29.1.08

Para o "lector"

Non me considero escritora profesional, entre outras cousas porque non vivo do que escribo, algo, por outra parte, case imposible neste pequeno país en que tantas e tan boas plumas se disputan as coroas de loureiro. Ademais, nunca fixen da escritura unha carreira, senón máis ben un desafogo que en tempos me era tan necesario como respirar. Intentei prepararme ben, madía leva, e sigo preparándome, pero iso non implica que xurdan sempre ideas atraentes. Ademais, leo tanto, bo, malo e regular, que con frecuencia teño a impresión de que queda moi pouco que dicir.
Escribir un libro leva tempo e por veces publicalo aínda máis; de feito Vidas exemplares tardou dez anos en ver a luz por motivos que non veñen ao caso.
Ando con varias cousas entre os dedos, pero son unha escritora lenta. Non teño nin idea de cando rematarei algunha e non me preocupa; as cousas saen cando teñen que saír e de nada vale intentar forzar a marcha. Non me xubilei con tanta antelación para cambiar de profesión, senón para procurar tomar a vida con máis calma. Grazas, lector, polas súas amables palabras; déronme moitos ánimos.

25.1.08

Unha familia normal


Por veces divertida, por veces dramática, Un pequeño inconveniente, a última novela de Mark Haddon lese con facilidade e pracer. Non ten nada que ver con El curioso incidente del perro a medianoche, como debe ser, aínda que algúns comentarios que lin por aí parecen translucir no fondo unha especie de decepción por ese feito, algo que non deixa de sorprenderme.
Altérnanse os puntos de vista con axilidade, os personaxes están ben trazados e deixan pouso no lector, as peripecias que atravesan ás veces póñennos un nó na gorxa, outras inquiétannos e outras fannos soltar a gargallada e case en ningún momento decae o interese porque, á fin e ao cabo, se trata de vidas humanas nas que nos podemos ver reflectidos con facilidade.

23.1.08

Meme-Horario

Pásame Mak desde De todo un poco o meme do horario cotián. Dáme un chisco de reparo, a verdade, porque ao pertencer ás clases pasivas e carecer de grandes obrigas, o meu horario é, en certo modo, privilexiado, non coma os dos que deben fichar día a día no seu lugar de traballo. Pero, en fin, chegados a este punto en que xa amosei parte do meu recuncho, deixo fóra pudores e alá vou.
Como Mak, teño días A (de luns a venres) e días B (sábados e domingos).
Os días A érgome sobre as oito, cando B me dá o segundo toque (o primeiro vén do espertador, ao que non lle fago máis caso có orientativo), almorzo e antes das nove levo a B ao instituto. Logo volvo á casa (agás se teño sesión de fisioterapia, os xoves) arranxo o pouco que a saúde me permite (as camas) e saio pasear. Adoito descansar un anaco no Plaza para tomar un té e charlar con Juan. Volvo á casa, miro o correo e os blogs e cociño o xantar. Sobre as doce e media ou unha e media (depende dos días) vou recoller a B ao instituto, xantamos e durmo a sesta. Se non hai que facer compra, ao levantarme métome no estudio a escribir até a hora da cea, que corre ao cargo de B. Lectura até as doce e media ou unha e logo maldurmir.
Hai unha variante os luns, que é cando B ten clase pola tarde: con frecuencia vou ao Plaza (cerrado ao público) a unha pequena tertulia con Tucho e con quen se presente.
Os días B son bastante diferentes, pois érgome tarde. Ás veces imos ao mercado dos sábados, compramos a prensa, xantamos por aí e damos un paseo. Podemos seguir de troula se empatamos con amigos ou ir ao monte recoller leña se o tempo o permite ou volver á casa a seguir o ritmo pousón. Os domingos case nunca saímos e paso case toda a tarde blogueando e escribindo.
Hai variantes, por suposto, debido a imprevistos, ao mal tempo ou ao meu estado de saúde, pero en liñas xerais así son os meus días fóra das vacacións.

