28.6.08

Verán

O bo tempo tenme un pouco afastada do blog e coas vacacións de B andamos bastante por fóra; iso non me impediu estes días ler El libro de los muertos de Patricia Cornwell, a quen ultimamente leo máis por tradición que por afección, quizais porque a serie, moi longa, emprendeu un camiño que non me acaba de satisfacer, con demasiados conflitos amorosos e unhas leas que por veces semellan un tanto forzadas. Os seareiros da autora quedarán contentos, seguro.
Un nicho para Marilyn de Miguel Anxo Fernández, a primeira entrega da serie de novela negra protagonizada por Frank Soutelo, sorprendeume positivamente e xunto con ela merquei a terceira, Tres disparos e dous friames, que comeza dun xeito bastante tórrido, aínda que con moi boa pinta.
A terceira novela de Cornelia Funke das protagonizadas por Mo, Muerte de tinta, que pecha a triloxía do mundo de tinta xa está no meu poder e empecei botándolle unha ollada que promete bos momentos e a resolución dos problemas en que se viron metidos os protagonistas por ter voces engaiolantes que transforman a palabra escrita en realidade.
Entrementres, continúo intentando educar a Dona, verdadeiro saco de mecos que cada día medra un pouco máis.

17.6.08

Milagre?

Non quixen tirala cando pareceu esmorecer definitivamente hai catro anos. Por moito que o intentei, non conseguín sacala adiante e quedou murcha nun testo onde se plantaron outras cousas. B viuna un día que andaba de xardineiro na nova casa e pensou que era unha herba calquera, pero eu recoñecina. Regalámoslle o tempo que non nos falta e agradeceuno así, medrando.
Na Natureza case todo está latente por un tempo mentres conserva un sopro de vida para, no momento axeitado, brotar con pulo e beleza acumulados. Ela lévame a pensar que non todo está perdido.

10.6.08

Jota

Jota é un home de idade indefinida, con aspecto de andar entre os setenta e os oitenta, pero podo equivocarme porque posiblemente a vida o desgastou de máis. Axúdase dun caxato para camiñar ao que nin sequera lle sacou a etiqueta do prezo e arrastra os pés embutidos nuns calcetíns e nunhas sandalias. Fixeime nel hai tempo, se cadra pola expresión de cansazo e amargura da súa faciana e por tomar os viños nas terrazas á beira dun colega paralítico que xa non anda con el.
Onte, por primeira vez, vino sorrir. Achegouse á mesa que eu ocupaba con Dona e pediume permiso para sentar; quixen convidalo a un viño pero non o consentiu, dixo que el pagaba. Asubioulle á cadela e esta saltoulle ás pernas (non hai xeito de quitarlle o vicio) e decontado puxéronse a xogar. Acariciouna mil e unha veces até que Dona lle lambeu a cara cun entusiasmo digno de ver; aí foi cando o vin transformado, gozando coma un neno e buscando repetir as lambetadas. Que bonito é -comentou-. Se puidese, roubábao.
Vive na residencia de maiores da vila, navegou por todo o mundo, ten fillos e muller aos que hai tempo que non ve. Na vida -dicía- cómpre aceptar o que vén. Non sabemos quen somos.

6.6.08

Camiño

Todas as mañás percorro este camiño que leva ao mundo exterior, mais tamén paso tempo nos seus arredores xogando con Dona, que se está convertendo nunha pillabana. Xa controla que eu apenas corro para perseguila cando quere xogar ao corre que te pillo, así que dá tres ou catro pasiños para afastarse de min e óllame como dicindo que? non tes folgos? A xente é moi amable con ela e algúns donos de cans saúdanme pola rúa ou páranse a falarme e acariñala. Aínda se asusta dos seus conxéneres, pero xa se anima a cheiralos e miralos sen demasiados receos. Creceu moito e pesa cada vez máis, como debe ser.

Agora ando lendo un libro de Friedrich Ani, El bebedor del tranvía, que descubrín en Boquitas pintadas. Non coñecía o autor e estame gustando bastante pola súa axilidade, o ben que crea personaxes e a aparente facilidade para mergullarnos nunha intriga interesante.

