11.10.05

O pracer da lectura


Tras ler La mesa limón de Julian Barnes, pregúntome sobre os motivos do sorriso que me acompañou ao longo destes once relatos, sorriso, por outra parte, case inapreciable desde fóra mais brillante desde dentro. Os temas de fondo -a vellez e a morte- non son como para botar foguetes de alegría, pero o tratamento que lles dá o autor converte a lectura en puro pracer, ese que non se sabe comunicar máis que con moitos traballiños ou cunha restra de tecnicismos que lle quedan lonxe ao meu talante.
En calquera caso, máis que recomendable para os amantes de praceres permitidos.

6.10.05

Aventuriñas


Merco unha impresora nova a un home que semella non ter gana ningunha de vender polo xeito que se dá. Como non estou en condicións de escoller -é a única tenda da zona-, paso por alto a súa indiferenza, aínda que por dentro me entra a tentación de deixarlla quedar para que aprenda un pouquiño de negocios. Como non atopo os cartuchos de tinta que debían vir co aparello, volvo ao día seguinte a reclamarllos; resultou que estaban camuflados entre a embalaxe e a miña primeira revisión, sen dúbida apresurada, xogoume unha mala pasada.
Comezo a saír paseniño do marasmo e apatía que me apreixaban, se cadra porque o outono xa comeza a definirse malia a seca que non fai máis que empeorar. Non sei se unhas cantas rogativas conseguirían uns días de chuvias, pero non desboto a posibilidade de probar. Non estamos afeitos por estes lares a un clima tan benévolo e bótase de menos a auga e o vento.
Dediquei estes días a ler a Terry Pratchett, prolífico creador de Mundodisco e das paródicas aventuras que teñen lugar nel. Literatura lixeira, doada de ler, que mergulla o lector nun mundo delirante onde as cousas se desenvolven baixo unha lóxica inhabitual; imaxinación e fantasía en estado puro sen outras pretensións, o que non é pouco. Non hai moito souben que este escritor é un dos máis vendidos no mundo, case ao mesmo nivel ca J.K.Rowling, aínda que se ignore, se cadra polo evidente desexo de provocar o riso, mesmo a gargallada, e xa se sabe que o sentido do humor está mal visto no sublime mundo das letras.
Á espera teño sobre o escritorio La mesa limón de Julian Barnes (recomendado con fervor por MH nas súas Lecturas brillantes) para cando se me restablezan de vez as constantes vitais. Xa contarei.

1.10.05

Paseos en compañía


Ollar a copa dun piñeiro desde o seu pé ten o seu aquel; as pólas distribúense en radios que semellan xirar a ritmo lento ou vertixinoso, segundo o momento e o punto de vista; metáfora dunha vida que se move tamén en círculos, aínda que ás veces pretenda saír do camiño marcado buscando rotas inesperadas.
De póla en póla saltaba un esquío, quizais o mesmo que xoga a vida nos piñeiros fronte ao mar, con esa cola vizosa que dan ganas de acariñar se o animal non fose tan nervioso e se deixase. Engaioláronme os seus olliños, brillantes coma abelarios, que nunca tivera ocasión de contemplar de tan preto e sentín de súpeto unha estraña alegría de vivir, breve, moi breve, pero que agoira recuperación e me axuda a manter a esperanza de que todo ten o seu tempo e incluso o malo acaba por pasar, mesmo a incerteza, mesmo os cambios que un non desexa.

Seguridade no traballo

Á fin o caseiro decidiu arranxar a porta de fóra en vez de cambiala e para iso contratou un ferreiro. Hai un par de días viñeron el e mais un colega a colocar os dous portais, armados dun electrodo e barriñas de ferro para soldar. O home, Montecristo no bico que non retiraba nin para falar, fixo a ledicia de B ao establecer entre os tres unha complicidade masculina da que eu, madía leva, estaba excluída. Optei por meterme na casa en vendo as faíscas saltar das bisagras e a mínima plancha protectora que usaba para soldar, mentres escoitaba malamente as gargalladas de B precedidas dun inintelixible farfallar.
Ao remate, o ferreiro confesou que el non tiña nada en contra das mulleres, xa que, se tiñan carácter, eran tan boas coma homes. Grazas, meu, mais deus nos libre de tal.

27.9.05

Rindo


Leo La taberna errante de G.K.Chesterton con alegría entre risiños miúdos e algunha gargallada esporádica, con sorriso sempre. Gústame este escritor de quen lin por primeira vez as aventuras do padre Brown, alá na miña primeira adolescencia. Irónico, lúcido, crítico e defensor da vida, pasou sen pena nin gloria durante algúns anos precisamente polo seu sentido do humor, pois semella que a ledicia estea en contra da intelectualidade ben pensante.
Bo creador de rexistros, paródico das clases dominantes que pretenden converter a existencia dos outros nunha asepsia aburrida, conserva unha actualidade que para si quixeran outros autores máis valorados pero fondamente pesimistas e, ¿por que non dicilo?, pesados até a medula.
Ideal para subir a moral en momentos baixos.

25.9.05

Reflexionando

Invisto unha parte desta tarde de domingo en lavar o coche mentres reflexiono sobre os blogs. A maioría dos autores de blogs cos que falei en persoa ou por teléfono concordan en que o seu caderno, dun xeito ou doutro, engadiu algo á súa vida. No meu caso a posibilidade de coñecer maneiras de pensar e de ver o mundo diferentes á miña, facetas e parcelas do mundo que me quedan máis lonxe ca Australia e admirar o quefacer de persoas ás que se cadra nunca lles verei a cara, pero que comparten con xenerosidade as súas creacións.

