20.2.11

Aniversario

Si, sete anos vai facer este blog dentro de tres días. Sete anos e non é dos máis vellos que segue en activo, aínda que a frecuencia que manteño deixe bastante que desexar; pero é que, amigos, as cousas son un pouco complicadas para escribir máis. Cóntovos unhas cantas non tanto para xustificarme canto para explicarme.

Gústame (e sei que a algúns dos meus escasos lectores tamén lles gusta) describir certos personaxes que pululan por aquí; de feito estou rabiando por compartir convosco algúns, pero esta é unha vila pequena onde son máis coñecida do que me interesa e bastante xente sabe da existencia de Gradicela. Xa me ocorreu unha vez comentar un detalle sen maior importancia dunha persoa e ferir a súa susceptibilidade, de xeito que non volveu a poñerse en contacto comigo. Iso obrígame a andar con pés de la co que digo, porque de verdade me molesta ferir a ninguén.

A miña vida é moi sinxela e non teño grandes relacións; pregúntome a min mesma a quen lle pode interesar o que fago ou o que penso. As miñas actividades en xeral redúcense a levar e traer a B do instituto, facer o xantar, contemplar como xogan as cadelas (canto río!), acaricialas (case nin sequera podo xogar con elas, pois sempre acabo lesionada), ler, observar a xente, acudir relixiosamente a fisioterapia, ir ás reunións do club de lectura (prometo espraiarme no futuro) e durmir a sesta. Hai algo comentable en todo iso? Supoño que si, pero...

Desde que Dona e Melas están aquí teño que ocuparme delas, pasarlles a carda, darlles de comer e atendelas cando veñen mimarrear. Gústame sentir nos dedos o contacto co seu pelo, quitarlles as lagañas dos ollos, proporcionarlles pracer dándolles os aloumiños que lles gustan..., en fin, contribuír no que podo á súa felicidade e iso leva tempo.

Este ano está resultando fatal para a miña fibromialxia; o pasado tiven epicondilites nos dous brazos, o que me dificultaba o uso do ordenador. Agora tocoulle aos cadrís e aos ombreiros e pescozo, o que tampouco axuda moito para teclear. En fin, pequenas miserias.

Non teño pensado pechar o blog polo de agora; procurarei escribir con máis frecuencia, pero o tempo pásame tan veloz que, cando me decato, xa transcorreron semanas desde a anterior entrada.

Graciñas por estar aí.

7.2.11

Gozando


Hai vinte e tantos anos que Patricia Cornwell iniciou a serie da forense Kay Scarpetta, un personaxe que vin evolucionar ao longo das novelas; tamén vin medrar a súa sobriña Lucy, convertida hoxe nunha muller valiosa e problemática, sobre todo para ela mesma. O que me gusta das series cando son boas é precisamente iso: a posibilidade de ir coñecendo pouco e pouco os protagonistas e secundarios, descubrir en cada entrega un detalle novo das súas personalidades e os cambios que se producen nelas por mor das vicisitudes das súas vidas. En El factor Scarpetta a autora móvese coma peixe na auga por unha trama complexa chea de personaxes que achegan novidades interesantes. Hai diálogos que son unha gozada, matices que estimulan a imaxinación e, en fin, toda a obra leva a pensar que unha non perdeu o tempo lendo, o que non é pouco.

