Non coñecía a existencia dese virus que salta de xeito inopinado e comunica que o ordenador (este!) está bloqueado pola POLICÍA NACIONAL -nada menos- e indica que a multa de 100 € cómpre pagala mediante un proceso un tanto curioso.
Como son da vella garda, e non quero problemas coas forzas da orde pública, dirixinme decontado á comisaría para pedir explicacións. Así como comecei a falar, as dúas persoas que me atenderon saltaron ao mesmo tempo: iso é un virus que non ten nada que ver connosco. Vale, estupendo, que ben!
Tan amables foron que mesmo chamaron un compañeiro que me indicou como eliminalo. Ben é certo que logo fun pedir papas á tenda de informática onde se encargaron de todo, e todo incluíu varias horas porque o ordenador estaba invadido de elementos alleos ao sistema.
Sei que a indignación non serve de nada, pero non puiden evitar lembrar toda a parentela dos fillos de mala nai que se divirten -ou o que sexa- amolando honrados cidadáns que non se meten con ninguén. Porca miseria!
6.10.12
29.9.12
Club de lectura II
En efecto, a ningún dos que acudimos á xuntanza nos gustou Guinea, a pesar de que ten moitos ingredientes para facelo. Algúns detalles resultan inverosímiles ou pouco cribles; determinadas escenas -coma a dos gorilas- semellan, en xeral, fóra de lugar e mesmo provocaron expresións de por favor! en varios integrantes do grupo; a caracterización dos personaxes non acabou de callar, e, en fin, o conxunto non se apreciou como afortunado.
Para o vindeiro mes escolleuse La hija de Robert Poste de Stella Gibbons que, malia gozar de boas críticas e numerosas reedicións, tamén provoca rexeitamento, como se pode ver nos comentarios do primeiro enlace deste parágrafo. Porén, a min divertiume e, a pesar de non rir ás gargalladas, unha sombra de sorriso cubriume os beizos durante a súa lectura, e iso que non sei inglés e perdín moitos xogos de palabras e ambigüidades que a tradución non pode reflectir.
Veremos qué nos depara a próxima xuntanza.
Para o vindeiro mes escolleuse La hija de Robert Poste de Stella Gibbons que, malia gozar de boas críticas e numerosas reedicións, tamén provoca rexeitamento, como se pode ver nos comentarios do primeiro enlace deste parágrafo. Porén, a min divertiume e, a pesar de non rir ás gargalladas, unha sombra de sorriso cubriume os beizos durante a súa lectura, e iso que non sei inglés e perdín moitos xogos de palabras e ambigüidades que a tradución non pode reflectir.
Veremos qué nos depara a próxima xuntanza.
22.9.12
Club de lectura
Fernando Gamboa é o autor da novela que o club de lectura comentará o próximo xoves e que rematei hai uns minutos. Aínda que pareza mentira, é o primeiro libro que leo nun soporte distinto ao papel e, a pesar de todas as miñas reticencias, non resultou tan incómodo como eu coidaba.
Non me acabou de convencer esta novela de aventuras, odio, amor e -se se quere- denuncia, narrada en primeira persoa. Cun ritmo áxil, descricións variadas, diálogos verosímiles e multitude de ingredientes, semella que o ten todo para gustar ou, cando menos, atrapar o lector; e iso -atrapar o lector- conségueo bastante ben, pero... Hai algunhas construcións que non identifico como correctas en español; o desenvolvemento da acción é tan rápido que todo pasa ante os nosos ollos coma se fose unha película sincopada; a virada final resultoume estraña, coma se non cadrase co anterior, e máis parece que o autor a deu para saír do paso que por coherencia co relato... En fin. Supoño que é cousa miña, pois os comentarios que atopei sobre ela son abondo positivos. A súa lectura non foi tempo perdido por completo, pero nun mundo onde hai tanto que ler, este libro non me chamaría se non se suxerise no club de lectura.
Non me acabou de convencer esta novela de aventuras, odio, amor e -se se quere- denuncia, narrada en primeira persoa. Cun ritmo áxil, descricións variadas, diálogos verosímiles e multitude de ingredientes, semella que o ten todo para gustar ou, cando menos, atrapar o lector; e iso -atrapar o lector- conségueo bastante ben, pero... Hai algunhas construcións que non identifico como correctas en español; o desenvolvemento da acción é tan rápido que todo pasa ante os nosos ollos coma se fose unha película sincopada; a virada final resultoume estraña, coma se non cadrase co anterior, e máis parece que o autor a deu para saír do paso que por coherencia co relato... En fin. Supoño que é cousa miña, pois os comentarios que atopei sobre ela son abondo positivos. A súa lectura non foi tempo perdido por completo, pero nun mundo onde hai tanto que ler, este libro non me chamaría se non se suxerise no club de lectura.
15.9.12
Días en Teucro
Malia non estar presente, sei que a nai de B marchou cun livián suspiro, de xeito apracible grazas a un médico con conciencia, sen sufrimentos engadidos aos xa padecidos durante catro anos. Non houbo máis bágoas cás vertidas durante ese tempo en que Mimí foi mirrando día a día, perdendo a noción da realidade e a fala, a capacidade de comunicarse con soltura, de saber que dicir e como dicilo. Descanse, por fin, en paz.
8.9.12
Oír
Os aparellos non posúen a versatilidade do oído nin a súa capacidade de adaptación, por iso os ambientes ruidosos constitúen un auténtico suplicio, as sirenas das ambulancias, os berros agudos dos meniños, a música dun concerto en directo, mesmo o tráfico e as buguinas chegan a resultar case insoportables, xa que fan vibrar fisicamente os audífonos e os oídos. Molestias menores, se cadra, mais suficientes para limitarme en certas actividades, é dicir, para impedirme realizalas.
Porén, oír é unha auténtica marabilla; os rechouchíos dos paxaros, o zoar das pólas, a voz humana, a música non moi alta, a unión entre un movemento e o correspondente son, a profundidade que lle dá a audición ao mundo..., todo iso é impagable.
E si, confeso que me amolan os chistes sobre xordos. Tamén me amola que non me chamen xorda e si discapacitada auditiva. Por favor!
6.9.12
Cartas
De Carlo Lucarelli só coñecía Almost Blue, que lin hai algúns anos e non me entusiasmara demasiado. De Andrea Camilleri, porén, coñezo bastante máis, tanto da serie de Montalbano coma doutros libros independentes, por iso tiña gana deste que comento.
Trágase nunha tarde, é ameno e de doada lectura, posúe un bo ritmo e ten o engado dun xogo no que un autor non sabe como seguirá a acción ata que non lle chegue por correo o capítulo anterior.
