22.2.12
Aniversario
16.2.12
Escenas
25.1.12
Lecturas para un trancazo
5.1.12
Todo por un atado
26.12.11
Estrea
21.12.11
Novidade
12.12.11
Gustaríame que non fose certo
6.12.11
Paseos
1.12.11
Club de lectura
Aínda que a xuntanza non terá lugar até o quince de decembro, eu traguei o libro nunha tarde e media, libro que non convence a todo o mundo, pero tanto ten. Gustoume como gustan as cousas ben feitas, en aparencia con poucos medios pero que conseguen comunicar e transmitir sensacións. O coidado e o esforzo que o señor Linh emprega ao coidar a súa neta, o medo a que lla rouben, a amizade que establece cun home cuxo idioma descoñece, a súa andaina por un país que non é o seu, a saudade polo que si o era e perdeu... todo contado con sinxeleza e que só cando chegas ao final rebobinas e adquire outra dimensión.24.11.11
Unha de Grecia
17.11.11
Aquelar e aquelarse
8.11.11
A profesión
28.10.11
Club de lectura
23.10.11
Primeiro temporal do curso
20.10.11
Queridas bestas II
19.10.11
Queridas bestas
13.10.11
Cousas de (certa) vida
10.10.11
Da vida en Rusia
Custoume moito ler Diario ruso de Anna Politkovskaya que varios membros do club de lectura escolleron para este mes. Por un lado, e aínda que pareza unha bobada, os longos e complicados nomes rusos dificultábanme seguir o fío do que alí se contaba, perdíame e por veces non sabía de quen se estaba falando. Por outro, tanta corrupción, torturas, asoballamentos, malleiras, desgrazas e mortes; o nulo valor que os oligarcas e políticos teñen pola vida humana e, en fin, a cantidade de abusos que se cometeron e cometen nun país que non ofrece a menor garantía legal aos seus habitantes poñíanme os pelos de punta e acabaron por deprimirme.7.10.11
Ledicia do pasado
1.10.11
30.9.11
24.9.11
Cando era pequena...
22.9.11
Encantada
Hai tantos anos que sigo a David Rubín que non sei por que me asombra tanto a súa última obra publicada. Lémbrame a primeira vez que vin actuar a M.V.I. ou que ela leu algo meu: coñeciámonos tanto que nos sorprendeu descubrir facetas propias, en que ningunha das dúas participaba, que non nos quedou máis remedio que admiralas sen concesións. Non é exactamente o caso de David; tiven a honra de ver os seus primeiros traballos, alá polos anos 90 do pasado século, levarllos a B e comentarmos: "caralliño, este rapaz promete", e seguir a súa traxectoria case paso a paso. Constancia, traballo duro, formación fonda, tesón e ARTE nas veas marcan a traxectoria deste artista do cómic que con esta novela gráfica amosa -ao dicir de B- canto medrou. Porque non é o mesmo ver o traballo de alguén que non coñeces de nada que gozar con cada viñeta de alguén que che é próximo e familiar, sobre todo se está cargada de movemento, acción, colorido e alma en doses elevadas.
16.9.11
De pexegos e outros produtos
8.9.11
De probas e de premios
O primeiro que fixo Melas en quitándolle o colar isabelino foi destruílo; roeulle todos os enganches e houbo que tiralo. Está recuperada, contenta e activa; corrica, xoga, lambe, come e goza que dá xenio, mesmo catou os primeiros pexegos do pexegueiro que veu connosco de Auria, hai xa unha morea de anos. Por certo, eu tamén os catei e están de vicio.
4.9.11
Primeira saída ao monte
28.8.11
Post-operatorio
23.8.11
Os Santos
18.8.11
Un excelente profesor
14.8.11
Batalliñas de domingo
6.8.11
De tacos de papel
1.8.11
Sorpresas máis que agradables
29.7.11
O rei do mambo
18.7.11
Nai e filla
Parece que se están abrazando, pero non é máis ca unha tregua nun dos seus habituais combates. Melas provoca a Dona mordéndolle os beizos ou as patas porque quere xogar; a nai, máis tarde ou máis cedo, responde e a filla, despois dunha ou dúas breves incursións, acaba por poñerse panza arriba en postura de total submisión. Dona é tan, pero tan bruta que ás veces temo pola integridade de Melas, aínda que nunca pasa nada grave.12.7.11
Seis veces, seis
7.7.11
Palabras que non existen
26.6.11
Pantasmas do pasado
18.6.11
Aleluia!
