9.5.11

Visitando neneces

Jacqueline Kelly estreouse na literatura con La evolución de Calpurnia Tate, a historia dunha nena de once anos á fin do século XIX. A edición é preciosa, de xeito que o libro chama a atención pola súa coidada estética, que lle acae coma anel ao dedo, por certo. Había bastante tempo que non lía unha novela destinada a todas as idades, en especial á adolescencia; imposible non reparar nesta pola cantidade de críticas e reseñas que saíron no seu día, até que ao final caín na tentación. Gustoume, claro, pero fíxoseme curta, algo case impensable nos tempos que corren en que semella que encher páxinas e páxinas de (acotío) reiteracións inútiles e superfluas é o único modo de contar unha historia.
Non é o caso desta; así, unha queda coa sensación ou co desexo de que a autora ben puido introducir máis episodios, aínda que o que escribiu serve para facerse unha idea bastante cabal do que sería a vida dunha familia de clase media-alta nunha viliña de Texas, animada polo avó a observar o mundo que a rodea e collerlle afección ao naturalismo.

29.4.11

Don Eduardo




Durante bastantes anos non me pasaba desapercibida a publicación dun novo libro de Eduardo Galeano, pero Espejos non chegou a min ata hai ben pouco grazas a unha colega do club de lectura. Onte comentamos o libro e cada un leu en voz alta os anacos que máis lle chamaron a atención ou que lle gustaron en especial. A escolla non foi doada, porque don Eduardo posúe o don indiscutible de comprimir nun ou dous parágrafos o que para outros escritores serían precisas varias páxinas ou varios libros. A súa prosa e o seu estilo non só son precisos e atinados, senón tamén delicados e líricos. Eu escollín catro (dous deles relacionados) pero ben puidera ter escollido vinte, porque case todos conteñen algo valioso.


Lede eses dous relativos ás linguas que reflicten ao cento por cento o que eu penso do tema.




Gracias por el castigo


En Babilonia, la ciudad maldita, que según la Biblia fue puta y madre de putas, se estaba alzando aquella torre que era un pecado de arrogancia humana.

Y el rayo de la ira no demoró: Dios condenó a los constructores a hablar lenguas diferentes, para que nunca más pudiera nadie entenderse con nadie, y la torre quedó para siempre a medio hacer.

Según los antiguos hebreos, la diversidad de las lenguas humanas fue un castigo divino.

Pero quizá, queriendo castigarnos, Dios nos hizo el favor de salvarnos del aburrimiento de la lengua única.




Fundación de los idiomas


Según los antiguos mexicanos, la historia es otra.

Ellos contaron que la montaña Chicomóztoc, alzada donde la mar se partía en dos mitades, tenía siete cuevas en sus entrañas.

En cada una de las cuevas reinaba un dios.

Con tierra de las siete cuevas, y sangre de los siete dioses, fueron amasados los primeros pueblos nacidos en México.

Poquito a poco, los pueblos fueron brotando de las bocas de la montaña.

Cada pueblo habla, todavía, la lengua del dios que lo creó.

Por eso las lenguas son sagradas, y son diversas las músicas del decir.




Non sei vós, pero eu percibo con total claridade a música do seu dicir.

19.4.11

A florista

A florista á que acudo é pequeniña, miúda, servicial, agradable e profesional. Unha das cousas que máis me gustan na vida cotiá é atoparme con verdadeiros profesionais do que sexa; xente seria que tome o seu traballo en serio, que non pase dos clientes e que faga o seu traballo con decisión e seriedade (vale, repítome, xa o sei, pero a palabra seriedade está moi vida a menos, cousa que a min me parece, até certo punto, terrible). Dá gusto encargar un ramo ou un centro, por exemplo, para agradecer ou celebrar a alguén, e que lle guste sen peros. Cando vou polo seu negocio véxoa traballar concentrada, relaxada, embebida no que está facendo, argallando follas e flores, dispoñéndoas do mellor xeito posible para que resulte un conxunto harmonioso e, sobre todo, tan amable e encantadora.
Hai uns días falando con B comentáballe que case todos os profesionais cos que me relaciono son mulleres, agás os do bar. As peixeiras, as libreiras, as floristas, as estanqueiras, as tintureiras, a fisioterapeuta... Todas amables, encantadoras, agradables e sociables. E todas, case todas, acaban por reducir o meu nome de modo cariñoso. O meu nome é curto, pero aínda o acurtan máis. Se son Peke, paso a ser Pe. Que terei para suscitar ese afecto?

11.4.11

De lobishome

Non é Fred Vargas unha das miñas autoras favoritas, porén adoito caer na tentación de mercar de cando en vez libros seus. Este que me ocupou algúns días (acabo de informarme de que foi escrito hai máis dunha década), a pesar do enlace que poño, non me pareceu malo; é máis, ao principio atopeille un certo grao de lirismo que me agradou. Pero algo que teño observado en distintas obras da autora -esta non constitúe unha excepción- é que nun determinado momento xorde algo, como da nada, que axuda a resolver o caso. Non me atrevo a recomendarllo a ninguén, a verdade, porque con tanto e tan variado que hai por ler neste mundo, non están os tempos para gastar euros con demasiada alegría. La senda oscura de Asa Larsson, que encarei despois, fíxoseme algo pesada e na primeira parte non acababa de comprender moi ben por que alguén podía dicir que a autora escribía cada vez mellor, tal e como afirma un deses comentarios que a editorial recolle de aquí e acolá. A historia é complexa, retorcida e chea de reviravoltas que te levan a preguntarche por onde vai saír; non lle nego unha certa orixinalidade, pero tampouco me fixo bater palmas coas orellas. Agora ando con Espejos de Eduardo Galeano que o club de lectura escolleu para este mes. Non sei como me puido pasar por alto cando saíu á venda, pero non se pode unha informar de todo. Coma sempre, estou gozando o meu.

27.3.11

Reencontro



Sete palabras de Suso de Toro foi o motivo polo que o autor estivo o xoves pasado no club de lectura, que se reúne no Ateneo Valle Inclán de Ribeira. Había máis xente da habitual e bastante expectación, polo que puiden intuír. Eu tiña curiosidade por velo en persoa despois de tantísimos anos. Sorrímonos, claro, recoñecendo tras as engurras os cativos que fomos un día.


A pesar de estar agripallado e de ter que desprazarse desde Compostela, o escritor falou de xeito moi ameno sobre a súa última novela e coido que non minto se digo que nos fixo pasar a todos un bo serán.


Había moito que non lle lía nada, pois confeso que non é un dos meus escritores favoritos, pero a lectura de Sete palabras resultoume agradable. Increpado por unha segunda persoa o autor vai debullando as pescudas que realiza para dar con novas sobre o seu avó paterno, un expósito criado nun orfanato. Un relato intimista que a min non me parece exactamente unha novela, pero así a cualifican na contraportada e así a considera o propio escritor.

23.3.11

Carta a un colega

Estimado Kaplan:
Papei un susto tremendo cando vin que o seu blog desaparecera e cando lin o seu post aclaratorio entroume o frío no corpo. Intentei deixarlle un comentario pero ese sistema non mo permitiu: por moito que lle dei a "visualizar" e a "deixar un comentario" non houbo xeito. Así que desde aquí lle pido un favor: explíqueme con claridade e sinxeleza como se exporta un blog, porque non teño nin idea e si moito medo de que me ocorra algo semellante. O meu enderezo de correo está ao pé da páxina. Quedareille moi moi agradecida. E, por suposto (case sobra dicilo), sinto moitísimo o que lle ocorreu.
Súa sempre para o que queira mandar.
Peke.

21.3.11

Sentimentos encontrados


A miña afección ás biografías levoume a meterme de cheo nesta, que aínda non rematei, pois ten unha morea de páxinas. Pero o certo é que, por un lado, me está gustando descubrir facetas desta estraña escritora que me chamou a atención desde que lin Nada, hai xa moitos anos. Por outro, a medida que avanzo na lectura, vou sentindo unha especie de incomodidade ante as deducións sobre a psicoloxía da novelista que fan os autores do libro. Por que? Porque é coma se a estivesen espindo ou analizando con lupa e non sei até que punto esas deducións resultan exactas.
En calquera caso só se trata dunha sensación molesta que me leva a preguntarme se é correcto exercer de psicólogo dunha persoa morta.