2.9.12
Fin de festa
E mañá haberá que volver ao ritmo cotián do curso. Aínda é verán, pero como se xa non o fose.
29.8.12
Trasnoitando na Selva
Quedei con X e R sobre as nove no Plaza (o sitio está moi a man e os donos son amigos) mentres agardabamos a que B acabase de ocuparse das cadelas (paseo e penso) e se nos unise hora e media despois para cearmos os catro nun restaurante que abriu hai pouco case ao ladiño.
Comentamos a súa recente visita ao oculista, un estupendo profesional ao que nós levamos acudindo máis de cinco anos, pois é moi meticuloso e exhaustivo nos seus exames. Non faltaron os risos -coma adoito con eles- ante as ocorrencias do doutor, as súas recomendacións e as saídas que nos suxiren; o resultado da consulta foi que R debe poñer lentes (o curioso é que eu, non sei por que, estaba convencida de que xa as usaba) e os dous terán que volver ao cabo dun ano.
Aínda enredamos un chisco con B e a súa cervexa e logo encamiñámonos ao restaurante, situado de xeito inmellorable nunha casa reformada ad hoc. Comezamos a rosmar en canto pedimos, xa que non había varios dos pratos ofrecidos, ben porque non era a tempada de grelos, ben por calquera outro motivo. Todos coincidimos en que deberían retirar da carta o que non tivesen, porque non é serio manter unha tan estensa cando non se está disposto a servir calquera cousa que figure nela. Comemos, iso si, aínda que non fose xusto o que nos apetecía nin gozase da calidade esperada; charlamos tamén, con certa incomodidade, pois a decoración, sen graza ou case inexistente, non incluía cortinas nas fiestras (seica a tea absorbe gran parte do ruído) e o son reverberaba entre as paredes, rebotaba no alto teito e aterraba nos meus audífonos facéndome tremer os oídos. Supoño que a présa por abrir o local no verán levou os encargados a descoidar as súas condicións, que non eran, nin moito menos, as mellores. Este sitio, borrado, medio bramaba B cando saïamos pola porta; si, si, asentimos os demais.
Non podería asegurar os temas que xurdiron dende entón ata as cinco da mañá, pero si que o tempo voou, que me sentín moi a gusto e que xa estou desexando que as circunstancias sexan propicias para repetir (noutro restaurante, madía leva!).
25.8.12
Actividades estivais
Faltan uns días para a próxima xuntanza do club de lectura e, cousa rara en min, aínda non rematei o libro a pesar de que me está gustando bastante.En realidade, non sei en que invisto o tempo durante estas vacacións, ademais de en procurar descansar e non aumentar os malestares que me produce a fibromialxia, que este ano me está dando unha lata considerable. Non leo tanto coma no inverno, tampouco saio demasiado, agás para ir á vila facer a compra ou ó monte e á praia pasear con B e as cadelas.
Ás veces atopo xente coa que cambio impresións ou tan só charlo; así, infórmome de que á peixeira lle roubaron unha caixa de xoubas na porta da peixería, máis outra de peixe sen especificar na propia lonxa. Os de Petrus están abondo contentos coa marcha da empresa (algo que me aleda moitísimo) e moi entretidos controlando a Yako, o yorki adoptado, que sente a necesidade imperiosa de investigar o contorno sen avisar, pois o seu estado empúrrao a buscar outros cans para desafogar, co conseguinte perigo, xa que todos, sen excepción, son meirandes ca el. Non faltan, madía leva, as visitas á fisioterapeuta, a marabillosa María, cuxas mans tanto me alivian e cuxa conversa amiga tanto ben me fai. De cando en vez paso polo Plaza para botar un parrafeo con Juan e Tucho ou calquera seareiro de confianza, mais a maioría das miñas horas transcorren na casa e na horta, onde me deteño diante do pexegueiro a observar como vai a froita que sobreviviu (espero que se salven bastantes exemplares) e abráiome cos cinco marmelos do marmeleiro, tan gordos e pesados que inclinan o fino tronco da arboriña nunha postura indescritible. Continúo buscando sen éxito o aguacate que xuraría ter visto entre as enormes follas e contemplo abraiada as miúdas floriñas azuis dunha herba silvestre que B adora.
E así decorren os días, amodiño, tranquilos, relaxantes e únicos.
Etiquetas:
literatura
,
novela realista
,
ribeira
,
vida
15.8.12
Praceres nocturnos
Hai un par de anos que volvín escoitar música de xeito habitual, sempre na casa, de noite e desde o iPhone de B, que ten un volume limitado. Os últimos audífonos -moito mellores cós anteriores- permiten facelo sen notar molestias nos oídos e o silencio ambiental axuda en gran medida a que non haxa ecos desagradables nin acoplamentos indesexados.Desde que recibimos A onda sonora (chega do interior) d'O sonoro Maxín (agasallo de Ico, o cantante e autor de moitas das pezas) cada noite se converte nunha festa tranquila e privada. Marabíllome ante o ritmo e a mestizaxe, a marcha e os matices que foi adquirindo co tempo esa fermosa voz e emociónome con algunhas cancións tan cheas de amor e lirismo que mesmo me sorprende decatarme de que a varios compoñentes do grupo os coñezo desde hai vinte anos, cando aínda eran uns mociños lampos.
E aí están. Longa vida!
11.8.12
Tomando un respiro
Ben é certo que os cans non súan, que se refrescan a través da lingua, e velaquí están nai e filla facendo un alto no seu xogo preferido, ese que á vista dos estraños pode semellar unha pelexa brutal, pero para os que aprendemos a afacernos non pasa dun entretemento cotián que nunca chega a maiores.Sacoden pernas, apreixan orellas cos dentes, gruñen, rosman, tómbanse panza arriba, corren, perséguense... Un verdadeiro espectáculo para os miróns, divertido e cheo de enerxía. Iso si, cómpre manterse a unha prudente distancia, non vaia ser o demo que, nunha destas, unha dentada perdida pille un anaco de carne ou un empurrón inocente acabe con unha no chan. Á fin e ao cabo son máis de trinta quilos en movemento e a forza, considerable, non está controlada.
Ninguén diría que son as mesmas que se che achegan coa cabeza baixa e cariña de inocente a pedir aloumiños e caricias, que estiran a pata para que llela collas e lámbenche calquera parte do corpo non se sabe por que escuras razóns.
Si. Son Dona e Melas.
