9.8.12

Visita familiar

Se algo agradezo do paso do tempo é que vaia convertendo determinados membros da familia en colegas, feito que hai vinte ou máis anos semellaba imposible. Os nenos xa non son nenos, a avoa segue encamada pero intenta esforzarse por comunicarse, malia que lle custa, os adultos fomos limando asperezas e chegamos a un punto en que nos gusta estar xuntos porque nos entendemos bastante ben e, sobre todo, aceptamos o que somos hoxe e imos comprendendo o que fomos no pasado. Todos temos algo que achegar: bromas, problemas, ledicias e tristuras; experiencia en suma. É bonito. Moito.

31.7.12

Pobre Salvù!

Leo con enorme deleite, desde que chegou ás miñas mans o primeiro volume (alá por 1998, máis ou menos), a serie creada por Andrea Camilleri cuxo protagonista é Salvo Montalbano, comisario de policía en Vigàta, Sicilia. Cando llo recomendei a miña nai, tiña as miñas dúbidas pola linguaxe desinhibida e malsoante que podía molestala ou escandalizala (agora, con 87 anos, goza coma unha meniña co que ela chama "ocorrencias" dos personaxes), pero tamén tiña a seguranza de que a calidade literaria deste escritor siciliano ía cativala. E non me trabuquei.
En La edad de la duda atopamos un Salvo consciente da súa idade (58 anos que o persoal non fai máis que lembrarlle), que sofre os sobresaltos dun súpeto namoramento, dun auténtico frechazo, que lle remexe ata as máis escuras e agachadas vísceras que acubilla no seu interior. Os seus ires e vires internos flutúan con todos os matices esperados e inesperados que mesmo chegan a desconcertar por momentos os seus colaboradores.
Non debo dicir máis, pois temo que calquera cousa que engada poida destripar algo que só a lectura debería facilitar. Insuperable (ou case).

28.7.12

Grazas, señor Auster

Estimado señor Auster:
Antes de nada debo dicir que me enfeitizan os libros de memorias; si, enfeitízanme, non sei moi ben por que. Se cadra (é un falar) por ese fluír da memoria que adoita recobrar o que coida importante nunha existencia chea de acontecementos diversos; se cadra porque me gusta albiscar -ou axexar- vidas alleas a través da palabra, ou, se cadra, porque me agrada a sinceridade, ou algo que se lle asemella, se está ben escrita.
Gocei moito do seu libro Diario de invierno por bastantes razóns, sospeito que unha delas é que non atopei unha autobiografía convencional (o uso da segunda persoa narradora é un achado); tamén sospeito que as súas frases curtas e contundentes teñen moito que ver (nada de filigranas verbais nin melindres idiomáticos, senón precisión concisa e fermosa na expresión), esa elegancia en dicir cousas molestas para outros sen insultalos e, quizais por encima de todo, por esas constantes declaracións de amor incondicional cara á súa dona, Siri Hustvedt, e a súa admiración por ela.
Se cadra son demasiados os factores que me fixeron volver atrás, reler e compracerme nas súas palabras, pero o que non ten ningunha dúbida é que a lectura me entretivo unha barbaridade e me fixo reflexionar.
Con todo o meu respecto, un bico.
Peke.

27.7.12

Club de lectura

Do que menos se falou onte na xuntanza foi da novela escollida; eu, menos ca ninguén, pois non a lin enteira ao non atopar o libro en papel. Só estivemos cinco persoas e esa escaseza de concorrencia adoita ser normal durante o verán ao marcharen moitos de vacacións. O que son as cousas: a vila énchese de xente de fóra e a de aquí marcha xalundes.
Nós, co mar a trescentos metros da casa, o monte a douscentos e o centro urbano a mil, gozamos de todo o que nos semella importante na vida, así que... para que movérmonos?

