30.3.14

Entrevista

Nesta entrevista falo de cousas das que case nunca falara. Máis ca nada porque me parecían vivencias demasiado íntimas que non lle interesarían a ninguén. Está claro que me equivocaba e digo isto pola repercusión que tivo e polas preguntas que me fixo Encarna Pego. En xeral, hai curiosidade por determinados procesos, aínda que unha non sexa capaz de explicalos con claridade, se cadra por non ter reflexionado en exceso sobre como se producen ou coidalos privados en exceso. Sempre sentín que a esfera do privado debía seguir sendo iso: privada. Porén, agora que teño máis anos, decátome de que é inevitable que, sobre todo os achegados, queiran saber o que se coce por dentro dunha, quizais porque dese xeito cren que nos comprenden mellor.
Non teño unha boca tan horrible como figura na caricatura, nin eses dentes tan grandes e con aparencia de sucios (dúas limpezas anuais evítano), nin ese aspecto de bruxa. E, madía leva, no me parece ter tantas engurras. Pero, en fin, é como me viu o caricaturista e cómpre amolarse. Iso si, alegría posúo por arrobas cando lle toca, que non é sempre.

22.3.14

Veremos que pasa

A pavieira ten flores

A oliveira "anana", tamén

O marmeleiro non cabe en si de gozo

O pexegueiro silvestre semella feliz

Este aguacate está reservado

As súas floriñas prometen o conto da leiteira
As árbores da horta están preñadas de flores que prometen froitos, pero todo dependerá do tempo climatolóxico. O ano pasado non tivemos máis que mazás, que non se podían comer porque eran as primeiras que daba a maceira e seica esas deben caer de seu. Neste caso permaneceron na árbore unha morea de tempo e os paxariños non perderon a ocasión de peteirar nelas a pracer. Se non volve a haber temporais, quizais poidamos gorentar os resultados, mesmo regalar algúns, pero non convén poñer o carro antes dos bois nin soñar contos de leiteiras, porque o chasco sería tremendo.
Hai dous ou tres anos o aguacate estaba cheíño e B soñaba con ir ao mercado cunha gran cesta e colocarse nun recanto a vendelos. Un temporal de primavera varreu todas as flores e ollámonos sentíndonos coma parvos, igual que se debeu sentir a leiteira do conto. Veremos que pasa de aquí en adiante.

23.2.14

Dez anos de blog

Pois iso, dez anos de blog, que se di nun suspiro. DEZ. Caraina!

22.2.14

Cando María Reimóndez estivo no club de lectura

Tiña gana de coñecela e agardaba con impaciencia o día 20 de febreiro, despois de acordar outro e trasacordar; porque cando unha ten un traballo coma o seu e unha actividade tan intensa noutros aspectos non é doado concordar datas. No club de lectura lemos, primeiro, Feminismos e, dous meses despois, En vías de extinción. Ignoro se os demais membros do club coincidían na miña ansia, pero sei que a todos lles gusta compartir as xuntanzas co autor, algo ao que eu tamén lle vou collendo gusto.
É María Reimóndez unha escritora inquieta, comprometida e combativa cos temas que lle interesan e iso (que á fin e ao cabo non deixa de ser paixón pura e dura) resulta de agradecer entre tanto leite morno que nos rodea.
Das súas obras non teño moito que dicir máis que hai que lelas e comprobar de seu os matices que encerran. O que me apetece, en realidade, é comentar algunhas sensacións xurdidas no Ateneo. Como non podía ser menos, ten un falar fluído e ameno, ponderado e cargado de razón; as súas mans (si, fíxome moito nas mans das persoas) son delicadas e miúdas, case de nena; chamáronme a atención porque non é unha muller pequena e por uns intres semelloume que non cadraban cun aspecto tan rotundo e definido; igual cá súa voz, fina e suave. Ao escoitala falar, repousada e contundente, coidei que esa é a mellor maneira de expresar cousas importantes, non ese xeito arrebatado e mesmo lercho que temos algunhas. Creo que estivemos todas e os dous homes que acudiron moi a gusto, coma nunha charla de bar (que é o que era). Quedoume a boca doce. Sentinme moi cómoda e interesada. Espero que poidamos repetir. Grazas, María e grazas tamén pola dedicatoria. Un auténtico pracer.