14.3.11

Libros pendentes de lectura

Periferia de Iolanda Zúñiga
Todo é silencio de Manuel Rivas
El hombre del revés de Fred Vargas
Carmen Laforet. Una mujer en fuga de Anna Caballé e Israel Rolón
El monstruo de Florencia de Douglas Preston con Mario Spezi
La evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly
Reckless. Carne de piedra de Cornelia Funke.
E algúns máis que merquei no seu día, pero polo momento non teño moita gana de ler. Cando remate Falsa inocencia de Anne Perry (que me está gustando bastante; son unha adicta ás series), é probable que me meta con Manuel Rivas ou coa biografía de Laforet. Hai tempo que non leo biografías e xa me vai apetecendo.

5.3.11

Miscelánea

Unha das orquídeas de exterior está resistindo moi ben os xogos das cadelas. Por unha milagreira razón Melas non comeu as varas que abrocharon e así podemos gozar destas curiosas flores que por veces evocan bocas con ganas de morder. Agardo que o Home de Maryland, que está aquí de vacacións, teña oportunidade de vir pola casa antes de que murchen. É un gran amante das plantas e mándame a miúdo fotos do seu espléndido xardín.
No club de lectura comentamos o mes pasado Riña de gatos de Eduardo Mendoza, novela que deu para falar da guerra civil e da barbarie que cometeron un e outro bando. M, unha das participantes, achou de menos non comentarmos nada sobre Velázquez, pois varios dos seus cadros analízanse con bastante detalle e moito amor. Por fortuna non eramos tantos coma a vez anterior, en que o número obrigou a xuntar varias mesas de tal xeito que a algúns non se lles vía a faciana. Eu agradecín a ausencia dalgún membro non moi fiel pero si impertinente que di cousas chocantes e quéixase acotío de que non o deixan falar. Uf! Paréceme fóra de lugar que un adulto, pai de familia, se comporte coma un neno pequeno. Pero así é a vida.
O próximo libro que comentaremos será Sete Palabras de Suso de Toro, que este ano traballa no instituto de B e dunha das participantes no club. Contaremos coa súa presenza, algo que non me fai moita graza máis que nada porque me resulta incómodo que o autor dunha obra estea diante nosa; é evidente que non poderemos falar con enteira liberdade. Porén, a case todos os membros lles apetece cambiar impresións con el.
Por outra parte el lémbrase dunha nena de trenzas que xogou moito con el cando era cativo e que recoñeceu en min un día na terraza dun bar. Como será o reencontro despois de corenta e tantos anos?

20.2.11

Aniversario

Si, sete anos vai facer este blog dentro de tres días. Sete anos e non é dos máis vellos que segue en activo, aínda que a frecuencia que manteño deixe bastante que desexar; pero é que, amigos, as cousas son un pouco complicadas para escribir máis. Cóntovos unhas cantas non tanto para xustificarme canto para explicarme.

Gústame (e sei que a algúns dos meus escasos lectores tamén lles gusta) describir certos personaxes que pululan por aquí; de feito estou rabiando por compartir convosco algúns, pero esta é unha vila pequena onde son máis coñecida do que me interesa e bastante xente sabe da existencia de Gradicela. Xa me ocorreu unha vez comentar un detalle sen maior importancia dunha persoa e ferir a súa susceptibilidade, de xeito que non volveu a poñerse en contacto comigo. Iso obrígame a andar con pés de la co que digo, porque de verdade me molesta ferir a ninguén.

A miña vida é moi sinxela e non teño grandes relacións; pregúntome a min mesma a quen lle pode interesar o que fago ou o que penso. As miñas actividades en xeral redúcense a levar e traer a B do instituto, facer o xantar, contemplar como xogan as cadelas (canto río!), acaricialas (case nin sequera podo xogar con elas, pois sempre acabo lesionada), ler, observar a xente, acudir relixiosamente a fisioterapia, ir ás reunións do club de lectura (prometo espraiarme no futuro) e durmir a sesta. Hai algo comentable en todo iso? Supoño que si, pero...

Desde que Dona e Melas están aquí teño que ocuparme delas, pasarlles a carda, darlles de comer e atendelas cando veñen mimarrear. Gústame sentir nos dedos o contacto co seu pelo, quitarlles as lagañas dos ollos, proporcionarlles pracer dándolles os aloumiños que lles gustan..., en fin, contribuír no que podo á súa felicidade e iso leva tempo.

Este ano está resultando fatal para a miña fibromialxia; o pasado tiven epicondilites nos dous brazos, o que me dificultaba o uso do ordenador. Agora tocoulle aos cadrís e aos ombreiros e pescozo, o que tampouco axuda moito para teclear. En fin, pequenas miserias.

Non teño pensado pechar o blog polo de agora; procurarei escribir con máis frecuencia, pero o tempo pásame tan veloz que, cando me decato, xa transcorreron semanas desde a anterior entrada.

Graciñas por estar aí.

7.2.11

Gozando


Hai vinte e tantos anos que Patricia Cornwell iniciou a serie da forense Kay Scarpetta, un personaxe que vin evolucionar ao longo das novelas; tamén vin medrar a súa sobriña Lucy, convertida hoxe nunha muller valiosa e problemática, sobre todo para ela mesma. O que me gusta das series cando son boas é precisamente iso: a posibilidade de ir coñecendo pouco e pouco os protagonistas e secundarios, descubrir en cada entrega un detalle novo das súas personalidades e os cambios que se producen nelas por mor das vicisitudes das súas vidas. En El factor Scarpetta a autora móvese coma peixe na auga por unha trama complexa chea de personaxes que achegan novidades interesantes. Hai diálogos que son unha gozada, matices que estimulan a imaxinación e, en fin, toda a obra leva a pensar que unha non perdeu o tempo lendo, o que non é pouco.

30.1.11

Personaxes

O Mochilas é un ionqui que un bo día, hai tres ou catro anos, aterrou na vila. Un tipo miúdo, baixote e delgado, coa faciana bastante fresca e redonda que non acusa os estragos do vicio, aínda que nos últimos tempos o vexo máis escuro de pel, coma se o seu ir e vir polas rúas o fose torrando devagar. Tamén nos últimos tempos incorporou un can á súa andaina, un can mediano de tamaño, marrón de pelo e de orellas caídas, ao que berra de cando en vez sen ningún tipo de inhibición; tamén xoga con el, porque é noviño, nos caixeiros automáticos cando vai moito frío, e no medio da beirarrúa cando o tempo axuda. Non lembro moi ben cando comezamos a falar, creo que unha mañá no mercado en que B e mais eu levabamos a Dona e el buscaba comida ou comerciantes aos que axudar a recoller para conseguir uns céntimos. Coñeciámolo de antes pola súa cortesía cando pedía as tapas das terrazas ou cartos que se lle denegaban porque me desgusta alimentar vicios alleos. Pero é tan amable que un día de debilidade deille unhas moedas diante dun supermercado, mentres esperaba por B; desde aquela, cando me recoñece, diríxese a min ao golpe de señora ou chica para pedirme cartos e cambiar unhas palabras comigo. O sábado estaba todo indignado cando lle preguntei que tal lle ía ao can; a policía local obrigouno a mercar un colar e unha correa (cousa que aplaudo, pois non me parece de recibo que os animais vaian soltos pola rúa), que lle custaron máis de trinta euros. Pero o seu cabreo debíase a que agora o obrigan a mercar unha buceira porque din que o can é perigoso. O canciño cheirábame e ollábame desde abaixo mentres eu buscaba a carteira e nos seus ollos canela non vin a menor traza de agresividade. Véxoos cando levo a B ao instituto porque o centro de día de drogodependentes está xusto enfronte; o can agarda fóra e cando o Mochilas sae ladra de contento e corrica ao seu redor cheirándoo todo. Agarroume as bolsas mentres buscaba os cartos, deume as grazas cando llos dei e ningún dos dous se explicaba por que a policía local se metía cun can tan riquiño coma o seu.

17.1.11

De libros

Alterno a lectura de El corazón de las tinieblas (libro que comentaremos o xoves no club de lectura) con As aventuras de Sherlock Holmes, de estilos e temática bastante diferentes. Até o de agora non lera o primeiro, a pesar de que o merquei hai tempo a raíz de ler Vagabundo en África de Javier Reverte. Non lembro por que naquel momento fun incapaz de poñerme con el, se cadra polo seu estilo decimonónico e por veces un chisco ampuloso que me leva a pensar que hoxe xa non se escribe así. Reverte alude constantemente a el na súa obra (por certo, moi amena e instrutiva) de xeito positivo e, como África me atrae, pareceume necesario conseguilo.
En certo modo decepcionoume, quizais porque leo novelas de psicópatas con relativa frecuencia e estou afeita ás truculencias literarias; aquí non se amosa nada que poida ferir sensibilidades, só se insinúa, sospeito que pola época en que foi escrito. Non imaxino a ningún novelista do XIX entrando en detalles sórdidos. As descricións son vívidas e mesmo poéticas, o que contrasta poderosamente co que se narra, pero ás veces faise pesado por prolixo.
Claro que non se debe xulgar unha obra do pasado con criterios actuais; tan só se pode intentar meterse na acción e deixarse levar. E aínda que na miña mocidade era moi afeccionada á novela decimonónica, confeso que me custou entrar nesta.