2.6.08

De beirarrúa a beirarrúa

De camiño á oficina de Correos cruceime cunha señora que falaba polo móbil. De súpeto ve unha colega vestida de punta en branco que vai pola beirarrúa de enfronte e saúdaa a berros:
- Eló? Vas palá?
Como a amiga non entende, repítelle nun ton máis alto:
- Vas palá? Vas palá?
Por fin a outra dáse por aludida:
- Pa onde?
- Palá! -insiste a primeira toda chea de razón.
- Vou pa casa, carallo, facer a comida- foi a contundente resposta da señora elegante.

26.5.08

Maldito tráfico


O tráfico en Ribeira é cousa do demo, a pesar de que se podería pensar que nun sitio pequeno non debería haber demasiados problemas. Á parte dos horteiras que levan a música a todo trapo para torturar os demais, as dobres filas nunha das rúas principais son un pesadelo cotián, pois por moi principal que sexa non se trata dunha avenida. A estreiteza xeral das vías non impide que calquera aparque un momentiño no lugar máis inoportuno para facer un recado, co conseguinte atranco da fluidez; os peóns atravesan por onde lles peta, malia que nunca vin unha vila con tantos pasos de cebra; como as vellas beirarrúas son diminutas, a xente non ten reparo ningún en invadir a calzada no seu afán de camiñar con máis comodidade; ás horas de entrada e saída dos coles os autobuses detéñense cada pouco para deixar preto das casas os tenros infantes, e cómpre andar con cen ollos para non atropelar os máis ousados que nin miran se poden pasar ou non; non é nada estraño que non se respecten os cedas nin que vellos con muletas ou bastóns se lancen á calzada coma nos antigos tempos; raro é, en xeral, o que mira para os lados antes de cruzar a rúa. Como en todas as partes, hai condutores que cren contar con máis dereitos ca ninguén e teño para min que a maioría dos automóbiles non traen intermitentes de serie. Sospeito que o que vai detrás debe adiviñar o seguinte movemento do de diante.
Ao principio de chegar aquí coidei acharme no salvaxe oeste americano ou nunha selva onde impera a lei do máis forte ou do máis espelido; non vou negar que me estresaba un chisco. Coa práctica funme armando de paciencia e, incluso, de grandes doses de resignación, non precisamente cristiá. Iso si, a pesar de todos os pesares, continúo a ser a raíña das rotondas.

18.5.08

Medrando


Non me chista moito que me digan "mamá" pola rúa, porque non teño a Dona para satisfacer instintos maternais que case nunca sentín, pero tampouco o tomo moi a mal porque é unha broma e as bromas adoitan estar ben.
Saíunos unha cadela ben curiosa que come caramechas, eses caracois pequeniños que abundan por aquí; gústanlle os nenos veciños e por extensión todos os demais; flipa na rúa e mira para todos os lados coma se non lle chegasen os ollos e o fociño; xoga e dorme moito, pero non lle gustan as portas pechadas; aprende devagar, bastante devagar, pero para iso están a paciencia e a perseverancia humanas.
A min gústame vela correr, escapar, envorcarse na herba..., en suma, que sexa feliz e se críe sa. Tamén me gusta acariciala, limparlle os oídos e a barriga, que me mire con eses ollos que engaiolan, gozar da batalla final do día con B (que ela busca) e tantas outras cousas. Desde que está connosco móvome moito máis e tamén teño algunhas dores en sitios que antes non tiña, pero lévanse ben; paso máis tempo na horta, ao aire libre, leo menos e non teño tanta ocasión de bloguear e escribir. É toda unha experiencia.

12.5.08

Tomar distancia

Non teño madeira de xuíz a pesar de que unha parte da miña vida profesional implicaba esa faceta sen que eu puidese evitalo. Cando me xubilei, supúxome un enorme alivio abandonar esa obriga que por veces levaba a decisións que ían en contra do corazón. Non sei por que aceptei esta encarga na que me vexo metida, quizais porque coidei que podía ser unha experiencia interesante, quizais porque non sabía moi ben en que me metía. O certo é que estou desexando rematar de ler libros cuxo interese para min resulta abondo relativo, ben pola temática, ben por como están escritos, ben porque hai que lelos contrarreloxo.
O que si é certo é que cómpre tomar distancia, non ter moi presentes os propios gustos literarios, esquecer que detrás de cada orixinal hai unha historia humana con ilusións e esperanzas e, sobre todo, non deixarse levar por fobias e filias.
Supoño que ao final si pode resultar unha experiencia interesante, se cadra para non repetila.