30.1.11

Personaxes

O Mochilas é un ionqui que un bo día, hai tres ou catro anos, aterrou na vila. Un tipo miúdo, baixote e delgado, coa faciana bastante fresca e redonda que non acusa os estragos do vicio, aínda que nos últimos tempos o vexo máis escuro de pel, coma se o seu ir e vir polas rúas o fose torrando devagar. Tamén nos últimos tempos incorporou un can á súa andaina, un can mediano de tamaño, marrón de pelo e de orellas caídas, ao que berra de cando en vez sen ningún tipo de inhibición; tamén xoga con el, porque é noviño, nos caixeiros automáticos cando vai moito frío, e no medio da beirarrúa cando o tempo axuda. Non lembro moi ben cando comezamos a falar, creo que unha mañá no mercado en que B e mais eu levabamos a Dona e el buscaba comida ou comerciantes aos que axudar a recoller para conseguir uns céntimos. Coñeciámolo de antes pola súa cortesía cando pedía as tapas das terrazas ou cartos que se lle denegaban porque me desgusta alimentar vicios alleos. Pero é tan amable que un día de debilidade deille unhas moedas diante dun supermercado, mentres esperaba por B; desde aquela, cando me recoñece, diríxese a min ao golpe de señora ou chica para pedirme cartos e cambiar unhas palabras comigo. O sábado estaba todo indignado cando lle preguntei que tal lle ía ao can; a policía local obrigouno a mercar un colar e unha correa (cousa que aplaudo, pois non me parece de recibo que os animais vaian soltos pola rúa), que lle custaron máis de trinta euros. Pero o seu cabreo debíase a que agora o obrigan a mercar unha buceira porque din que o can é perigoso. O canciño cheirábame e ollábame desde abaixo mentres eu buscaba a carteira e nos seus ollos canela non vin a menor traza de agresividade. Véxoos cando levo a B ao instituto porque o centro de día de drogodependentes está xusto enfronte; o can agarda fóra e cando o Mochilas sae ladra de contento e corrica ao seu redor cheirándoo todo. Agarroume as bolsas mentres buscaba os cartos, deume as grazas cando llos dei e ningún dos dous se explicaba por que a policía local se metía cun can tan riquiño coma o seu.

17.1.11

De libros

Alterno a lectura de El corazón de las tinieblas (libro que comentaremos o xoves no club de lectura) con As aventuras de Sherlock Holmes, de estilos e temática bastante diferentes. Até o de agora non lera o primeiro, a pesar de que o merquei hai tempo a raíz de ler Vagabundo en África de Javier Reverte. Non lembro por que naquel momento fun incapaz de poñerme con el, se cadra polo seu estilo decimonónico e por veces un chisco ampuloso que me leva a pensar que hoxe xa non se escribe así. Reverte alude constantemente a el na súa obra (por certo, moi amena e instrutiva) de xeito positivo e, como África me atrae, pareceume necesario conseguilo.
En certo modo decepcionoume, quizais porque leo novelas de psicópatas con relativa frecuencia e estou afeita ás truculencias literarias; aquí non se amosa nada que poida ferir sensibilidades, só se insinúa, sospeito que pola época en que foi escrito. Non imaxino a ningún novelista do XIX entrando en detalles sórdidos. As descricións son vívidas e mesmo poéticas, o que contrasta poderosamente co que se narra, pero ás veces faise pesado por prolixo.
Claro que non se debe xulgar unha obra do pasado con criterios actuais; tan só se pode intentar meterse na acción e deixarse levar. E aínda que na miña mocidade era moi afeccionada á novela decimonónica, confeso que me custou entrar nesta.

