24.11.11

Unha de Grecia

Coñezo a obra de Petros Márkaris desde hai varios anos, a partir do momento en que me animei a ler novela negra de todos cantos países puidesen achegarme unha visión diferente da británica e norteamericana; Andrea Camilleri e Donna Leon coincidiron máis ou menos no tempo con el e afeccioneime aos tres por diferentes razóns, aínda que a principal fose a mesma: gustáronme.
Coma Montalbano e Brunetti, Kostas Jaritos vai evolucionando en cada entrega ou, máis ben, vai amosándonos distintos xeitos de reaccionar ante os acontecementos que lle trae a vida. En Con el agua al cuello, á parte dos asasinatos, abránguense diferentes aspectos da crise grega e non é o menos importante a idiosincrasia dos seus habitantes. Moi recomendable.

17.11.11

Aquelar e aquelarse

Hai moitos anos que coñezo esta palabra comodín; a situación máis estraña na que a escoitei foi na casa da miña sogra, antes de que fose miña sogra, que a usaba en castelán: aquellarse. Confeso que aínda tardei un chisco en caer a que se refería.
Aquí emprégase acotío, en calquera contexto e situación, de tal xeito que en ocasións non entendes o que o emisor pretende dicir. Cando o albanel que nos está traballando na casa me solta se non o aquelas, non queda aquelado ou cómpre aquelalo moi ben, referido a un asunto técnico da súa especialidade do que eu non teño a menor idea, pregúntome que raios quere dicir; a mensaxe, neste caso, non chega ao receptor porque o receptor non está na cabeza do emisor e ignora que significado lle dá no contexto a esa palabra comodín. Este home é un experto en escurecer e dificultar a comunicación polo vicio de empregar esa palabriña ou a comodidade que lle supón non buscar unha máis precisa e concreta.
Tamén é afeccionada a empregala unha coñecida que ten como mascota un american stafford, que non lle dá máis ca desgustos, malia xogar con Dona e Melas sen ningún problema (sospeito que Dona é a única cadela que fai del un pandeiro). Aínda me pregunto que quixo dicir días atrás cando, ao suxerirlle eu que o capase para que a testosterona deixase de facer o seu labor, explicoume toda convencida que era peor, que xa se informara, e que se o capaba aquelábase, que tamén as femias esterilizadas se aquelaban. Faltoume tempo para preguntarlles ás veterinarias se a esterilización provocaba efectos nefastos sobre os cans; ambas as dúas negárono con total convicción, mesmo unha delas me preguntou se eu vía a Melas aquelada. Se temos en conta que son leonesas, asombroume a rapidez con que se fixeron cargo da situación.
Eu sígome preguntándome en que consiste exactamente o aquelamento dun can capado.

8.11.11

A profesión

Dona e Melas reciben a T con grandes espaventos de cola e cadrís porque elas, claro, queren saudar a calquera que cruza a cancela da casa ou entra no salón. A min preocúpame que se poñan pesadas e molesten a convidada, pero en canto se lles dan unhas cantas caricias e comproban que sabemos que están aí, axiña se deitan aos nosos pés e só de cando en vez reclaman máis atención. Hai momentos en que cheiran os apuntamentos que T sostén no colo ou meten o fociño no dicionario que manexo, pero, en xeral, compórtanse de xeito educado. T di que son moi boíñas e non quere que as deixe fóra porque lle dá mal corpo pensar que as botou da súa propia casa.
Estamos preparando unha das asignaturas que lle quedan para rematar a carreira, ten moito interese e é rápida para captar as explicacións e eu, ben..., eu volvo sentir o benestar de ensinar algo que sei a unha persoa que non o sabe. Porque de que serve posuír determinados coñecementos se non se poden compartir?

28.10.11

Club de lectura

Na xuntanza de onte falamos sobre Escupiré sobre vuestra tumba de Boris Vian. A algúns gustoulles moito esta noveliña; outros non lle atoparon demasiados valores literarios; a min desconcertoume.
Narrada na súa maior parte en primeira persoa por un home negro con aspecto de branco, vai desenvolvendo a vinganza do protagonista (a quen lle mataron un irmán por namorarse dunha moza branca) nunha pequena vila estadounidense. O estilo é áxil e rápido, con frases curtas e moitos puntos, pero, como dicía un contertulio, fáltalle alma, non consegue conmover nin emocionar máis ca en contadas ocasións.
Na súa época supuxo un escándalo maiúsculo e foi prohibida. A sociedade francesa non aturou a crueza do relato.