9.5.08

Ocupacións


A verdade é que paso moito tempo con Dona pero tamén leo arreo os libros do concurso; de momento dos que me enviaron só me queda un e coido que o rematarei nun par de días. Xa falarei disto máis adiante, cando teña o placet dos organizadores.
O que a cadela está roendo na foto é unha das orquídeas que temos diante do porche, aínda que agora lle deu polo rododendro e ando tras ela de contino para evitar que coma as poucas flores que botou. Téñolle cariño a ese rododendro, pois foi o que Webmaster nos agasallou cando chegamos aquí. Quería conservalo.
Agora que Dona ten máis confianza co contorno que a rodea faise cada vez máis pillabana, escapa cando lle quero quitar algo da boca, recíbeme en cada ocasión como se houbese días que non me ve e polas mañás anda tras miña acotío coma se quixese comprobar que sigo aí. Fai trasnadas, coma todo cachorro que se prece, e B xa lle deu algún pequeno sopapo no cu; se recibe algunha rifa (que as recibe), pon cariña de "eu non fun" e aplaca toda compunxida. Moléstalle o colar e raña o pescozo coma unha descosida, xesto que me fai rir ás gargalladas. É todo un personaxe.

3.5.08

Cambio de costumes


Os pequenos veciños preguntáronme por que estaba a regadeira colgada da árbore murcha; a resposta para min era evidente: para que Dona non a roia.
Agora érgome todos os días ás oito da mañá; nada de deixarme estar os sábados e domingos na quentura da cama nin de xantar en calquera local cando nos peta, pois temos obrigas. Levamos unha vida máis arranxada, con horarios máis ou menos estritos e costumes máis ordenados. Continúo, como podo, lendo os orixinais do concurso, moitas veces ao aire libre (nunca permanecín tanto tempo na horta) e, aínda que algúns me enfastían, en xeral a calidade é alta. A caixa na que viñan está toda mordida, xa desistín de prohibirlla porque é como loitar contra un temporal.
Día a día vai aprendendo mañas que descoñecía, fíxase en todo o que facemos e á hora das comidas (das nosas) queda quietiña pousada aos meus pés e déixanos comer en calma. Pon cariña de boa cando acaba de facer unha falcatruada e amósase toda compunxida cando lle rifamos. Bota boas pelexas con B e comigo cando a deixo e goza da horta coma unha anana comendo nas plantas e na terra e cavando furados. A vida xa non é tan tranquila.

24.4.08

Dona

Os primeiros días foron esgotadores porque ela aínda non coñecía nada ben este novo mundo no que aterrou. Había que guiala na horta para que se atrevese a avanzar, por exemplo. A pesar de todo xa aprendeu algunhas cousas: non debe ladrar se quere que lle abran a porta do cuarto, mexa e caga nos periódicos (espero non tardar moito en aprenderlle a facelo fóra), xa procura non morder (e iso que non morde moito) aínda que teño os brazos rabuñados. É feliz corricando na horta, xa coñeceu os nenos dos veciños, pasa moito tempo durmida aos meus pés mentres leo os libros do concurso e é unha alegría vela xogar e menearse toda cunha vitalidade que para min quixera eu.
Xa non me doen tanto os cadrís cando me agacho, pero chégalle; encántalle a fregona e un xoguete que ten con flocos. Hoxe fixo a primeira falcatruada: comer do cubo do lixo un papel empapado en prebe de zamburiñas en lata; por moito que lle abrín a boca xa o tragara. Volveuse tola co cheiro do embutido, pero non lle valeu de nada.
O meu tempo xa non é meu por completo. Non sei cando volverei actualizar, porque isto, meus, é coma criar un meniño.
Ten dous meses. É un bebé.