3.1.11

Primeiros paseos do ano


Aínda que non chego aos sete meses, son case tan grande coma mamá e corro e chouto máis ca ela polo monte. Estes días pola mañá aquí estivo un tempo estupendo e fomos con Peke e B ao monte; encántame ir ao monte porque, entre outras cousas, me deixan ir ceiba, agás cando cruzamos as estradas, e podo corricar, cheirar, osmar e comer piñas como fai mamá acotío. De cando en vez atopamos algún amiguiño, como o de Sarreiras, que é pequeno pero sabe seguirme o xogo de marabilla. O sábado nadei por primeira vez nunha das pozas e foi unha sensación tan agradable que repetín varias veces.
Tamén estivemos uns días en Teucro e puiden xogar con Tobi, a quen non vía desde que eu era moi pequecha, pero a el non lle importou; creo que me recoñeceu polo cheiro. Iso si, non me deixaron entrar no cuarto da mamá de B que seica está moi maliña, pero nun momento puiden coarme e subir enriba dela para darlle ánimos, aínda que creo que ela non se decatou.
Mamá é unha golden moi guapa e din que me parezo a ela, só que eu non son branca, senón negra, e teño o fociño máis estreito, de xeito que cando Peke nos deixa lamber o frasco de salsa de tomate case non pillo nada, porque mamá é moi voraz para as chuches e non podo case respirar. Pero, con todo, mamá é boíña e xoga comigo aínda que non teña moitas ganas: perségueme, ládrame, vénceme nas batallas e ás veces pelexa comigo por algún xoguete. É moi boa mamá. Agora vaise achegando a hora de cear e se hai algo que non perdoo son as comidas; encántame comer.
Por veces Peke preocúpase por se son feliz e pódolle asegurar que son unha cadela moi feliz porque son eu mesma, sempre coa incomparable axuda de mamá.

21.12.10

Club de lectura


Este mes tocou Tres sombras de Cyril Pedrosa, un autor francés que non coñecía e cuxa obra deu para falar moito na xuntanza do xoves.
A min gustoume en particular a variación de estilo no debuxo segundo as circunstancias do relato; por veces crías estar nun ambiente bucólico e apracible, outras metida nunha voráxine de xente e movemento moi ben conseguido e, por fin, outras, nun mundo barroco e sofisticado cheo de sombras e claroscuros.
A case todos os presentes lles gustou, aínda que un sinalaba que esperaba máis literariamente falando; outro comentou que algunhas viñetas lle deran medo, pero a maioría sentiuse conmovida por unha historia de amor e morte, de renuncia e xenerosidade moi ben plasmada.
E como non sei se terei ocasión de volver por aquí nuns días, aproveito para desexarvos felices festas e un 2011 máis cálido e con máis traballo para todos.

6.12.10

Unha da Garda



O comandante Sam Vimes persegue un máis que asasino e por unha desas estrañas cousas que ocorren en Mundodisco, os dous desaparecen do presente e retroceden bastantes anos ao pasado, de tal xeito que o comandante se atopa consigo mesmo cando era un garda bastante inexperto.

Non sei que teñen as novelas de Terry Pratchett (en realidade si que o sei) que crean adicción quizais porque producen ese enorme pracer que te reconcilia coa lectura. E iso que cando comecei Ronda de noche e vin que había unha viaxe temporal púxenme nerviosa. As viaxes no tempo provocan en min un desacougo inquietante, se cadra porque escapan á miña comprensión ou se cadra porque me asustan as consecuencias que se poden derivar de verte a ti mesmo con trinta anos menos. Non sei se nese caso sería capaz de evitar caer na tentación de dicirlle ao meu eu máis novo unha serie de cousas para que non sufrise tanto ou non cometese tantas parvadas; por outro lado, son consciente do inútil que resulta dar consellos a ninguén, incluído un mesmo. No mellor dos casos non me prestaría atención; no peor, cambiaría o meu presente e, á fin de contas, non estou moi segura de que me gustase ser outra distinta.

24.11.10

En feminino



Louannn Brizendine é doutora en Medicina por Yale e licenciada en Neurobioloxía por Berkeley, impartiu clase en Harvard e na Universidade de California en San Francisco, amais de fundar en 1994 a Women's and Teen Girl's Mood and Hormone Clinic, un centro dedicado a asesorar e tratar mulleres con alteracións no humor, a capacidade de concentración e a enerxía, con ansiedade ou con transtornos sexuais e déficit de benestar atribuíbles ás influencias hormonais sobre o cerebro. Até aquí o que di a lapela de El cerebro femenino que eu merquei no Círculo de Lectores e lin estes días con moito interese. Sabía cousas xa relacionadas co tema, pero esta lectura clarificou moitas outras que pertencían a unha nebulosa intuitiva. Non hai cerebro unisex, por fortuna ou por desgraza; por fortuna, porque a diferenza dá color á vida e coido que sería moi aburrido que todos fósemos iguais; por desgraza, porque esas diferenzas reais e constatables produciron e producen malentendidos sen fin que amargan a vida case por igual a homes e mulleres. Aínda que é un libro técnico, resulta de doada lectura e moi ilustrativo para os homes para coñecernos e comprendernos mellor e para as mulleres para entender que as flutuacións ás que a Natureza nos somete non son un castigo divino, senón algo distinto.

