30.8.04

Ito, Carlitos, Tacho, Faustino, Avelino, Cristina, Rosa, Sara, Mateo...
Esperaba que algo me disuaside porque son de impulsos e os impulsos, xa se sabe, necesitan repouso. Pero se non o solto agora, non o soltarei xamais, e estou segura de que o lamentaría.
Todos foron fillos de alguén que os sobrevive; todos deixaron tras si desolación.
Ito morreu hai vintetantos anos (son incapaz de lembrar o número exacto, pero a nai non) nun accidente de tráfico; era o irmán maior de B. De vivir, agora tería máis de cincuenta anos.
Carlitos morreu hai nove de sida, aos trinta e tres, coma Cristo; era fillo único e o amigo da nenez de B. De vivir, rondaría os corenta e dous.
Tacho, Faustino, Avelino e Cristina foron un día alumnos meus; o primeiro morreu o seu primeiro ano en Compostela por unha fiestra inimiga; Faustino e Avelino estreaban carné de moto cando uns irresponsables os varreron deste mundo, en circunstancias distintas, pero igual de incomprensibles. Cristina ía na bici, feliz cunha amiga tras un magosto no instituto, cando un camión lle rachou o futuro.
Rosa morreu aos catro anos; era veciña nosa en Auria e naceu cunha enfermidade conxénita que non lle agoiraba un futuro esplendoroso, pero aos pais dáballes igual. Agora tería once.
Sara, Sariña, morreu aos tres anos escasos dun golpe de calor; era a filla única dunha amiga de B e naceu cunha atonía muscular que lle dificultaba moverse con normalidade. A amiga de B aínda intenta superar a súa ausencia, insustituíble. Do pai mellor non falar. Ela xa non pode ter máis fillos. Sariña agora andaría polos sete ou oito.
A Mateo non o coñecín; hai apenas seis días que deixou este mundo; só tiña dous anos. A súa morte dóeme tanto coma as anteriores, quizais porque sei como sofren os pais malia non ser nai.
Contra o que poida parecer, todos sufrimos de xeito indescritible cando se produce unha morte que esgaza as leis naturais da vida. A miña sogra é a proba evidente da dor sen consolo, se cadra porque non quere ser consolada, pero tanto ten.
Contra o que poida parecer, nestes momentos Mateo ocupa todos os recunchos da miña mente. E vólveme doer a alma dun xeito terrible.
Só desexo que os pais poidan superar (que non esquecer) a ausencia de Mateo.

(Quédanme algúns no saco, pero mellor outro día, cando estea máis serena).

Ningún comentario :