3.1.11

Primeiros paseos do ano


Aínda que non chego aos sete meses, son case tan grande coma mamá e corro e chouto máis ca ela polo monte. Estes días pola mañá aquí estivo un tempo estupendo e fomos con Peke e B ao monte; encántame ir ao monte porque, entre outras cousas, me deixan ir ceiba, agás cando cruzamos as estradas, e podo corricar, cheirar, osmar e comer piñas como fai mamá acotío. De cando en vez atopamos algún amiguiño, como o de Sarreiras, que é pequeno pero sabe seguirme o xogo de marabilla. O sábado nadei por primeira vez nunha das pozas e foi unha sensación tan agradable que repetín varias veces.
Tamén estivemos uns días en Teucro e puiden xogar con Tobi, a quen non vía desde que eu era moi pequecha, pero a el non lle importou; creo que me recoñeceu polo cheiro. Iso si, non me deixaron entrar no cuarto da mamá de B que seica está moi maliña, pero nun momento puiden coarme e subir enriba dela para darlle ánimos, aínda que creo que ela non se decatou.
Mamá é unha golden moi guapa e din que me parezo a ela, só que eu non son branca, senón negra, e teño o fociño máis estreito, de xeito que cando Peke nos deixa lamber o frasco de salsa de tomate case non pillo nada, porque mamá é moi voraz para as chuches e non podo case respirar. Pero, con todo, mamá é boíña e xoga comigo aínda que non teña moitas ganas: perségueme, ládrame, vénceme nas batallas e ás veces pelexa comigo por algún xoguete. É moi boa mamá. Agora vaise achegando a hora de cear e se hai algo que non perdoo son as comidas; encántame comer.
Por veces Peke preocúpase por se son feliz e pódolle asegurar que son unha cadela moi feliz porque son eu mesma, sempre coa incomparable axuda de mamá.

21.12.10

Club de lectura


Este mes tocou Tres sombras de Cyril Pedrosa, un autor francés que non coñecía e cuxa obra deu para falar moito na xuntanza do xoves.
A min gustoume en particular a variación de estilo no debuxo segundo as circunstancias do relato; por veces crías estar nun ambiente bucólico e apracible, outras metida nunha voráxine de xente e movemento moi ben conseguido e, por fin, outras, nun mundo barroco e sofisticado cheo de sombras e claroscuros.
A case todos os presentes lles gustou, aínda que un sinalaba que esperaba máis literariamente falando; outro comentou que algunhas viñetas lle deran medo, pero a maioría sentiuse conmovida por unha historia de amor e morte, de renuncia e xenerosidade moi ben plasmada.
E como non sei se terei ocasión de volver por aquí nuns días, aproveito para desexarvos felices festas e un 2011 máis cálido e con máis traballo para todos.

6.12.10

Unha da Garda



O comandante Sam Vimes persegue un máis que asasino e por unha desas estrañas cousas que ocorren en Mundodisco, os dous desaparecen do presente e retroceden bastantes anos ao pasado, de tal xeito que o comandante se atopa consigo mesmo cando era un garda bastante inexperto.

Non sei que teñen as novelas de Terry Pratchett (en realidade si que o sei) que crean adicción quizais porque producen ese enorme pracer que te reconcilia coa lectura. E iso que cando comecei Ronda de noche e vin que había unha viaxe temporal púxenme nerviosa. As viaxes no tempo provocan en min un desacougo inquietante, se cadra porque escapan á miña comprensión ou se cadra porque me asustan as consecuencias que se poden derivar de verte a ti mesmo con trinta anos menos. Non sei se nese caso sería capaz de evitar caer na tentación de dicirlle ao meu eu máis novo unha serie de cousas para que non sufrise tanto ou non cometese tantas parvadas; por outro lado, son consciente do inútil que resulta dar consellos a ninguén, incluído un mesmo. No mellor dos casos non me prestaría atención; no peor, cambiaría o meu presente e, á fin de contas, non estou moi segura de que me gustase ser outra distinta.

24.11.10

En feminino



Louannn Brizendine é doutora en Medicina por Yale e licenciada en Neurobioloxía por Berkeley, impartiu clase en Harvard e na Universidade de California en San Francisco, amais de fundar en 1994 a Women's and Teen Girl's Mood and Hormone Clinic, un centro dedicado a asesorar e tratar mulleres con alteracións no humor, a capacidade de concentración e a enerxía, con ansiedade ou con transtornos sexuais e déficit de benestar atribuíbles ás influencias hormonais sobre o cerebro. Até aquí o que di a lapela de El cerebro femenino que eu merquei no Círculo de Lectores e lin estes días con moito interese. Sabía cousas xa relacionadas co tema, pero esta lectura clarificou moitas outras que pertencían a unha nebulosa intuitiva. Non hai cerebro unisex, por fortuna ou por desgraza; por fortuna, porque a diferenza dá color á vida e coido que sería moi aburrido que todos fósemos iguais; por desgraza, porque esas diferenzas reais e constatables produciron e producen malentendidos sen fin que amargan a vida case por igual a homes e mulleres. Aínda que é un libro técnico, resulta de doada lectura e moi ilustrativo para os homes para coñecernos e comprendernos mellor e para as mulleres para entender que as flutuacións ás que a Natureza nos somete non son un castigo divino, senón algo distinto.

17.11.10

As nenas



Dous anos e nove meses a branca e cinco meses a negra. Nai e filla.

Se miro para atrás abráiome de min mesma por convivir con dúas cadelas, coidalas, limpalas, darlles de comer, pasarlles a carda e preocuparme polo seu benestar. As dúas buscan aloumiños case constantes; Melas ponse panza arriba para que lle acaricie a barriga, non sei de onde sacou esa paixón; Dona, pola contra chuza co fociño para que lle acaricie a cabeza. Se fose por elas estaría todo o día sobándoas. Non entenden que che doia o lombo e che custe agacharte, elas ao seu. Cando preparo a comida róldanme coma aves de rapina a ver se lles cae algo, e cáelles, claro; como non lles vai caer con esa cariña que poñen! A nai axuda moito na educación da filla e libéranos a B e a min dalgunhas tarefas; semella incrible, pero así é.

14.11.10

De egos



Gocei moito con Egos revueltos de Juan Cruz porque me gustan os libros de memorias, biografías e autobiografías de persoas que me suscitan interese ou tan só curiosidade; e aínda que os premios non sempren avalan a calidade literaria, neste caso súmase o XXII Premio Comillas 2009, ao meu entender ben merecido.

Aínda que as lembranzas son subxectivas, unha non ten a impresión de que o autor deforme a realidade ao seu antollo, senón que a trata con relativa distancia ou, cando menos, o semella. Hai escritores que me interesaron máis ca outros, pero a todos os tratados nótaselles un lado profundamente humano que os fai en certa medida simpáticos, agás quizais aqueles co ego tan desmesurado que chegaron a provocarme algo parecido a un calafrío de mágoa e irritación. Prefiro non dar nomes para non facerlles unha propaganda, cativa se cadra, mais innecesaria.

7.11.10

Movemento



A estas alturas debería ser de sobra coñecida a miña devoción por Michael Connelly e o seu detective Harry Bosch, ese que ten tendencia a meterse en tantas leas cos seus superiores polo vicio de traballar ao seu aire e pensar que todo o peso do mundo do mal recae sobre os seus ombreiros. Desta vez non ten problema ningún en marchar da noite para a mañá a Hong Kong para salvar a súa filla Maddie dun secuestro que coida relacionado co seu último caso, o asasinato do señor Li, o ancián propietario dunha tenda de licores en Los Ángeles.

Sorprendeume que Maddie teña xa trece anos, cando eu a deixei con seis ou sete, o que me dá a idea de que debín de perder algunha entrega, pero tanto ten. A presenza de Maddie, que vive coa súa nai, Eleanor Wish, antiga axente do FBI e actual xogadora de póquer profesional, non é unha constante nas novelas de Harry Bosch, senón que aparece de cando en vez desque Harry descobre a súa existencia. Porque si, Eleanor abandona a Harry embarazada e non lle di nada ata que el, nunha desas investigacións que tanto se bifurcan, dá con elas cando a súa filla xa ten catro anos.