17.11.10

As nenas



Dous anos e nove meses a branca e cinco meses a negra. Nai e filla.

Se miro para atrás abráiome de min mesma por convivir con dúas cadelas, coidalas, limpalas, darlles de comer, pasarlles a carda e preocuparme polo seu benestar. As dúas buscan aloumiños case constantes; Melas ponse panza arriba para que lle acaricie a barriga, non sei de onde sacou esa paixón; Dona, pola contra chuza co fociño para que lle acaricie a cabeza. Se fose por elas estaría todo o día sobándoas. Non entenden que che doia o lombo e che custe agacharte, elas ao seu. Cando preparo a comida róldanme coma aves de rapina a ver se lles cae algo, e cáelles, claro; como non lles vai caer con esa cariña que poñen! A nai axuda moito na educación da filla e libéranos a B e a min dalgunhas tarefas; semella incrible, pero así é.

14.11.10

De egos



Gocei moito con Egos revueltos de Juan Cruz porque me gustan os libros de memorias, biografías e autobiografías de persoas que me suscitan interese ou tan só curiosidade; e aínda que os premios non sempren avalan a calidade literaria, neste caso súmase o XXII Premio Comillas 2009, ao meu entender ben merecido.

Aínda que as lembranzas son subxectivas, unha non ten a impresión de que o autor deforme a realidade ao seu antollo, senón que a trata con relativa distancia ou, cando menos, o semella. Hai escritores que me interesaron máis ca outros, pero a todos os tratados nótaselles un lado profundamente humano que os fai en certa medida simpáticos, agás quizais aqueles co ego tan desmesurado que chegaron a provocarme algo parecido a un calafrío de mágoa e irritación. Prefiro non dar nomes para non facerlles unha propaganda, cativa se cadra, mais innecesaria.

7.11.10

Movemento



A estas alturas debería ser de sobra coñecida a miña devoción por Michael Connelly e o seu detective Harry Bosch, ese que ten tendencia a meterse en tantas leas cos seus superiores polo vicio de traballar ao seu aire e pensar que todo o peso do mundo do mal recae sobre os seus ombreiros. Desta vez non ten problema ningún en marchar da noite para a mañá a Hong Kong para salvar a súa filla Maddie dun secuestro que coida relacionado co seu último caso, o asasinato do señor Li, o ancián propietario dunha tenda de licores en Los Ángeles.

Sorprendeume que Maddie teña xa trece anos, cando eu a deixei con seis ou sete, o que me dá a idea de que debín de perder algunha entrega, pero tanto ten. A presenza de Maddie, que vive coa súa nai, Eleanor Wish, antiga axente do FBI e actual xogadora de póquer profesional, non é unha constante nas novelas de Harry Bosch, senón que aparece de cando en vez desque Harry descobre a súa existencia. Porque si, Eleanor abandona a Harry embarazada e non lle di nada ata que el, nunha desas investigacións que tanto se bifurcan, dá con elas cando a súa filla xa ten catro anos.

Hai sorpresa final, desas que che fan tremer as mans para non lle dar unha labazada a ningunha criatura.