9.8.12
Visita familiar
Se algo agradezo do paso do tempo é que vaia convertendo determinados membros da familia en colegas, feito que hai vinte ou máis anos semellaba imposible. Os nenos xa non son nenos, a avoa segue encamada pero intenta esforzarse por comunicarse, malia que lle custa, os adultos fomos limando asperezas e chegamos a un punto en que nos gusta estar xuntos porque nos entendemos bastante ben e, sobre todo, aceptamos o que somos hoxe e imos comprendendo o que fomos no pasado. Todos temos algo que achegar: bromas, problemas, ledicias e tristuras; experiencia en suma. É bonito. Moito.
31.7.12
Pobre Salvù!
En La edad de la duda atopamos un Salvo consciente da súa idade (58 anos que o persoal non fai máis que lembrarlle), que sofre os sobresaltos dun súpeto namoramento, dun auténtico frechazo, que lle remexe ata as máis escuras e agachadas vísceras que acubilla no seu interior. Os seus ires e vires internos flutúan con todos os matices esperados e inesperados que mesmo chegan a desconcertar por momentos os seus colaboradores.
Non debo dicir máis, pois temo que calquera cousa que engada poida destripar algo que só a lectura debería facilitar. Insuperable (ou case).
28.7.12
Grazas, señor Auster
Antes de nada debo dicir que me enfeitizan os libros de memorias; si, enfeitízanme, non sei moi ben por que. Se cadra (é un falar) por ese fluír da memoria que adoita recobrar o que coida importante nunha existencia chea de acontecementos diversos; se cadra porque me gusta albiscar -ou axexar- vidas alleas a través da palabra, ou, se cadra, porque me agrada a sinceridade, ou algo que se lle asemella, se está ben escrita.
Gocei moito do seu libro Diario de invierno por bastantes razóns, sospeito que unha delas é que non atopei unha autobiografía convencional (o uso da segunda persoa narradora é un achado); tamén sospeito que as súas frases curtas e contundentes teñen moito que ver (nada de filigranas verbais nin melindres idiomáticos, senón precisión concisa e fermosa na expresión), esa elegancia en dicir cousas molestas para outros sen insultalos e, quizais por encima de todo, por esas constantes declaracións de amor incondicional cara á súa dona, Siri Hustvedt, e a súa admiración por ela.
Se cadra son demasiados os factores que me fixeron volver atrás, reler e compracerme nas súas palabras, pero o que non ten ningunha dúbida é que a lectura me entretivo unha barbaridade e me fixo reflexionar.
Con todo o meu respecto, un bico.
Peke.
27.7.12
Club de lectura
Do que menos se falou onte na xuntanza foi da novela escollida; eu, menos ca ninguén, pois non a lin enteira ao non atopar o libro en papel. Só estivemos cinco persoas e esa escaseza de concorrencia adoita ser normal durante o verán ao marcharen moitos de vacacións. O que son as cousas: a vila énchese de xente de fóra e a de aquí marcha xalundes.
Nós, co mar a trescentos metros da casa, o monte a douscentos e o centro urbano a mil, gozamos de todo o que nos semella importante na vida, así que... para que movérmonos?
21.7.12
Saída en familia
A festa comezou pola tarde e continuou de noite, ignoro até que hora (se é que a houbo) porque nós os catro nos retiramos cara ás tres. Era a primeira festa da dorna de Melas, que observaba todo entre asustada e abraiada e por veces refuxiábase baixo a cadeira de B; Dona, ao meu lado, decidiu que se apoiaba na miña perna para sentirse protexida, pois había moito tempo que non permanecía nun ambiente tan ruidoso.
14.7.12
Aos poucos
Posúe este home a capacidade de expresarse sen alardes, con precisión e beleza, calidade que comparten moitos escritores de América do Sur. Na súa pluma as palabras adquiren unha forza e unha sonoridade difíciles de atopar, por iso mesmo resultan tan valiosas.
El Más Acá (Junio 29)
Dizque dicen que hoy es el Día de san Pedro, y dicen que él tiene las llaves del Cielo.
Vaya uno a saber.
Fuentes bien informadas aseguran que el Cielo y el Infierno son nada más que dos nombres del mundo, y cada uno de nosotros los lleva adentro.
6.7.12
Unha noite estupenda
Temos compartido os catro -ou os cinco- xantares, tés e ceas con fluidez e agrado, sempre con risos ou francas gargalladas, porque se algo caracteriza a esta muller é o sentido do humor e a fortaleza (aínda que ela non o crea). Na cea de onte non faltaron a alegría, as ocorrencias, os comentarios e -por que non?- algunhas rexoubas. Tanto B coma min pasámolo de medo con ela e o seu home ("eu escollín o mellor", dixo todo cheo nun momento da noite que conseguiu entenrecerme), a pesar da súa dor e de non saber como poñer o brazo para estar cómoda.
Ao chegarmos á casa B e mais eu aínda tardamos en apagar a luz, pois tiñamos gana de comentar, de volver rir e de gozar coa lembranza da noite compartida. Unha noite estupenda.
30.6.12
Un encontro afortunado
Desde que vivo na vila non tivera ocasión de falar con ninguén da busca de si mesmo, de meditación, espiritualidade e relaxación. E gustoume comentar vivencias e procesos nos que ela -bastante máis nova ca min- se atopa inmersa e eu vivín no pasado con intensidade. Supoño que as circunstancias influíron en que fose abandonando amodiño a autodisciplina necesaria -imprescindible, máis ben- para seguir afondando en min mesma e sentirme mellor.
A conversa levoume a lembrar e verbalizar aspectos e detalles que foron quedando arrombados no famoso baúl, e a decatarme de que poucas veces na vida todo está perdido.
24.6.12
Club de lectura
O xoves pasado tivemos a sorte de contar no club de lectura coa presenza de David Rubín, que nos falou polo miúdo da súa última obra, do proceso de elaboración e distribución. B e mais eu xantamos con el e escoitamos de primeira man e en exclusiva detalles do segundo tomo, de como resolveu esta ou aquela dificultade; incluso nos amosou debuxos, aínda a lapis, que tiña no seu iPad. A pesar de que fervía por botarlle o ollo e as mans enriba, preferín agardar a decembro, cando saia en papel, para gozar plenamente da obra rematada.
Cando chegamos á casa pola tarde, Dona e Melas recibírono con grandes meneos de rabo e outras mostras de ledicia, coma se fose un habitual; Dona case non se despegou del, apoiou a cabeza no seu xeonllo mentres o miraba con cariña extasiada e estivo pendente en case todo momento dos seus movementos e acenos. Seguro que soubo o especial que era o visitante para nós.