23.10.11

Primeiro temporal do curso

Debeu resultarme sospeitoso que ás once da mañá B continuase na cama sen rebulir; eu acocheime un pouco máis na miña e agardei a que o xefe da manada decidise iniciar movemento. Por fin, incluso para el era tarde de máis e borboriñoume o toque matutino na orella: "veña, que isto é un escándalo".
En canto puxen os audífonos, oín os asubíos do vento e o zoar remoto das pólas batendo entre elas; supoño que tamén se percibiría o estrondo amortecido do mar, pero os meus aparellos non dan para tanto.
Erguinme contenta; por fin chove! Almorzamos coa sinfonía de gruñidos que Melas reserva para alertar de que hai algo estraño fóra: un plástico coárase na horta empurrado polo vento; deixámola saír e púxose a ladrar a distancia, avanzando un par de pasos e recuando tres e nós, desde a ventá, chamámoslle cagainas a berros.
Desde o estudio vexo un enorme piñeiro danzar medio entolecido e o mar, encrechado e salferido de ondas de escuma branca, impón respecto. Chove con ganas; chove por fin.

Parte de danos: Xa podo camiñar con bastante soltura, apenas me doe e isto ten moi boa pinta.

20.10.11

Queridas bestas II

O médico aplaudiu a nosa actuación (repouso e pomada), engadiu un antiinflamatorio, unha xeonlleira e un calmante e agoirou dúas semanas para que isto cure (en realidade dixo "quince días de paciencia"). O golpe recibiuno a cabeza do peroné, pero na radiografía non se ve lesión nin rotura, só o resto do derrame. Non se lle pode dar masaxe nin poñerlle correntes para aliviar a dor.
Podo baixar a escaleira como as bonecas de Famosa, xuntando os peíños a cada chanzo, e camiñar con coidado apoiada nos dous caxatos. Segundo el podo facer vida normal. Ha!

19.10.11

Queridas bestas

O luns as cadelas estaban contentas ao ver que B se dispoñía a sacalas de paseo, despois dun día bastante solitario; Melas provocaba a Dona para xogar, corría coma tola e, nun momento dado, fixo unha finta e descargou os seus vinte e sete quilos na miña perna esquerda. Caín ao chan, coma un saco de patacas, berrando "ai que dolor, ai que dolor" sen atreverme a tocar o xeonllo. Por fin puiden levantarme e meterme na casa, sentei no sofá e elas quedaron sen paseo.
Ao día seguinte (onte) tiña o xeonllo inchado coma unha pelota e non podía camiñar nin sequera apoiada no caxato; para moverme, arrastrábame sobre o cu coa perna estirada e facendo panca coa outra. B non deixou entrar as cadelas no dormitorio e as pobres estaban desexando verme. Á fin, desexosa de botar un pito, arrastreime até o estudio e as dúas saltaron sobre min en canto aparecín; a pobre Melas lambíame toda canta parte visible da miña pel podía e Dona meneaba o rabo como se houbese vinte días que non me vía. Estaban ávidas de caricias e supoño que alucinadas de ver a miña face á altura da súa.
Hoxe xa podo camiñar sen dor apoiada en dous caxatos, a inchazón baixou un chisco grazas ao repouso e a pomada e as ganas de facer vida normal corróenme por dentro, pero aínda é prematuro. Seguirei informando.