24.10.10

Club de lectura


Non sei de quen foi a idea de ler El tiempo entre costuras de María Dueñas, pero tanto ten; o caso é que a lemos e comentámola hai uns días. Fun eu a primeira que empecei para dicir coa miña contundencia habitual -acotío tan mal entendida- que a este libro lle sobraban trescentas páxinas como mínimo. Non teño nada en contra dos novelóns, pero si das repeticións sen xustificación, das obviedades e dos comentarios por parte da narradora protagonista que non fan falta ou, en todo caso, debería amosar o propio decorrer da narración.
Houbo algunha persoa que comentou que a novela enganchaba e non o dubido porque vai pola vixésimo quinta edición (non serei eu quen poña en solfa o gusto dos lectores) e, de feito, lina de seguido e sen maiores interrupcións, pero notando a cada pouco o que chiaba e facendo xestos de desgusto de cando en vez.
A ambientación está bastante ben conseguida, iso si, os datos históricos son cribles e o motivo principal é orixinal, pero ten que haber algo máis nun libro de máis de seiscentas páxinas.

15.10.10

Patas



Melas xa ten catro meses. Descubriu o puf e decidiu que ese era un bo lugar para botar sestiñas, sobre todo porque os donos a deixan.

É unha provocadora nata; encántalle mordelle as orellas, o papo e as patas á nai para que esta xogue con ela, pero son un par de brutas e xa recibín algún que outro mordisco perdido sen comelo nin bebelo.

O outro día no monte foi correndo a xunto doutro can que a recibiu cun bo mordisco. Agora ten a súa primeira ferida de guerra.

É unha cadela bastante boíña e a nai axuda moito a educala. Anda cambiando os dentes e bótalle a boca a todo, iso é o peor.

2.10.10

Lección de realismo


Nunca me atraeu demasiado Elvira Lindo, se cadra influída pola opinión desfavorable que dela teñen os meus achegados máis próximos. Si, recoñezo que é unha debilidade de carácter, coma unha de tantas que nos conforman, pero así é a vida. Se non fose por Arume dos piñeiros probablemente non a tería lido, pero el soubo picarme a curiosidade, cousa que lle agradezo. Porque Lo que me queda por vivir é unha novela moi ben escrita, por momentos tenra, por momentos dun realismo case patético, por momentos incluso lírica. Non necesita Lindo seiscentas páxinas para plasmar a personalidade de Antonia; nunhas modestas duascentas sesenta e sete apáñase de marabilla para construir unha novela sólida, moi agradable de ler e na que se adiviña moita alma por parte da autora.

29.9.10

Ilusión



A encantadora X de Selva de Esmelle fíxome o honor de concederme este premio que anda pululando polos blogues nos últimos tempos. Quédolle agradecidísima, aínda que son consciente de que moito non o merezo, pois non actualizo a miúdo e sei que un blog hai que aloumiñalo máis do que eu o fago. Procurarei reformarme no futuro.

Sei que debería seguir a cadea e nomear outros tantos blogues, pero a maioría dos que citaría xa están premiados, así que sería absurdo darlles outra vez o mesmo premio.

19.9.10

Lerias



Ignoro se será por vivir nunha aldea de Ribeira polo que me falla tanto o ADSL, pero o feito é que me falla moitísimo e con frecuencia.

A B este ano cambiárono de instituto por decreto administrativo e non acabamos de ver a claridade do asunto; tomou as súas medidas, pero dubido moito que se solucione algo a estas alturas, pois o curso comeza mañá.

Por fin acabaron o pozo; tardaron o seu pero quedou bastante lindo. Agora só lle faltan un par de detalles e estará rematado por completo.

Melas tennos acribillados a todos, empezando pola nai -que está cuberta de costras-, pasando por min -que teño o brazos cheos de feridiñas- e rematando por B -a quen lle pillou un dedo e case llo atravesa-. Está mudando os dentes e lanza a boca a todo o que se lle pon por diante. E aínda haberá que esperar un ano para que acougue un chisco!