15.2.14

Para Jota

Dona repousando un chisco despois da carreira
Dona coas orellas ao vento e a filla ao fondo
Dona entre os fentos ou fieitos -como din aquí-
Melas atacando
Melas preparándose para atacar
Dona osmando entre a herba
Melas no seu tobo -día a día máis pequeno-  
Dona durmindo no seu recanto do sofá
Hoxe Dona cumpre seis anos, seis. A filla, Melas, fixo tres e oito meses hai dez días. Son xa cadelas adultas, aínda que calquera o diría; choutan, xogan, perseguen paxaros, devecen polas caricias, son atentas aprendizas de cociña, non rexeitan un anaco de cenoira ou de mazá, controlan todo o que fago... A veterinaria asegura que están gordas (non obesas, ollo) e insiste en que deben adelgazar un chisco; B retruca que é polo inverno, que non lles permite saír ao exterior todo o conveniente, que en canto mellore o tempo seguro que han baixar algo de peso. De todos os xeitos, vémolas activas, se cadra algo amantes de máis do sofá, pero coa chuvia quen é o que se anima a envorcarse na herba e corricar pola horta?
Acotío, cando volvo dos recados, recíbenme coma se houbese mil anos que non me ven e, así como me poño a abrir as ventás -actividade que realizo acompañada de Dona-, convídanme a saír á horta. Falar non falarán pero enténdeselles de marabilla. Unha vez fóra andan ao seu, coma se eu non existise, pero axiña notan a miña ausencia e véñenme buscar. Iso si, en canto me poño a cociñar, sentan moi serias e modosas ollando para min sen perder un só movemento; agardan, madía leva!, a que lles caian unhas pingas de salsa de tomate ou do que sexa, e son capaces de aturar con paciencia infinita o tempo que cumpra para recibir a propina. Como di miña nai, fan moita compañía. Eu engadiría: e non só iso.

4.2.14

Efectos domésticos de Petra

O enorme testo da suculenta caeu baixo o efecto do vento.

O valado de madeira sobre o muro non aturou.

Aquí outra vista do valado caído.

E máis.

E aínda máis.

A terra enchoupada.

O día transcorreu cunha ventada tremenda. Dona e Melas non se atreveron a saír nin sequera a mexar; cada vez que asomaban a cabeza volvían para adentro arrepiadas. Ventaba e chovía que daba medo e pola tarde, na sobremesa, oíuse un estrondo que fixo ladrar a Melas coma unha tola:  o valado de madeira sobre o muro de pedra non resistiu a forza do temporal e parte del veuse abaixo. Haberá que encargar outro, desta vez de aluminio, que atura o que lle boten. Por riba, volveunos entrar auga pola porta cambiada de orientación; creo que desta vez entrou pola parte baixa ancorada na lousa, así que a forza do vento xa se pode supoñer. Á parte da fartura do mal tempo, desfeitas que cómpre arranxar e pagar. Esperemos que o seguro da casa contribúa en algo, que para iso está.

25.1.14

A orquídea

Vai para sete anos que mercamos esta orquídea de exterior; seino porque Dona aínda non chegara á casa e a planta puido enraizar ben para resistir os "ataques" da cachorra. Despois, con Melas, tamén recibiu algúns empurróns, pero aí segue, florecendo todos os anos por estas datas.
Abráiame que logo de varios temporais, algúns con abundante sarabia, a boa da orquídea continúe viva. Aquí vola deixo para que gocedes dela.

19.1.14

Boa literatura

Aínda sigo cismando n'A lúa da colleita de Anxos Sumai, unha novela perturbadora e moi ben escrita que evoca un mundo en que a realidade non é só o que aparenta, senón bastante máis. Amólanme abondo os erros, que achaco ao corrector, pois nada hai que desluza máis un texto ca unha corrección descoidada, cousa da que deberían tomar boa nota os encargados da editorial.
Pero a novela non sofre demasiado por iso, no sentido de que a escrita de Anxos Sumai é tan poderosa que o atura sen grandes problemas. Realista, lírica, tenra, por veces brutal pero sen perder de vista a humanidade, poboada de personaxes cuxas vidas e sentires atraen e repelen asemade, se cadra porque están cheos de auténtica vida, de vida literaria, que é a que importa nunha obra de ficción.
O día 31 de xaneiro presentarase no Auditorio de Rianxo, ás 8'30 do serán, e eu espero estar alí co meu exemplar.