Desde que o coñezo -hai case vinte anos- asistín á súa evolución como artista e persoa e alédame constatar canto medrou e o que conseguiu con esforzo e traballo, con paixón e perseveranza. Así se fan os heroes.
20.6.12
Corricando
O libro caeu nas miñas mans por azar: un amigo ofreceu prestarmo e accedín decontado. Non coñezo N.Y. en persoa nin creo que algún día chegue a cruzar o océano para pousar alí os pés, pero tampouco será unha gran perda mentres teña a oportunidade de ler sensacións, tenrura, acontecementos e vivires plasmados dun xeito tan auténtico, delicado e veraz.
16.6.12
A tregua do clima
Ata onte nunca tivera ocasión de participar no bautismo dunha rúa, mellor dito, do recuncho dunha praza: o recuncho García Márquez. A chuvia ameazou durante todo o día con deslucir o acto ou obrigar a trasladalo ao Ateneo, pero á hora da verdade escampou por completo e todo se desenvolveu sen atrancos.
Había bastante xente observando e escoitando: alcalde, concelleiros, próceres varios e persoas de a pé reuníronse para a ocasión. Léronse uns parágrafos de Cien años de soledad en inglés e en galego, e o maior fanático que coñezo do autor colombiano expuxo con elocuencia as razóns que o moven a adorar a súa obra. Non podían faltar a intervención do presidente do Ateneo nin a coda final do alcalde antes de descubrir a placa conmemorativa, cuberta ata ese momento cunha tea negra amarrada cun lazo azul. Ao remate, a inevitable sesión de fotos á que se sumou boa parte dos asistentes.
Logo, uns viños no Plaza para comentar o evento e, á fin, unha deliciosa cea na Casa Fontao, que volveu abrir as súas portas non hai moito tempo.
Tanto ruído resultou excesivo para os meus pobres oídos e marchei para a casa baixo a chuvia observando abraiada vestimenta e calzado da xente nova que saía de marcha.
10.6.12
Dous anos
Así me atopou Peke a noite en que nacín, hai dous anos xustos. Mamá corría pola horta a medida que nos soltaba; B ía detrás recolléndonos, e Peke coa cámara facía fotos e agrupábanos. Eu non me lembro de moito, que vou lembrar!, pero a noite -polo que din os vellos- foi toledana. Mamá non quería responsabilizarse daquilo, estaba asustada e non sabía qué eran aqueles tres bechos que lle saíran de dentro. Estivemos once horas sen comer, ata que conseguiron que ela nos aceptase; logo todo foi de seu.
2.6.12
Citas
Aos adolescentes, porén -segundo a encargada da biblioteca do instituto de B-, encantoulles pola súa axilidade e fluidez e porque non se tardaba moito en lelo.
A min tampouco me pareceu nada do outro mundo, se cadra por esa sensación sibilina de que pretende máis do que consegue, aínda que non teño unha idea nada clara de cales foron as pretensións que moveron o autor.
Lembro outros libros de Fernández Paz moito máis logrados, pero, claro, as cousas non sempre saen como un desexaría.
27.5.12
Futura colleita
Os entendidos dicíannos que os froitos da primeira colleira non se debían arrincar, que cumpría deixalos caer de seu, aínda que a min non me quedou nada claro o porqué. Seguimos o consello a medias, pois José de Marcos estaba xa moi maliño e quixémoslle regalar unha cesta deles; escollemos os máis fermosos separándoos con coidado das pólas, convencidos de que gorentaban só con miralos. Se esta colleita non se estraga por algún temporal (oxalá que non!), este ano gozaremos de novo dun sabor indescritible, pois non se lles bota ningún tipo de produto.
Cada mañá achégome ao pexegueiro para controlar o proceso e non deixa de marabillarme que dunha floriña saia unha froita tan saborosa.
21.5.12
Grazas, Noe
Coñecín a existencia literaria de Thierry Jonquet a través de Noemí, gran afeccionada á novela negra e semellantes -á parte de excelente comentarista de literatura-, cuxas recensións incitan a cometer o pecado de ler. Cheguei así a Tarántula, novela curta (135 páxinas na edición do Círculo de Lectores) que se devora nunha tarde e deixa un pouso duradeiro. Axiña capta o interese e a atención do lector, quen non pode menos que sorprenderse a medida que vai coñecendo as reviravoltas desta intricada historia.Digo o de pouso duradeiro porque xa hai algún tempo que a lin e aínda lembro a sensación de abraio que me enchía cando cerrei o libro: a mesma que sinto agora ao lembralo.
Aínda que non me teño por unha gran amante das truculencias (outros opinan o contrario), a verdade é que esta historia, narrada desde varios puntos de vista, amosa o pracer da vinganza levada a cabo con paciente habelencia e unha crueldade até certo punto xustificada. Por iso pon a pel de galiña e estarrece o ánimo.
19.5.12
Mercadotecnia
O feito de que haxa un morto non implica que esteamos ante unha novela ou un relato deste subxénero, pero supoño que as necesidades do mercado impelen as editoriais a meter no mesmo saco todo o que saia das mans dun determinado autor, coñecido por estes pagos precisamente polas súas novelas negras.
Á marxe desta cuestión, por outra parte, bastante importante (rebéntame que intenten venderme gato por lebre), os nove relatos que compoñen este libro son excelentes; plasman de xeito inequívoco o xentir xeral do pobo grego cara aos inmigrantes asemade que nos fan ver o ambiente sórdido en que estes están obrigados a vivir. Algúns sorprenden polo enfoque adoptado, outros pola indiferenza ou perversidade dos gregos cara aos que veñen de fóra e algún hai que conmove non só polo que narra senón por como o narra.
O estilo de Petros Márkaris cáptase de xeito inconfundible e aleda comprobar que resulta tan bo na brevidade coma no discorrer sen límites espaciais.
13.5.12
Un máis
1.5.12
O meu tobo
Descubrín o meu tobo un bo día, cando nin Peke nin B me deixaron subir ao sofá (mamá xa tomara posesión dunha boa parte), pero alí estaba un marabilloso puf que ninguén usaba. Ollei para atrás un par de veces antes de decidirme a subir; comprobei que non había contraorde e, voilà, apodereime del. As sestas que boto alí anicada sábenme a gloria, aínda que ás veces necesito sentir a man de Peke sobre o meu lombo e vou onda ela para que me acaricie; se está durmida teño que insistir un pouco, pero case sempre consigo o que procuro. Á fin e ao cabo, Peke é máis branda cá manteiga.
