31.8.04

Revistas e realidade
Son moi preguntona, ¡que lle imos facer!; cando algo me intriga ou me chama a atención, intento informarme decontado. De momento teño o fisio favorable aos meus interrogatorios (espero que non acabe farto) e satisfai con puntos e comas toda canta curiosidade me cruza a cabeza.
Hoxe lembreime do artigo dunha revista que trataba a diferente reacción de homes e mulleres ante a dor; de entrada aceptei que as mulleres nos implicamos emocionalmente e por iso vivimos o sufrimento con maior intensidade, aínda que o meu caso debe de ser a excepción. Con B non podo contar para as miñas comprobacións, pois é moi rariño e non responde á media, pero outros amigos si me valeron: H, por exemplo, un mozote de vinte e tantos, poñíase dos nervios ante calquera molestia e corría a urxencias preso de angustia; Cesare, sen chegar a eses extremos, tamén pode servir de mostra; M, pola súa parte, desmaiouse no dentista ante a visión dunha agulla, e hoxe o fisio confesoume que cando lle doía algo sentía odio, auténtico odio.
En fin, o dito; os homes non permiten que a dor lles afecte emocionalmente.

30.8.04

Ito, Carlitos, Tacho, Faustino, Avelino, Cristina, Rosa, Sara, Mateo...
Esperaba que algo me disuaside porque son de impulsos e os impulsos, xa se sabe, necesitan repouso. Pero se non o solto agora, non o soltarei xamais, e estou segura de que o lamentaría.
Todos foron fillos de alguén que os sobrevive; todos deixaron tras si desolación.
Ito morreu hai vintetantos anos (son incapaz de lembrar o número exacto, pero a nai non) nun accidente de tráfico; era o irmán maior de B. De vivir, agora tería máis de cincuenta anos.
Carlitos morreu hai nove de sida, aos trinta e tres, coma Cristo; era fillo único e o amigo da nenez de B. De vivir, rondaría os corenta e dous.
Tacho, Faustino, Avelino e Cristina foron un día alumnos meus; o primeiro morreu o seu primeiro ano en Compostela por unha fiestra inimiga; Faustino e Avelino estreaban carné de moto cando uns irresponsables os varreron deste mundo, en circunstancias distintas, pero igual de incomprensibles. Cristina ía na bici, feliz cunha amiga tras un magosto no instituto, cando un camión lle rachou o futuro.
Rosa morreu aos catro anos; era veciña nosa en Auria e naceu cunha enfermidade conxénita que non lle agoiraba un futuro esplendoroso, pero aos pais dáballes igual. Agora tería once.
Sara, Sariña, morreu aos tres anos escasos dun golpe de calor; era a filla única dunha amiga de B e naceu cunha atonía muscular que lle dificultaba moverse con normalidade. A amiga de B aínda intenta superar a súa ausencia, insustituíble. Do pai mellor non falar. Ela xa non pode ter máis fillos. Sariña agora andaría polos sete ou oito.
A Mateo non o coñecín; hai apenas seis días que deixou este mundo; só tiña dous anos. A súa morte dóeme tanto coma as anteriores, quizais porque sei como sofren os pais malia non ser nai.
Contra o que poida parecer, todos sufrimos de xeito indescritible cando se produce unha morte que esgaza as leis naturais da vida. A miña sogra é a proba evidente da dor sen consolo, se cadra porque non quere ser consolada, pero tanto ten.
Contra o que poida parecer, nestes momentos Mateo ocupa todos os recunchos da miña mente. E vólveme doer a alma dun xeito terrible.
Só desexo que os pais poidan superar (que non esquecer) a ausencia de Mateo.

(Quédanme algúns no saco, pero mellor outro día, cando estea máis serena).