13.10.11

Cousas de (certa) vida

Falei algunha vez do Mochilas, un ionqui bastante afable ao que de cando en vez lle daba unha moeda ou un cigarro, a pesar das advertencias dunha das libreiras (non lle deas nada a ese: é o maior ladrón da vila). Tiña observado dous comportamentos moi diferentes nel: cando pedía amosaba unha educación exquisita, que a min por veces se me antollaba algo servil, pero cando menos daba as grazas e usaba o por favor, algo de agradecer nos tempos que corren; cando estaba cos seus colegas berraba, discutía e poñíase coma unha fera se se sentía agredido ou insultado ou vai ti saber que. Hai unha semana, xantando no Castelao, démoslle ao badalo cun varredor da empresa que leva a limpeza da centenaria e, non sei a conto de que, nomeei ao Mochilas. O Mochilas morreu, saltou o home. Se me dan unha losqueada non quedo máis sorprendida, aínda que me veu á cabeza o máis doado: unha sobredose. A segunda losqueada chegou decontado ao preguntármoslle como fora: matárono a paus, dixo con sinxeleza. Descanse en paz.

10.10.11

Da vida en Rusia

Custoume moito ler Diario ruso de Anna Politkovskaya que varios membros do club de lectura escolleron para este mes. Por un lado, e aínda que pareza unha bobada, os longos e complicados nomes rusos dificultábanme seguir o fío do que alí se contaba, perdíame e por veces non sabía de quen se estaba falando. Por outro, tanta corrupción, torturas, asoballamentos, malleiras, desgrazas e mortes; o nulo valor que os oligarcas e políticos teñen pola vida humana e, en fin, a cantidade de abusos que se cometeron e cometen nun país que non ofrece a menor garantía legal aos seus habitantes poñíanme os pelos de punta e acabaron por deprimirme.
Non quero dicir con isto que non sexa conveniente de cando en vez darse un baño de realidade e coñecer de primeira man o que ocorre por eses mundos, pero non resulta doado dixerir tantas aldraxes xuntas.

7.10.11

Ledicia do pasado

Traballei aquí desde 1987 até 2003, en que me retirei do mundanal ruído, e hai un par de días aterrei por casualidade no facebook de antigos alumnos. Para min é unha auténtica ledicia ver que me lembran con afecto, que contribuín de xeito positivo no labor de educar a bastantes persoas (sempre queda a dúbida) e que me consideraban un bo ser humano. Case paga a pena ter estragado a saúde nesa profesión.

1.10.11

Descuberta

Alecríns e tinta china. Pasade e admirade. Só ten trece anos e é unha marabilla.

30.9.11

Prégase difusión

Lede isto (se queredes, claro).

24.9.11

Cando era pequena...

Gustoume moito o post de Kaplan e, aínda que non me convida, doume por convidada. Sospeito que será bastante menos interesante có seu, pero apetéceme mergullarme naquela época.
... unha vez que fun á igrexa coa miña nai negueime a poñerme de xeonllos cando era preceptivo. Ela, recollida no momento, tirábame dun brazo para obrigarme e eu notei á perfección o seu cabreo. Teimuda como boa tauro, continuei de pé todo o tempo. Á saída caeume unha bronca tremenda, pero non me importou: fixera o que me petara.
... odiaba que me fixesen fotos (segue sen gustarme en exceso) e teño algunhas memorables: acenos de desgusto, peticións de "non, non, non", de costas á camara...
... quería ter fillos (!!!) e pasealos na compaña da miña propia nai, as dúas cos nosos respectivos carriños e crianzas. Escuso comentar a imaxe que lle xurdiu na mente. Unha cadea!
... xogaba cos amigos e curmáns a representar historias e, por suposto, eu era sempre o heroe: Llanero Solitario, Capitán Trueno, Tarzán... As mozas non me interesaban, demasiado pasivas para o meu gusto.
... percorriamos as obras que había na rúa e xogabamos un tenis improvisado e primitivo: desde a beirarrúa devolviamos cun pau ou unha táboa as pedras que nos lanzaban desde un nivel máis alto; conservo unha pequena cicatriz nunha cella dunha pedrada mal dirixida.
... subiamos a un guindastre deitado nun solar e faciamos equilibrios nos ferros. Deixei de facelo o día que caín e quedei colgada dun pé coas bragas ao aire. Case reneguei de miña nai que se empeñara en que puxese aquel vestido vermello coa saia tan plisada.
... era capaz de ler sen moverme até que non remataba o libro; así devorei nunhas vacacións de Nadal, sentada sobre a alfombra entre a miña cama e a da miña irmá, as trinta novelas de Rafael Sabatini que había na casa, mercadas e forradas con papel vermello pola miña nai.
Logo medrei e comezaron os problemas.