21.8.10

De ornitorrincos



En realidade a filosofía non me interesa en absoluto, que lle imos facer. Supoño que son pouco ou nada intelectual e que as comeduras de coco da Humanidade só me atraen de cando en cando e en pequenas doses; por riba en Platón y un ornitorrinco entran en un bar... explícanse as tendencias adobiadas con chistes que non me facían graza ningunha, nin un sorriso me arrincaban. Se cadra o problema está en que o meu sentido do humor deixa bastante que desexar ou que este en concreto é demasiado ianqui para o meu gusto.

10.8.10

Memoria


Chámome Melas e hoxe hai dous meses que nacín, dunha maneira algo accidentada, todo hai que dicilo, porque mamá estaba moi nerviosa. Peke aínda non foi capaz de facerme unha foto en que non lle salte o flash, porque son tan negra, tan negra, tan negra, que sempre que me enfoca a cámara ponse tola e non hai xeito de que se comporte.
Hoxe Peke pasouno de medo relendo un libro que hai corenta anos ou así (a min paréceme unha barbaridade) leu por primeira vez: Papaíto piernas largas de Jean Webster. Unha cadea de alimentación e variados ofrecíao a cinco euros e B regaloullo en canto soubo da relación sentimental que Peke tiña con el. Polo que me dixo, cando o leu por primeira vez sentiuse identificada coa protagonista e cando viu a película (os musicais encantábanlle) quedou prendada da historia, de Fred Astaire e de Leslie Caron. Toda unha vida á que eu xamais poderei aspirar, porque como todo o mundo sabe, os cans non pasamos de catorce ou quince anos, agás casos moi puntuais. A cuestión é que Peke cedeume a min a voz porque se sente moi emocionada, tanto polos meus dous meses de vida como pola relectura, que a levou ao vello sofá da casa familiar onde pasou algunhas tardes (antes lía máis devagar) embebida na vida de Judy cando aínda non sabía que cousa estraña era a Universidade.

Actualización: Aquí está a foto, por desgraza con flash a pesar de estar tomada ao mediodía.

3.8.10

Sucesos

Chegamos de pasar uns días en Teucro e atópome o ordenata cun virus que non hai xeito de eliminar. O bo de B aplícase durante varios días e á fin desiste, así que o levamos ao médico de ordenadores quen confesa as grandes dificultades que tivo para sacalo de aquí, até o punto de sentir enormes desexos de formatealo de novo e acabar pola vía rápida. Menos mal que non o fixo! Aínda que a experiencia me aprendeu a copiar todo, creo que o virus pasou ás copias e haberá que desintoxicar o lapis máxico.
No club de lectura comentamos Fin de século en Palestina, que non levanta grandes paixóns a pesar de que está moi ben escrito, coma case todo o de Miguel Anxo Murado. O próximo recomendado é Platón y un ornitorrinco entran en un bar... cuxo título a B non lle inspira ningunha confianza. Veremos que dá de si.

14.7.10

Visita



Non sei se mamá coidaría que Dona é unha dama (como a cualificou nun determinado momento) se a vise rebuldando así de contenta unha das primeiras veces que saíu do tobo. Estivo aquí unha semana gozando cos cachorros e a nai, incluso viu as dúas mulleres que levaron unha femia e o macho para os seus fogares; agora só queda Melas, a outra femia que presentarei en mellor ocasión, cando medre un pouco máis e poida permanecer quieta o tempo suficiente para facerlle unha foto que non saia mal.

Mamá está nunha época da súa vida en que o pasado remoto aparece moito máis vívido có presente e tivemos ocasión de escoitala contar cousas da súa nenez e mocidade, transcorridas durante a guerra civil e a inmediata posguerra; bastantes xa as coñecía; outras éranme novidosas e a medida que relataba a min non deixaba de abraiarme a súa memoria de elefante, quizás porque a miña se asemella máis á dun mosquito e, por riba, traizóame con frecuencia.