Hai sorpresa final, desas que che fan tremer as mans para non lle dar unha labazada a ningunha criatura.

24.10.10

Club de lectura


Non sei de quen foi a idea de ler El tiempo entre costuras de María Dueñas, pero tanto ten; o caso é que a lemos e comentámola hai uns días. Fun eu a primeira que empecei para dicir coa miña contundencia habitual -acotío tan mal entendida- que a este libro lle sobraban trescentas páxinas como mínimo. Non teño nada en contra dos novelóns, pero si das repeticións sen xustificación, das obviedades e dos comentarios por parte da narradora protagonista que non fan falta ou, en todo caso, debería amosar o propio decorrer da narración.
Houbo algunha persoa que comentou que a novela enganchaba e non o dubido porque vai pola vixésimo quinta edición (non serei eu quen poña en solfa o gusto dos lectores) e, de feito, lina de seguido e sen maiores interrupcións, pero notando a cada pouco o que chiaba e facendo xestos de desgusto de cando en vez.
A ambientación está bastante ben conseguida, iso si, os datos históricos son cribles e o motivo principal é orixinal, pero ten que haber algo máis nun libro de máis de seiscentas páxinas.

15.10.10

Patas



Melas xa ten catro meses. Descubriu o puf e decidiu que ese era un bo lugar para botar sestiñas, sobre todo porque os donos a deixan.

É unha provocadora nata; encántalle mordelle as orellas, o papo e as patas á nai para que esta xogue con ela, pero son un par de brutas e xa recibín algún que outro mordisco perdido sen comelo nin bebelo.

O outro día no monte foi correndo a xunto doutro can que a recibiu cun bo mordisco. Agora ten a súa primeira ferida de guerra.

É unha cadela bastante boíña e a nai axuda moito a educala. Anda cambiando os dentes e bótalle a boca a todo, iso é o peor.

2.10.10

Lección de realismo


Nunca me atraeu demasiado Elvira Lindo, se cadra influída pola opinión desfavorable que dela teñen os meus achegados máis próximos. Si, recoñezo que é unha debilidade de carácter, coma unha de tantas que nos conforman, pero así é a vida. Se non fose por Arume dos piñeiros probablemente non a tería lido, pero el soubo picarme a curiosidade, cousa que lle agradezo. Porque Lo que me queda por vivir é unha novela moi ben escrita, por momentos tenra, por momentos dun realismo case patético, por momentos incluso lírica. Non necesita Lindo seiscentas páxinas para plasmar a personalidade de Antonia; nunhas modestas duascentas sesenta e sete apáñase de marabilla para construir unha novela sólida, moi agradable de ler e na que se adiviña moita alma por parte da autora.

29.9.10

Ilusión



A encantadora X de Selva de Esmelle fíxome o honor de concederme este premio que anda pululando polos blogues nos últimos tempos. Quédolle agradecidísima, aínda que son consciente de que moito non o merezo, pois non actualizo a miúdo e sei que un blog hai que aloumiñalo máis do que eu o fago. Procurarei reformarme no futuro.

Sei que debería seguir a cadea e nomear outros tantos blogues, pero a maioría dos que citaría xa están premiados, así que sería absurdo darlles outra vez o mesmo premio.

19.9.10

Lerias



Ignoro se será por vivir nunha aldea de Ribeira polo que me falla tanto o ADSL, pero o feito é que me falla moitísimo e con frecuencia.

A B este ano cambiárono de instituto por decreto administrativo e non acabamos de ver a claridade do asunto; tomou as súas medidas, pero dubido moito que se solucione algo a estas alturas, pois o curso comeza mañá.

Por fin acabaron o pozo; tardaron o seu pero quedou bastante lindo. Agora só lle faltan un par de detalles e estará rematado por completo.

Melas tennos acribillados a todos, empezando pola nai -que está cuberta de costras-, pasando por min -que teño o brazos cheos de feridiñas- e rematando por B -a quen lle pillou un dedo e case llo atravesa-. Está mudando os dentes e lanza a boca a todo o que se lle pon por diante. E aínda haberá que esperar un ano para que acougue un chisco!

21.8.10

De ornitorrincos



En realidade a filosofía non me interesa en absoluto, que lle imos facer. Supoño que son pouco ou nada intelectual e que as comeduras de coco da Humanidade só me atraen de cando en cando e en pequenas doses; por riba en Platón y un ornitorrinco entran en un bar... explícanse as tendencias adobiadas con chistes que non me facían graza ningunha, nin un sorriso me arrincaban. Se cadra o problema está en que o meu sentido do humor deixa bastante que desexar ou que este en concreto é demasiado ianqui para o meu gusto.

10.8.10

Memoria


Chámome Melas e hoxe hai dous meses que nacín, dunha maneira algo accidentada, todo hai que dicilo, porque mamá estaba moi nerviosa. Peke aínda non foi capaz de facerme unha foto en que non lle salte o flash, porque son tan negra, tan negra, tan negra, que sempre que me enfoca a cámara ponse tola e non hai xeito de que se comporte.
Hoxe Peke pasouno de medo relendo un libro que hai corenta anos ou así (a min paréceme unha barbaridade) leu por primeira vez: Papaíto piernas largas de Jean Webster. Unha cadea de alimentación e variados ofrecíao a cinco euros e B regaloullo en canto soubo da relación sentimental que Peke tiña con el. Polo que me dixo, cando o leu por primeira vez sentiuse identificada coa protagonista e cando viu a película (os musicais encantábanlle) quedou prendada da historia, de Fred Astaire e de Leslie Caron. Toda unha vida á que eu xamais poderei aspirar, porque como todo o mundo sabe, os cans non pasamos de catorce ou quince anos, agás casos moi puntuais. A cuestión é que Peke cedeume a min a voz porque se sente moi emocionada, tanto polos meus dous meses de vida como pola relectura, que a levou ao vello sofá da casa familiar onde pasou algunhas tardes (antes lía máis devagar) embebida na vida de Judy cando aínda non sabía que cousa estraña era a Universidade.

Actualización: Aquí está a foto, por desgraza con flash a pesar de estar tomada ao mediodía.

3.8.10

Sucesos

Chegamos de pasar uns días en Teucro e atópome o ordenata cun virus que non hai xeito de eliminar. O bo de B aplícase durante varios días e á fin desiste, así que o levamos ao médico de ordenadores quen confesa as grandes dificultades que tivo para sacalo de aquí, até o punto de sentir enormes desexos de formatealo de novo e acabar pola vía rápida. Menos mal que non o fixo! Aínda que a experiencia me aprendeu a copiar todo, creo que o virus pasou ás copias e haberá que desintoxicar o lapis máxico.
No club de lectura comentamos Fin de século en Palestina, que non levanta grandes paixóns a pesar de que está moi ben escrito, coma case todo o de Miguel Anxo Murado. O próximo recomendado é Platón y un ornitorrinco entran en un bar... cuxo título a B non lle inspira ningunha confianza. Veremos que dá de si.

14.7.10

Visita



Non sei se mamá coidaría que Dona é unha dama (como a cualificou nun determinado momento) se a vise rebuldando así de contenta unha das primeiras veces que saíu do tobo. Estivo aquí unha semana gozando cos cachorros e a nai, incluso viu as dúas mulleres que levaron unha femia e o macho para os seus fogares; agora só queda Melas, a outra femia que presentarei en mellor ocasión, cando medre un pouco máis e poida permanecer quieta o tempo suficiente para facerlle unha foto que non saia mal.

Mamá está nunha época da súa vida en que o pasado remoto aparece moito máis vívido có presente e tivemos ocasión de escoitala contar cousas da súa nenez e mocidade, transcorridas durante a guerra civil e a inmediata posguerra; bastantes xa as coñecía; outras éranme novidosas e a medida que relataba a min non deixaba de abraiarme a súa memoria de elefante, quizás porque a miña se asemella máis á dun mosquito e, por riba, traizóame con frecuencia.

27.6.10

Ocupacións


Así de digna se amosa Dona descansando dos cativos, pero alerta. Eu mentiría se dixese que non sinto tentacións de poñer outra foto deles, para que se vexa que medraron moitísimo durante os seus primeiros dezaoito días de vida. Tamén mentiría se negase que paso unha morea de tempo mirando para eles, pero non é cuestión. Non é o único que fago, por suposto. Leo, claro, unha serie de novelas de Ruth Rendell que me deixou miña nai; o último, Uno horizontal dos vertical, provocoume tal tensión que a piques estiven de deixalo; está moi ben consiguido o ambiente abafante en que se move o protagonista, a situación tan entolecida na que el soíño se vai metendo por desexar con demasiado fervor o que non é seu. Escribe moi ben esta muller, moi ben, si.