5.6.11
Torrente Ballester 2010
El hermano pequeño é a última novela publicada de J.M. Guelbenzu que ten como protagonista a xuíza Mariana de Marco. Xa teño comentado que me encanta este home como crítico literario: cortés, respectuoso, ponderado e pouco ou nada dado ás descualificacións. Recoñezo que ás anteriores entregas sempre lles atopei chatas: que se o ritmo languidece en determinados momentos, que se este ou aquel personaxe non están bastante logrados, que se a intriga fraquea nalgúns puntos... Por iso alédame que desta vez lle saíse unha novela máis ou menos redonda, merecedora do premio Torrente Ballester de 2010. Aínda que os premios, en realidade, non digan demasiado.28.5.11
Percorrido polo horto
23.5.11
Xornada de votación
21.5.11
Club de lectura
18.5.11
Campaña e outras lerias
9.5.11
Visitando neneces
Jacqueline Kelly estreouse na literatura con La evolución de Calpurnia Tate, a historia dunha nena de once anos á fin do século XIX. A edición é preciosa, de xeito que o libro chama a atención pola súa coidada estética, que lle acae coma anel ao dedo, por certo. Había bastante tempo que non lía unha novela destinada a todas as idades, en especial á adolescencia; imposible non reparar nesta pola cantidade de críticas e reseñas que saíron no seu día, até que ao final caín na tentación. Gustoume, claro, pero fíxoseme curta, algo case impensable nos tempos que corren en que semella que encher páxinas e páxinas de (acotío) reiteracións inútiles e superfluas é o único modo de contar unha historia.29.4.11
Don Eduardo
19.4.11
A florista
Hai uns días falando con B comentáballe que case todos os profesionais cos que me relaciono son mulleres, agás os do bar. As peixeiras, as libreiras, as floristas, as estanqueiras, as tintureiras, a fisioterapeuta... Todas amables, encantadoras, agradables e sociables. E todas, case todas, acaban por reducir o meu nome de modo cariñoso. O meu nome é curto, pero aínda o acurtan máis. Se son Peke, paso a ser Pe. Que terei para suscitar ese afecto?
11.4.11
De lobishome
27.3.11
Reencontro
Sete palabras de Suso de Toro foi o motivo polo que o autor estivo o xoves pasado no club de lectura, que se reúne no Ateneo Valle Inclán de Ribeira. Había máis xente da habitual e bastante expectación, polo que puiden intuír. Eu tiña curiosidade por velo en persoa despois de tantísimos anos. Sorrímonos, claro, recoñecendo tras as engurras os cativos que fomos un día.
A pesar de estar agripallado e de ter que desprazarse desde Compostela, o escritor falou de xeito moi ameno sobre a súa última novela e coido que non minto se digo que nos fixo pasar a todos un bo serán.
Había moito que non lle lía nada, pois confeso que non é un dos meus escritores favoritos, pero a lectura de Sete palabras resultoume agradable. Increpado por unha segunda persoa o autor vai debullando as pescudas que realiza para dar con novas sobre o seu avó paterno, un expósito criado nun orfanato. Un relato intimista que a min non me parece exactamente unha novela, pero así a cualifican na contraportada e así a considera o propio escritor.
23.3.11
Carta a un colega
Papei un susto tremendo cando vin que o seu blog desaparecera e cando lin o seu post aclaratorio entroume o frío no corpo. Intentei deixarlle un comentario pero ese sistema non mo permitiu: por moito que lle dei a "visualizar" e a "deixar un comentario" non houbo xeito. Así que desde aquí lle pido un favor: explíqueme con claridade e sinxeleza como se exporta un blog, porque non teño nin idea e si moito medo de que me ocorra algo semellante. O meu enderezo de correo está ao pé da páxina. Quedareille moi moi agradecida. E, por suposto (case sobra dicilo), sinto moitísimo o que lle ocorreu.
Súa sempre para o que queira mandar.
Peke.
21.3.11
Sentimentos encontrados

14.3.11
Libros pendentes de lectura
Todo é silencio de Manuel Rivas
El hombre del revés de Fred Vargas
Carmen Laforet. Una mujer en fuga de Anna Caballé e Israel Rolón
El monstruo de Florencia de Douglas Preston con Mario Spezi
La evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly
Reckless. Carne de piedra de Cornelia Funke.
E algúns máis que merquei no seu día, pero polo momento non teño moita gana de ler. Cando remate Falsa inocencia de Anne Perry (que me está gustando bastante; son unha adicta ás series), é probable que me meta con Manuel Rivas ou coa biografía de Laforet. Hai tempo que non leo biografías e xa me vai apetecendo.
