19.3.12

Club de lectura

O xoves comentaremos Tiempos difíciles de Charles Dickens, novela que nunca lera a pesar de atraerme a literatura da época vitoriana; en realidade (e só agora me chama a atención) lin moi pouco deste autor. Supoño que este é un momento excelente para poñerse con el, pois por mor do bicentenario do seu nacemento vólvense publicar moitas das súas obras.
Aínda que algúns personaxes teñen moito de caricatura e por veces certo sentimentalismo esaxerado resulta chocante, cando rematei a lectura non puiden evitar sentir admiración polo que non souben explicarme a min mesma máis que coa palabra "actualidade". É evidente que a época está máis que superada e a ambientación e as descricións responden a un mundo que fisicamente xa non existe, pero algunhas cuestións que aborda continúan vixentes a pesar do tempo transcorrido.
Como dixo B cando lle comentei as miñas impresións, os clásicos son clásicos por algo.

8.3.12

Fluíndo

Pasaron xa algúns anos desde que lin por primeira vez este libro, que releo para o meu pracer e con grande interese grazas a que X, desde a súa faceta profesional, me convidou a participar nunha mesa redonda sobre o tema. Por cuestións alleas á súa vontade, houbo que adiar o encontro e alédome de contar con máis tempo para organizar e ordenar todas as ideas que esta lectura me vai suxerindo.
Foi este autor quen co seu fluír esclareceu cousas importantes da mente humana e contribuíu (creo) a que numerosas persoas comprendesen mellor o seu propio funcionamento e o de moitos conxéneres. Cando menos, a min serviume no seu momento e segue servíndome agora para intentar explicar que significa a creatividade a unhas persoas que aínda están comezando a vivir e aprender. Non é unha tarefa doada, pero síntome encantada de emprendela, entre outras cousas porque adaptar a linguaxe a un determinado público resulta apaixonante.

22.2.12

Aniversario

Desde que abrín o blog até hoxe cambiaron moitas cousas na rede e no mundo, tantas que incluso os blogs semellan anticuados, e bastantes dos que eu seguía con fidelidade un bo día quedaron durmidos. Claro que tamén espertaron outros, algúns moi atractivos, así que supoño que compensaron as perdas.
Con oito anos sobre as costas Gradicela é coma unha anciá que se resiste a morrer, aínda que non teña demasiadas cousas interesantes que contar e ás veces non lle apeteza ou non poida dicir o que lle pide o corpo. Porque, a pesar de que este é o meu espazo, ou precisamente por iso, nunca quixen escribir sobre determinados temas, se cadra porque coido que non hai verdades universais e teño bastante fobia a definirme.
Para ben ou para mal, aquí segue. Aquí sigo.

16.2.12

Escenas

Hai días que non vou polo monte, entre outras cousas por unha lumbalxia que non me facilita nada os movementos; alá están agora B e as cadelas, mentres eu reviso as penúltimas fotos de escenas que me chamaron a atención no anterior paseo.
Fíxate, díxome B, semellan enfadadas. Quen colocou estas butacas -antes abandonadas noutra zona- e logo queimou a maraña de fentos onde aniñaba unha familia de coellos? Quizais foi a mesma persoa que se dedica a facer combinacións de pedras ou pedriñas sobre canta superficie coida axeitada?
Resulta abraiante os obxectos tan dispares que a xente vai guindar ao monte, desde os clásicos colchóns, a pratos de ducha, galerías de aluminio ou televisores, até un caderno -metade axenda, metade diario- que B rescatou dunha morea de lixo. O que tal se contaba nel daría para un libro (e non de fantasía).

25.1.12

Lecturas para un trancazo

Unos asesinatos muy reales e La paciencia de los huesos son os libros de Charlaine Harris (agora dedicada a outro tipo de obras) que me serviron estes días para distraer a cabeza dun molesto trancazo. Atopeinos de casualidade no híper e decidín probar, pois non coñecía de nada a autora e as sinopses antolláronseme atractivas.
Novelas de misterio con mortos incluídos, semellan versións suavizadas da novela negra actual; non se describen con detalle barbaridades nin se profundiza na psique dos asasinos, tan só se narra unha historia con particular incidencia na protagonista principal e o seu pequeno mundo: Aurora Roe Teagarden, bibliotecaria na viliña de Lawrenceton, cuxa vida se anima unha vez ao mes nas reunións do club Real Murders, unha asociación de afeccionados ao crimen que comentan e discuten sobre asasinatos famosos.
Nada do outro mundo, pero ideais para non romper unha cabeza dorida.