20.6.10

Medrando



Ademais de estar gordechos coma bólas, cambian de día en día. Aínda non abriron os ollos pero amáñanse de marabilla para atopar a nai ou estomballarse enriba de calquera irmán que se cruce no seu camiño. Quedo embobada mirándoos varias veces ao día e asómbrame observalos moverse con menos torpeza a medida que pasa o tempo. Dona decicidiu meterse nunha zona da cociña bastante protexida e alí pasa horas lambéndoos, dándolles de mamar e mirando para eles con cara de abraio. De cando en cando érguese e sae á horta para corricar e ladrar, pero en canto escoita un ganido ou un choro, entra correndo para comprobar que todo segue en orde. Todo un espectáculo.

16.6.10

Avaría



Unha avaría na zona mantívome illada de internet, así que non puiden informar do acontecido. Tres foron os que rescatamos da horta a medida que Dona os paría correndo de acá para alá, máis asustada, supoño, que eu mesma. Desde as tres da madrugada até as oito da mañá intentamos por todos os medios que os aceptase, pero gruñíalles e botáballes os dentes.

Ao día seguinte, sen durmir, deixamos os cachorros nunha manta pensando que fose o que Deus quixese. Comprei leite de cadela e biberóns medio desesperada despois de falar coa veterinaria. Segundo ela, seguro que estaban mortos ao chegarmos, pois non poden pasar tanto tempo sen comer. Pero os tres gordechos choraban como condenados e tras moitos "moi ben" e "non" conseguimos que a nai os aceptase. Agora maman, choran e dormen ao abeiro de Dona que por fin se comporta como se esperaba dela.

Iso si, polo aspecto, ignoramos quen pode ser o pai.

7.6.10

Cuspir ao ceo



Confirmado por ecografía: Dona está preñada e supoñemos que o autor da fazaña é ese que aparece na foto con ela, os dous rebuldando inconscientes hai case dous meses.

Eu que non quería para ela máis que un golden de pura cepa, que non desexaba palleiros ou mestizos ou como queiran chamalos, que nun principio non tiña a menor ansia por que criase, véxome así, con cara de parva, esperando acontecementos. Mantereinos informados.

4.6.10

Sufrimento e morte

Sinto unha desolación absoluta, agora que teño tempo de estar comigo mesma, ante a morte de Begoña, tan inesperada e fóra de lugar e a enfermidade terminal de Marcos, tamén fóra de lugar.
Con Begoña estudei e vivín situacións que non veñen a conto; con Marcos só tiven breves contactos telefónicos e saudabámonos pola rúa, pero é unha persoa entrañable en Auria e iso abóndame. Agora, nestes momentos de soidade, só quero comunicar aos meus poucos lectores que me sinto tan pouquiña, tan feble, tan tristeira, que, en fin, sobran as palabras.

1.6.10

Rarezas


Noe convida a quen queira a seguir un meme no que se conten sete rarezas propias. Houbo un tempo en que me sentía coma un becho raro, pero agora, ao relacionarme con menos xente e con menos frecuencia, a verdade é que me vexo máis normal. Pero si sei o que lle parecen rarezas miñas a outras persoas, así que alá van. Dedico o meme a Karen Blixen, que morreu por desnutrición a pesar de vivir ben e non lle faltar de nada.
1ª- Gústame bastante estar soa. Non se me cae a casa enriba nin sinto esa necesidade compulsiva que moitos experimentan por recibir visitas, sexan de quen sexan. Ante a posibilidade dun plasta, prefiro non abrir a porta, algo que resultaba moito máis doado nun piso que agora nunha casa.
2ª- Non vou a lugares ruidosos nin aturo moito eses ambientes, pero máis que por rareza é polos meus problemas de oídos. Por iso tampouco vou ao cine nin a concertos nin a pubs.
3ª- Non son amante da familia, agás de B que, por certo, é a persoa coa que máis a gusto me sinto a pesar de levarmos xuntos case tres décadas.
4ª- Horrorízame a praia no verán: o sol abrasador, a xente, a auga... Prefiro un día con chuvia ou de inverno para pasear por ela.
5ª- Nunca saio de vacacións en agosto se podo evitalo porque todo está ateigado de xente e non hai xeito de estar tranquila en ningures máis que na propia casa.
6ª- A pesar de que en teoría me encantan a Natureza e os animais, prefiro velos en fotos. Dona é unha excepción.
7ª- Non levo ben as adversidades ou os contratempos, coma a maioría da xente por outra parte, pero aínda que sexa tremendo por dentro, poño a cara e intento resolvelos canto antes. Teño comprobado que deixalos podrecer é o peor que se pode facer.
E non falo das contradicións porque esas, coido, non son nada raras.

28.5.10

Estrañeza


Cando empecei a ler Mantis de Mercedes Castro preguntábame a cada pouco pero isto que é?, pero isto que é?, coma se non puidese dar creto ao que con ambigüidade sibilina se insinuaba alí. Leveina a Compostela para que me axudase a pasar as horas (por certo, todo moi ben, moi rápido e limpo) e metinme na trama de tal xeito, deixeime conducir con tanta facilidade e entusiasmo por esa prosa limpa e coidada que a rematei bastante antes do que esperaba, porque as súas catrocentas corenta e sete páxinas agoiraban como pouco un día máis.
Como dirían os expertos, a "proposta" de Mercedes Castro é atrevida, orixinal e extravagante; a sensación que tiven foi coma se a autora me chiscase un ollo e me dixese asemade "veña, anímate, permíteme que te abraie", e permitinllo, claro.
Aínda que por veces repite detalles que non achegan nada ou moi pouco á acción, a lectura resulta fluída e ao final unha acaba satisfeita de que Teresa bordease o abismo pero non caese nel.

18.5.10

Sensacións

Non acabo de entender esta preocupación por algo tan sinxelo. Xa pasei por iso e non lembro como foi, o único que cambia agora é que me van quitar o pólipo ao mesmo tempo. Será este venres e estou desexando que sexa sábado.
Por riba, os acúfenos están tan altos que me resulta imposible ignoralos nin sequera un momento. Creo que subiron de volume desde que aumentou a xordeira e me adaptaron os audífonos, vai xa para tres meses, pero ultimamente están tan presentes que me custa ferro e fariña aturalos con serenidade. Gustaríame lembrar o silencio.

5.5.10

Libros

Non perdín o vicio de ler, por suposto; sospeito que tal cousa sería imposible a estas alturas. Movida pola curiosidade, lin dous libros de Camilla Läckberg que me parecen sobrevalorados pola crítica, pero, claro, cando algo se pon de moda (neste caso, os escritores nórdicos) as gabanzas desátanse ás veces sen moito criterio.
Dous tamén foron os de Donna Leon, nun dos cales botei en falta máis escenas familiares e os comentarios agudos de Paola, a muller de Brunetti. Recoñezo que sigo a serie porque me caen ben e sempre atopo algo estimulante en cada nova entrega.
E rematei hai pouco La pista de arena de Andrea Camilleri que, coma sempre, resultou entretida, máis complexa do que a simple vista podería semellar e mesmo desenvolve unha certa tenrura cara á obsesión de Montalbano polo paso do tempo, inevitable, como todos sabemos.

27.4.10

Resultados

É benigno, si, pero hai que sacalo, así que espero que o próximo mes teñan un oco para min.

18.4.10

A horta


A nosa horta é un territorio medio salvaxe no que medran libres trevos e margaridas, ademais de pequenas árbores plantadas por B. O nome de xardín non lle acae nada ben, á parte de que na zona a ninguén se lle ocorrería aplicarllo; horta, leira e agro (se é grande) son as palabras que os nativos usan de xeito espontáneo.
A ampliación do terreo converteu a horta en agro, que aínda está coa terra levantada de facer o pozo e coas pegadas das máquinas; de feito unha delas mantense á espera de que volvan os operarios.
Non me fago moita idea de como quedará unha vez arranxado, pois nin B nin eu somos dos que realizan planos previos e chantan no sitio previsto as plantas milimetricamente estudadas; máis ben deixámonos guiar por un azar un tanto anárquico, aínda que xa se mercaron unha nogueira, dúas figueiras e varias oliveiras, estas últimas castigadas con dureza por Dona, pero que mantemos en testos coa esperanza de que sobrevivan. Algunhas xa empezaron a botar follas e estou desexando ver a que ritmo medran.