20.1.08

O recuncho de verdade

Aínda que a foto está un pouco cegada pola luz das fiestras, este é o verdadeiro recuncho onde paso moitas horas ao día. Vexo ao mar de fronte (e o tellado dunha casa) e do lado esquerdo, máis casas, árbores e monte. Non é o colmo da orde (nin falta que fai mentres me sirva), pero atópome a gusto, máis ca en ningún dos recunchos anteriores, quizais porque teño máis espazo e moita máis luz natural.
Á dereita da mesa do ordenador hai unha parede con andeis de obra no que figuran libros de psicoloxía, autoaxuda, reflexións de pensadores, teoría da arte e literatura clásica, todo un rustrido froito das présas e do tamaño dos volumes, moitas veces pensados para amolar e desbaratar as mellores intencións. No bauliño que está preto da lámpada (por certo, teño que retirala de aí, pois nunca a acendo) hai unha morea de variñas de incenso para escorrentar o cheiro a tabaco, e á beira, unha caixa con disquetes que non me serven de nada, porque este ordenata non ten disqueteira.
Espero que lles guste, sobre todo a Kaplan, curioso de seu.

19.1.08

Parte do meu recuncho

Esta é unha parte do meu estudio, a dedicada á novela negra, aínda que hai elementos estraños aos que non lles atopei sitio mellor por aquilo de manter os autores xuntos. Vaime quedando pequena a pesar de que conto con seis paredes para libros, algunhas non completas porque están as fiestras, necesarias para dar luz aos case corenta metros cadrados que conforman o habitáculo.
Como me din algúns, debería mercar por internet, e fágoo ás veces; porén sigo fiel a un principio que me move desde que teño memoria: dar de comer aos libreiros da vila que me acolleu. Por iso é un pracer ir mercar a prensa e que che diga a libreira erguendo o furabolos: chegou un, e que ese un sexa A pista de area do meu adorado Montalbano ou, mellor dito, do meu adorado Camilleri. E iso a pesar de que ás veces lle daría de sopapos cando de xeito sibilino deixa as mulleres en mal papel (putas, raposeiras, incitadoras ao pecado, manipuladoras e un longo etcétera), pero a provecta idade de Camilleri, o pracer que me reporta coas súas novelas, a súa retranca irrepetible (e logo falan dos galegos), a aparente facilidade con que retrata a sociedade siciliana lévanme a perdoarlle case todo.
Noemí, miña rula, esta é a primeira que se traduce ao galego antes ca ao español. Ou esperas ou a les en galego. Serás capaz?

16.1.08

Relecturas


Volvín ler as tres obras que teño de Petros Márkaris depois de ver en Qué leer que Tusquets acaba de publicar unha novela nova, El accionista mayoritario, promesa de máis doses do comisario Jaritos.
Este grego nacido en Estambul, guionista de cine e televisión coma Andrea Camilleri, imprime un ritmo particular ás súas obras asemade que retrata unha Atenas diferente e moito máis real cá idealizada imaxe soñada polos estranxeiros. Seica non hai demasiada tradición de novela policial en Grecia, de feito só tres autores a practican, e desde a primeira vez que o lin atopei puntos en común co siciliano e diferencias notables cos ingleses, nórdicos e norteamericanos. A pesar de que me gusta o xénero en xeral, recoñezo que me identifico máis cos autores mediterráneos (como di Márkaris), se cadra porque a súa cultura me queda máis preto.

15.1.08

Blog

Un bo amigo abriu blog. Polo momento está de probas pero vai rápido.

13.1.08

Da vida e do desconcerto

Cando era nova coidaba que ao chegar a certa idade a madureza traería un acougo e unha serenidade que daquela era incapaz de sentir, a pesar de que os desexaba máis ca nada no mundo; cada cousa ocuparía un lugar recoñecible, case inmutable; tería aprendido moito sobre o xénero humano e sabería desenvolverme sen atrancos, con naturalidade verdadeira, entre todo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, volveríanse claras coma a auga e, así, o meu lugar no mundo deixaría de ser unha busca permanente que calmase a miña dispersión porque por fin o tería atopado.
Cando era nova soñaba cun futuro de estabilidade, coas emocións xustas para manter a ilusión de sentirme viva, con arelas abondas que contribuirían a facer da existencia un alegre fluír. Tería superado os conflitos que me inquietaban e me desequilibraban, o horizonte estenderíase limpo de nubes e sabería como actuar en cada momento, por moi complicado que se presentase. E sempre, sempre, contaría co refuxio indestrutible de contar historias.
Atópome na suposta madureza, que si me trouxo acougo e serenidade, pero moitas cousas non teñen un lugar recoñecible, e menos inmutable; o xénero humano segue a sorprenderme, mesmo desconcertarme, e por veces non sei como desenvolverme con certo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, flutuan ao ritmo que marcan as mareas e non acabo de ver con claridade cal é o lugar que me corresponde. Os conflitos non superados convertéronse en tolerables e continúo cargando con eles coma un fardo cuxo peso xa non molesta tanto, por aquilo do costume; no horizonte seguen aparecendo nubes que non chegan a inquietarme, aínda que ás veces me sorprendo soprando contra elas sen demasiada convicción, se cadra porque sei que se desfarán en auga cando lles toque, non cando eu queira. E o refuxio que coidaba eterno mantén en ocasións a porta fortemente pechada sen permitirme acceder á chave agachada nun recanto que non acabo de descubrir.
A madureza. Ha. Cómpre seguir vivindo para atopala. A busca continúa.