5.1.12

Todo por un atado

Onte tocou ir ao punto limpo para desfacernos de residuos varios e a tres supermercados para abastecer frigorífico e despensa de produtos necesarios. Polo espello retrovisor vin a B meter algo no coche e pensei: "A ver que lixo recolleu este home do colector". Lanceille un semiberro para advertilo e, coma sempre, B explicoume que aquilo era un desaproveitamento indignante; respirei fondo para calmarme e á fin souben que se trataba dun atado de botes dunha coñecida marca de cacao en po. Mordín a lingua para non poñerme a protestar e arrincamos para o primeiro súper, a cuxa porta está acotío un romanés que pide traballo ou cartos e con quen charlamos de cando en vez. Como non podía ser menos (hai moitos anos que nós non tomamos cacao en po), o atado foi para el.
Tras o xantar, e con toda a calma do mundo, comentei con B as posibilidades que se me ocorreran desde o primeiro momento en que o vin co atado:
- Quen tira un atado de botes dun produto comestible en perfecto estado? Sería cacao en realidade ou outra substancia?
- Se fose esa substancia, que faría o romanés con ela?
- Se a policía se vise metida nunha investigación, como ía tragar que un par de cincuentóns sen problemas económicos remexese no lixo alleo? Como a iamos convencer de que todo fora inocente?
- Se fose cacao mesturado coa substancia en cuestión, que efectos podía producirlles ao romanés e á súa familia? Seriamos acusados, coma pouco, de atentado contra a saúde pública ou (o que sería case peor) de incitar ao consumo de substancias ilegais servíndonos de medios pouco éticos.
Continuei un anaco debullando outras posibilidades mentres degustaba un grolo de viño, até que B, cun sorriso retranqueiro, rematou dicíndome: "Si, claro, pero tamén podía ser o que aparentaba: uns botes de cacao en po".
Con isto volvín ao principio: Quen tira un atado dun produto comestible en perfecto estado?

26.12.11

Estrea

Preston e Child, creadores do inefable Aloysius Pendergast, inician unha nova serie cuxo protagonista é Gideon Crew. Escrita coa axilidade á que nos teñen afeitos, o ritmo desta novela resulta trepidante e por veces unha ten a sensación de estar perante un cómic sen debuxos, aínda que a plasticidade das descricións os fai superfluos; abonda coas palabras e a particular imaxinación de cadaquén para ver percorrer diante dos ollos os avatares nos que se ve mergullado o protagonista, que é de todo menos tímido e apoucado.
Nalgunhas escenas lembrei a meu pai que, cando mirabamos películas de acción desmesurada e o heroe se salvaba do perigo por un pelo, sempre exclamaba: Unha de Tom Mix!
Pois iso: unha de Tom Mix.

21.12.11

Novidade

Rebéntame a expresión novela coral, non sei moi ben por que, quizais porque semella querer dar a entender que a que non o é carece de mérito abondo. Sospeito que se trata dun prexuízo meu
ante determinadas frases feitas ou clixés que non se lles caen da boca a certos críticos ou a outra razón máis sibilina cuxa orixe non dou atopado.
O caso é que a reseña deste libro xa a fixo Ricardo Bosque e pouco podo engadir eu, porque comparto con el a maioría do que di. Gustoume, si; resulta fresca e, en certo modo, novidosa, aínda que se atén ás pautas da novela negra na que algúns entendidos distinguen varios tipos. Atópase nela parte do que un procura e certos elementos que se saen do esperable.
O mellor de todo é que está ben escrita, cunha prosa coidada e unha trama áxil, amais de cumprir a función imprescindible: entreter.

12.12.11

Gustaríame que non fose certo

Acabo de sabelo.
Á parte de grande e de posuír un enorme talento, para min sempre será o home que abrazaba de marabilla.

