización policial. Esa independencia súa méteo en máis dun problema coa autoridade, o que non fai máis que engadir conflitos na súa conflitiva vida. Nesta novela, unha vez máis, o instinto non lle mente e o que parecía obra de terroristas islámicos resulta ser algo moito máis prosaico. E até aquí podo ler.

24.1.09

Audición e outras marabillas

O luns o audífono dereito quedou mudo e eu desfeita pensando que se derramara de vez, pero non; simplemente ten unha rodiña para escoller o volume de 0 a 3 que, aínda que está desactivado, se se pon no 0 produce a mudez do aparello (teño a manía de tocalos de cando en vez para comprobar que están no seu sitio e, claro, os dedos son moi traizoeiros). Alá que me fun á "clínica", pensando no peor -coma sempre-, e alivíanme explicando algo tan sinxelo; aproveito que estou alí e pídolle á amable audioprotesista que me suba o volume dos artefactos para escoitar mellor a voz humana.
Oh, marabilla! Agora case non teño que dicir a cada pouco "como?", "que?","repíteme". O veo que antes me impedía percibir con nitidez o que me dicían case desapareceu. O vento, que antes case non notaba, zoa nas miñas orellas cunha forza inusitada. Ruídos que non acabo de identificar, pero que son tan sinxelos coma a lavadora, a lavalouza, o correr da auga na billa e outros matices tan cotiáns coma eses, chegan aos meus oídos e volvo marabillarme coma a primeira vez que escoitei de verdade o rechouchío dun paxaro. Incluso escoito a Dona roncar cando dorme, algo que pensei que era unha fantasía de B.
Iso, unido ás ganas que me volveron de escribir outra vez, fai que o mundo adquira unha profundidade distinta. Agora só teño que poñerme diante do ordenador e obrigar a mente a concentrarse na creación de mundos diferentes. A ver se é certo que a seca, esta seca que xa dura anos, está a piques de rematar.