21.7.12

Saída en familia

A festa comezou pola tarde e continuou de noite, ignoro até que hora (se é que a houbo) porque nós os catro nos retiramos cara ás tres. Era a primeira festa da dorna de Melas, que observaba todo entre asustada e abraiada e por veces refuxiábase baixo a cadeira de B; Dona, ao meu lado, decidiu que se apoiaba na miña perna para sentirse protexida, pois había moito tempo que non permanecía nun ambiente tan ruidoso.
Os grupos distínguense polas camisetas de distinta cor e o nome inscrito nelas, aínda que todos comparten semellantes vasos de plástico con bebidas máis ou menos idénticas; tamén comparten a excitación da festa, as cervexas, os risos e, a partir de certo momento, o colocón.
No parque onde ceamos había un mundo de xente, toda ela ocupada en falar, cantar, beber, fumar e divertirse; pero cando a gaita se puxo a soar, tivémonos que ir: os audífonos facían tremelucir os sons no meu cerebro e iso, meus, non hai quen o ature.

14.7.12

Aos poucos

A Eduardo Galeano non cómpre presentalo porque é abondo coñecido pola súa deliciosa prosa e o seu compromiso cos desherdados do mundo. Vou lendo aos poucos o seu último libro, igual que se toman as menciñas ou os bombóns: sen enchentes.
Posúe este home a capacidade de expresarse sen alardes, con precisión e beleza, calidade que comparten moitos escritores de América do Sur. Na súa pluma as palabras adquiren unha forza e unha sonoridade difíciles de atopar, por iso mesmo resultan tan valiosas.

El Más Acá (Junio 29)
Dizque dicen que hoy es el Día de san Pedro, y dicen que él tiene las llaves del Cielo.
Vaya uno a saber.
Fuentes bien informadas aseguran que el Cielo y el Infierno son nada más que dos nombres del mundo, y cada uno de nosotros los lleva adentro.

6.7.12

Unha noite estupenda

Hai tempo que a coñezo en persoa porque un bo día venceu a súa presunta timidez e abordoume na terraza dun bar. Fómonos descubrindo devagar, a base de conversas, intercambios de opinións, quedadas e cooperación. Devagar, como cómpre.
Temos compartido os catro -ou os cinco- xantares, tés e ceas con fluidez e agrado, sempre con risos ou francas gargalladas, porque se algo caracteriza a esta muller é o sentido do humor e a fortaleza (aínda que ela non o crea). Na cea de onte non faltaron a alegría, as ocorrencias, os comentarios e -por que non?- algunhas rexoubas. Tanto B coma min pasámolo de medo con ela e o seu home ("eu escollín o mellor", dixo todo cheo nun momento da noite que conseguiu entenrecerme), a pesar da súa dor e de non saber como poñer o brazo para estar cómoda.
Ao chegarmos á casa B e mais eu aínda tardamos en apagar a luz, pois tiñamos gana de comentar, de volver rir e de gozar coa lembranza da noite compartida. Unha noite estupenda.

30.6.12

Un encontro afortunado

Mentres B asistía á última xornada do curso, eu mantiña unha conversa cunha muller cuxo camiño a levou lonxe de aquí por unha tempada. A faciana resultábame moi familiar, pero había nela algo diferente e aínda tardei un chisco en decatarme de que, en efecto, era quen eu coidaba.
Desde que vivo na vila non tivera ocasión de falar con ninguén da busca de si mesmo, de meditación, espiritualidade e relaxación. E gustoume comentar vivencias e procesos nos que ela -bastante máis nova ca min- se atopa inmersa e eu vivín no pasado con intensidade. Supoño que as circunstancias influíron en que fose abandonando amodiño a autodisciplina necesaria -imprescindible, máis ben- para seguir afondando en min mesma e sentirme mellor.
A conversa levoume a lembrar e verbalizar aspectos e detalles que foron quedando arrombados no famoso baúl, e a decatarme de que poucas veces na vida todo está perdido.