B e Peke comentan de cando en vez que son a dona máis dona da casa porque fun a única que nacín aquí, pero sospeito que mamá -ela si que se chama Dona- ten máis dereitos ca min. Non me queixo, eh!, porque me tratan moi ben e algunha vez fan a vista gorda ante as miñas trasnadas. Non me dan moito de comer -cousa que me amola unha barbaridade- por culpa da veterinaria; seica ao estar operada podo engordar en exceso e Peke é moi estricta con ese tema. Claro que, como a horta é grande, fago descubrimentos estupendos, como aquela vez que comín unha toupeira. Estaba rica, ummmmm!, pero que mal me sentou.
B e Peke comentan de cando en vez que son a dona máis dona da casa porque fun a única que nacín aquí, pero sospeito que mamá -ela si que se chama Dona- ten máis dereitos ca min. Non me queixo, eh!, porque me tratan moi ben e algunha vez fan a vista gorda ante as miñas trasnadas. Non me dan moito de comer -cousa que me amola unha barbaridade- por culpa da veterinaria; seica ao estar operada podo engordar en exceso e Peke é moi estricta con ese tema. Claro que, como a horta é grande, fago descubrimentos estupendos, como aquela vez que comín unha toupeira. Estaba rica, ummmmm!, pero que mal me sentou.
21.4.12
Literatura suave
Despois de ler La fiesta del chivo de Vargas LLosa para o club de lectura, necesitaba algo lixeiro, sen máis pretensión cá de entreter cun par de asasinatos e unha trama envolvente. Atopei esta terceira entrega de Charlaine Harris e non o pensei dúas veces, pois as dúas anteriores non me desgustaron, amais de axudarme a pasar o trancazo con relativo benestar.
Como sabía o que me agardaba, non me decepcionou e si colaborou a aliviar a cabeza de tanta técnica excelsa e cambios de narrador (por outro lado, moi ben traballados). Aurora -que aborrece o seu nome- vese enredada noutro caso e namórase a primeira vista dun home perigoso pero tan, tan sexi e atractivo que non o pode evitar. Non hai escenas tórridas en que as sabas se engurran ao pé da cama e a vestimenta sae voando dunha gadoupada, nin falta que fai, porque, lidas tantas en tantos libros, unha non cre que a imaxinación humana dea para máis.
En resumo, un par de tardes aproveitadas.
Como sabía o que me agardaba, non me decepcionou e si colaborou a aliviar a cabeza de tanta técnica excelsa e cambios de narrador (por outro lado, moi ben traballados). Aurora -que aborrece o seu nome- vese enredada noutro caso e namórase a primeira vista dun home perigoso pero tan, tan sexi e atractivo que non o pode evitar. Non hai escenas tórridas en que as sabas se engurran ao pé da cama e a vestimenta sae voando dunha gadoupada, nin falta que fai, porque, lidas tantas en tantos libros, unha non cre que a imaxinación humana dea para máis.
En resumo, un par de tardes aproveitadas.
5.4.12
Chamada de Teucro
Tobi ou Tobías é esta especie de raposiño que un bo día chegou á casa de Mollabao para quedar. Ao lado de Dona e Melas semella máis pequeniño do que é e, madía leva, moito máis áxil e etéreo; o seu corricar non ten nada que ver coa solidez e contundencia -mesmo pesadez, en comparanza- co das nosas cadelas. M, a nai de B, aínda tivo a ocasión de relacionarse con el, acaricialo e admirar a suavidade da súa pelaxe antes de ir perdendo devagar a capacidade de comunicarse con palabras. Agora só unha súbita ollada e un intento de sorriso, que a irmá de B sabe interpretar, fan que te decates de que te recoñeceu por un brevísimo intre, pero axiña volve caer no baleiro ou pecha os ollos esgotada polo esforzo.
Cando acudimos a Teucro, a raíz da chamada, coidamos que o faciamos para despedila, pero non; do hospital mandárona de volta para a casa porque alí non podían -ou non querían- seguir coidándoa. Controladas as infeccións que levaron a ingresala con urxencia, só quedaba continuar a medicación na propia casa. Alí segue, sen moverse, sen falar, case se diría que sen sentir, pero iso ninguén o pode saber.
Cando acudimos a Teucro, a raíz da chamada, coidamos que o faciamos para despedila, pero non; do hospital mandárona de volta para a casa porque alí non podían -ou non querían- seguir coidándoa. Controladas as infeccións que levaron a ingresala con urxencia, só quedaba continuar a medicación na propia casa. Alí segue, sen moverse, sen falar, case se diría que sen sentir, pero iso ninguén o pode saber.
19.3.12
Club de lectura
Aínda que algúns personaxes teñen moito de caricatura e por veces certo sentimentalismo esaxerado resulta chocante, cando rematei a lectura non puiden evitar sentir admiración polo que non souben explicarme a min mesma máis que coa palabra "actualidade". É evidente que a época está máis que superada e a ambientación e as descricións responden a un mundo que fisicamente xa non existe, pero algunhas cuestións que aborda continúan vixentes a pesar do tempo transcorrido.
Como dixo B cando lle comentei as miñas impresións, os clásicos son clásicos por algo.
8.3.12
Fluíndo
Foi este autor quen co seu fluír esclareceu cousas importantes da mente humana e contribuíu (creo) a que numerosas persoas comprendesen mellor o seu propio funcionamento e o de moitos conxéneres. Cando menos, a min serviume no seu momento e segue servíndome agora para intentar explicar que significa a creatividade a unhas persoas que aínda están comezando a vivir e aprender. Non é unha tarefa doada, pero síntome encantada de emprendela, entre outras cousas porque adaptar a linguaxe a un determinado público resulta apaixonante.
22.2.12
Aniversario
Desde que abrín o blog até hoxe cambiaron moitas cousas na rede e no mundo, tantas que incluso os blogs semellan anticuados, e bastantes dos que eu seguía con fidelidade un bo día quedaron durmidos. Claro que tamén espertaron outros, algúns moi atractivos, así que supoño que compensaron as perdas.
Con oito anos sobre as costas Gradicela é coma unha anciá que se resiste a morrer, aínda que non teña demasiadas cousas interesantes que contar e ás veces non lle apeteza ou non poida dicir o que lle pide o corpo. Porque, a pesar de que este é o meu espazo, ou precisamente por iso, nunca quixen escribir sobre determinados temas, se cadra porque coido que non hai verdades universais e teño bastante fobia a definirme.
Para ben ou para mal, aquí segue. Aquí sigo.