21.9.05

Incidencias


Como todos os anos desde hai catro ou cinco, a Grande Irmá entretense enviándome unha carta para que corrixa certas incidencias da miña declaración da renda. Tócame a moral máis que moito, como non pode ser menos, porque perda o tempo cun rato cativo e non mova un dedo cos grandes tigres de Bengala. Para min que colleron por costume pescudar nos miudallos co fin de amosar a súa dilixencia ante o cidadán.
Para colmo, a impresora derramada cóspeme que desde hai meses é un cascallo inútil, que eu o esquecín e cómpre atoparlle substituto. Respiro fondo para non caer nun dos meus ataques de furia, pois, á fin e ao cabo, a culpable da situación son eu.
Pola mañá o fisio machucoume a pracer o ombro dereito, causante das dores agudas que percorren o brazo do mesmo lado, amais de descubrir e manipular varias contracturas ao longo das costas; saio da clínica coa sensación de que un elefante se compraceu en patexarme, con pensamentos nada agradables sobre a parentela do meu torturador, aínda que decontado a miña faceta razoable decide poñerse coma un Pepito Grillo e lembrarme que esa parentela non ten a culpa da miseria corporal de ninguén.
A encarga dun camión de leña para os lumes da cheminea consegue poñerme de mellor humor, pois en breve gozarei de lapas e caloriña acolledoras, sofá e mantiña mentres debullo as páxinas de calquera libro. A brétema que foi engulindo o contorno a galope a primeiras horas da tarde aumenta a sensación de recollemento.
Entrementres, teño que facer algúns deberes.

18.9.05

Ionquis

Preto da Comandancia e dun cuartel de Garda Civil reúnense os ionquis de Ítaca; fracos, de faces chuchadas, cun físico inconfundible, agardan a todas horas o contacto salvador. Falan a berros de lado a lado da praza sen o menor sentido da prudencia e do disimulo; están ao que están e impórtalles menos ca nada que os demais se decaten da súa ansia. Nenos, adultos e maiores pasan ao seu lado sen inmutarse, afeitos a esas presenzas fantasmais, caricaturas de si mesmas. Percíbese nunha muller un resto de beleza que foi murchando de dose en dose mentres leva o seu fillo nun carriño; o cativo chora, mais ela non fai nada para calmalo até que pasan ben uns quince minutos. A berros pídelle a unha colega un anaco de pan e explícalle que é para o meniño. Bebe a súa cervexa ollando ao seu redor, erguéndose de cando en vez para recibir unha nova negativa; un sóltalle que busque a Fulano. Ao cabo Fulano aparece e todos nos informamos de que é un trapalleiro sen palabra.
Marcho do lugar cun nó na gorxa.

16.9.05

Extremos

Preto dunha praza céntrica hai en Ítaca un fogar para maiores cuxos moradores saen a tomar o aire en cadeiras de rodas ou apoiados en andadores ou caxatos. Asemade, como o sitio é zona de paseo, moreas de cativos andan nas súas bicis, algúns en tacatá ou tricilo ou aferrados ás mans maternas. Os extremos da vida que se tocan producen unha sensación vertixinosa, coma se todas as idades se concentrasen nesa rúa itaquense e unha, na terraza dun bar, ollase actuar en segundos a máquina do tempo.
Un constante fluír de persoas de todo tipo e condición ateiga as rúas da vila; no porto non deixan de entrar e saír barcos; o sol destes días facía estraño setembro, mesmo o hostal estaba cheo e houbemos cambiar de cuarto o último día porque chegaba unha clienta fixa. As nosas pescudas non nos levaron moi lonxe, pero cando menos entramos en contacto co que será o noso hábitat dentro dun ano.
Volvín con sentimentos encontrados. O curso está a piques de comezar.

11.9.05

Plans

Como cada setembro -o inicio do ano en realidade- unha morea de plans bóleme na cabeza nunha especie de espertar que o verán desterrou. O máis inmediato é ir a Ítaca para visitar unhas cantas inmobiliarias; cómpre tomar a cuestión da vivenda con relativa calma, porque dez meses axiña voan e logo todo son présas.
Incítome a min mesma a disciplinarme despois de dous meses de galbana total nos que a actividade máis destacada foi durmir coma un animaliño calquera e, de propina, gañar algúns quilos. Prométome retomar os paseos cotiáns, escribir exercicios de estilo todos os días, preocuparme un chisco máis dalgunhas actividades domésticas e apuntarme de novo a ioga. Tampouco sobraría relacionarme con máis xente -estou converténdome nun moucho insociable e algo túzaro-, limitar o tempo que lle dedico a esta interné dos meus pecados e observar a xente con máis atención. Asemade, debo reflexionar sobre certas cuestións que me encargaron e que aínda non teño moi claras, limpar a mente de certos prexuízos que a embazan sen piedade e procurar arredar a idea de que discutir non leva a ningures.
¿Dareino feito?

8.9.05

Obradoiro


Un meu tío avó tiña un obradoiro de encadernación na cidade veciña cando eu era unha cativa. Lembreino estes días de tempo cambiante en que tan axiña loce o sol como pasamos a xeira completa baixo brétemas e chuvias. Era un amante das illas Cíes, que podía contemplar desde a súa casa e nada no mundo o convencía de cambiar de lugar.
Para min foi un auténtico descubrimento entrar no seu obradoiro e ver libros, revistas e tebeos en distintos estadios de destripamento gozando da oportunidade de perdurar un chisco máis. Abraiábame o serios que semellaban os DDT e Pulgarcitos, Capitáns Trueno e Panteras Negras mudados, por obra das súas mans, en tomos sólidos que mesmo daba reparo tocar. Agasallounos a miña irmá e a min uns cantos que había tempo alguén deixara alí e nunca volvera para recuperalos; durante moitos anos lin e relín aqueles libros, que resistiron con bravura o trato infantil e superaron en varias décadas o tempo previsto. As follas amarelas tirando a marróns, as cores esvaídas, o papel fino, o cheiro indefinible... tiñan o engado do apropiado por azar, do que chega ás túas mans por unha confluencia de circunstancias propicias a pesar de non estarche destinado. Aínda andan pola casa familiar.
Boto de menos eses obradoiros tradicionais que restauran libros maltratados e os converten en inmortais cando miro algún dos meus dicionarios.