18.4.08

Chegou o día

Hoxe iremos recoller a Dona, que ten esa cariña de boa persoa. O clima non axuda moito para andar por esa estrada dos nosos pecados (a autovía está pechada por completo, aínda que os usuarios non acabamos de entendelo), pero é o que hai. Quen queira vela en movemento pode entrar aquí.
E agora marcho que me cómpre o tempo.

11.4.08

Vidiña


Como parece que nos últimos tempos non estou escollendo moi ben as lecturas, ocupo bastante tempo en facer recados, pasmar, continuar informándome sobre cans e ollar as azaleas que conseguimos non hai moito no mercado dos sábados. As flores da foto xa caeron, pero aledaron a casa durante algunhas semanas. Sempre me gustaron as azaleas, a pesar de que son velenosas para animais domésticos e nenos, porque os pétalos me lembran a muselina ou a seda e cada flor semella unha saia en miniatura para unha muller moi moi pequena.
Esta fin de semana B e mais eu estamos de aniversario; canto tempo xa e parece que foi onte! Mais non paga a pena pensar no paso do tempo nin nos seus estragos; o que imos celebrar é que nos divertimos xuntos.

8.4.08

Orquídea e caracois

Hai xa algunhas semanas que abriron as orquídeas do xardín. Esta, que eu lle chamo a branca, é a que mellor está, pois a outra sufriu un par de amputacións nun dos escasos temporais que tiveron lugar este ano e as flores da única vara que lle quedou están roídas polos caracois. Porque aquí, cando chove, aparecen moreas de caracois que esvaran polo vidro da ventá grande ou se pegan as paredes da casa ou incluso pasean sen vergonza polo porche. Desde cativa nunca vira tal cantidade deles. Se a invasión sobrepasa o meu límite, vounos collendo un a un e guíndoos por riba do muro á leira veciña, que está desocupada; ás veces, sen querer, piso un, pero non me agrada en absoluto matalos. En xeral, non me agrada matar ningún becho se non é estritamente necesario.

6.4.08

Novidade


Non me parece que La chica de sus sueños sexa un título axeitado para a última novela de Donna Leon, escritora norteamericana establecida en Venecia desde hai moitos anos, pois non acabo de verlle a relación coa trama e a acción, se cadra porque non ten o suficiente peso na mesma.
Tampouco me parece que sexa este un libro logrado coma outros protagonizados polo comisario Brunetti, xa que lle vexo unha descompensación entre as dúas tramas que non se acaba de salvar. Por exemplo, o que di a propaganda editorial sobre o tema da novela (a historia da nena xitana que aparece morta nunha canle) desenvólvese na segunda metade da mesma e sen afondar demasiado. Tampouco vexo ben resolta a primeira trama, que semella medio esquecida en canto xorde a segunda. Quedan demasiados cabos soltos por atar, enigmas que se suxiren pero que non se aclaran e a inquietante sensación de que algo fallou.
O mellor, coma sempre, o comisario Brunetti e Paola, a súa muller.

4.4.08

Decisión


Por fin está tomada a decisión. Unha destas cadelas é Dona, a que me fará compañía e á que terei que educar con man firme e cariñosa. Polo momento está coa irmá e a nai e non será até dentro dunhas semanas que chegue á casa.
Recibo e busco información sobre o mundo canino e non saio do meu asombro ante a cantidade de trebellos, artiluxios e xoguetes que existen no mercado para facerlles máis agradable a vida.
B non fai máis que lembrarme que é un can, un animal, e que non precisa de demasiadas cousas para ser feliz.
Todo o mundo me di que vou estar encantada, aínda que a saturación de información me fai sentir certo desconcerto e certo temor. A miña vida vai cambiar moito, seino, pero apetéceme saber que se sente coidando doutro ser vivo que non sexa humano. Estou convencida de que a experiencia pagará a pena.