7.1.08

Así nacen as baleas


Descubrín a Anxos Sumai en Melodía de días usados e gocei coa súa frescura e lirismo, coa súa corrección e espontaneidade, algo non moi habitual nas nosas letras. Recunquei con Así nacen as baleas e volveume gustar, se cadra porque agradezo ler un libro en galego sen erros nin atrancos, ou porque a historia é bastante orixinal, ou porque está ben escrita. En principio non parece prometer nada que non se dixese sobre unha moza que volve á casa e atopa o universo familiar case igual que o deixou, pero neste caso os ingredientes son diferentes, e a novela cobra pulo a medida que avanza.
Merecidos os premios, abofé.

6.1.08

Unha de Montalbano


A estas alturas afirmar que sinto devoción por Andrea Camilleri é bastante superfluo, pois teño falado aquí de moitas das súas obras a medida que ían caendo nas miñas mans. La luna de papel saíu ao mercado hai pouco (setembro de 2007) e lina onte desde á tardiña á noite gozando de cada capítulo, de cada parágrafo e de cada palabra coma se estivese gorentando un pastel de chocolate.
Salvo Montalbano conserva esa retranca tan súa que o leva a ver as cousas desde varias perspectivas, por moi delirantes que semellen; tamén conserva a debilidade polas mulleres e o seu amor á boa mesa, así coma a perspicacia á hora de lidar coa psicoloxía humana sen perder el mesmo nin un ápice de humanidade. Se cadra os seus defectos (ás veces impaciente cos seus subordinados, rosmón, imprevisible para os demais, desafecto ás rixideces da lei) fano máis atractivo aos meus ollos.
Aínda que a propaganda da editorial o describe coma o caso máis turbio do comisario, coido que todos, en maior ou menor medida, o son, de xeito que consegue sorprendernos en cada entrega con reviravoltas inesperadas na trama. Ironía, fluidez, matices inesperados e unha atmosfera envolvente son características do seu estilo impagable, sempre abraiante.

1.1.08

Luciñas

Conservo de cando era cativa o gusto polas luces de Nadal. Ver a cidade engalanada convertía a festa en máis grande e mellor; ollaba marabillada para elas coma se xurdisen da nada para o pracer dos pequenos. Non me perdía ningún acontecemento que tivese lugar por esas datas e, por suposto, acudía puntualmente á cabalgata de Reis na que nunca conseguía pillar un só caramelo. Un ano decateime de que Baltasar era diferente ao do anterior e sentinme moi desconcertada, até que miña nai me explicou que enviaban embaixadores porque eles sós non daban feito.
Ás veces boto de menos aquela ilusión desaforada que me poñía nerviosa até o punto de xurar unha vez que vira a capa de Baltasar saíndo do meu cuarto. Quen me ía chamar mentirosa?
Gocemos das luciñas mentres duren e afastemos a nostalxia da nenez.

21.12.07

Felices festas


Hoxe fomos mirar o belén que o Concello arma todos os anos. Había moreas de figuras, algunhas un chisco chocantes. Unha das escenas que máis graza me fixo foi a da taberna. Habería tabernas en Belén?
Estarei desconectada durante uns días. Que pasedes unhas moi felices festas!

18.12.07

Petra e Fermín

Gústanme as novelas de Alicia Giménez Bartlett protagonizadas por Petra Delicado e Fermín Garzón. Nido vacío é a sétima entrega da serie e un dos casos máis duros e difíciles na súa carreira. Ten o que debe ter unha novela policial e por riba unha sorpresa final na vida da inspectora que, confeso, me puxo cara de parva e un sorrisiño destes de coello que me saen a min.
O tema é o sempre horrible e desagradable a máis non poder da prostitución e explotación infantil, no que os policías se ven mergullados a raíz do roubo da pistola de Petra por unha meniña de menos de dez anos.
Acción, intriga, ritmo por veces trepidante con remansos que non veñen mal e ese humor entre sardónico e brutal que caracteriza o personaxe son os elementos que me levaron a meterme na novela o domingo e rematala o luns. Estou desexando que escriba a próxima entrega.