4.9.05

Lindsey Davis


Xa hai tempo que me enganchei aos libros desta escritora ambientados na época de Vespasiano e protagonizados polo informante Marco Didio Falco, unha especie de investigador privado con virtudes e vicios propios, moi semellantes aos de calquera profesional coma el. En busca de Infamia -o último, polo momento- remateino hai un par de días e gocei da intriga, da tradución e de mil pequenos detalles que a autora distribúe con mestría.
Sei por B que a ambientación é impecable, de tal xeito que, por momentos, incluso podes respirar os tufos que saen da cidade imperial e arrebaldes, escoitar o rebumbio de carros e transeúntes e axexar desde lugar seguro as discusións entre vendedores e traficantes de mala morte.
Coma en todas as series, os personaxes principais van evolucionando en cada libro, amosando matices que non afloraran antes e descubríndonos polo miúdo personalidades e caracteres. Unen o mellor da novela de intriga e da novela histórica sen resultar pedantes nin atafegar coa documentación, non coma outros que necesitan demostrar o ben que estudaron a lección.
Se alguén se anima, recomendo que comece co primeiro, La plata de Britania.

2.9.05

Día de vodas


Nun local da zona celebráronse hai pouco dúas vodas o mesmo día, unha pequena -duns cento cincuenta convidados- e outra grande -de máis de douscentos-; amais diso, no restaurante había xente independente que intentaba pasar un domingo agradable cos amigos, sen saber en qué ían verse metidos.
Da voda pequena un amigo do alleo subiu á voda grande e pillárono coas mans no bolso dunha das asistentes coa insá intención de furtar algo de valor. Saíron varios valedores da señora e o frustrado ladrón empezou a berrar axuda aos da súa propia voda, que estaban no piso de embaixo; estes acudiron e empezaron a repartir leña para que o soltasen dando comezo á batalla campal. Todos se puxeron a repartir puñadas de xeito indiscriminado, con tan mala fortuna que unha das noivas quedou mallada sen remedio.
Os comensais que ían por libre saíron como puideron do fragor da loita mentres a Garda Civil, a Policía Local e mesmo unha brigada da Secreta, incapaces de separar os contendentes, sometían o local a un rigoroso cerco que durou o seu; cando as cousas se calmaron, procederon ás oportunas investigacións.
Ignoro as consecuencias.

31.8.05

Hotel Arce

Hai en Vila Real, mellor dito, en Sabarís, un hotel con encanto a cuxo bar adoitamos ir tomar as cervexas da tarde. Non ten grandes vistas pero si unha terraza tranquila -agás cando se enche de nenos- na que se pode charlar sen alzar a voz. Non hai moito que abriron os seus servizos ao público, mais, polo que sei, foilles ben a tempada. O dono é un inglés pálido e delgado cun gran sentido do humor e un carácter afable e comunicativo. El e B intercambian frases na súa lingua; eu luzo o meu oxidado francés e el respóndeme en galego. Case sempre se produce algunha anécdota simpática e non podo evitar pensar no valor que cómpre para abandonar a túa terra e instalar noutra un negocio cando menos azaroso. A iso chámolle eu determinación.

28.8.05

Ás portas do outono

Restaurante de Vila Real, hora da cea:
- Perdoen vostedes, pero esta mesa está ocupada; teñen que respectar a quenda.
- ¡Ah! ¿Está reservada para esas tres putillas? Pois nós tamén temos présa.
- Desculpen, pero elas estaban antes.
- Vostede é tonto. Non sabe con quen está falando.

Consulta do médico na Ramallosa; señora falando por teléfono:
- Ai, non, querida, non hai diso. Estamos en provincias e... puaf.

Coche parado nun semáforo; da ventá cae á estrada unha bolsa cun cueiro cagado.

Praia América en hora de retirada. Á beira dos colectores, espallados pola area, botes, bolsas, papeis, envolturas de xeado... ¡En fin!

Estou desexando que chegue o outono.

25.8.05

Encontro

Cada vez que vou á aldea sagrada recibo o mesmo choque ante as riadas de xente que a percorren; a cidade que me viu medrar e que para min chegou a ser tan familiar coma o cuarto da miña casa resúltame por veces unha descoñecida, un lugar de turismo máis que pouco ten que ver comigo. Non é certo ao cento por cento, claro, pero a sensación é semellante.
Onte fomos até alí para poñerlle cara e voz a un amigo: MH. Confeso que levaba algo de nervios, típicos -sospeito- de calquera cita ao xeito, aumentados por unha demora froito do tráfico e da imposibilidade de madrugar o que debiamos. É o que teñen as vacacións, que unha adopta un horario de marquesa esquecendo que de nobre non ten nada e revira o ritmo habitual dunha vida, polo demais, bastante decente. O previo intercambio de fotos axudounos a recoñecernos decontado, así que por ese lado non houbo problema. Constatei o que xa sabía: que MH é unha excelente persoa, de trato e conversa afables e con ideas brillantes. Falamos, rimos, xantamos nun turco (¡quen mo ía dicir!) e prolongamos a sobremesa nunha terraza baixo os soportais vendo os ires e vires de moreas de descoñecidos e escoitando os chifros de gaitas en miniatura sopradas por bocas infantís sen decatármonos do paso do tempo.
Volvemos á casa cunha agradable caloriña nas orellas e no corazón.