24.6.12

Club de lectura

O xoves pasado tivemos a sorte de contar no club de lectura coa presenza de David Rubín, que nos falou polo miúdo da súa última obra, do proceso de elaboración e distribución. B e mais eu xantamos con el e escoitamos de primeira man e en exclusiva detalles do segundo tomo, de como resolveu esta ou aquela dificultade; incluso nos amosou debuxos, aínda a lapis, que tiña no seu iPad.
A pesar de que fervía por botarlle o ollo e as mans enriba, preferín agardar a decembro, cando saia en papel, para gozar plenamente da obra rematada.
Cando chegamos á casa pola tarde, Dona e Melas recibírono con grandes meneos de rabo e outras mostras de ledicia, coma se fose un habitual; Dona case non se despegou del, apoiou a cabeza no seu xeonllo mentres o miraba con cariña extasiada e estivo pendente en case todo momento dos seus movementos e acenos. Seguro que soubo o especial que era o visitante para nós.
Desde que o coñezo -hai case vinte anos- asistín á súa evolución como artista e persoa e alédame constatar canto medrou e o que conseguiu con esforzo e traballo, con paixón e perseveranza. Así se fan os heroes.

20.6.12

Corricando

Vino nos escaparates e nos expositores, pero non me decidín a mercalo, a pesar de que a escrita da autora non me desgusta nada; por riba, con ese título, prometía praceres que só a primeira persoa sabe fornecer ao falar de si mesma. Se en anteriores obras albisquei un corazón sensible e cultivado, nesta confirmei que o estilo, en aparencia sinxelo (ese tan difícil de conseguir), está cheo de detalles e matices que converten a lectura nun desexo de afondar un pouco máis no mapa humano e literario da escritora, no seu mapa vital.
O libro caeu nas miñas mans por azar: un amigo ofreceu prestarmo e accedín decontado. Non coñezo N.Y. en persoa nin creo que algún día chegue a cruzar o océano para pousar alí os pés, pero tampouco será unha gran perda mentres teña a oportunidade de ler sensacións, tenrura, acontecementos e vivires plasmados dun xeito tan auténtico, delicado e veraz.

16.6.12

A tregua do clima

Ata onte nunca tivera ocasión de participar no bautismo dunha rúa, mellor dito, do recuncho dunha praza: o recuncho García Márquez. A chuvia ameazou durante todo o día con deslucir o acto ou obrigar a trasladalo ao Ateneo, pero á hora da verdade escampou por completo e todo se desenvolveu sen atrancos.
Había bastante xente observando e escoitando: alcalde, concelleiros, próceres varios e persoas de a pé reuníronse para a ocasión. Léronse uns parágrafos de Cien años de soledad en inglés e en galego, e o maior fanático que coñezo do autor colombiano expuxo con elocuencia as razóns que o moven a adorar a súa obra. Non podían faltar a intervención do presidente do Ateneo nin a coda final do alcalde antes de descubrir a placa conmemorativa, cuberta ata ese momento cunha tea negra amarrada cun lazo azul. Ao remate, a inevitable sesión de fotos á que se sumou boa parte dos asistentes.
Logo, uns viños no Plaza para comentar o evento e, á fin, unha deliciosa cea na Casa Fontao, que volveu abrir as súas portas non hai moito tempo.
Tanto ruído resultou excesivo para os meus pobres oídos e marchei para a casa baixo a chuvia observando abraiada vestimenta e calzado da xente nova que saía de marcha.

10.6.12

Dous anos

Así me atopou Peke a noite en que nacín, hai dous anos xustos. Mamá corría pola horta a medida que nos soltaba; B ía detrás recolléndonos, e Peke coa cámara facía fotos e agrupábanos.
Eu non me lembro de moito, que vou lembrar!, pero a noite -polo que din os vellos- foi toledana. Mamá non quería responsabilizarse daquilo, estaba asustada e non sabía qué eran aqueles tres bechos que lle saíran de dentro. Estivemos once horas sen comer, ata que conseguiron que ela nos aceptase; logo todo foi de seu.