22.9.11

Encantada


Hai tantos anos que sigo a David Rubín que non sei por que me asombra tanto a súa última obra publicada. Lémbrame a primeira vez que vin actuar a M.V.I. ou que ela leu algo meu: coñeciámonos tanto que nos sorprendeu descubrir facetas propias, en que ningunha das dúas participaba, que non nos quedou máis remedio que admiralas sen concesións. Non é exactamente o caso de David; tiven a honra de ver os seus primeiros traballos, alá polos anos 90 do pasado século, levarllos a B e comentarmos: "caralliño, este rapaz promete", e seguir a súa traxectoria case paso a paso. Constancia, traballo duro, formación fonda, tesón e ARTE nas veas marcan a traxectoria deste artista do cómic que con esta novela gráfica amosa -ao dicir de B- canto medrou. Porque non é o mesmo ver o traballo de alguén que non coñeces de nada que gozar con cada viñeta de alguén que che é próximo e familiar, sobre todo se está cargada de movemento, acción, colorido e alma en doses elevadas.
Non son unha experta en cómic, madía leva, pero sei identificar a calidade cando a vexo e este libro tena desde o principio até o final (grazas a deus, queda o segundo tomo). Estou desexando darlle unha aperta. Estou desexando ler e gozar da continuación. Grazas, David!

16.9.11

De pexegos e outros produtos

Estaban así hai un mes; agora xa non queda case ningún na árbore. Din que as primeiras crías dunha froitera non se deben arrincar e nós, ben mandados, agardamos a que fosen caendo de seu ou se soltasen só con tocalos. En realidade non son pexegos, senón pavías que saíron dunha semente soterrada nun testo alá en Auria; a pequena plantiña que chegou aquí pasouse a terra e en cinco anos (tiña xa máis ou menos oito) medrou vizosa e deu froito. Levámoslle algúns a un veciño doente e creo que non se van poder regalar máis, pois non teñen moi bo aspecto e son poucos.
A cría que está saíndo do meu maxín despois de observar e reflexionar durante os mesmos anos leva bo ritmo, malia que non teño nin idea de se o resultado final se parecerá ao que escribo a medida que se me ocorren as escenas, quizais si, quizais non; en todo caso gozo coma unha cosaca, a pesar de que ás veces me atasco ou as cousas non saen como pretendía. Cando escribo leo moi pouco; acumúlanse as suxestións e as apetencias, pero non me van as mans a ningún libro agás ao que eu intento construír. Teño notas no taboleiro de cortiza e na mesa do ordenador con ideas que xorden mentres "medito" tombada no sofá, coas cadelas durmindo moi preto de min e o verán esvae moi devagar transformándose en outono.

8.9.11

De probas e de premios

A pesar de que debería estar afeita, sempre me abraia que algo familiar en determinados programas informáticos cambie de súpeto pola vontade e capricho de quen os creou; suponse que muda para mellorar, pero eu, que desde cativiña fun reacia a que me desen unha papa diferente, tardo o meu en habituarme ao novo aspecto e disposición do que aparece na pantalla. Tan só quixen probar a nova interfaz (como moi amablemente me invitaban) e xa non podo volver á anterior, así que non me queda outra que indagar e tirar para adiante. Espero non provocar unha desfeita.

O primeiro que fixo Melas en quitándolle o colar isabelino foi destruílo; roeulle todos os enganches e houbo que tiralo. Está recuperada, contenta e activa; corrica, xoga, lambe, come e goza que dá xenio, mesmo catou os primeiros pexegos do pexegueiro que veu connosco de Auria, hai xa unha morea de anos. Por certo, eu tamén os catei e están de vicio.

O señor Kaplan tivo a xentileza de concederme un premio. Agradézollo de todo corazón.