22.8.05

¡Por fin!

Baixo un ceo ominoso encapotado de fume negro e mesto saímos onte cara a Teucro para ver a Lamatumbá en directo. Non podía seguir así, sabendo que son a bomba e non comprobalo por min mesma, a pesar dos achaques. Non direi que bailei coma nos vellos tempos, pero si que o meu traseiro se viu incapaz de permanecer quietiño máis de cinco minutos seguidos; emocionáronme, ¡que carafio!, emocionáronme unha barbaridade, e a guinda foi que nos dedicaron unha canción a B e mais a min.
Únenme a moitos deles anos de amizade, conversas compartidas, algunha que outra discusión e, sobre todo, un profundísimo cariño que se mantén vivo. Teucro pareceume máis luminoso ca nunca, se cadra porque recibín tantas mostras de afecto que case me saltan as bágoas.
¡Viva Lamatumbáaaaaaaaaa! (Grazas, meus; paseino de medo).

19.8.05

Lume

Arde a Serra do Galiñeiro. Desde a casa vese o fume moi preto de Vila Real. Comezo a escoitar o baile dos avións, aínda que con este vento non o terán doado.
Un ano máis a peste dos incendios arrásanos.

17.8.05

Burbulla

A brétema, mesta coma a manteiga, envolve todo o que rodea a casa; non se ve ningunha das habituais luces de barcos e farois, e unha ten a sensación de estar pendurada sobre o mar sen nada que a sosteña. Os ruídos non dan atravesado esa cortina, a humidade cóase polas ventás abertas e o frescor, por fin, chega coma unha esperanza facéndome sentir unha intensa morriña do outono.
A brétema, coma unha burbulla, envolve a casa. A xunqueira veciña apenas se distingue entre refachos de algodón e o silencio aboia no ambiente, balsámico, confortador, parodia do perenne.

13.8.05

Dereitos de autor

Acabo de informarme de que pecharon a Rede Flu por atreverse a traducir un libro que non conta aínda con tradución oficial. Menos mal que eu xa o puiden ler e teño unha copia gardada por se me dá por volverme mergullar nos seus píxeles.
Con isto penso e repenso por que está penado traducir un libro para os amigos cando se sabe que a empresa encargada de facelo tardará varias estacións en levalo a bo porto; por que se considera delito realizar esa tradución; por que esa exclusividade; por que tanta expectación por coutar a liberdade individual... Porqués, porqués, porqués.
Comprarei o libro cando saia ao mercado e penso que moitas farán o mesmo ca min. ¿Onde está o problema?

12.8.05

Día terrible

Tardarei en recuperarme de Harry Potter e o príncipe mestizo por varias razóns. As súas aventuras, en verdade tráxicas, uníronse a un horrible día propio que pasará ao baúl como un dos malos recordos que trae a vida.
Grazas á Rede Flu puiden ler un libro que non sairá no mercado español até a vindeira primavera, e doulle as grazas porque puiden saber que pasou sen morder as unllas tanto tempo. A tradución é espantosa, claro, pois está feita por afeccionados, xente que sabe inglés pero non tanto como para trasladar con fidelidade o orixinal ao español, tarefa ben difícil non sempre apreciada na súa xusta medida.
Nin en soños se me ocorrería falar de que vai o libro (iso só o faría no foro de Akin -responsable de que eu pregase un exemplar desta tradución- que é onde están os adiantados), pero si confirmo o que xa sabía: que J.K. ten unha capacidade fabuladora en verdade abraiante. Tamén resulta evidente que os personaxes medraron, sobre todo os protagonistas; que a autora sabe dosificar a tensión e domina unha serie de recursos que calquera acción agradece; que Harry, Ron, Hermione e Ginny son moito máis adultos ao remate deste libro ca nunca antes, e que estou desexando que chegue ás librerías para volvelo ler nunha tradución máis digna.

7.8.05

Domingo

O descenso das temperaturas lévame a recuperar o interese polo que me rodea e a facultade da fala, bastante minguadas cando a calor sacode sen piedade este meu pobre corpo. Vexo a xente na praia a horas prohibitivas e éntrame unha especie de atafegamento, coma se eu mesma estivese exposta a esa fogueira natural; a pesar dos moitos avisos que se espallan de non tomar o sol nas horas medias do día, o areal louro semella un formigueiro en plena actividade, as advertencias deitadas polo altofalante ecoan até aquí precedidas de cadanseu dingdong e mesmo xuraría que o cheiro a cremas bronceadoras ofende o meu nariz.

Hoxe afeiteille a cabeza a B. É esta unha ocupación entretida que libera a mente de pensamentos inútiles, pois aínda que non hai moito pelo que retirar, cómpre fixarse ben para non cortar o paciente. Comezo pola parte dereita, xusto por riba da orella, e avanzo por seccións imaxinarias que van en paralelo -agás no cada vez máis ralo remuíño- até completar a parte esquerda. Gústame botarlle a escuma de afeitar e logo ir esquiando coas coitelas, coma se estivese nunha verdadeira pista de neve. Logo dunha lavadiña, toca repaso. Por fin, cumprida a tarefa, o paciente limpa os restos do lavabo e recolle os aparellos até a próxima ocasión.

Recibimos a visita do caseiro para amosarlle a porta de entrada, comesta pola ferruxe e cun fecho que se abre dunha patada. Propoñémoslle cambiala e decide que -¡¡¡por fin!!!- se poñerá unha con peche automático e mando a distancia. Botamos uns risos a conta da súa empresa, dos políticos e dalgún suceso que nos fai moita graza, se cadra porque somos uns irreverentes co poder. A súa sorna alcánzanos a nós pola hora á que nos levantamos hoxe, pero cando non se dorme pola noite, cómpre facelo pola mañá. Mentres nós almorzabamos el xa levaba pescadas catrocentas luras e seiscentas xardas e estaba a piques de darlle de xantar á familia, coma tantos guiris empeñados en imitar os profesionais sen demasiado éxito.
Así é o verán.