29.8.04

Transgresións
Na praza de abastos da miña aldea había en tempos un letreiro que poñía: Prohibido blasfemar y escupir en el suelo. Intrigábame tal asociación por non entender qué tiñan en común esas actividades para figurar xuntas, e iso que me fartei de preguntarlle á miña nai. Que a primeira fose pecado e a segunda, insalubre non me acababa de convencer; a miña lóxica dicíame que deberían poñer dous letreiros independentes.
O curioso é que me lembro a min mesma cuspindo no chan cando ninguén me miraba e practicando a blasfemia desde o mesmo intre en que me informei ben de en qué consistía. Cheguei a sentir un pracer morboso ante o risco que corría, pero no fondo mantiña a esperanza de que aparecese de súpeto un garda e me collese polo pescozo co corpo do delito a medio caer.
¡En fin! Andaría polos cinco ou seis anos e era moi rebelde.

28.8.04

Entrevistas II
A necesidade de dar respostas rápidas e inmediatas non permite reflexionar demasiado. Despois da última (hai tres días), quedei de novo coa sensación de que, se ma fixesen hoxe, contestaría de xeito distinto as mesmas preguntas.
A que máis me matou foi esa de ¿con que palabras te definirías? Intentei definirme, claro, aínda que me tería gustado dicir ¡e eu que sei, filla; e eu que sei...!
Entrevistas I
Case todas as veces que me entrevistaron (poucas) o medio empregado foi o teléfono. Á parte de que me paraliza bastante que me fagan preguntas directas sobre qué estou escribindo ou qué sinto sobre este ou aquel asunto, adoito manifestarme con tal laconismo que o entrevistador permanece calado cando eu xa rematei, á espera, se cadra, de 'algo' máis substancioso.
É o que ten ese medio, que a unha sempre se lle ocorre a substancia cando xa colgou o aparello.
¡Que día!
Esgotador sen saber moi ben por qué. Fisio suave, compras lixeiras, albanel picando e botando masa... Nada que non se produza en calquera vida normal.
Pero é o que teñen as enfermidades crónicas: impredicibles coma as moscas.

Por certo, xa conseguín o pleno: teño os dezaoito puntos de dor que caracterizan unha fibromialxia de libro. Eu cando fago algo, fágoo a conciencia.

27.8.04

Lecturas
A pesar de que non leo demasiado cando me embarco na escritura dunha historia (ben para non sentir interferencias, ben porque a miña cabeza non dá para tanto), alterno dous libros ben dispares: Ulises de James Joyce e El último caso de Drury Lane de Ellery Queen.
Do primeiro hei de puntualizar que aínda estou coa introdución de Valverde; o curioso é que lembro episodios da obra cunha claridade que responde máis ao Curso de literatura europea de Vladimir Nabokov ca á miña -acotío- mala memoria. O bo de Vladimir conseguiu o que semellaba imposible: transmitirme o seu entusiasmo por este libro de Joyce en contra da nefasta idea que me fixera do escritor. Xa, xa sei que non debemos confundir a obra co autor, pero son tan humana coma calquera.
De todos os xeitos agora xa se converteu en capricho persoal ler o devandito libro; non creo que ningún heroe moderno poida comigo.
Verbo da novela de Ellery Queen, o único destacable é que entretén sen amosar sangue (polo momento), autopsias nin aberrantes actuacións de psicópatas desalmados, se cadra pola sinxela razón de que na súa época aínda non estaban de moda.

26.8.04

Criterios
Nesta familia quen comprende con máis xusteza o mundo é B, probablemente porque non se dispersa tanto coma min; por iso, cando lle pregunto sobre temas tan graves coma o de aí embaixo, sei que obterei unha resposta completa, documentada e abondo clara para non distraerme con detalles secundarios.
A min pérdenme a dor, o sufrimento das persoas, pensar en cada ser humano un por un e sentir esta humillante impotencia. El, na análise que realiza para min, debulla a hipocrisía da ONU, a lei do funil da opinión pública e dos media, o talante intencionadamente morno dos gobernos...
Quedoume claro que en Sudán hai unha clase poderosa -que goberna- composta por camitas, musulmáns, que extermina en nome de non se sabe qué unha poboación nubia e bantú, cristiá ou animista, sen que ninguén mova un dedo, nin sequera os USA, abandeirados de causas gañadas -que non xustas de seu.