11.4.10

Non é por aí



Podía escoller outra foto e titular o post frustración, pero non quero facer deste blog unha páxina erótica. Tamén podía titulalo amante fiel e inútil, pois durante unha semana Roque (que tal é o nome do negrito) non faltou un só día á súa cita. E ten mérito o asunto, porque debía agatuñar polo muro e logo saltar desde unha considerable distancia para o seu tamaño, todo para atoparse cunha cadela en celo á que non podía acceder, a pesar de que o intentou de todos os xeitos posibles.

Recoñezo que ao principio non o levei nada ben, pero cando comprobei que o perigo era relativo tranquiliceime bastante, incluso cheguei a sentir algo de mágoa por el cando trousou o almorzo.

2.4.10

Batallas caninas



Dona está en celo, o terceiro, e a maior parte do tempo pásao apoltronada diante do portón á espera dos mozos cativeiros que a roldan pola zona. Non está á espera de que lle abramos a porta para entrar e saudarnos co seu abaneo de cadrís solicitando caricias, non; nestes momentos ela anda noutras batallas. Nin sequera vén a que lle pase a carda e lle dea uns pensos, menos mal que segue ceando case como se nada pasase.

A min non sei que dá vela tan ansiosa, pero B retrúcame que as cousas son así e que a Natureza non pide permiso. Alarmeime o outro día por Coroso cando se nos achegou un can negro bastante grande con que a cadela adoita xogar; inclineime nunha postura moi pouco elegante e respirei aliviada ao comprobar que o tipiño non tiña collóns. Uf!

31.3.10

Aventuras

Así quedou onte a leira do lado, que mercamos hai uns meses. Había que pechala, guindar co muro de comunicación coa nosa propiedade e retirar os cascallos. Apalabramos un orzamento cun individuo moi necesitado de traballo, contentos por atopar co que coidabamos un orzamento axeitado. Ah! Pero..., sempre hai un pero, o factor humano é imprevisible. O individuo trabucouse ao medir o muro de pedra, detalle que non tería maior importancia se nolo dixese no momento, pero fíxoo cando rematou os cartos (si, foi cobrando por adiantado) e pretendía que seguísemos pagando, cousa que non era posible naquel momento.
Falando con amigos descubrimos que o tal individuo non é nada serio, ten fama de pufero e, aínda máis, mesmo unha persoa comentou que era un xitano, con todos os meus respectos para as razas itinerantes.
Total, que estivemos un mes coa obra parada, dispostos a non pagar nada máis mentres non se rematase o traballo; como o home non quería ou non podía facer nada sen cobrar, decidimos encargarlle o asunto a outro; chamei onte, veu o mesmo día e agora escoito as máquinas como música celestial.
En canto á saúde, o brazo vai mellor, o día quince teño revisión do ciste e o vinte faranme a proba que, queira ou non queira, algo me altera, a pesar de que a ecografía previa non amosou ningún problema.

23.3.10

Saúde

Acúfenos moi altos. Aumento da perda de audición. Brazo dereito amolado. Diarreas continuas. Fibromialxia en alza. Ánimo baixo.
Ando de médicos, non sei para que.

7.3.10

Scarpetta


Hai moitos anos que sigo as novelas de Patricia Cornwel, o que me serviu para curarme de espantos ante as atrocidades que unha mente humana pode concibir. En Scarpetta acláranse algúns detalles que quedaron colgados en El libro de los muertos e amósanos unha Scarpetta máis humana e boíña, aínda que Kay sempre foi bastante boíña.
Produce unha sensación un tanto estraña ver a evolución dos personaxes ao longo de tantas novelas, sobre todo a de Lucy, que era unha nena prodixio e libro tras libro foise convertendo nunha persoa conflitiva e chea de sorpresas ou os avatares polos que pasa a vida de Marino, á sombra de Kay ou a carón dela.
Non é esta a mellor de todas, pero déixase ler, a pesar de que a xerga forense me irritou un chisco nalgunha ocasión, se cadra por escaparme o significado de certas palabras.
Só para admiradores recalcitrantes.
Por certo, o dos comentarios arranxouse de seu.

2.3.10

Tregua

Aproveitamos os días de entroido para ir ao monte apañar leña e piñas para a cheminea e a veciña, logo viñeron os temporais e agora volvemos ter unha pequena tregua que non durará moito, pero menos dá unha pedra.
Onte Dona estivo a piques de afogar no río de Coroso, que baixaba cunha forza tremenda. Inconsciente como é, lanzouse a xogar cun par de parrulos que botaron a voar decontado; a forza da corrente impedíalle subir a terra firme e alá acudiu B ao rescate. Saíu coma un pito e papou un bo susto, que non lle impediu rebuldar en toda canta poza atopou. A pesar de que xa cumpriu dous anos, carece por completo de sentidiño e, segundo as características da raza, coido que nunca o acadará. Por riba, aínda que lle encanta a auga, non nada nada e non hai xeito de conseguilo; o plan B do criador (guindala a traizón nun sitio onde cubra) non nos convence nada.
Hoxe cando abrín o blog, pensei que ninguén entrara no post anterior e resulta que me cambiaron os comentarios sen comelo nin bebelo. Se alguén sabe como teño que facer para que se reflictan no espráiate que mo explique moi clariño por correo, e que teña en conta que son unha completa analfabeta nestas cousas. A quen sexa quedareille moi agradecida.

23.2.10

Aniversario


Seis anos de blog, si. Nos últimos tempos non son moi fiel nin demasiado constante, pero non o abandono, non polo momento, cando menos. E non sigo porque hai tormenta e non teño ganas de que se me funda todo. Grazas a todos.

7.2.10

Prolingua

Asistín o venres cinco á presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega que tivo lugar no Ateneo Valle Inclán de Ribeira, onde case non cabía un alfinete máis. Mágoa que a maioría das persoas presentes non necesitase que a ilustrasen sobre o tema. A asociación Prolingua foi a encargada de organizar o acto que, por certo, estivo moi ben, sobrio, sensato e cargado de sentido común.
Pero saín de alí cabreada e non porque non me dixesen nada novo, senón precisamente poir iso, porque en máis de trinta anos sigo escoitando os mesmos argumentos tan doados de rebater e, porén, aí continúan tan vixentes que necesitan un libro que os desminta.
Paréceme incrible que a sociedade mudase tan pouco, aínda que son moi consciente de que os cambios sociais requiren tempo, moito tempo, e así llelo dicía aos meus alumnos cando estaba na profesión. Pero dáme rabia, e non o podo evitar, que a realidade desminta unha esperanza se cadra inxenua de que a normalidade era posible. Está visto que non. Haberá que continuar agardando.

29.1.10

Ás voltas coa tensión

Continúo coas novelas de Patricia Highsmith e houbo dúas que me impactaron moitísimo: El diario de Edith e Ese dulce mal, quizais máis a segunda ou quizais doutra maneira. Á parte da tensión en si, que é bastante pero soportable, son novelas nas que se ve o desvarío do protagonista e, na segunda sobre todo, a imposibilidade ou a incapacidade de aceptar un non por resposta. É ese un asunto que desde sempre me rebentou, a teimosía de alguén en crer que a súa visión é a correcta e o outro está errado a pesar de si mesmo; a teimosía tamén de estar convencido de saber que é o máis oportuno e conveniente para outro, querer que te queiran aínda que veas de xeito claro e diáfano que non hai nada que facer. Estiven a piques de deixala, pero por fortuna non o fixen.
En El diario de Edith, porén, impresionoume que unha actividade en principio inocua como é escribir un diario con invencións para evitar, se cadra, deixarse amargar polas frustracións da vida, desemboque nunha especie de tolemia que os demais acaban por percibir, por moi en segredo que un pretenda levala. Caeume ben Edith e por iso amoloume que a súa vida rematase dun xeito tan parvo.

19.1.10

Tensión, si, pero menos

Hai máis de vinte anos merquei no Círculo de Lectores unha serie de novelas de Patricia Highsmith; non as lin no seu momento porque alguén me comentou que eran de moita tensión e eu daquela era o que menos necesitaba. Covardía, supoño, ou sinxelamente desexo de non alterarme de xeito inútil.
Agora, con vinte e pico anos máis, decidinme a rescatalas dos andeis e xa pasaron polos meus ollos A pleno sol (El talento de Ripley), Crímenes imaginarios, El hechizo de Elsie e La celda de cristal. Onte comecei La máscara de Ripley.
Supoño que daquela o meu temperamento nervioso e impresionable en exceso coidaría estas novelas bastante terribles, se cadra pola falta de moral dalgúns dos protagonistas, porque o culpable sae ben librado case sempre ou incluso porque esperta a nosa simpatía; pero non percibo esa tensión tan enorme que me dixeran nin me quitan o sono nin me sinto particularmente alterada. Como ben dixo a escritora, son libros para entreter o lector, non para facer moral; non hai preocupación polo feito criminal pero si se esmiúza a acción dun xeito alleo a calquera formulación ética.
Creo que seguirei coa serie até rematala. Dá gusto ter libros novos que son vellos.