12.1.14

Raíces

Un dos últimos temporais deixou bastantes estragos na horta e no monte. O recipiente para facer fertilizante (argheiro, chámanlle aquí), non aturou a forza do vento e desfíxose por completo, ata o punto de quedar inutilizable, pois as pestanas que agarraban as distintas pezas racharon de vez. Algúns xeranios, antes mestos e rufos, apareceron desmaiados, coma se os azos non lles abondasen para recuperarse da noite. As follas do rícino semellan peneiras despois de recibir os golpes asañados da sarabia. Algúns piñeiros do monte da Garita, amais de perder pólas e follas, víronse desarraigados e caídos case sen decatarse. E, en xeral, semella que unha batalla campal tivo lugar entre os camiños pola cantidade de pólas, piñas e follas arrincadas. Porque non todas teñen raíces tan fortes coma a da foto, que asoma nunha corredoira e é un dos motivos que obriga a mirar acotío o chan. Hoxe o ambiente está calmo. Non sei canto durará.

1.1.14

Perrografías

Amparo Garrido é fotógrafa e tíñalle medo aos cans, coma min. Conseguiu vencelo psicanalizándose e descubrindo que provocaba ese pánico. Eu non acudín a esa panacea que seica din produce marabillas, quizais porque non me fixo falta ou porque son demasiado teimuda como para non intentar por min mesma atopar a orixe dos meus medos, probablemente porque me era máis doado ca a ela dar co dispositivo que se poñía en marcha cando vía un can.
Coñecina a través de FB e gustoume o seu proxecto; Dona e Melas xa estaban connosco e creo que foi por iso que o seu libro me atraía tanto: retratos de cans en primeiro plano que amosan toda a súa caninidade e a súa beleza e que lle axudaron a vencer definitivamente a súa fobia. Hai un par de días chegoume o seu libro, cunha sentida e fermosísima dedicatoria (para Peke, con todo el cariño del mundo, y también para Dona y Melas, quienes con su ternura, transformaron el miedo en amor. Amparo Garrido), que me fixo máis valioso o exemplar. E aí está, sobre a saba, a superficie máis cómoda que atopei. Encántanme as fotos, o resultado final e as palabras de Amparo; un precioso autoagasallo de Nadal.

29.12.13

Rochas

O monte da Garita queda moi preto da casa e a el imos acotío a pasear coas cadelas; elas dedícanse ás súas ocupacións favoritas, que consisten en osmar todo a fondo, buscar coellos e non pillalos nunca (do cal me alegro), choutar e correr con liberdade, roer piñas e paus e saudar a quen nos cruzamos. B goza coma un cosaco ollando as novidades que se produciron desde o día anterior e eu, basicamente, procuro non despegar moito os ollos do chan para non tropezar coas raíces e pedras; detéñome de cando en vez para mirar a contorna e descubrir cousas que non deixan de sorprenderme, coma ese piñeiro que medra no medio e medio das rochas. Porque a Garita está salferida de penedos enormes e un dos máis grandes é o miradoiro, que mesmo ten uns chanzos primitivos para agatuñar ao cume e contemplar as amplas vistas. Eu nunca subín pola sinxela razón de que logo hai que baixar e dubido moito da miña habilidade para facelo sen dano. A B, porén, encántalle imitar a Tarzán e emitir berros inconexos que o deixan coma novo.
Resulta rechamante este monte penedoso, dividido en leiras de distintos donos, cruzadas por unha morea de camiños, ao que acode xente de todo tipo: ionquis, amantes do botellón, amantes a secas, paseantes, deportistas, buscadores de setas e recolectores de piñas. O que non acabo de comprender é por que, se existen varios puntos limpos e recollida de trastes a domicilio, hai persoas que se molestan en levar alí colchóns, sofás, lavabos, bañeiras, persianas e restos varios. Sospeito que é un costume moi galego difícil de erradicar.

20.12.13

Selos

En USA é posible encargar selos co motivo que queiras e empregalos para franquear cartas e paquetes. O home de Maryland -amigo meu desde hai anos- mandou facer estes cunha foto de Dona e Melas (que figura no meu perfil de FB). Cando me chegou a súa postal de Nadal case non podía crer o que vía no sobre e sentinme moi alegre. Falei con el, agradecinllo, pero faltaba por chegar a plancha enteira con selos que aquí non son de curso legal. Gardareinos e, se podo, coareinos coma quen non quere a cousa nas escasas cartas que envío. Abofé que están guapas as nenas! Merecen divulgarse por todos os lugares do mundo. Espero que Correos non se mosquee.