16.2.12
Escenas
Fíxate, díxome B, semellan enfadadas. Quen colocou estas butacas -antes abandonadas noutra zona- e logo queimou a maraña de fentos onde aniñaba unha familia de coellos? Quizais foi a mesma persoa que se dedica a facer combinacións de pedras ou pedriñas sobre canta superficie coida axeitada?
Resulta abraiante os obxectos tan dispares que a xente vai guindar ao monte, desde os clásicos colchóns, a pratos de ducha, galerías de aluminio ou televisores, até un caderno -metade axenda, metade diario- que B rescatou dunha morea de lixo. O que tal se contaba nel daría para un libro (e non de fantasía).
25.1.12
Lecturas para un trancazo
Novelas de misterio con mortos incluídos, semellan versións suavizadas da novela negra actual; non se describen con detalle barbaridades nin se profundiza na psique dos asasinos, tan só se narra unha historia con particular incidencia na protagonista principal e o seu pequeno mundo: Aurora Roe Teagarden, bibliotecaria na viliña de Lawrenceton, cuxa vida se anima unha vez ao mes nas reunións do club Real Murders, unha asociación de afeccionados ao crimen que comentan e discuten sobre asasinatos famosos.
Nada do outro mundo, pero ideais para non romper unha cabeza dorida.
5.1.12
Todo por un atado
Onte tocou ir ao punto limpo para desfacernos de residuos varios e a tres supermercados para abastecer frigorífico e despensa de produtos necesarios. Polo espello retrovisor vin a B meter algo no coche e pensei: "A ver que lixo recolleu este home do colector". Lanceille un semiberro para advertilo e, coma sempre, B explicoume que aquilo era un desaproveitamento indignante; respirei fondo para calmarme e á fin souben que se trataba dun atado de botes dunha coñecida marca de cacao en po. Mordín a lingua para non poñerme a protestar e arrincamos para o primeiro súper, a cuxa porta está acotío un romanés que pide traballo ou cartos e con quen charlamos de cando en vez. Como non podía ser menos (hai moitos anos que nós non tomamos cacao en po), o atado foi para el.
Tras o xantar, e con toda a calma do mundo, comentei con B as posibilidades que se me ocorreran desde o primeiro momento en que o vin co atado:
- Quen tira un atado de botes dun produto comestible en perfecto estado? Sería cacao en realidade ou outra substancia?
- Se fose esa substancia, que faría o romanés con ela?
- Se a policía se vise metida nunha investigación, como ía tragar que un par de cincuentóns sen problemas económicos remexese no lixo alleo? Como a iamos convencer de que todo fora inocente?
- Se fose cacao mesturado coa substancia en cuestión, que efectos podía producirlles ao romanés e á súa familia? Seriamos acusados, coma pouco, de atentado contra a saúde pública ou (o que sería case peor) de incitar ao consumo de substancias ilegais servíndonos de medios pouco éticos.
Continuei un anaco debullando outras posibilidades mentres degustaba un grolo de viño, até que B, cun sorriso retranqueiro, rematou dicíndome: "Si, claro, pero tamén podía ser o que aparentaba: uns botes de cacao en po".
Con isto volvín ao principio: Quen tira un atado dun produto comestible en perfecto estado?
26.12.11
Estrea
Nalgunhas escenas lembrei a meu pai que, cando mirabamos películas de acción desmesurada e o heroe se salvaba do perigo por un pelo, sempre exclamaba: Unha de Tom Mix!
Pois iso: unha de Tom Mix.
21.12.11
Novidade
ante determinadas frases feitas ou clixés que non se lles caen da boca a certos críticos ou a outra razón máis sibilina cuxa orixe non dou atopado.
O caso é que a reseña deste libro xa a fixo Ricardo Bosque e pouco podo engadir eu, porque comparto con el a maioría do que di. Gustoume, si; resulta fresca e, en certo modo, novidosa, aínda que se atén ás pautas da novela negra na que algúns entendidos distinguen varios tipos. Atópase nela parte do que un procura e certos elementos que se saen do esperable.
O mellor de todo é que está ben escrita, cunha prosa coidada e unha trama áxil, amais de cumprir a función imprescindible: entreter.
12.12.11
Gustaríame que non fose certo
Acabo de sabelo.
Á parte de grande e de posuír un enorme talento, para min sempre será o home que abrazaba de marabilla.
6.12.11
Paseos
Está o chan cuberto de setas do máis variado, da maioría non sei o nome pero distingo á perfección as amanitas, coas súas características manchas brancas sobre fondo vermello; algunhas están mordidas, ou iso semella, malia que se cadra son os estragos que a chuvia lles deixou. Ando atenta ao que morden as cadelas, non vaia ser o demo que coman o que non deben e, en xeral, gozamos os catro da tranquilidade que se respira no monte. Apenas vemos papeis de prata queimados, din que pola crise, e eu alédome de que non haxa tanto refugallo deitado nas leiras, moitas delas acabadas de limpar. Ao cabo dunha hora e media, como moito, comezo a notar o cansazo, a necesidade de sentar un anaco para recuperar folgos. B vai diante e avísame do que os meus pés deben evitar, aínda que eu non separo os ollos do chan.
Queda moi pouco para as vacacións, non moi longas, certo, pero gratas coma todas as vacacións. Refrego as mans pensando nos días que nos agardan dentro de nada e respiro fondo convencida de que o pasaremos moi ben ou, cando menos, estaremos a gusto.
1.12.11
Club de lectura
Aínda que a xuntanza non terá lugar até o quince de decembro, eu traguei o libro nunha tarde e media, libro que non convence a todo o mundo, pero tanto ten. Gustoume como gustan as cousas ben feitas, en aparencia con poucos medios pero que conseguen comunicar e transmitir sensacións. O coidado e o esforzo que o señor Linh emprega ao coidar a súa neta, o medo a que lla rouben, a amizade que establece cun home cuxo idioma descoñece, a súa andaina por un país que non é o seu, a saudade polo que si o era e perdeu... todo contado con sinxeleza e que só cando chegas ao final rebobinas e adquire outra dimensión.Philippe Claudel sabe dosar a información, fornecela aos poucos e lograr que un volume tan pequeno resulte grande cun uso axeitado da linguaxe, sen ningún toque de sentimentalismo, cun mínimo de adxectivos e, porén, cunha grandísima humanidade.
Veremos que opinan os outros membros do club.