8.1.10

Frío

Os meus vellos xerseis, grosos, moi grosos, apenas chegan para protexerme dun frío que me lembra a Auria, aínda que sospeito que alí é moito peor. Dona parece non notalo; vai pola beira do mar tan campante, coma se o vento xeado non fose con ela, mesmo se mete no mar buscando calquera trebello que se axite para xogar con el, mentres nós (cando menos eu) nos encollemos e apertamos o paso para chegar canto antes á casa.
Estas estrañas vacacións pasaron nun sopro e dentro de nada volveremos á rutina do curso, cunhas semanas que transcorren voando, as anécdotas que se suceden no instituto de B e os paseos habituais.
Por fin acabei o alfabeto do crime de Sue Grafton e o bo de ler todos os libros seguidos é comprobar a variedade de argumentos e de temas, ademais de ir vendo como evoluciona a protagonista e demais personaxes. Unha remata convencida de que esta autora sabe o que leva entre mans.

20.12.09

Cativeces



Aquí está unha das causas de que non actualice máis, Dona, que xa ten vinte e dous meses, pesa trinta e un quilos e é a cadela máis mecosa que vin na miña vida. Claro que tampouco vin moitas tan de preto, pois é a primeira coa que me relaciono día tras día. Desde que está connosco adelgacei once quilos, paseo moito máis e miro con maior simpatía os outros cans. Tamén establecín relacións con moita xente dona de mascotas coas que nunca falaría se non fose por Dona. É incrible o doado que resulta charlar con descoñecidos cando levas un can ao lado.

Onde mellor o pasamos é na praia de Coroso, onde hai mar, area, algas, herba e un longo paseo, ademais dunha especie de marisma onde a cadela se pon a correr coma unha tola, xoga con outros cans e osma e envórcase en todo o que lle apetece. Dá gusto vela gozar de tal maneira, vela tan viva.

Felices festas a todos e un moi feliz 2010. :)

28.11.09

Relecturas

A amiga Noe falou hai uns posts de G de guardaespaldas que acababa de saír en peto e déronme ganas de poñerme a reler todo o alfabeto do crime. Vou por H de homicidio e non podo menos de renovar a miña admiración por Sue Grafton, non só pola súa imaxinación, senón tamén pola axilidade da súa escritura, a súa habelencia para atar cabos e a aparente facilidade para deixar caer de cando en vez imaxes do máis evocador.
Kinsey, ademais, resulta un personaxe atractivo cun pasado abondo complicado que a enriqueceu como persoa e en certo modo a fixo dura pero non conseguiu restarlle esa tenrura que aflora cando ten que aflorar. Xa asistín a varias persecucións, algúns intentos de asasinato, un par ou algo máis de escenas de sexo, outro par de hospitalizacións, unha fuga dunha delas e moitas carreiras pola beira do mar.
O mellor de todo é que non teño a sensación de que se repita, cousa que non deixa de marabillarme.

10.11.09

Sesenta anos



Son os que obsesionan a Wallander a pesar de estar encantado coa súa neta. Aínda que non o rematei, levo a lectura bastante avanzada e chámame a atención o preocupado que se manifesta o inspector pola vellez, se cadra porque a min me pasa algo semellante. Cando vexo a miña nai acabada de operar por quinta vez, cargadiña de achaques, ou a miña sogra que desbarra máis cada día que pasa, non podo evitar sentir un intenso calafrío que me sacode por dentro. Sospeito que non son a única en temer unha vellez dependente, pero non hai que pensar moito nesas cousas porque non se debe vivir con medo á vida. O que teña que ser será. Ou non?

27.10.09

Mulleres



A estas alturas Maitena non necesita presentación, supoño, claro. Acabo de reler este libro e aínda que non me identifico ao cento por cento con estas mulleres, hai cousas nas que si coincidimos plenamente. Resultan un pouco estarrecedoras a penetración psicolóxica da autora, a agudeza en plasmar unha idea e a capacidade de facerte reflexionar, acompañado todo iso dun semisorriso que ás veces se che queda conxelado, porque á fin de contas acabas de descubrirte pensando coma unha desas alteradas.

Gústanme estas mulleres de catro dedos, realistas e ilusas, desenganadas e esperanzadas que nunca acaban de aprender. Algunhas provócanme tenrura, a outras dáballes de labazadas por complicar a vida inutilmente, con moitas, en fin, non me identifico en absoluto.

Tamén os homes quedan reflectidos, quizais con moitos tópicos nos que eu me nego a crer, pero que a vida me está demostrando que teñen máis razón da que eu querería. Porque sempre me desgustou que o mundo se dividise en homes e mulleres e non en boas ou malas persoas. Que se lle vai facer; tamén eu teño algo de ilusa.

17.10.09

Outono

Está aquí o home de Maryland; chegou, coma sempre, cargado de agasallos e sorrisos e semella que trouxo consigo o bo tempo, tan bo que nos fai esquecer que temos enriba o traidor outono, a estación que máis me gusta. Claro que o comezo dunha catarreira encárgase con éxito de lembramo.
Onte coincidimos con Maru, a da fermosa voz, na terraza do Plaza e o home de Maryland evocou o concerto onde a coñecera. Entre unhas cousas e outras soubemos que B nunca escoitara Alfonsina y el mar, esa canción que tantas sensacións provocou na adolescencia; entón produciuse unha situación única ao sol do mediodía entre viños, cañas e empanada: Maru cantouna e conseguiu prendernos unha vez máis da súa voz (xa dixen que é moi fermosa?).
Un agradable e algo fresco xantar na terraza dun novo bar que ofrece pequenos pratos unipersoais transcorreu con estupenda conversa e bastantes risos, deses que saen de dentro, logo os cafés e as copas e, mentres eu descansaba na casa, eles foron ao monte coa cadela. Pero non acabou aí a xeira: chegaron de volta e fomos de novo ao Plaza a felicitar a Webmaster, que estaba de aniversario. E creo que nese momento foi cando a catarreira decidiu que eu era unha hóspede magnífica para pasar unha semana comodamente instalada.

4.10.09

Enredos e libros

Non sei en realidade en que meto o tempo para levar tantos días sen pasar polo blog; non só polo blog senón polo ordenador, de xeito que tiña as contas de correo ateigadas de mensaxes sen ler. Sospeito que o bo tempo tivo algo de culpa, así como o comezo de curso que esixe adaptarse a unha nova rutina despois da longa paréntese das vacacións.
Lin bastante, iso si, empezando por El nombre del viento de Patrick Rothfuss, que me deixou un leve sabor amargo porque será unha triloxía que aínda non está rematada, así que quedei co mel nos beizos e con ganas de saber máis. Chegoume por fin á librería El silencio de los claustros de Alicia Giménez Bartlett que me lancei a ler coma unha tola. Nada que ver Petra Delicado con Ana Belén nin Fermín Garzón con Santiago Segura. Esta novela é unha máis da serie, pero resulta diferente porque as vidas dos protagonistas van cambiando e enriquecéndose. O final, por curioso que pareza, sorprendeume.
Hai uns días rematei Los relatos del padre Brown de G. K. Chesterton que, se por un lado me fixeron retroceder á primeira adolescencia, por outro trouxéronme novidades, pois faltábanme varios libros que agora, por fin, teño nos meus andeis. Que xeito tan diferente de escribir tiñan os escritores antes e que delicia mergullarse nunhas descricións tan minuciosas que te conducen directamente ao campo inglés.
E seguindo o ronsel destes contos, agora ando con E.A. Poe e os seus Todos los cuentos traducidos por Julio Cortázar. Tampouco os tiña todos, así que me esperan moitos días de pracer e sorpresa.
Espero reformarme e actualizar con máis frecuencia, iso se consigo saber en que meto o tempo.