5.8.05

Novo veciño


Non adoito meterme nas vidas alleas porque non me gusta que se metan na miña, pero desde hai uns días axexo pola fiestra cada vez que escoito remexerse ao novo veciño. Á parte da cariña de bo que ten, do rabiño tremente a cada sinal de xogo ou agarimo, as carreiras que bota pelexando con calquera mosca ou as batallas que emprende coa palmeira, é divertido observalo cando xoga co dono ou lle intentan aprender onde non debe facer as súas necesidades ou cando bota un ladrido que se fai máis e máis firme a medida que pasa o tempo..
Andarei aleuta coa cámara a ver se lle podo roubar unha imaxe de verdade, non esta prestada. Din que esta raza é unha das máis pacíficas e leais que existen. A min encántame, e iso que non son de cans.

3.8.05

Vacacións de verán

Aumenta o número de turistas que ateigan supermercados, farmacias, panaderías, quioscos, praias e tendas varias nun ir e vir incesante que marea. Malia todo, animámonos a ir a Vila Real para xantar cunha parella amiga. Como adoita dicir B, que ben se está cando se está ben, sensación á que contribúe tanto a compañía coma o ambiente que se respira nesta zona. Non me estraña que a xente se desprace só polo pracer de atoparse nun lugar que ten "algo", sexa a presión, a temperatura ou a paisaxe, factor no que non nos poñemos de acordo. Se é certo que existen zonas de forza no mundo, esta debe de ser unha delas.
O tránsito marítimo adquire niveis de autopista en día de saída: motos de auga, veleiros, iates, ferris das illas, pesqueiros... unha miríade de vehículos perturban a superficie do mar sen que este dea particulares mostras de anoxo; algunhas regatas pasan por diante das nosas fiestras, privilexiado palco desde o que contemplar todo ese movemento. Nada que ver co inverno.
Polo momento só pillei un ou dous cabreos por mor do tránsito rodado e a falta de regras que algúns deciden adoptar, e intento contemplar con ollos benévolos esa humanidade sedenta de sol, praia e mar, a pesar de non comprender moi ben ese afán por amorearse. Horror vacui, chámolle.
Acho de menos a tranquilidade deste lugar en días cada vez máis curtos, a intimidade de sabernos uns dos poucos habitantes, a complicidade que establecemos coa Natureza que nos abraza, o silencio outonizo, pero non até o punto de non poder soportar os seus contrarios.
Este ano temos a novidade de atoparnos paseantes polo montiño onde vivimos; a explicación está nos letreiros que o concello espallou aquí e acolá animando a xente a visitalo; o tráfico rodado aumentou até límites sorprendentes e cómpre andar lixeiro para esquivar os coches, pois non hai beirarrúas protectoras. Non protestarei cando volvamos á rutina.

31.7.05

Lecturas

Mediado o libro decido que xa está ben de cabrearme, que as vacacións están feitas para gozar de lectura e ritmo lento e que non me apetece, polo momento, seguir intentando atoparlle a graza a unha novela que me cae das mans. Xa ten mérito que a intriga se convirta nunha pesadez. Se cadra máis adiante atope ánimos para chantarlle o dente de novo.
Paso a Narcos de Carlos G. Reigosa, cuxa prosa e ritmo non me desgustan, malia atopar algúns erros pronominais que me sorprenden e -¿por que non dicilo?- me tocan a moral. Chámame a atención que os correctores, tan agudos para unhas cousas, se comporten de xeito tan desleixado con outras, pero xa desistín de comprender os criterios que os moven.
Rematei o de Cristina Morató hai uns días cun sabor agridoce na boca, se cadra porque xa son moitas as lecturas sobre decimonónicas mulleres aventureiras que decidiron romper a rutina das súas vidas marchando a mundos daquela descoñecidos. Non lles nego o mérito nin paso por alto o que supuxeron as súas viaxes na súa época, mais cánsame mergullarme tanto no pasado, sobre todo na época vitoriana, tan castrante de seu co sexo feminino.
Quédame unha ringleira de máis dun metro para ler, libros que fun atesourando ao longo do inverno e que irei atacando a medida dos meus desexos e apetencias. Entrementres, cavilo e cavilo na importancia da escritura na miña vida. Quizais estea chegando o momento de cambiar de actividades. Ou non.

28.7.05

A mascota

Unha vez que o home se achegou á mesa da terraza, máis preto da luz, puiden distinguir qué levaba sobre o ombreiro: un loro gris bailaba dunha pata a outra en completo silencio deixándose agarimar polas olladas expectantes dos miróns, que eramos todos. Sentado o dono, el pasou ao bordo dun respaldo, choutou á mesa e alí peteirou a asa da caña e a tapa ignorando por completo as súas pipas. Inclinouse modesto cando unha parella comezou a falar coa súa percha e deu uns cantos pasiños sen afastarse do seu alcance; comeu con limpeza o que a man lle alongaba, rozou o peteiro contra a orella e comportouse en todo momento como alguén que sabe que están falando del. Non protestou cando o dono o levou ao coche e o deixou alí dentro. Tivera os seus quince minutos de gloria.