6.12.11

Paseos



Aproveitamos parte destes días de festa para saír ao monte coas cadelas; polas mañás, claro, que é cando hai luz e vese onde pousas os pés. Dona e Melas gozan que dá xenio velas, chéirano todo, indagan o que lles chama a atención, van adiantadas e de cando en vez agardan por nós, a ver que nos retén, acoden aos nosos asubíos e, en xeral, compórtanse coma cadelas educadas.
Está o chan cuberto de setas do máis variado, da maioría non sei o nome pero distingo á perfección as amanitas, coas súas características manchas brancas sobre fondo vermello; algunhas están mordidas, ou iso semella, malia que se cadra son os estragos que a chuvia lles deixou. Ando atenta ao que morden as cadelas, non vaia ser o demo que coman o que non deben e, en xeral, gozamos os catro da tranquilidade que se respira no monte. Apenas vemos papeis de prata queimados, din que pola crise, e eu alédome de que non haxa tanto refugallo deitado nas leiras, moitas delas acabadas de limpar. Ao cabo dunha hora e media, como moito, comezo a notar o cansazo, a necesidade de sentar un anaco para recuperar folgos. B vai diante e avísame do que os meus pés deben evitar, aínda que eu non separo os ollos do chan.
Queda moi pouco para as vacacións, non moi longas, certo, pero gratas coma todas as vacacións. Refrego as mans pensando nos días que nos agardan dentro de nada e respiro fondo convencida de que o pasaremos moi ben ou, cando menos, estaremos a gusto.

1.12.11

Club de lectura

Aínda que a xuntanza non terá lugar até o quince de decembro, eu traguei o libro nunha tarde e media, libro que non convence a todo o mundo, pero tanto ten. Gustoume como gustan as cousas ben feitas, en aparencia con poucos medios pero que conseguen comunicar e transmitir sensacións. O coidado e o esforzo que o señor Linh emprega ao coidar a súa neta, o medo a que lla rouben, a amizade que establece cun home cuxo idioma descoñece, a súa andaina por un país que non é o seu, a saudade polo que si o era e perdeu... todo contado con sinxeleza e que só cando chegas ao final rebobinas e adquire outra dimensión.
Philippe Claudel sabe dosar a información, fornecela aos poucos e lograr que un volume tan pequeno resulte grande cun uso axeitado da linguaxe, sen ningún toque de sentimentalismo, cun mínimo de adxectivos e, porén, cunha grandísima humanidade.
Veremos que opinan os outros membros do club.

24.11.11

Unha de Grecia

Coñezo a obra de Petros Márkaris desde hai varios anos, a partir do momento en que me animei a ler novela negra de todos cantos países puidesen achegarme unha visión diferente da británica e norteamericana; Andrea Camilleri e Donna Leon coincidiron máis ou menos no tempo con el e afeccioneime aos tres por diferentes razóns, aínda que a principal fose a mesma: gustáronme.
Coma Montalbano e Brunetti, Kostas Jaritos vai evolucionando en cada entrega ou, máis ben, vai amosándonos distintos xeitos de reaccionar ante os acontecementos que lle trae a vida. En Con el agua al cuello, á parte dos asasinatos, abránguense diferentes aspectos da crise grega e non é o menos importante a idiosincrasia dos seus habitantes. Moi recomendable.