19.9.09

Despedida

Quedo coas dúas Albas ás cinco da tarde no bar Plaza para despedirme delas. Rubín rematou a substitución de fotógrafa para un xornal de Galicia e volve ao seu curruncho natal, onde a coñecín xa hai unha morea de anos. Atos, o seu can, compórtase de maneira exquisita mentres tomamos as nosas bebidas na terraza; seguro que botará de menos a praia e o clima suave destes lugares.
Cando chego á casa o monstro dos alaridos está tan durmido que, a pesar do inevitable ruído, nin se decata da miña presenza, mentres Dona menea o rabo coma unha tola antes de entrar na casa para poder meter o coche no seu lugar.
Sinto unha estraña sensación, non porque o pasado me rozase de novo, senón porque o presente, malia traer ecos daquel, é tan diferente, tan variado, tan novedoso para os que un día formaron parte de min, que me decato do moito que eu tamén debín de cambiar, do diferente que debo de ser para eles, do distinta que eu mesma me noto. O curioso é que non albisco morriña nin melancolía; aquilo xa pasou, non o acho de menos, aínda que me encante recibir visitas daqueles que supuxeron notas importantes no meu pentagrama particular. Agora percibo outras notas que intentan espertarme dun letargo que dura demasiado e algúns plans pululan, intentan abrirse paso nas miñas intencións e mesmo un asomo de organización pretende impoñerse nesta pacífica vida. Que así sexa.

10.9.09

Aparezo

A inesperada visita de Cesare onte á tardiña supuxo unha alegría inmensa e unha cea e unha sobremesa tranquilas, aínda que non moi prolongadas, pois hoxe tiña que marchar a levar a cabo unha xornada maratoniana. Reconfórtame saber que, malia non responder correos, aínda permanezo na súa memoria.
O mes de agosto transcorreu sen pena nin gloria, con moitos paseos, bastante calor e ritmo repousado. Aproveitamos a primeira fin de semana de setembro para ir a Teucro e despedir a tempada. Alí estaba Tobi, un cadelo rescatado da soidade pola miña cuñada, moi amigo de Dona, coa que xogou até o esgotamento mentres os adultos nos dedicabamos a parolar e cambiar impresións, algún día até altas horas da madrugada. Aí están os dous repoñendo folgos despois de corricar pola horta, as escaleiras e a casa. Paseino moi ben mirando para eles, capaces de entenderse sen palabras.
E agora, ás portas dun novo curso, cómpre cambiar o ritmo e mentalizarse para unhas cantas novas sesións de odontoloxía. O conto de nunca acabar.

22.8.09

De festa en festa

A partir da da Dorna no mes de xullo, a vila convértese nunha continua festa entre concertos, diversas feiras, a calor tan desexada por moitos que invita a cear fóra nalgunha terraza cando por fin chega a fresca... Agora está montada a feira artesanal e mariñeira que de novo desviou o tráfico e converteu o centro nunha morea de postos con diversidade de mercadorías. Onte, á sombra dunha terraza, contemplamos a montaxe dun por parte dunha parella que non nos semellou demasiado experimentada; entre as múltiples pezas que o compoñen e que cómpre ensamblar dun xeito medianamente seguro, tanto o home coma a muller dubidaban escollendo unha e cambiándoa por outra, mesmo colocaron un vertedoiro sen nada debaixo que nos intrigou unha barbaridade. B empezou a comentar detalles e eu deixeime levar por ese chisco de maldade tan humana ata o punto de que soltamos o riso en máis dunha ocasión.
Resultou que o posto era de bebidas, ente as cales había leite, ron, gasosa, auga, viño e demais que pola distancia non puiden distinguir. Non agardamos a que chegasen os primeiros clientes, pero espero que ningún se amosase demasiado efusivo como para tirar abaixo aquel fráxil alboio.

15.8.09

Monte



Cousas como un piñeiro medrando entre dúas rochas vemos no monte cando polas mañás saímos a pasear antes de que aperte moito a calor. Estase ben camiñando á sombra sen outra cousa que facer que gozar do que nos rodea, aínda que a cantidade de porcachada que se ve esparexida nos lugares máis insospeitados amargan un chisco ese gozo. As leiras teñen distintos donos e moitos procuran mantelas limpas para evitar incendios, pero non poden evitar que algunhas persoas que van ata elas a merendar ou beber ou drogarse deixen as súas pegadas como proba do incívicas que son. Desde as típicas bolsas de plástico até xiringas ou papel de prata, latas, botellas de plástico, panos do nariz, televisores, colchóns vellos... afean a paisaxe que en principio está para o pracer de todos. Unha mágoa.

8.8.09

Ledicia

Alba Rubín está aquí traballando de fotógrafa, o que para min supón unha boa ledicia, sobre todo porque tiven a ocasión de quedar varias veces con ela e o seu can Atos, un fermoso exemplar negro de ollos vivaces e bigotes ásperos. Charlamos do pasado, claro, pero tamén do presente e do que nos move na actualidade. O sábado uníronse a todos nós o seu irmán, David Rubín, e as súas respectivas parellas. Tardarei en esquecer a tarde estupenda que pasamos primeiro na casa e logo paseando polo Vilar, tomando unhas cervexas en Corrubedo e por fin de remate ceando na vila case á beira dunha orquestra que resoaba na praza. Con tanta emoción non me lembraba para nada das festas, pero aturei ben o ruído porque a compañía era inmellorable.
Gustoume velos, charlar con eles, manifestarlles o meu afecto e sentir o deles.

31.7.09

Natureza

Nos últimos tempos o lugar preferido de Dona é diante do portón esperando a chegada dalgún pretendente. Leva desde o día dezanove co celo e estamos desexando que remate, pois o seu comportamento está bastante alterado; case non parece a mesma. Por momentos amósase moi cariñosa, pero en xeral pasa de nós e anda ao seu aire, do portón á cancela e da cancela ao portón, apenas come e polas mañás non se achega á porta para que lle abramos.
Estes días estivemos en Teucro para ver unha parte da familia. O novo hóspede é Tobi, un canciño con pinta de raposo que acolleron hai un par de meses; fíxose moi amigo de Dona e andáballe ao rabo todo o tempo cheirándolle as súas partes. Por desgraza e por estúpida non lle fixen fotos, algo que non ten perdón pois levei a cámara. Ao final creo que acabou algo estresado e bastante canso de tanto corricar de aquí para alá. Ningún dos dous comeu moito eses días, estaban a outras cousas.

15.7.09

Memoria viva

Durante estes días estivo na casa un verdadeiro álbum de lembranzas do máis heteroxéneo: mamá. O corpo non lle responde como ela querería, pero a mente saltarícalle de acá para alá nun verdadeiro remuíño sen repouso; contounos tantas cousas que sería imposible resumilas nun cento de post. A maioría delas refírense á súa nenez e abráiame que teña tan claros detalles de hai máis de setenta anos, pero din que iso é o normal coa idade: que a memoria a longo prazo aumenta e a de curto, mingua. Ten oitenta e catro anos, polo tanto viviu a guerra civil e moitos dos seus recordos datan daquela época. De todos eles destaco un polo exemplar que resulta das reviravoltas da vida e dos seus misterios; aínda estamos sorprendidos e marabillados de que se producise unha coincidencia tan rechamante.
Nun momento da guerra civil, en Valencia, tres familias alugaron unha casa en plena Natureza para que mulleres e nenos estivesen a salvo de bombas e ataques aéreos; de cando en vez acudían os homes a visitalos, pero na rutina cotiá convivían os gardiáns da propiedade, tres nais e os seus fillos, entre os que estaba mamá, as súas irmás, o fillo doutra familia e os dous dun tal capitán A. O apelido deste último non é moi frecuente e os nomes dos fillos, tampouco, por iso B púxose á espreita e rescatou unha vella revista que traía un artigo sobre un tío avó seu, aviador, de nome Sol e de apelido A. As fotos non lle dixeron nada a mamá, sería incapaz de lembrar a faciana do aviador, pero si foi capaz de recoñecer nos nomes dos fillos os daqueles nenos que xogaron con ela. E aquí estamos, B e Peke, compartindo por delegación un pasado que para nós nin existía.

7.7.09

Nunca defrauda


Polo momento esta muller segue sendo unha das mellores escritoras inglesas que coñezo, non só de misterio, senón de literatura en xeral. A exquisita ambientación dos seus libros é unha auténtica gozada para os que valoramos a atmosfera ben conseguida e nos gusta mergullarnos no escenario que se nos describe. Ademais, o comandante Dalgliesh e os outros membros do seu equipo sempre presentan facetas novas que van logrando que os vexamos, máis que coma personaxes dunha novela, seres humanos cos seus costumes, os seus fallos e debilidades e as súas virtudes. E aínda hai máis: unha prosa coidada, unha trama intrigante que engancha desde o principio e a facultade de levarte moi lonxe do cuarto onde les.