24.7.05

Coincidencia e peñas

Onte ceamos cun amigo que ten un grupo musical e unha charanga. Seica estivemos en Ribeira o mesmo día dun concertazo que escoitamos a certa distancia. Nin el nin nós sabiamos que estabamos alí ao mesmo tempo. Mágoa de oportunidade perdida.
Tiñamos dous programas da Festa da Dorna 2005 e o noso amigo levou un máis contento cós axóuxeres dun cabalo andaluz. Nel figuran os nomes das peñas que reproduzo a seguir: Rape's, Vikingos da Tomasa, Os serráns máis marráns, Muxo Beti, Cajaboi Island, Lobos de mar, Pescadillas con ladillas,Polvos do Vilar, Os pintos Jodequintos, As lampreas máis pera, Persebes coma punhos, Ratos da Illa, Tabeiróns caralludos (teño chapa; deuma Paleón), La Virgen del Carmen, Parrochiñas, Carallos de Rei e Kirie Eleison.
Imaxinación, como se pode apreciar, non lle falta á mocidade da vila. Hoxe é a festa grande, a das dornas; mágoa perdela.

23.7.05

Festa no aire

Pasamos uns días na terra de Paleón tomando o pulso do que será o noso hábitat dentro dun ano. A boa fortuna fixo que caésemos alí durante a celebración da festa da dorna, en concreto pillamos uns concertos, o enjalanamento das fanequeiras e a maratason popular; o exame de patróns houbo que perdelo por mor do ruído musical, excesivo para os meus audífonos.
O ambiente era indescritible; entusiasmo, vitalidade e mocidade por todas as partes víronse aumentados polo encontro casual con Paleón, un mozote atractivo e alegre como había tempo que non vía e con quen me sentín tan a gusto coma se o coñecese de toda a vida. Ao ser un dos organizadores da festa non houbo moitas posibilidades de acaparalo, mais o contacto abondou para saber que nel hai ouro moído por arrobas.
Coma sempre que estamos fóra da casa, camiñamos e camiñamos até o esgotamento, descansamos nas terrazas dalgúns bares mentres repoñiamos forzas e aproveitamos para observar a xente que pasaba por diante, paseamos polo porto ollando barcos e barcas e escoitamos o estrondoso canto das gaivotas, adoecidas coma cans cada vez que un barco se achegaba á costa. Sentímonos ben en todo momento e non dubidamos de que será ese un estupendo lugar para vivir.
Agora só nos queda decidir se queremos instalarnos nunha casa, nun piso con encanto ou nun ático con vistas ao porto. Aínda contamos cuns poucos meses para iso, mais o tempo logo se bota enriba e cómpre espelirse.

18.7.05

Días grises

Non sei se á maioría da xente lle pasará coma a min, que cando o sol se establece de maneira perenne no ceo, boto de menos un ou dous días de grisalla, vento mareiro -se é nordés, mellor que mellor- e chuvia. Tampouco pido grandes diluvios nin chuvasqueiros forrados de groso algodón, tan só un recordatorio de que non estamos no Sahara, por exemplo.
O exceso de sol e de calor apárvame e non hai clima que me deprima máis que unha sucesión de días e máis días sen unha nube que levar aos ollos.
Entendámonos: gústame o bo tempo coma a todo o mundo, pero en doses medidas e axustadas, igual cás alegrías e as mágoas. Non hai coma unha boa alegría para sacarnos do marasmo, nin coma unha boa tristeza para lembrarnos que non somos deuses, senón seres humanos suxeitos aos avatares da vida.
Si, xa o teño dito varias veces: gústame a variedade, incluso en min mesma.

16.7.05

Melancolía

Penso nas fases da vida por imperativo corporal e dígome que o importante non é tanto desexar saír da fase canto renacer dela. Claro que o entre que unha se diga e a realidade pura e dura hai unha pequena diferencia, a que vai entre a idea abstracta e a experiencia real. Por iso pónseme un leve ricto melancólico na boca, ese que revela a enorme distancia que existe entre o que unha soña e ansía e o que ten nas mans.
Dentro duns meses ou quizais días ou horas este sentimento xa non será igual; todo transita a ritmo de tango, moroso ao seu paso, intenso na lembranza, mentres os mortais nos convertemos en ecos dunha música perdida na inmensidade da noite. Sós, sempre sós. Coma illas.

15.7.05

Fetichismos

Visión de Nueva York non é un libro para ler, senón para mirar e tocar. Desde que o pedín, miraba o correo a ver se había aviso de chegada porque me tardaba. Había tempo que non recibía un libro con tanta ilusión, porque o que veña de Calila, aínda que xa non estea aquí, a min me atrae coma o mel ás moscas.
Antes xa de Cuadernos de todo, que delonguei todo o que puiden, quedei engaiolada por esta escritora inclasificable -para martirio de críticos puristas- e deixeime conmover pola súa obra. Ahora que xa non está aquí, creo que me vou afeccionar ao collage.

13.7.05

Non minto


Este é o ceo que se puido ver onte desde o meu balcón. Impresiona, ¿non?

12.7.05

Calor e flores


O Val Miñor é célebre por gozar dun microclima que o converte na zona de Galicia onde menos chove e onde menos contrastes de temperatura se producen ao longo do ano; aínda así, a calor destes días faime suar a fío e por veces mesmo desexar que o inverno -cando menos o outono- non tarde moito en chegar. Non gardo memoria de que de máis nova me afectase tanto a calor coma agora, pero é probable que tivese máis resistencia e moita máis enerxía para compensar o desgaste que provoca.
Na zona baixa da casa estase bastante a gusto e até o balcón chegan inconcretos recendos a flores das que ignoro o nome galego, pero abren de noite para beber o frescor e préganse de día para agocharse das calores; miña sogra chámalles -creo- dondiego de noite. Cheiran doce sen repugnar e evitan estar bebendo a cada minuto non sei por que estraño efecto psicolóxico.
A pesar de non ter olor, a min encántame a buganvílea, planta que aquí prolifera tanto coma os pradairos e non hai casa que se prece sen a súa, sexa en forma de arbusto, sexa en forma de parra ou incluso formando parte dunha sebe, que de todo teño visto por estes lares. As brácteas -que eu tomaba por pétalos- semellan de papel para os expertos, aínda que a min me lembran un vestido de seda que posuín hai anos e que me encantaba por lixeiro e acariciador. Duran unha enormidade, mesmo no inverno conservan color, malia que menos vizosa ca na foto.
Nesta casa tamén hai rosas nun terrado, mais son desas sen recendo ningún, pura pirotecnia sen eco, bonitas de ver, si, pero carentes de miolo.