Dóeme a alma e sei por qué.

25.8.04

Darfur
Isto continúa. Cumpriría paralo xa.
Decisións erróneas... Ou non
Parte das decisións que tomo responden ao que a min me tería servido de axuda -ou non- nun momento pasado. Se alguén me dixese hai trinta anos que aquel era o meu xeito de funcionar, que me informase e lese todo o posible sobre o tema, tería aforrado moito sufrimento inútil -ou non-, porque cando menos sabería a qué me enfrontaba. Como ninguén mo dixo, fixen o camiño a pelo.
Tería agradecido moito que alguén me avisase -ou non-, para aprender a valorar antes con xusteza os cativos momentos de pracer, eses que lembramos cando somos vellos -ou non.

Non teño características marianas -ou si.

24.8.04

Cousas da vida
Os inestables e desequilibrados pasamos parte da vida renegando da nosa condición; outra parte, intentando asumila, e, á fin, tolerámola cando vemos que o tempo transcorre e non acadamos a ansiada tranquilidade interior.
Cun pouco de vontade e enerxía, aceptamos funcionar dando bandazos sabendo que, tras unha sacudida moi forte, o que nos sacode ten que deterse para tomar aire. Eses respiros amósannos que non hai que perder a esperanza.
Entre respiro e respiro, facemos o que podemos.
Noxos e mágoas
Por non poder varrer tanto lixo.
(Non concretemos).
Por ver a B desacougado.
(Certos lixos...; era de esperar).
Pola ineptitude disimulada de eu non o fixen.
(A culpa, ¿sabedes?, sempre é doutro).
Polos temas tabús que nos envolven.
(Da morte, por exemplo, ninguén fala).
Pola incerteza, á fin; sempre a incerteza.
(Mañá será outro día. E seguiremos respirando).

23.8.04

Correspondencia
A xente, polo xeral agradece que a escoiten; desafoga e queda descansada.
A maioría perde o interese cando o interlocutor pretende falar das propias coitas.

22.8.04

¿Intransixencia? Pode ser...; case seguro; en fin: si
Onte comprobei no caderno de Pawley que non estou curada en absoluto, que hai cuestións que me seguen cabreando até un punto perigoso e que mellor me sería repetirme algún mantra sedante cando caio no tema.
A cousa vén de lonxe, para a miña desgraza, desde as primeiras veces que escoitei falar sen ningún reparo sobre lingüística a persoas que non tiñan formación (nin xeral nin particular) nesa disciplina.
Ninguén do común se sente capacitado para discutirlle a un matemático cál é o mellor sistema para resolver un problema ou a un físico se esta ou aquela lei da termodinámica está mal presentada. ¡Ai, amigos!, pero cando sae a normativa deste idioma a relucir, poucos son os que resisten a tentación de opinar ou discrepar dela, mesmo vilipendiala, polo mero feito de que na súa zona tal palabra non se di así.
Existen dialectalismos, particularismos e expresións familiares que forman parte da esfera lingüística dun individuo, dunha familia ou dun grupo de amiguetes (o seu idiolecto, vaia), válidos e imprescindibles para se comunicaren entre eles, pero ninguén con dous dedos de fronte pretendería incluílos no estándar. J'ai les cannes en fleur era unha frase usada por unha familia bretona coa que compartín vacacións hai moitos anos para referirse ás pernas cansas tras unha longa camiñada; non figuraba en ningún dicionario de expresións feitas nin a recollía ningunha gramática. A eles tanto lles tiña.
O estándar dunha lingua elabórano -como debe ser- especialistas en lingüística e filoloxía; pode gustarnos máis ou menos unha opción, pero de aí á ousadía de coidala incorrecta por sistema media un abismo; quizais nos desgusten as persoas ou o organismo encargado de construír o edificio do estándar, pero de aí a restarlles creto como especialistas media outro abismo.
Falar un idioma non nos converte en filólogos. Xamais escoitei a un panadeiro, economista, químico, camareiro ou matemático castelanfalantes queixarse polo estándar español; comprenden (creo) que se trata dun modelo para todos e non entran en detalles -como debe ser- porque non son especialistas no tema. Entón, ¿por que calquera indocumentado coida ter dereito a entrar a saco no modelo galego?
¿Alguén pode explicarmo?