2.6.12

Citas

Non hai noite tan longa que non remate en día é unha frase de Shakespeare que coñecín na novela de Agustín Fernández Paz. Os membros do club de lectura que acudiron á xuntanza do xoves non amosaron excesivo entusiasmo por esta obra: os personaxes resultáronlles planos e o estilo, demasiado sinxelo; gustoulles a trama, a pesar de que algúns detalles chiaban coma ratos e semellaban fóra de lugar, pero en xeral o libro quedoulles pequeno.
Aos adolescentes, porén -segundo a encargada da biblioteca do instituto de B-, encantoulles pola súa axilidade e fluidez e porque non se tardaba moito en lelo.
A min tampouco me pareceu nada do outro mundo, se cadra por esa sensación sibilina de que pretende máis do que consegue, aínda que non teño unha idea nada clara de cales foron as pretensións que moveron o autor.
Lembro outros libros de Fernández Paz moito máis logrados, pero, claro, as cousas non sempre saen como un desexaría.

27.5.12

Futura colleita

Estes pexegos aínda en formación pertencen a un pexegueiro que viviu nun testo durante bastante tempo alá en Auria e en Monte Lourido, amosando así o seu desexo de supervivencia. Cando chegamos aquí -vai para seis anos-, esta foi unha das primeiras árbores que se plantaron e medrou vizosa e leda ao lado da casa. A primeira vez que deu froito foi en 2011 e tanto José de Marcos como Barreiro tiveron ocasión de catar a súa dozura antes de marchar deste mundo.
Os entendidos dicíannos que os froitos da primeira colleira non se debían arrincar, que cumpría deixalos caer de seu, aínda que a min non me quedou nada claro o porqué. Seguimos o consello a medias, pois José de Marcos estaba xa moi maliño e quixémoslle regalar unha cesta deles; escollemos os máis fermosos separándoos con coidado das pólas, convencidos de que gorentaban só con miralos. Se esta colleita non se estraga por algún temporal (oxalá que non!), este ano gozaremos de novo dun sabor indescritible, pois non se lles bota ningún tipo de produto.
Cada mañá achégome ao pexegueiro para controlar o proceso e non deixa de marabillarme que dunha floriña saia unha froita tan saborosa.

21.5.12

Grazas, Noe

Coñecín a existencia literaria de Thierry Jonquet a través de Noemí, gran afeccionada á novela negra e semellantes -á parte de excelente comentarista de literatura-, cuxas recensións incitan a cometer o pecado de ler. Cheguei así a Tarántula, novela curta (135 páxinas na edición do Círculo de Lectores) que se devora nunha tarde e deixa un pouso duradeiro. Axiña capta o interese e a atención do lector, quen non pode menos que sorprenderse a medida que vai coñecendo as reviravoltas desta intricada historia.
Digo o de pouso duradeiro porque xa hai algún tempo que a lin e aínda lembro a sensación de abraio que me enchía cando cerrei o libro: a mesma que sinto agora ao lembralo.
Aínda que non me teño por unha gran amante das truculencias (outros opinan o contrario), a verdade é que esta historia, narrada desde varios puntos de vista, amosa o pracer da vinganza levada a cabo con paciente habelencia e unha crueldade até certo punto xustificada. Por iso pon a pel de galiña e estarrece o ánimo.

19.5.12

Mercadotecnia

Balkan Blues de Petros Márkaris está composto por nove relatos, segundo a contracapa, policiais, aínda que a policía só apareza en casos contados e, ás veces, de pasada. Malia non ser unha experta, levo sobre as costas unhas cantas lecturas que me permiten distinguir as características deste xénero ou subxénero literario, e levei unha boa sorpresa cando lin estes contos.
O feito de que haxa un morto non implica que esteamos ante unha novela ou un relato deste subxénero, pero supoño que as necesidades do mercado impelen as editoriais a meter no mesmo saco todo o que saia das mans dun determinado autor, coñecido por estes pagos precisamente polas súas novelas negras.
Á marxe desta cuestión, por outra parte, bastante importante (rebéntame que intenten venderme gato por lebre), os nove relatos que compoñen este libro son excelentes; plasman de xeito inequívoco o xentir xeral do pobo grego cara aos inmigrantes asemade que nos fan ver o ambiente sórdido en que estes están obrigados a vivir. Algúns sorprenden polo enfoque adoptado, outros pola indiferenza ou perversidade dos gregos cara aos que veñen de fóra e algún hai que conmove non só polo que narra senón por como o narra.
O estilo de Petros Márkaris cáptase de xeito inconfundible e aleda comprobar que resulta tan bo na brevidade coma no discorrer sen límites espaciais.