10.7.05

Impresións

Fomos á aldea sagrada para devolver o vehículo prestado; coma sempre, descoñezo parques, barrios, zonas que antes eran campos ou estaban baleiras e agora amosan un plantío de edificios modernos. O que eran arrabaldes ou aldeas estremeiras intégranse na cidade coma se sempre tivesen formado parte dela e os ollos transfórmanseme en pratos pensando, unha vez máis, no tempo como facedor de realidades diferentes.
O día anterior veu visitarnos Cesare, quen, coa súa sorna habitual, decide que o meu novo coche é de señora maior; B, porén, cóidao agresivo, así que quedo con cara de desconcerto ante opinións tan opostas e paso de ambos os dous mentres ollamos as luciñas, bonequiños, figuriñas e todo o aparato parafernal que traen de serie os actuais automóbiles. Para min é unha máquina e o único que lle pido é que funcione como debe.
Ante o cúmulo de opcións, actividades e camiños que nos mostra o noso visitante verbo da súa vida éntrame un chisco de vertixe; a min, que nin sequera sei comprar nas rebaixas porque me atordo, tantas posibilidades antóllanseme unha complicación. Prefiro que me veñan en fila india, non todas á unha. A Cesare, pola contra, parece sentarlle ben estar dentro dun batedor.
De aí paso a reflexionar sobre a condición humana, a diversidade de tipos e anceios que nos moven, as ansias tan opostas que nos fan vivir, e remato sorrindo. Decote me agradou a variedade.

8.7.05

Horizontes


Leo este libro de donas aventureiras en épocas en que as mulleres non facían outra cousa que agardar marido, dar conversa agradable a todo posible candidato e ir de festa en festa para lucir a mercadoría; iso as de clase alta, porque as outras bastante tiñan con sobrevivir nun mundo tan hostil ao sexo feminino.
Hoxe apenas chama a atención que unha muller percorra medio mundo facendo fotografías, por exemplo, ou buscando información para escribir un libro ou, simplemente, porque llo pide o corpo. Daquela, porén, organizar unha expedición ao deserto -sen compañía masculina- polo puro afán de ver horizontes diferentes era unha aventura que se emprendía con quilos e quilos de equipaxe, nulo interese pola propia reputación e unha sede inmensa de liberdade, esa liberdade da que non podían gozar nos países de orixe.
Comparo co mundo actual e penso no moito camiño que se leva andado desde que as mulleres non podían dar un paso que non estivese estipulado; aínda así, tamén me decato de que os cambios sociais son moi lentos, tanto, que a igualdade efectiva e real deixa bastante que desexar, sobre todo no referente ao ámbito doméstico.
Cando se vive nun lugar pequeno e se escoitan certos comentarios, ese desfase faise máis evidente e unha ten a sensación de ter retrocedido cincuenta (ou máis) anos.

6.7.05

Vellos ritmos

Por primeira vez en varios anos, B acopla o seu ritmo vital do verán ao meu e saímos polas mañás a pasear e respirar o aire aínda fresco do día. Relaxadas as tensións pola ausencia de obrigas laborais, as xornadas transcorren tranquilas mentres agardamos que nos entreguen o coche mañá.
Por primeira vez en bastante tempo, temos unha sobremesa nocturna musical tête à tête cos grupos que nos privaban o sentido hai vinte ou quince anos -¿xa tantos?-, aqueles con cuxas cancións bailabamos coma tolos ou mirabámonos tenramente aos ollos. Burning, Radio Futura, Nacha Pop, Loquillo, Siniestro Total e Malevaje estiveron connosco até as dúas da mañá en apracible conversa lembrándome a cada copla que temos vinte anos máis e aumentando a estraña melancolía que se apropiara de min á tardiña.
Por primeira vez en varios anos sinto que me estou facendo maior e véxome engurras.

3.7.05

Faros


Gústanme os faros desde cativa, esas enormes lanternas que guían os barcos palpebrexando na noite. A primeira vez que durmín preto dun entretívenme contanto os segundos entre luzada e luzada; varrían o cuarto asolagándoo dunha inqueda luz que me mantivo a primeira noite cos ollos coma pratos. Coidei que non me deixarían descansar durante todo o mes, pero afíxenme tan axiña que, de volta á casa, botaba de menos aqueles latexos nerviosos que chegaran a facérseme consoladores. Na soidade nocturna acompañaban as miñas divagacións previas ao sono mentres eu capitaneaba un barco que se salvaba de encallar grazas ao xigante; noutras ocasións o fareiro, de súpeto entolecido, poñía en perigo naves e persoas modificando a traxectoria da lumieira; eu, intrépida capitá, axudaba coa miña afouteza a evitar o desastre.
Subín a escaleira deste unha vez en fila india coidando que xamais deixaría de mover as pernas, que quedara prendida nos chanzos para toda a eternidade. O descenso foi unha das experiencias máis alucinantes da miña vida, ben pegada ao muro e temendo que en calquera momento saltase algún dos seres que vivían entre as sombras para agarrarme un pé e facerme trenquelear. Daquela a miña imaxinación alimentábase de moitos temores inconcretos que hoxe, por fortuna, habitan o desterro.
En chegando a terra firme, xelatina nas pernas, prometinme a min mesma que xamais volvería emprender aquela aventura, e cumprín a promesa. Agora admíroos desde a distancia, como debe ser.