12.12.13

Reaccións

É a primeira vez en sete anos que o concello pon un adorno de luciñas de Nadal na nosa zona. Como Melas non ten moito percorrido nin demasiado horizonte (a pesar dos seus tres anos e medio), os primeiros días que viu tal trebello lanzouse a ladrar coma unha tola montando tal escándalo que daban ganas de poñerlle unha buceira. Que dano poden facerlle esas luciñas? Misterio. Supoño que o descoñecido, o nunca visto, a novidade, pero é matemático: ver o trebello aceso e ladrar coma unha posesa é todo un. De nada vale que intentes calmala ou engarguelala con algunha chuche; de súpeto ponse a rosmar e ten que saír a desafogar a gusto durante todo o tempo que lle pida o corpo. A nai mírame como dicindo: "Déixaa; non ves que non entende nada?". E así andamos, entre ladridos, rosmidos, procura de aloumiños e inseguridades varias. Desde logo que, seguros, estamos seguros.

6.12.13

Grazas, grazas, grazas, MH

Cando vin que Gradicela desaparecera do panel de control (e, por tanto, non podía entrar no blog para fochicar nel, nin escribir nin editar nin publicar), pensei que sería unha cousa pasaxeira que axiña se arranxaría de seu. Pasaron os días e saltáronme todas as alarmas: aquilo non tiña boa traza. Resistinme a pedirlle axuda a MH, non por falta de confianza, senón porque sempre lle dou a vara con este tipo de problemas e xa me parecía abusar. MH foi quen contribuíu a armar este trebello, vestiuno ben e lindo e ao longo de case dez anos respondeu as miñas dúbidas con paciencia intentando aprenderme o que el aprendera; claro que este animal -Peke- é moi túzaro para asimilar determinadas cousas e case sempre volvía a este bo amigo para resolver os atrancos.
Estaba xa disposta a abrir outro blog, laiándome coma unha cadela por non poder celebrar o décimo aniversario de Gradicela; bobadas, se cadra, pero... son case dez anos!, téñolle cariño!, hai moito de min nas mil e pico entradas que publiquei! Que non lle importa a ninguén? A min si me importa e moito máis que moito. Son unha sentimental, que lle vou facer?
El non querería que puxese un enlace que o identificase: é así. E non o vou poñer para non amolalo; só direi que é un home brillante, moi brillante. Para el o meu máis grande agradecemento. Graciñas, meu! Bicos a tutiplén.

23.11.13

Vestida de gala

Que Antón Riveiro Coello é unha persoa encantadora ninguén o pode negar; que escribe moi ben, tampouco, e que con Laura no deserto a literatura galega vestiuse de gala, aínda moito menos.
O xoves pasado o club de lectura de Ribeira tivo a honra de compartir a sesión con el e gozar coma nunca do verbo fácil e fluído deste gran escritor. A pesar de que cheguei á reunión co libro sen rematar (aínda me quedan unhas cincuenta páxinas: un nada, se temos en conta que a novela ten máis de setecentas), a medida que avanzaba na lectura a sensación de marabilla ía a máis. A unha estrutura abondo complexa (que non é o que máis adoita gustarme, pero neste caso está máis que xustificada) únese unha historia engaiolante e dura, narrada cunha mestría e delicadeza que non  fan máis que confirmar que estamos ante un autor capaz de crear mundos enormes cunha prosa elegante e áxil, afondar na psique dos personaxes sen que nada resulte chiante e sorprendernos coas reviravoltas polas que a historia vai cobregueando sen perder en ningún momento o pulo inicial.
Entre chuches humanas (cacahuetes, millos, tapas de carne con queixo...) e algunha caña, público entregado e curioso, ambiente distendido e agradable, Antón contounos cousas ben interesantes do proceso que durou seis anos e desembocou na conclusión desta novela que ninguén debería perder. Un luxo ao alcance de calquera. Por riba, recibín unha dedicatoria ben agarimosa e, aínda que non son fetichista, volverei ler acotío coa mesma emoción. Grazas, Antón!

3.11.13

Olivas

Aínda que eu realicei a colleita, B encargouse de buscar unha receita para facer comestibles as olivas. Atopou dúas algo diferentes e colleu polo camiño do medio; é dicir, mesturou as dúas.
As olivas deben permanecer nun recipiente con auga entre dez e vinte días (as nosas estiveron quince), auga que cómpre cambiar a diario. Tras isto, póñense en auga con sal, en cantidade suficiente para que flote un ovo; o cambio da auga con sal realizouse cada tres ou catro días durante un total de doce, máis ou menos. Agora xa están listas para aliñar e, como se ve na foto, cada tarro ten un aliño diferente; o líquido segue a ser auga e o aliño depende, coma todo, da imaxinación e os gustos de quen as prepare. O aliño oriental leva xenxibre, cúrcuma e non sei que máis, pois B case non lembra o que lles botou; noutro tarro, o do aliño occidental, hai romeu, ourego, pemento moído e tomiño, entre outras herbas. No último, vinagre, pemento, allo (coido que se pasou con el, porque cheira que tira para atrás) e algo máis. De cando en vez axítanse os tarros para que as olivas collan ben o sabor. Onte probamos unhas poucas e podo asegurar que non están nada mal.