29.3.08

Puntos suspensivos

Había algún tempo que oía falar dela, pero non tivera ocasión de lerlle ningún libro. Por fin, por azar, caeu nas miñas mans Crepúsculo en Oslo, a súa última novela traducida ao español.
Protagonizada por un matrimonio que acaba de ter unha filla (el, policía; ela, especialista en perfís psicolóxicos), na trama mestúranse unha serie de asasinatos macabros coa situación persoal dos protagonistas, o que lle dá un aspecto novidoso ao xénero negro. Pertence indubidablemente á literatura nórdica, diferente da mediterránea e da británica en moitos aspectos entre os que destacaría unha especie de frialdade ou distanciamento á hora de narrar.
A trama está moi ben levada, abundan os diálogos e, por desgraza, os puntos suspensivos, como se á autora lle custase atopar a palabra precisa, aínda que supoño que o que pretende con eles é amosar as dúbidas que apreixan os protagonistas na busca dun perfil que lle acaia ao tipo de asasino. Pero a min desgustoume. Os puntos suspensivos en exceso dan sensación de inseguridade, cando menos a min. De todos os xeitos non é unha mala novela, algo estraña quizais, curiosa en todo caso.

25.3.08

Punto e seguido


Y punto é a primeira novela de Mercedes Castro, unha escritora galega que empeza forte cunha obra de máis de seiscentas páxinas. Tardei un chisco en collerlle o punto por algo que me parecía unha esaxeración: o ambiente tan machista no que se desenvolve a subinspectora de policía Clara Deza; pero, claro, eu case nunca padecín ese tipo de bromas pesadas que algúns homes coidan simpáticas e non son máis que a perpetuación de actitudes tan obsoletas que darían risa se non desen tanta mágoa. Esa foi a única pega que lle vin á novela, decontado arrombada por unha prosa áxil e fluída, un magnífico dominio dos recursos narrativos, unha estrutura redonda e unha trama absorbente e poderosa; por riba, a caracterización dos personaxes está moi lograda, os temas que toca dan que pensar e a alternancia entre a primeira e a terceira persoa sucédese con tal naturalidade que un case non se decata de que de súpeto se atopa na cabeza de Clara.
Á marxe do valor da novela, continúo remoendo nese machismo que o impregna todo e que eu non padecín no meu ámbito laboral e persoal; nun momento dado da vida decidín que o mundo non se dividía por sexos senón por calidade humana e tal foi a forza desa decisión que acabei crendo firmemente nela. Esa firmeza, por curioso que pareza, cambalea nos últimos tempos, desde que vivo nunha vila pequena e vexo actitudes que me lembran que as crenzas persoais non son necesariamente verdade.
Ese é o poder da boa literatura: abrir a mente a outros mundos, que son este, porque cada un ocupa só unha parcela de realidade. Continúo remoendo.

23.3.08

Miudezas



O xardín de Mollabao é bastante salvaxe e está distribuído en varias alturas. O ollo inexperto pode pasar por alto detalles fermosos, incluso pensar que non hai orde nin concerto, pero trabúcase. Nun espazo máis ben pequeno atopas multitude de flores distintas, algunhas tan tenras que che quentan o corazón, plantas que medraron case soas, sen agarimos nin coidados especiais, outras que custou sacar adiante e ao final acabaron resistindo a pesar dos nenos e do can.

Por primeira vez en moito tempo puiden mirar ese xardín con ollos curiosos sen que se cruzasen polo medio lembranzas desagradables. E é que a vida, meus, nunca deixa de sorprender.

20.3.08

A visita

A breve estadía en Teucro estivo marcada por tres idades: a vellez, a madureza e a adolescencia da man da nai de B e Rex, o ancián da foto (un carro de mecos con patas, inspirador no pasado dalgún pesadelo), a miña cuñada e nós mesmos e os sobriños mais un acoplado que pasaba uns días con eles. Foron noites de longas conversas ao abeiro de botellas de bo viño, tardes de prolongadas sobremesas preñadas de diálogo imposible noutros tempos e longas mañás durmindo para poder responder o resto do día.
A cidade, cada vez máis bonita e habitable para os peóns, converteuse nunha agonía para os condutores que ven cada vez máis limitadas as rúas por onde poden circular, algo polo que xamais se me ocorrería protestar. Aínda que non tivemos moita ocasión de pasear por ela, ollamos desde o coche as marabillas que a miña cuñada nos ía amosando.
Acostumados como estamos a unha vida tranquila e silenciosa, volvemos á casa coa cabeza ateigada de berros, protestas e un ritmo de vida que pouco ou nada ten que ver connosco. Pero pagou a pena.