5.3.11
Miscelánea
20.2.11
Aniversario
Si, sete anos vai facer este blog dentro de tres días. Sete anos e non é dos máis vellos que segue en activo, aínda que a frecuencia que manteño deixe bastante que desexar; pero é que, amigos, as cousas son un pouco complicadas para escribir máis. Cóntovos unhas cantas non tanto para xustificarme canto para explicarme.Gústame (e sei que a algúns dos meus escasos lectores tamén lles gusta) describir certos personaxes que pululan por aquí; de feito estou rabiando por compartir convosco algúns, pero esta é unha vila pequena onde son máis coñecida do que me interesa e bastante xente sabe da existencia de Gradicela. Xa me ocorreu unha vez comentar un detalle sen maior importancia dunha persoa e ferir a súa susceptibilidade, de xeito que non volveu a poñerse en contacto comigo. Iso obrígame a andar con pés de la co que digo, porque de verdade me molesta ferir a ninguén.
A miña vida é moi sinxela e non teño grandes relacións; pregúntome a min mesma a quen lle pode interesar o que fago ou o que penso. As miñas actividades en xeral redúcense a levar e traer a B do instituto, facer o xantar, contemplar como xogan as cadelas (canto río!), acaricialas (case nin sequera podo xogar con elas, pois sempre acabo lesionada), ler, observar a xente, acudir relixiosamente a fisioterapia, ir ás reunións do club de lectura (prometo espraiarme no futuro) e durmir a sesta. Hai algo comentable en todo iso? Supoño que si, pero...
Desde que Dona e Melas están aquí teño que ocuparme delas, pasarlles a carda, darlles de comer e atendelas cando veñen mimarrear. Gústame sentir nos dedos o contacto co seu pelo, quitarlles as lagañas dos ollos, proporcionarlles pracer dándolles os aloumiños que lles gustan..., en fin, contribuír no que podo á súa felicidade e iso leva tempo.
Este ano está resultando fatal para a miña fibromialxia; o pasado tiven epicondilites nos dous brazos, o que me dificultaba o uso do ordenador. Agora tocoulle aos cadrís e aos ombreiros e pescozo, o que tampouco axuda moito para teclear. En fin, pequenas miserias.
Non teño pensado pechar o blog polo de agora; procurarei escribir con máis frecuencia, pero o tempo pásame tan veloz que, cando me decato, xa transcorreron semanas desde a anterior entrada.
Graciñas por estar aí.
7.2.11
Gozando
30.1.11
Personaxes
17.1.11
De libros
En certo modo decepcionoume, quizais porque leo novelas de psicópatas con relativa frecuencia e estou afeita ás truculencias literarias; aquí non se amosa nada que poida ferir sensibilidades, só se insinúa, sospeito que pola época en que foi escrito. Non imaxino a ningún novelista do XIX entrando en detalles sórdidos. As descricións son vívidas e mesmo poéticas, o que contrasta poderosamente co que se narra, pero ás veces faise pesado por prolixo.
Claro que non se debe xulgar unha obra do pasado con criterios actuais; tan só se pode intentar meterse na acción e deixarse levar. E aínda que na miña mocidade era moi afeccionada á novela decimonónica, confeso que me custou entrar nesta.
3.1.11
Primeiros paseos do ano
21.12.10
Club de lectura

6.12.10
Unha da Garda
O comandante Sam Vimes persegue un máis que asasino e por unha desas estrañas cousas que ocorren en Mundodisco, os dous desaparecen do presente e retroceden bastantes anos ao pasado, de tal xeito que o comandante se atopa consigo mesmo cando era un garda bastante inexperto.
Non sei que teñen as novelas de Terry Pratchett (en realidade si que o sei) que crean adicción quizais porque producen ese enorme pracer que te reconcilia coa lectura. E iso que cando comecei Ronda de noche e vin que había unha viaxe temporal púxenme nerviosa. As viaxes no tempo provocan en min un desacougo inquietante, se cadra porque escapan á miña comprensión ou se cadra porque me asustan as consecuencias que se poden derivar de verte a ti mesmo con trinta anos menos. Non sei se nese caso sería capaz de evitar caer na tentación de dicirlle ao meu eu máis novo unha serie de cousas para que non sufrise tanto ou non cometese tantas parvadas; por outro lado, son consciente do inútil que resulta dar consellos a ninguén, incluído un mesmo. No mellor dos casos non me prestaría atención; no peor, cambiaría o meu presente e, á fin de contas, non estou moi segura de que me gustase ser outra distinta.