17.11.11

Aquelar e aquelarse

Hai moitos anos que coñezo esta palabra comodín; a situación máis estraña na que a escoitei foi na casa da miña sogra, antes de que fose miña sogra, que a usaba en castelán: aquellarse. Confeso que aínda tardei un chisco en caer a que se refería.
Aquí emprégase acotío, en calquera contexto e situación, de tal xeito que en ocasións non entendes o que o emisor pretende dicir. Cando o albanel que nos está traballando na casa me solta se non o aquelas, non queda aquelado ou cómpre aquelalo moi ben, referido a un asunto técnico da súa especialidade do que eu non teño a menor idea, pregúntome que raios quere dicir; a mensaxe, neste caso, non chega ao receptor porque o receptor non está na cabeza do emisor e ignora que significado lle dá no contexto a esa palabra comodín. Este home é un experto en escurecer e dificultar a comunicación polo vicio de empregar esa palabriña ou a comodidade que lle supón non buscar unha máis precisa e concreta.
Tamén é afeccionada a empregala unha coñecida que ten como mascota un american stafford, que non lle dá máis ca desgustos, malia xogar con Dona e Melas sen ningún problema (sospeito que Dona é a única cadela que fai del un pandeiro). Aínda me pregunto que quixo dicir días atrás cando, ao suxerirlle eu que o capase para que a testosterona deixase de facer o seu labor, explicoume toda convencida que era peor, que xa se informara, e que se o capaba aquelábase, que tamén as femias esterilizadas se aquelaban. Faltoume tempo para preguntarlles ás veterinarias se a esterilización provocaba efectos nefastos sobre os cans; ambas as dúas negárono con total convicción, mesmo unha delas me preguntou se eu vía a Melas aquelada. Se temos en conta que son leonesas, asombroume a rapidez con que se fixeron cargo da situación.
Eu sígome preguntándome en que consiste exactamente o aquelamento dun can capado.

8.11.11

A profesión

Dona e Melas reciben a T con grandes espaventos de cola e cadrís porque elas, claro, queren saudar a calquera que cruza a cancela da casa ou entra no salón. A min preocúpame que se poñan pesadas e molesten a convidada, pero en canto se lles dan unhas cantas caricias e comproban que sabemos que están aí, axiña se deitan aos nosos pés e só de cando en vez reclaman máis atención. Hai momentos en que cheiran os apuntamentos que T sostén no colo ou meten o fociño no dicionario que manexo, pero, en xeral, compórtanse de xeito educado. T di que son moi boíñas e non quere que as deixe fóra porque lle dá mal corpo pensar que as botou da súa propia casa.
Estamos preparando unha das asignaturas que lle quedan para rematar a carreira, ten moito interese e é rápida para captar as explicacións e eu, ben..., eu volvo sentir o benestar de ensinar algo que sei a unha persoa que non o sabe. Porque de que serve posuír determinados coñecementos se non se poden compartir?

28.10.11

Club de lectura

Na xuntanza de onte falamos sobre Escupiré sobre vuestra tumba de Boris Vian. A algúns gustoulles moito esta noveliña; outros non lle atoparon demasiados valores literarios; a min desconcertoume.
Narrada na súa maior parte en primeira persoa por un home negro con aspecto de branco, vai desenvolvendo a vinganza do protagonista (a quen lle mataron un irmán por namorarse dunha moza branca) nunha pequena vila estadounidense. O estilo é áxil e rápido, con frases curtas e moitos puntos, pero, como dicía un contertulio, fáltalle alma, non consegue conmover nin emocionar máis ca en contadas ocasións.
Na súa época supuxo un escándalo maiúsculo e foi prohibida. A sociedade francesa non aturou a crueza do relato.

23.10.11

Primeiro temporal do curso

Debeu resultarme sospeitoso que ás once da mañá B continuase na cama sen rebulir; eu acocheime un pouco máis na miña e agardei a que o xefe da manada decidise iniciar movemento. Por fin, incluso para el era tarde de máis e borboriñoume o toque matutino na orella: "veña, que isto é un escándalo".
En canto puxen os audífonos, oín os asubíos do vento e o zoar remoto das pólas batendo entre elas; supoño que tamén se percibiría o estrondo amortecido do mar, pero os meus aparellos non dan para tanto.
Erguinme contenta; por fin chove! Almorzamos coa sinfonía de gruñidos que Melas reserva para alertar de que hai algo estraño fóra: un plástico coárase na horta empurrado polo vento; deixámola saír e púxose a ladrar a distancia, avanzando un par de pasos e recuando tres e nós, desde a ventá, chamámoslle cagainas a berros.
Desde o estudio vexo un enorme piñeiro danzar medio entolecido e o mar, encrechado e salferido de ondas de escuma branca, impón respecto. Chove con ganas; chove por fin.

Parte de danos: Xa podo camiñar con bastante soltura, apenas me doe e isto ten moi boa pinta.