13.12.07

Frío

Fago uso dos meus xerseis máis grosos para saír á mañá; o frío non é tan intenso coma en Auria pero chégalle e unha capa de xeada cobre os campos verdes e a terra marrón suavizando a intensidade das súas cores. Mentres circulo polas estradiñas locais para levar a B ao instituto vou pensando na fermosura da luz alaranxada que se alonga sobre as casas e paisaxes, en que me espera unha sesión de fisio nas mans sempre hábiles de María (agora, visto o novo informe médico, tamén me colga polo pescozo), un té no bar de sempre e despois un paseo bordeando o porto ou atravesando a vila.
Paso pola libraría e avísanme de que chegou un dos libros que teño encargados, Las saturnales de Lindsey Davis, a cuxa serie son adicta desde o principio. A pesar de que fixen pedidos a principios de agosto, non chegou nada máis e dígolles ás libreiras que se atopo algún na aldea sagrada cando vaia dentro de dez días fareime con el. É o malo de vivir nunha vila relativamente pequena, que non hai librarías grandes nin feiras do libro e que as distribuidoras funcionan daquela maneira.
Agora só me queda rematar o libro co que estou agora (El significado de la noche de Michael Cox), que, por certo, se me está facendo un chisco pesado, para meterme de cheo na Roma de Marco Didio Falco.

6.12.07

Entre a reportaxe e a novela

Aínda que pareza mentira, non lera A sangre fría de Truman Capote até esta semana. Trátase dun relato que parte do asasinato dunha familia de catro membros, os Clutter, a mans de dous individuos que só os coñecían de oídas e que deriva nun bo retrato de parte de sociedade americana.
Inclúe recreación de diálogos (aínda que Capote falou polo miúdo cos asasinos mentres estes permaneceron no cárcere varios anos) e de situacións e cara ao final as análises dos psiquiatras que estudaron a personalidade dos mesmos e as circunstancias do crime.
Gustáronme a prosa áxil e vivaz tan típica de certos escritores norteamericanos de mediados do século XX (e de aí en adiante, dito sexa de paso), a frescura que aínda conserva malia o tempo transcorrido e a tensión narrativa a pesar de que desde o comezo coñecemos boa parte da historia, se non toda.

1.12.07

Sara e Victoria

Da man de Noemí chego a Lista negra de Sara Parestky, creadora da detective privada V.I. Warshawski de quen lera hai algún tempo Sin previo aviso e Tiempos difíciles que non me deixaran grande pegada, pois non volvera facerme con ningún.
Este que nos ocupa introdúcenos nun mundo de vellas vacas sagradas dispostas a defender con uñas e dentes os seus privilexios de clase poderosa, a pesar de que no medio haxa unha investigación de asasinato. A paranoia xurdida despois do 11 de setembro plásmase na persecución dun adolescente exipcio e na invasión da intimidade sen ordes de rexistro nin permisos de ningún tipo. Parestky non aforra censuras sobre este xeito de actuar por parte do FBI e doutras forzas de seguridade.
A primeira persoa narrativa, a linguaxe directa, as frases curtas e a precisión lingüística imprimen un ritmo veloz á novela que se le bastante ben malia algunhas repeticións un pouco irritantes. Recoñezo que case acabo tan esgotada coma a propia Warshawski, que ao longo da obra comenta unha chea de veces o exhausta que está.
As diferencias sociais, os prexuízos e o medo son outros aspectos que quedan abondo ben plasmados. Quedei remoendo algúns ao meu pesar.