24.11.11
Unha de Grecia
Coma Montalbano e Brunetti, Kostas Jaritos vai evolucionando en cada entrega ou, máis ben, vai amosándonos distintos xeitos de reaccionar ante os acontecementos que lle trae a vida. En Con el agua al cuello, á parte dos asasinatos, abránguense diferentes aspectos da crise grega e non é o menos importante a idiosincrasia dos seus habitantes. Moi recomendable.
17.11.11
Aquelar e aquelarse
Hai moitos anos que coñezo esta palabra comodín; a situación máis estraña na que a escoitei foi na casa da miña sogra, antes de que fose miña sogra, que a usaba en castelán: aquellarse. Confeso que aínda tardei un chisco en caer a que se refería.
Aquí emprégase acotío, en calquera contexto e situación, de tal xeito que en ocasións non entendes o que o emisor pretende dicir. Cando o albanel que nos está traballando na casa me solta se non o aquelas, non queda aquelado ou cómpre aquelalo moi ben, referido a un asunto técnico da súa especialidade do que eu non teño a menor idea, pregúntome que raios quere dicir; a mensaxe, neste caso, non chega ao receptor porque o receptor non está na cabeza do emisor e ignora que significado lle dá no contexto a esa palabra comodín. Este home é un experto en escurecer e dificultar a comunicación polo vicio de empregar esa palabriña ou a comodidade que lle supón non buscar unha máis precisa e concreta.
Tamén é afeccionada a empregala unha coñecida que ten como mascota un american stafford, que non lle dá máis ca desgustos, malia xogar con Dona e Melas sen ningún problema (sospeito que Dona é a única cadela que fai del un pandeiro). Aínda me pregunto que quixo dicir días atrás cando, ao suxerirlle eu que o capase para que a testosterona deixase de facer o seu labor, explicoume toda convencida que era peor, que xa se informara, e que se o capaba aquelábase, que tamén as femias esterilizadas se aquelaban. Faltoume tempo para preguntarlles ás veterinarias se a esterilización provocaba efectos nefastos sobre os cans; ambas as dúas negárono con total convicción, mesmo unha delas me preguntou se eu vía a Melas aquelada. Se temos en conta que son leonesas, asombroume a rapidez con que se fixeron cargo da situación.
Eu sígome preguntándome en que consiste exactamente o aquelamento dun can capado.
8.11.11
A profesión
Dona e Melas reciben a T con grandes espaventos de cola e cadrís porque elas, claro, queren saudar a calquera que cruza a cancela da casa ou entra no salón. A min preocúpame que se poñan pesadas e molesten a convidada, pero en canto se lles dan unhas cantas caricias e comproban que sabemos que están aí, axiña se deitan aos nosos pés e só de cando en vez reclaman máis atención. Hai momentos en que cheiran os apuntamentos que T sostén no colo ou meten o fociño no dicionario que manexo, pero, en xeral, compórtanse de xeito educado. T di que son moi boíñas e non quere que as deixe fóra porque lle dá mal corpo pensar que as botou da súa propia casa.
Estamos preparando unha das asignaturas que lle quedan para rematar a carreira, ten moito interese e é rápida para captar as explicacións e eu, ben..., eu volvo sentir o benestar de ensinar algo que sei a unha persoa que non o sabe. Porque de que serve posuír determinados coñecementos se non se poden compartir?
28.10.11
Club de lectura
Narrada na súa maior parte en primeira persoa por un home negro con aspecto de branco, vai desenvolvendo a vinganza do protagonista (a quen lle mataron un irmán por namorarse dunha moza branca) nunha pequena vila estadounidense. O estilo é áxil e rápido, con frases curtas e moitos puntos, pero, como dicía un contertulio, fáltalle alma, non consegue conmover nin emocionar máis ca en contadas ocasións.
Na súa época supuxo un escándalo maiúsculo e foi prohibida. A sociedade francesa non aturou a crueza do relato.
23.10.11
Primeiro temporal do curso
En canto puxen os audífonos, oín os asubíos do vento e o zoar remoto das pólas batendo entre elas; supoño que tamén se percibiría o estrondo amortecido do mar, pero os meus aparellos non dan para tanto.
Erguinme contenta; por fin chove! Almorzamos coa sinfonía de gruñidos que Melas reserva para alertar de que hai algo estraño fóra: un plástico coárase na horta empurrado polo vento; deixámola saír e púxose a ladrar a distancia, avanzando un par de pasos e recuando tres e nós, desde a ventá, chamámoslle cagainas a berros.
Desde o estudio vexo un enorme piñeiro danzar medio entolecido e o mar, encrechado e salferido de ondas de escuma branca, impón respecto. Chove con ganas; chove por fin.
Parte de danos: Xa podo camiñar con bastante soltura, apenas me doe e isto ten moi boa pinta.
20.10.11
Queridas bestas II
O médico aplaudiu a nosa actuación (repouso e pomada), engadiu un antiinflamatorio, unha xeonlleira e un calmante e agoirou dúas semanas para que isto cure (en realidade dixo "quince días de paciencia"). O golpe recibiuno a cabeza do peroné, pero na radiografía non se ve lesión nin rotura, só o resto do derrame. Non se lle pode dar masaxe nin poñerlle correntes para aliviar a dor.
Podo baixar a escaleira como as bonecas de Famosa, xuntando os peíños a cada chanzo, e camiñar con coidado apoiada nos dous caxatos. Segundo el podo facer vida normal. Ha!
19.10.11
Queridas bestas
O luns as cadelas estaban contentas ao ver que B se dispoñía a sacalas de paseo, despois dun día bastante solitario; Melas provocaba a Dona para xogar, corría coma tola e, nun momento dado, fixo unha finta e descargou os seus vinte e sete quilos na miña perna esquerda. Caín ao chan, coma un saco de patacas, berrando "ai que dolor, ai que dolor" sen atreverme a tocar o xeonllo. Por fin puiden levantarme e meterme na casa, sentei no sofá e elas quedaron sen paseo.
Ao día seguinte (onte) tiña o xeonllo inchado coma unha pelota e non podía camiñar nin sequera apoiada no caxato; para moverme, arrastrábame sobre o cu coa perna estirada e facendo panca coa outra. B non deixou entrar as cadelas no dormitorio e as pobres estaban desexando verme. Á fin, desexosa de botar un pito, arrastreime até o estudio e as dúas saltaron sobre min en canto aparecín; a pobre Melas lambíame toda canta parte visible da miña pel podía e Dona meneaba o rabo como se houbese vinte días que non me vía. Estaban ávidas de caricias e supoño que alucinadas de ver a miña face á altura da súa.
Hoxe xa podo camiñar sen dor apoiada en dous caxatos, a inchazón baixou un chisco grazas ao repouso e a pomada e as ganas de facer vida normal corróenme por dentro, pero aínda é prematuro. Seguirei informando.