20.10.11

Queridas bestas II

O médico aplaudiu a nosa actuación (repouso e pomada), engadiu un antiinflamatorio, unha xeonlleira e un calmante e agoirou dúas semanas para que isto cure (en realidade dixo "quince días de paciencia"). O golpe recibiuno a cabeza do peroné, pero na radiografía non se ve lesión nin rotura, só o resto do derrame. Non se lle pode dar masaxe nin poñerlle correntes para aliviar a dor.
Podo baixar a escaleira como as bonecas de Famosa, xuntando os peíños a cada chanzo, e camiñar con coidado apoiada nos dous caxatos. Segundo el podo facer vida normal. Ha!

19.10.11

Queridas bestas

O luns as cadelas estaban contentas ao ver que B se dispoñía a sacalas de paseo, despois dun día bastante solitario; Melas provocaba a Dona para xogar, corría coma tola e, nun momento dado, fixo unha finta e descargou os seus vinte e sete quilos na miña perna esquerda. Caín ao chan, coma un saco de patacas, berrando "ai que dolor, ai que dolor" sen atreverme a tocar o xeonllo. Por fin puiden levantarme e meterme na casa, sentei no sofá e elas quedaron sen paseo.
Ao día seguinte (onte) tiña o xeonllo inchado coma unha pelota e non podía camiñar nin sequera apoiada no caxato; para moverme, arrastrábame sobre o cu coa perna estirada e facendo panca coa outra. B non deixou entrar as cadelas no dormitorio e as pobres estaban desexando verme. Á fin, desexosa de botar un pito, arrastreime até o estudio e as dúas saltaron sobre min en canto aparecín; a pobre Melas lambíame toda canta parte visible da miña pel podía e Dona meneaba o rabo como se houbese vinte días que non me vía. Estaban ávidas de caricias e supoño que alucinadas de ver a miña face á altura da súa.
Hoxe xa podo camiñar sen dor apoiada en dous caxatos, a inchazón baixou un chisco grazas ao repouso e a pomada e as ganas de facer vida normal corróenme por dentro, pero aínda é prematuro. Seguirei informando.

13.10.11

Cousas de (certa) vida

Falei algunha vez do Mochilas, un ionqui bastante afable ao que de cando en vez lle daba unha moeda ou un cigarro, a pesar das advertencias dunha das libreiras (non lle deas nada a ese: é o maior ladrón da vila). Tiña observado dous comportamentos moi diferentes nel: cando pedía amosaba unha educación exquisita, que a min por veces se me antollaba algo servil, pero cando menos daba as grazas e usaba o por favor, algo de agradecer nos tempos que corren; cando estaba cos seus colegas berraba, discutía e poñíase coma unha fera se se sentía agredido ou insultado ou vai ti saber que. Hai unha semana, xantando no Castelao, démoslle ao badalo cun varredor da empresa que leva a limpeza da centenaria e, non sei a conto de que, nomeei ao Mochilas. O Mochilas morreu, saltou o home. Se me dan unha losqueada non quedo máis sorprendida, aínda que me veu á cabeza o máis doado: unha sobredose. A segunda losqueada chegou decontado ao preguntármoslle como fora: matárono a paus, dixo con sinxeleza. Descanse en paz.

10.10.11

Da vida en Rusia

Custoume moito ler Diario ruso de Anna Politkovskaya que varios membros do club de lectura escolleron para este mes. Por un lado, e aínda que pareza unha bobada, os longos e complicados nomes rusos dificultábanme seguir o fío do que alí se contaba, perdíame e por veces non sabía de quen se estaba falando. Por outro, tanta corrupción, torturas, asoballamentos, malleiras, desgrazas e mortes; o nulo valor que os oligarcas e políticos teñen pola vida humana e, en fin, a cantidade de abusos que se cometeron e cometen nun país que non ofrece a menor garantía legal aos seus habitantes poñíanme os pelos de punta e acabaron por deprimirme.
Non quero dicir con isto que non sexa conveniente de cando en vez darse un baño de realidade e coñecer de primeira man o que ocorre por eses mundos, pero non resulta doado dixerir tantas aldraxes xuntas.