24.11.10
En feminino
Louannn Brizendine é doutora en Medicina por Yale e licenciada en Neurobioloxía por Berkeley, impartiu clase en Harvard e na Universidade de California en San Francisco, amais de fundar en 1994 a Women's and Teen Girl's Mood and Hormone Clinic, un centro dedicado a asesorar e tratar mulleres con alteracións no humor, a capacidade de concentración e a enerxía, con ansiedade ou con transtornos sexuais e déficit de benestar atribuíbles ás influencias hormonais sobre o cerebro. Até aquí o que di a lapela de El cerebro femenino que eu merquei no Círculo de Lectores e lin estes días con moito interese. Sabía cousas xa relacionadas co tema, pero esta lectura clarificou moitas outras que pertencían a unha nebulosa intuitiva. Non hai cerebro unisex, por fortuna ou por desgraza; por fortuna, porque a diferenza dá color á vida e coido que sería moi aburrido que todos fósemos iguais; por desgraza, porque esas diferenzas reais e constatables produciron e producen malentendidos sen fin que amargan a vida case por igual a homes e mulleres. Aínda que é un libro técnico, resulta de doada lectura e moi ilustrativo para os homes para coñecernos e comprendernos mellor e para as mulleres para entender que as flutuacións ás que a Natureza nos somete non son un castigo divino, senón algo distinto.
17.11.10
As nenas
Dous anos e nove meses a branca e cinco meses a negra. Nai e filla.
Se miro para atrás abráiome de min mesma por convivir con dúas cadelas, coidalas, limpalas, darlles de comer, pasarlles a carda e preocuparme polo seu benestar. As dúas buscan aloumiños case constantes; Melas ponse panza arriba para que lle acaricie a barriga, non sei de onde sacou esa paixón; Dona, pola contra chuza co fociño para que lle acaricie a cabeza. Se fose por elas estaría todo o día sobándoas. Non entenden que che doia o lombo e che custe agacharte, elas ao seu. Cando preparo a comida róldanme coma aves de rapina a ver se lles cae algo, e cáelles, claro; como non lles vai caer con esa cariña que poñen! A nai axuda moito na educación da filla e libéranos a B e a min dalgunhas tarefas; semella incrible, pero así é.
14.11.10
De egos
Gocei moito con Egos revueltos de Juan Cruz porque me gustan os libros de memorias, biografías e autobiografías de persoas que me suscitan interese ou tan só curiosidade; e aínda que os premios non sempren avalan a calidade literaria, neste caso súmase o XXII Premio Comillas 2009, ao meu entender ben merecido.
Aínda que as lembranzas son subxectivas, unha non ten a impresión de que o autor deforme a realidade ao seu antollo, senón que a trata con relativa distancia ou, cando menos, o semella. Hai escritores que me interesaron máis ca outros, pero a todos os tratados nótaselles un lado profundamente humano que os fai en certa medida simpáticos, agás quizais aqueles co ego tan desmesurado que chegaron a provocarme algo parecido a un calafrío de mágoa e irritación. Prefiro non dar nomes para non facerlles unha propaganda, cativa se cadra, mais innecesaria.
7.11.10
Movemento
A estas alturas debería ser de sobra coñecida a miña devoción por Michael Connelly e o seu detective Harry Bosch, ese que ten tendencia a meterse en tantas leas cos seus superiores polo vicio de traballar ao seu aire e pensar que todo o peso do mundo do mal recae sobre os seus ombreiros. Desta vez non ten problema ningún en marchar da noite para a mañá a Hong Kong para salvar a súa filla Maddie dun secuestro que coida relacionado co seu último caso, o asasinato do señor Li, o ancián propietario dunha tenda de licores en Los Ángeles.
Sorprendeume que Maddie teña xa trece anos, cando eu a deixei con seis ou sete, o que me dá a idea de que debín de perder algunha entrega, pero tanto ten. A presenza de Maddie, que vive coa súa nai, Eleanor Wish, antiga axente do FBI e actual xogadora de póquer profesional, non é unha constante nas novelas de Harry Bosch, senón que aparece de cando en vez desque Harry descobre a súa existencia. Porque si, Eleanor abandona a Harry embarazada e non lle di nada ata que el, nunha desas investigacións que tanto se bifurcan, dá con elas cando a súa filla xa ten catro anos.
Hai sorpresa final, desas que che fan tremer as mans para non lle dar unha labazada a ningunha criatura.