13.5.12

Un máis

É un número redondo. Non di nada de seu. Pero en idade vivida, con momentos gloriosos, males, dores, felicidades, benestar..., podo asegurar que foron -son- 55 anos plenos. Que os vindeiros continúen o camiño.

1.5.12

O meu tobo

Descubrín o meu tobo un bo día, cando nin Peke nin B me deixaron subir ao sofá (mamá xa tomara posesión dunha boa parte), pero alí estaba un marabilloso puf que ninguén usaba. Ollei para atrás un par de veces antes de decidirme a subir; comprobei que non había contraorde e, voilà, apodereime del. As sestas que boto alí anicada sábenme a gloria, aínda que ás veces necesito sentir a man de Peke sobre o meu lombo e vou onda ela para que me acaricie; se está durmida teño que insistir un pouco, pero case sempre consigo o que procuro. Á fin e ao cabo, Peke é máis branda cá manteiga.
B e Peke comentan de cando en vez que son a dona máis dona da casa porque fun a única que nacín aquí, pero sospeito que mamá -ela si que se chama Dona- ten máis dereitos ca min. Non me queixo, eh!, porque me tratan moi ben e algunha vez fan a vista gorda ante as miñas trasnadas. Non me dan moito de comer -cousa que me amola unha barbaridade- por culpa da veterinaria; seica ao estar operada podo engordar en exceso e Peke é moi estricta con ese tema. Claro que, como a horta é grande, fago descubrimentos estupendos, como aquela vez que comín unha toupeira. Estaba rica, ummmmm!, pero que mal me sentou.

21.4.12

Literatura suave

Despois de ler La fiesta del chivo de Vargas LLosa para o club de lectura, necesitaba algo lixeiro, sen máis pretensión cá de entreter cun par de asasinatos e unha trama envolvente. Atopei esta terceira entrega de Charlaine Harris e non o pensei dúas veces, pois as dúas anteriores non me desgustaron, amais de axudarme a pasar o trancazo con relativo benestar.
Como sabía o que me agardaba, non me decepcionou e si colaborou a aliviar a cabeza de tanta técnica excelsa e cambios de narrador (por outro lado, moi ben traballados). Aurora -que aborrece o seu nome- vese enredada noutro caso e namórase a primeira vista dun home perigoso pero tan, tan sexi e atractivo que non o pode evitar. Non hai escenas tórridas en que as sabas se engurran ao pé da cama e a vestimenta sae voando dunha gadoupada, nin falta que fai, porque, lidas tantas en tantos libros, unha non cre que a imaxinación humana dea para máis.
En resumo, un par de tardes aproveitadas.

5.4.12

Chamada de Teucro

Tobi ou Tobías é esta especie de raposiño que un bo día chegou á casa de Mollabao para quedar. Ao lado de Dona e Melas semella máis pequeniño do que é e, madía leva, moito máis áxil e etéreo; o seu corricar non ten nada que ver coa solidez e contundencia -mesmo pesadez, en comparanza- co das nosas cadelas. M, a nai de B, aínda tivo a ocasión de relacionarse con el, acaricialo e admirar a suavidade da súa pelaxe antes de ir perdendo devagar a capacidade de comunicarse con palabras. Agora só unha súbita ollada e un intento de sorriso, que a irmá de B sabe interpretar, fan que te decates de que te recoñeceu por un brevísimo intre, pero axiña volve caer no baleiro ou pecha os ollos esgotada polo esforzo.
Cando acudimos a Teucro, a raíz da chamada, coidamos que o faciamos para despedila, pero non; do hospital mandárona de volta para a casa porque alí non podían -ou non querían- seguir coidándoa. Controladas as infeccións que levaron a ingresala con urxencia, só quedaba continuar a medicación na propia casa. Alí segue, sen moverse, sen falar, case se diría que sen sentir, pero iso ninguén o pode saber.