4.9.11

Primeira saída ao monte

Aínda anda co funil porque non se debe lamber, pero xa lle quitaron os puntos e hoxe B animouse a sacala coa nai; cando viu que ela tamén ía, semellaba feliz coma unha perdiz.
A cicatriz ten moi bo aspecto, cerrou ben e dentro duns días poderá ir á praia e nadar coma unha lontra; agora que os turistas marcharon, os areais volven ser propiedade de paisanos e cans, os seus donos habituais dez meses ao ano.
Polo momento segue a durmir no interior da casa, pero dentro de nada todo este proceso pertencerá ao pasado e volverá pasar as noites da mellor maneira posible: libre.

28.8.11

Post-operatorio

Aínda que o nome técnico é colar isabelino nós chamámoslle funil por razóns evidentes; como as veterinarias non tiñan un do seu talle, houbo que poñerlle un meirande e a pobre vai dando tombos pola casa adiante tropezando con todo.
Ao final cumpría facelo, xa o tiñamos falado varias veces, así que aproveitamos as circunstancias e, aplaudidos polas súas médicas de cabeceira, levámola o mércores pasado a que lle quitasen o aparello. Charo amosóunolo e manexouno coa soltura de quen o fai dende hai tempo (asombroume o pequeno que é) e sinalounos unha especie de lentelliñas (entre catro e seis, a ollo) que resultaron ser embrións. O maldito atigrado (o can máis papán da zona) conseguiu o que quería, pero non volverá intentalo con ela.
Está incómoda, non pode rañar con comodidade nin meter o fociño onde quere; non entende o que lle pasa e con moita frecuencia achégase a min para que a alivie; o único que podo facer eu é acariciala e falarlle con voz tranquila e suave, ás veces rañolle os laterais do corpo ou detrás das orellas e ela lámbeme as mans. Tampouco pode saír libremente á horta, ten que ir atada para evitar que corra ou choute e xa tirou comigo unha vez e lesionoume o ombreiro dereito a base de tiróns. Cando B e Dona saen de paseo, ela xeme e choromica porque tamén quere, pero iso está prohibido. Cómpre consolala e procurar que repouse o máis posible para que o costurón cicatrice canto antes.
Se todo vai ben, dentro dunha semana será libre.

23.8.11

Os Santos

Estes días de calor, treboada, piolla, fresco e volta á calor (ideais para o corpo) gozamos da compañía de Nino e Pilar que, como xa é tradición desde que vivimos aquí, veñen pasar uns días connosco e dar unhas voltas pola zona. Son unas das poucas persoas do pasado que sigo vendo dun xeito regular, aínda que só unha vez ao ano, e recibo as súas visitas con ilusión e ledicia. Tiñan bastante que contar, pois Nino está madurando a idea de cambiar de categoría e pasar á miña, algo ao que o animamos se el está convencido; despois de todo o que pasou, ben merece tomar a vida con calma.
O domingo, tras xantar e dar unhas voltas, o esgotamento puido comigo e Pilar quedou na casa facéndome compañía, mentres homes e cadelas saían a pasear polo monte. Faloume da traizón dunha amiga e da decepción tan grande que levou, e é que a determinadas alturas da vida, a pesar da experiencia, ese tipo de asuntos non se asumen nada ben, sobre todo se a amizade duraba anos e coidabas que a envexa ficaba fóra do circuito.
A envexa, terrible sentimento que me horroriza percibilo sobre min.

18.8.11

Un excelente profesor

Serafín Moralejo deume clase hai unha morea de anos, tantos que nin coñecía a B, así que nos poñemos cara a finais da década dos setenta. Foi unha eminencia no seu campo, valorado e respectado polo mundo adiante coma o experto que era en arte medieval e investigador de ben. Daquela, con vinte anos (ou eran vinte e un?), todo iso pouco me importaba; o que me importaba era que ensinaba de marabilla, esperabas as súas clases coma auga de maio, sorrías ou rías a cachón coas súas ocorrencias (aínda lembro aquel proxector de diapositivas "manomático", en contraste co "automático") e aprendías de verdade, DE VERDADE, arte e aprendías a querer aprender máis.
As súas clases eran unha delicia e os seus exames non eran un suplicio, porque valoraba o que dicías se estaba razoado e sempre procuraba sacar o mellor de ti mesmo.
Descansa, por fin, en paz, benquerido profesor. Con todos os meus respectos.