27.2.08

Última entrega, e II

Entre os comentarios que lin por aí sobre Harry Potter y las reliquias de la muerte chamoume a atención sobre todo un que se queixaba de que morresen algúns personaxes que nos acompañaran ao longo de case todos os libros. Debía ser alguén bastante novo, supoño eu, para que a morte lle produza tanto desacougo, á parte de que se hai alguén presente na serie é precisamente ela, ou Ela, como se prefira.
Por outro lado, desde o punto de vista literario, non resultaría crible que morresen tantos mortífagos e ningún compoñente do outro bando, sobre todo se temos en conta que estamos perante unha guerra de verdade na que se xoga o dereito a ser libre, entre outros dereitos.
Outro comentarista amosábase moi satisfeito de comprobar que no último libro se vise que a autora tiña todo pensado de antemán, pois detalles que apareceran nos anteriores e non quedaban nada claros ficasen agora desvelados. Pois claro que o tiña todo pensado de antemán! Quen podería dubidalo? A obra está moi traballada, crea un universo particular con toda unha serie de miudezas que contribúen a conformar un ambiente verosímil, case real.
Aos que soltan con desprezo que o éxito das novelas se debe a unha fabulosa campaña de mercadotecnia cumpriría lembrarlles que o despegue e o éxito aconteceron primeiro e só cando estes estaban conseguidos comezou a propaganda e todo o demais.
Confeso que me dá certa mágoa que a serie remate, aínda que tamén me decato de que o tema non daba para moito máis que para repetirse e idear situacións de xeito indefinido, algo que non creo que estivese na mente da autora. Dixo que os libros serían sete e foron sete. A iso chámolle eu coherencia.

Ningún comentario :