21.8.04

Facerse o parvo
Cando tiña vinte anos parecíame imperdoable, un xogo desleal, unha incapacidade.
Agora sei que ás veces é necesario e... rendible.
Aprender leva tempo, sobre todo aos túzaros (coma min).
Outono
Está entrando, aínda que o calendario non o diga. Ou quizás sexa que, como é a estación que prefiro, a ansia converte este estraño agosto en desexo cumprido.
Desde que teño memoria, a segunda quincena deste mes non era verán de verdade, exclusiva de xullo sobre todo en Galicia.
Tamén me sucede coa primavera; o calendario pode dicir misa, pero teño un baremo interior que nunca mente e sei que a partir de febreiro o inverno é un vello decrépito.

Comecei co Ulises de Joyce; máis ben comecei coa introdución de Valverde. Alármame a antipatía que me inspira Joyce; espero que non me inflúa moito á hora de valorar a súa obra con xustiza. Penso o de sempre: situarse na época, non pretender que as estéticas son intercambiables, impedir que a persoa substitúa ao autor, abstraerse da biografía e centrarse na obra...
Ando alerta des que un antigo compañeiro de Arte, ao comentar eu que a escultura románica non me gustaba, me soltou anoxado: Porque a estás ollando con ollos presentes.
Pois vale, tentarei ollala con ollos temporalmente ubicuos.

20.8.04

Discutir
Cada vez me custa máis. Non conduce a nada cando se barallan conviccións fondas. Z non vai deixar de turbarse por ver unhas tetas. Eu non vou deixar de pensar que a Natureza é unha marabilla.
Ter razón
Resúltame indiferente. Dáme igual que me dean a razón ou que ma quiten. Non é importante. O único importante é que a miña senrazón me valla para ir tirando.

19.8.04

Catalán 7869-Galego 162
Pódense aducir moitas, moitas razóns para explicalo e non serei eu quen o faga, que para iso están xornalistas, sociolingüistas e incluso políticos. Pero púxoseme cara de parva ao ver o número de blogs escritos en catalán e ir comprobar aquí cántos había en galego.
Creo que xa me vai pasando.

18.8.04

Vivir
Transcorren os días dedicados a observar a entrada e evolución dos trebóns sobre o mar, escribir a historia dun fantasma doente nunha abadía cisterciense, organizar as cores para pintar mandalas e pasear cando o tempo mo permite.
B e mais eu temos horarios bastante diferentes, así que polas mañás, mentres el se esmera na súa actividade favorita, eu saio ao mundo exterior a mercar a prensa, charlar coa quiosqueira e a panadeira, deixar que o fisio me mace ben mazada e facer outros recadiños de pouco peso. Tras un xantar lixeiro, métome na cova a batallar co maldito ordenata, manter ao día o correo, ler o que outros teñen que contar e, por fin, encararme con Melquíades, o seu sandador e demais personaxes que xa comezan a ter decisións propias. Érgome de cando en vez para estirar os músculos, merendar, prepararme té ou pensar nalgunha dificultade que me xurda.
Á tardiña, cando o choio non dá máis de si, sento na sala co libro dos mandalas e os lapis de cores e déixome levar polo instinto. Descubro unha facilidade para combinar e harmonizar tons que me sorprende; anímome cos acertos e non permito aos desacertos que levanten a voz. Caladiños están moito máis guapos.
E non, non me aburro un só segundo.