27.11.07

De paseo

Recupero pouco e pouco o gusto polos paseos en solitario que tanto me gustaba dar hai apenas un par de anos. Por riba, o médico é o remedio que me ofrece para calmar os meus problemas dixestivos e ir perdendo peso amodiño; non quere que faga dieta nin que tome máis medicamentos dos que tomo, así que me obrigo a vencer a preguiza e evitar escusas como que sopra moito vento (que sopra) ou que me doen os cadrís (que me doen, pero segundo el deixarán de doer). Aínda que hoxe o paseo foi urbano, días atrás fixen o percorrido que bordea a costa e ollei unha morea de barcas faenando. Pillei a estes desde a beirarrúa (había ben unha ducia de pequenas embarcacións), supoño que collendo ameixa, cuns curiosos aparellos de mango moi longo e unha especie de gaiola con reixa no remate. Sinto non poder dar o nome, pero o meu vocabulario marítimo deixa moito que desexar (se alguén o coñece, que me ilustre).
Levamos varios días de ceos despexados e un nordés que arrastra todo o que se lle poña por diante; nas ruelas estreitas que comunican o malecón co interior da vila créanse auténticos tiros que baten forte contra as facianas e remexen cabelos e roupas coma se o mesmo Eolo se aplicase en amosar que a pesar de todo continúa a ser un deus.

25.11.07

Chamar ao timbre

A porta non é gran cousa, apenas unha cancela sólida que non permite adiviñar que hai detrás. Claro que podía asomarme por riba e, poñéndome na punta dos pés, botar un ollo para saber que se agacha detrás dese claro convite a turrar da cadea que faga soar -a saber onde- un timbre misterioso. Pero corro o risco de que alguén me pille in fraganti ou, o que sería peor, me abran a porta sen que eu teña preparada unha boa escusa para explicar o meu acto.
Porque non sempre hai que facer caso dos convites que aparecen aquí e acolá e menos cando non se coñece a xente.
Unha veciña de moi preto tomounos baixo o seu manto protector e agasállanos ovos das súas galiñas, verzas, uvas, carozos de millo e leña. Dicíame que turrara do saco de carozos para levalo até a casa e xuro que o intentei, pero non teño forza ningunha desde que estou enferma. Creo que a boa muller non daba creto á miña febleza e, por riba, engadiu que estaba moi gorda. Xurei polo baixo e reneguei da sinceridade non pedida, pero cómpre recoñecer que me sobran bastantes quilos que, dito sexa de paso, acumulei desde que estou nesta vila.
Cada vez máis vai urxíndome a idea de perder peso. Veremos como o consigo sen poñerme a dieta.

21.11.07

Substituto de Pendergast


Xa teño falado aquí de Douglas Preston e Lincoln Child, creadores do meu adorado Pendergast e doutros libros cuxo protagonista non era el. Atopei por casualidade no centro comercial unha novela xa algo vella, La ciudad sagrada, cuxa figura central é Nora Kelly, unha antropóloga que se atopará co axente do FBI en Los asesinatos de Manhattan. Sérveme para informarme de certas incógnitas que me tiñan intrigada por non o ter lido antes, digamos que a historia previa de Nora e dalgún personaxe máis que sae en posteriores entregas.
Aínda que o comezo non é dos que apreixan a atención desde o primeiro momento, vai gañando pulo e garra a medida que avanza e xa agora me ten o corazón nun puño. Doses de intriga, misterio, aventuras e un toque de fenómenos inexplicables fan destes libros un bo remedio contra a desgana e o aburrimento, amais de unirse unha calidade non despreciable que contribuíu en boa medida ao seu éxito, cando menos nos USA.
Á espera da seguinte entrega de Pendergast (quero crer que a haberá despois de ver como remata a última), resulta estupenda para facer boca.

18.11.07

Sábado de feira


Todos os sábados na vila hai un enorme mercado que ocupa gran parte do porto. Postos de todo tipo (froitas, verduras, queixos, bacallau, chourizos, doces, plantas, bolsos, calzado, roupa interior e exterior, alfombras, apeiros, cacharros de barro, mobles...) espállanse pola explanada para gozo de compradores e curiosos, a xente amoréase nalgúns e pasea polos corredores que se forman, papeis e bolsas sementan o chan e un vai tropezando a cada pouco cos que miran para todas as partes menos para adiante. Onte fomos mercar cenorias para zume (hainas enooormes) e un pantalón que non lle serve para B.
Á parte do pracer que supón escoitar os vendedores pregoar a mercadoría (os acentos son do máis variado que se poida dar), non o menos ler certos letreiros que cantan as excelencias do produto; o máis auténtico que vimos ese día rezaba así: Calcetines a 6 euros la docena. Tres años de garantía.
Aínda que é algo cansado este mercado, sempre resulta divertido deixarse caer por alí, despois ir tomar o vermú e rematar a mañá xantando nalgún mesón uns mexillóns da ría (os mellores do mundo) e unhas luriñas fritidas, regado todo cun viño gorentoso.