13.10.11
Cousas de (certa) vida
Falei algunha vez do Mochilas, un ionqui bastante afable ao que de cando en vez lle daba unha moeda ou un cigarro, a pesar das advertencias dunha das libreiras (non lle deas nada a ese: é o maior ladrón da vila). Tiña observado dous comportamentos moi diferentes nel: cando pedía amosaba unha educación exquisita, que a min por veces se me antollaba algo servil, pero cando menos daba as grazas e usaba o por favor, algo de agradecer nos tempos que corren; cando estaba cos seus colegas berraba, discutía e poñíase coma unha fera se se sentía agredido ou insultado ou vai ti saber que. Hai unha semana, xantando no Castelao, démoslle ao badalo cun varredor da empresa que leva a limpeza da centenaria e, non sei a conto de que, nomeei ao Mochilas. O Mochilas morreu, saltou o home. Se me dan unha losqueada non quedo máis sorprendida, aínda que me veu á cabeza o máis doado: unha sobredose. A segunda losqueada chegou decontado ao preguntármoslle como fora: matárono a paus, dixo con sinxeleza. Descanse en paz.
10.10.11
Da vida en Rusia
Custoume moito ler Diario ruso de Anna Politkovskaya que varios membros do club de lectura escolleron para este mes. Por un lado, e aínda que pareza unha bobada, os longos e complicados nomes rusos dificultábanme seguir o fío do que alí se contaba, perdíame e por veces non sabía de quen se estaba falando. Por outro, tanta corrupción, torturas, asoballamentos, malleiras, desgrazas e mortes; o nulo valor que os oligarcas e políticos teñen pola vida humana e, en fin, a cantidade de abusos que se cometeron e cometen nun país que non ofrece a menor garantía legal aos seus habitantes poñíanme os pelos de punta e acabaron por deprimirme.Non quero dicir con isto que non sexa conveniente de cando en vez darse un baño de realidade e coñecer de primeira man o que ocorre por eses mundos, pero non resulta doado dixerir tantas aldraxes xuntas.
7.10.11
Ledicia do pasado
Traballei aquí desde 1987 até 2003, en que me retirei do mundanal ruído, e hai un par de días aterrei por casualidade no facebook de antigos alumnos. Para min é unha auténtica ledicia ver que me lembran con afecto, que contribuín de xeito positivo no labor de educar a bastantes persoas (sempre queda a dúbida) e que me consideraban un bo ser humano. Case paga a pena ter estragado a saúde nesa profesión.
1.10.11
30.9.11
24.9.11
Cando era pequena...
... unha vez que fun á igrexa coa miña nai negueime a poñerme de xeonllos cando era preceptivo. Ela, recollida no momento, tirábame dun brazo para obrigarme e eu notei á perfección o seu cabreo. Teimuda como boa tauro, continuei de pé todo o tempo. Á saída caeume unha bronca tremenda, pero non me importou: fixera o que me petara.
... odiaba que me fixesen fotos (segue sen gustarme en exceso) e teño algunhas memorables: acenos de desgusto, peticións de "non, non, non", de costas á camara...
... quería ter fillos (!!!) e pasealos na compaña da miña propia nai, as dúas cos nosos respectivos carriños e crianzas. Escuso comentar a imaxe que lle xurdiu na mente. Unha cadea!
... xogaba cos amigos e curmáns a representar historias e, por suposto, eu era sempre o heroe: Llanero Solitario, Capitán Trueno, Tarzán... As mozas non me interesaban, demasiado pasivas para o meu gusto.
... percorriamos as obras que había na rúa e xogabamos un tenis improvisado e primitivo: desde a beirarrúa devolviamos cun pau ou unha táboa as pedras que nos lanzaban desde un nivel máis alto; conservo unha pequena cicatriz nunha cella dunha pedrada mal dirixida.
... subiamos a un guindastre deitado nun solar e faciamos equilibrios nos ferros. Deixei de facelo o día que caín e quedei colgada dun pé coas bragas ao aire. Case reneguei de miña nai que se empeñara en que puxese aquel vestido vermello coa saia tan plisada.
... era capaz de ler sen moverme até que non remataba o libro; así devorei nunhas vacacións de Nadal, sentada sobre a alfombra entre a miña cama e a da miña irmá, as trinta novelas de Rafael Sabatini que había na casa, mercadas e forradas con papel vermello pola miña nai.
Logo medrei e comezaron os problemas.
22.9.11
Encantada
Hai tantos anos que sigo a David Rubín que non sei por que me asombra tanto a súa última obra publicada. Lémbrame a primeira vez que vin actuar a M.V.I. ou que ela leu algo meu: coñeciámonos tanto que nos sorprendeu descubrir facetas propias, en que ningunha das dúas participaba, que non nos quedou máis remedio que admiralas sen concesións. Non é exactamente o caso de David; tiven a honra de ver os seus primeiros traballos, alá polos anos 90 do pasado século, levarllos a B e comentarmos: "caralliño, este rapaz promete", e seguir a súa traxectoria case paso a paso. Constancia, traballo duro, formación fonda, tesón e ARTE nas veas marcan a traxectoria deste artista do cómic que con esta novela gráfica amosa -ao dicir de B- canto medrou. Porque non é o mesmo ver o traballo de alguén que non coñeces de nada que gozar con cada viñeta de alguén que che é próximo e familiar, sobre todo se está cargada de movemento, acción, colorido e alma en doses elevadas.
Non son unha experta en cómic, madía leva, pero sei identificar a calidade cando a vexo e este libro tena desde o principio até o final (grazas a deus, queda o segundo tomo). Estou desexando darlle unha aperta. Estou desexando ler e gozar da continuación. Grazas, David!
16.9.11
De pexegos e outros produtos
A cría que está saíndo do meu maxín despois de observar e reflexionar durante os mesmos anos leva bo ritmo, malia que non teño nin idea de se o resultado final se parecerá ao que escribo a medida que se me ocorren as escenas, quizais si, quizais non; en todo caso gozo coma unha cosaca, a pesar de que ás veces me atasco ou as cousas non saen como pretendía. Cando escribo leo moi pouco; acumúlanse as suxestións e as apetencias, pero non me van as mans a ningún libro agás ao que eu intento construír. Teño notas no taboleiro de cortiza e na mesa do ordenador con ideas que xorden mentres "medito" tombada no sofá, coas cadelas durmindo moi preto de min e o verán esvae moi devagar transformándose en outono.
Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)