2.11.13

Información

Como é evidente nada máis botar un ollo, ando con cambios no blog; non por gusto, senón porque non me quedou máis remedio. Como non son nada destra con estes trebellos, a cousa vai lenta porque, por riba, non atopo por ningures a copia que o sistema dixo que gardaría do anterior modelo. Supoño que se fochico un pouco máis acabará por aparecer. O dito. Suspiro.

1.11.13

Sorpresa

Coidei que xa non se estilaba premiar blogs, por iso sorpréndeme que desde Maleducadas (ao que dou as máis abraiadas grazas) me chegue este Liebster Award, pero non poderei cumprir todas as bases, que son:
- Dar as grazas ao blog que me nominou e nomealo (feito).
- Facerte seguidor do mesmo (sen problema, pois ten moi boa pinta).
- Responder as once preguntas que che presenta (irán decontado).
- Conceder once nominacións a outros once blogs.
- Informar os once blogs de que os nominaches.
- Presentar once preguntas para que os teus nominados respondan.

As tres últimas non as vou cumprir, pero vou coas preguntas (e que preguntas!):
Maleducadas: Cal é o significado da vida?
Peke: Ufffff! Se tivese unha resposta válida para todos sería dona da pedra filosofal. Para min, aquí e agora, é vivir o que me toca, gozar todo o que poida do que vivo, permanecer aberta ao que me rodea, aprender o máis posible e axudar a outros en todo o que estea na miña man. En fin, ser o máis humana posible e non perder o tempo co que eu coido lilainas.
Maleducadas: Que libro escrito por muller non pode faltar nos nosos andeis?
Peke: Son moitos os que citaría, pero como só pode ser un, quedo co que máis veces lin e volvín ler e que me axudou tanto e tanto nunha época bastante desnortada da miña vida: Memorias de África de Karen Blixen ou Isak Dinesen. Fíxome máis doado medrar.
Maleducadas: É certo que os blogueiros se divirten máis?
Peke: A verdade é que non teño nin a menor idea. Depende, coma todo, dos intereses de cadaquén. Ademais, como se entende a pregunta? Divertirse máis en relación a que? Sospeito que un triatleta se divirte moitísimo máis correndo, pedaleando e nadando que sentando ante un ordenador dándolle á tecla. A diversión sempre é relativa, persoal e intransferible.
Maleducadas: Cal é a túa rede social de referencia?
Peke: Esa é doada: facebook.
Maleducadas: Hai alguén ahí fóra?
Peke: Como se entende ese fóra? (perdón por relativizar tanto, pero non o podo evitar). Se se refire ao que está fóra de min e do meu mundo máis inmediato, por suposto que hai alguén e moitos. Se hai que entender por ese fóra vida extraterrestre, tamén diría que por suposto, porque me resulta moi difícil dixerir que nun Universo tan grande só a Terra estea habitada. Si, estou convencida de que hai alguén ahí fóra.
Maleducadas: Quen é a persoa máis famosa do mundo? Ten algo que ver coa literatura?
Peke: Encantaríame poder dicir que Cervantes ou Shakespeare, pero hoxe por hoxe, tal e como están as cousas, sospeito que gañaría por goleada calquera futbolista. É como o da diversión: depende dos intereses de cadaquén. Se se trata de dicir a quen admiro máis, entón xa me pronuncio: todas aquelas mulleres que me serviron de exemplo nalgún momento importante da vida: Karen Blixen, Georgia O'Keeffe, Frida Kahlo, Carmen Martín Gaite, Ana María Matute e tantas outras mulleres anónimas que nos abriron portas ao longo da Historia. Non todas teñen que ver coa literatura ou outras artes, pero todas foron unhas artistas.
Maleducadas: Que é o amor? Se iso é difícil de responder, que historia de amor literario consideras a mellor?
Peke: Uffff! Hai trinta e dous anos (os que levo xunto ao meu amado) diría que paixón arrebatada. Hoxe a resposta é máis complexa: camiñar xuntos (soa cursi, seino, pero é o que hai), vernos evolucionar, apoiarnos e coidarnos mutuamente, respectarnos, confiar un no outro, valorarnos... En suma: querernos.
En canto á mellor historia de amor literario, confeso que non me van demasiado e a primeira que me vén á cabeza é un tópico: Romeo e Xulieta. Ignoro se é a mellor, pero non hai dúbida de que é a máis coñecida. E se ampliamos o concepto amor, contesto de cabeza que a historia de Don Quixote desde a primeira liña á última.
Maleducadas: Cal é o segredo para gañar un premio literario? 
Peke: Sería moi ilusa se contestase o que me parece evidente e xusto: a calidade. Se partimos dun premio normal (calquera que non sexa o Planeta), ademais da calidade, depende de moitísimos factores, desde a composición do xurado, dos gustos de cadaquén, do día que teñan os membros do mesmo, do que estea máis de moda no momento, do que tire máis comercialmente... Opino polo que vexo, pois non gañei máis ca un por un microrrelato na rede. Tamén é certo que non me presentei a moitos, pero observo o que ocorre nese mundo e ás veces... en fin, mellor calar.
Maleducadas: As grandes escritoras morren?
Peke: Nin máis nin menos cós grandes escritores. Non creo que Clarice Lispector, Ana María Matute, Jane Austen, P. D. James ou Karen Blixen morran literiamente falando; se cadra -como ocorreu tantas outras veces con moitos autores- pasen tempadas no esquecemento público e comercial, pero as súas obras serán recuperadas cando algún editor coide chegado o momento ou coide que o seu é un momento tan bo coma outro calquera para volvelas sacar á luz. Sempre haberá alguén que goce ao descubrilas ou revisitalas.
Maleducadas: Canto tempo van vivir os blogs?
Peke: Levo case dez anos co meu e, mentres o sistema funcione, a min vaime ben. Supoño que depende da intención dos autores, dos seus desexos e intereses, da validez do medio para os mesmos... Nunca se sabe que outros medios de comunicación van xurdir nesta arañeira intrincada. Mentres continúe a ser unha canle válida para comunicarse e intercambiar opinións, durará; cando non sirva ou se faga incómodo, desaparecerá. A resposta a esta pregunta pertence ao futuro e eu aínda estou no presente.
Maleducadas: Ademais de escribir un blog, escribes textos de ficción?
Peke: Si, claro, pero iso xa o sabías, non si?

11.10.13

Colleita

Hai anos, aínda en Auria, mercamos unha oliveira anana a un viveiro holandés; B devecía por unha e no balcón só cabía aquela ananez que viña nun testo. Trasladouse connosco a Monte Lourido e alí permaneceu sen cambios ata que chegamos aquí, onde contamos cunha horta bastante xeitosa. A alma do xardineiro afeccionado decidiu poñela en terra, á beira da cancela; como non medraría moito, non molestaría para entrar e saír. O caso é que, feliz no novo hábitat, a oliveira medrou e engordou (cómpre chapodala por un lado todos os meses para non quitar un ollo cando pasamos) e este ano encheuse de floriñas que vimos como, moi paseniño, ían converténdose nos froitos de Atenea.
A principios desta semana as bagas bicolores da deusa semellaban listas para seren recolleitas e, con axuda de Melas, dediquei parte dunha mañá á tarefa. Velaquí o resultado do meu labor; agora permanecerán vinte días en auga (cómpre cambiárllela todos os días) ata que estean preparadas para continuar o tratamento que as faga comestibles.

1.9.13

Amaia Salazar, unha inspectora navarra

O gardián invisible é a primeira novela da triloxía do Baztán protagonizada pola inspectora Amaia Salazar. Traducida a trece linguas, non tardará moito en ser adaptada ao cinema e abofé que pode saír un filme xeitoso.
Intriga, misterio, asasinatos en serie, regreso á vila familiar, encontro co pasado, traumas non resoltos da nenez, complicadas relacións familiares, seres míticos navarros... semella unha mestura difícil de harmonizar que esta autora consegue sen dificultade aparente e con considerable habelencia. Os personaxes están ben definidos e caracterizados, a acción transcorre fluída levada dunha investigación que achega bastantes sorpresas no seu avance e a protagonista principal posúe as características idóneas para facela interesante.
Aínda que a lin no verán, non a coido literatura de "tempada" (confeso que non acabo de entender moi ben esa etiqueta), senón unha boa mostra dun xénero que vai medrando e enriquecéndose paso a paso.