2.7.05

Enésima vez

Existen determinadas actitudes e actuacións que me producen o efecto dun insulto elevado á enésima potencia; das veces -xa demasiadas- que me vin padecendo algunhas delas foron os bancarios os causantes da miña furia.
Pouco importa que teña uns ingresos dignos, sexa a primeira titular da conta corrente, manexe eu a economía común desta casa e dea sempre a cara no banco cando cómpre tirarlle das orellas, que á hora de asinar un contrato promovido por min en persoa, solicitar eu persoalmente un cartón de crédito, tramitar a compra dun vehículo co meu nome e apelidos..., todo iso careza de importancia e pase a ocupar un lugar secundario porque son muller e estou casada con alguén que o devandito bancario considera superior.
¡Até cando terei que soportar estas caralladas!

1.7.05

Primeiro día

Inauguro as vacacións erguéndome a unha hora vergonzosa pero sentindo moi pouca vergonza. Á fin e ao cabo estou na miña casa e fago o que me peta. Recibo a chamada do concesionario para que vaiamos asinar uns papeis relacionados co coche novo que dentro duns días estará ao meu dispor. Chegou onte e vino, aínda sen matricular, branco -máis visible e sufrido-, sen ningunha pinta de taxi como temía e noviño do trinque. Casualidades da vida, vexo o meu antigo vehículo, aquel que quedara sinistro total, renovado e posto a punto polo mecánico que mo mercou. Confeso que experimentei un pequeno nó no estómago, non de envexa, si de morriña; gustábame a liña daquel coche, o seu precioso e irrepetible cu que ningún deseño moderno pode superar.
Volvo páxina e dígome a min mesma que aquilo xa pasou, que agora terei un novo que domarei ao meu xeito e que non hai mellor maneira de comezar as vacacións. Non se consola quen non quere.

29.6.05

Un leve sabor a cóctel

Ás veces unha certa tristeza empúrranos a preguntarnos sobre as fonduras humanas, sobre os seus motivos e inquedanzas, e lévanos a concluír que, agás casos patolóxicos, a todos nos moven impulsos semellantes, matizada a súa intensidade polo talante de quen os sente. Amas, odias, padeces, gozas...; o abano das sensacións humanas é limitado, un chisco ampliado, se cadra, polas emocións mesturadas, esas que non son puras senón que comparten trazos de aquí e de acolá, desta e daquela, porque é privilexio do home complicarse con híbridos.
A min gústanme os híbridos, mergullarme no seu código xenético e ir esmiuzando os compoñentes á maneira dunha entomóloga que analiza un insecto no microscopio: ocelos deste xeito, patas daqueloutro, abdome así, presenza ou ausencia de aguillón...
Está comprobado que existen máis estudos sobre os sentimentos e as emocións negativas ca sobre as positivas, por iso dominamos máis a linguaxe da tristeza cá da alegría; porén, cando sentes xuntos o agre e o doce, ficas desconcertado ao non saber poñerlles límites nin definir a estrema que os separa porque non existe. Non achas palabras.
Quizais o problema estea aí: na manía que temos de querer poñer límites e buscar palabras ao que non os ten.

28.6.05

Cambiamos


Onte a noite deiteime sabendo o que probablemente xa sabía todo o mundo, pero non por iso menos contenta; agora cómpre agardar con prudencia e esperanza os cambios reais e que a disparidade de criterios non nos fagan unha mala xogada.
Espero que queden atrás malas mañas e peores artes, que a transparencia sexa efectiva e non só unha palabra, que saiban manter a unidade precisa para non permitirlles aos outros meter as mans, que esta terra avance cara ao futuro e non recúe cara ao pasado...
Espero, por fin, o que non esperaba desde había moito tempo: non sentírmonos defraudados.

26.6.05

Cadea humana

Coa cabeza posta na cadea humana e unhas ganas tolas de saber como foi (dous quilómetros e medio de persoas son moitas persoas), dedico o mediodía deste domingo a lavar o coche cunha vasoira e un cubo de auga con fairy. Cómpre devolverllo á propietaria sen cagadas de paxariños nin po das múltiples obras que se espallan polas estradas comarcais.
Onte despedímonos de Vila Real até setembro, pois non haberá xeito de volver alí sen perder a paciencia nos próximos dous meses; turistas e guiris varios enchen as rúas de colorido e o cheiro a sumidoiro espállase coma unha nube mefítica ofendendo olfactos a eito, sinal inequívoco de que a rede xa comeza a soportar máis refugallo do que a prudencia aconsella. Todos os anos por estas datas ocorre o mesmo e todos os anos evitamos a vila para non sufrir pestes indesexables. Os turistas semellan non decatarse e gozan do clima e da paisaxe coma se recendese a rosas.
Fixemos unha merenda-cea nun dos poucos locais onde non serven marisco, acomodados na terraza dunha estreita rúa con sabor enxebre e amenizados polos berros excitados duns cativos que xogaban a esconderse baixo as mesas. B suspiraba de cando en vez pero que rico está todo sen perder bocado de xamón, pan con tomate, lombo e queixos variados. De sobremesa, unha torta de mazá caseira que non ten nada que envexar á da miña sogra mentres dabamos os últimos grolos a un tinto delicioso. Aínda nos deu tempo, ao regreso, de contemplar o solpor desde o balcón.
Dentro duns días comezan as vacacións.

23.6.05

Calma


Onte soubemos que poderemos ficar neste paraíso un ano máis. A incerteza do futuro -malia a segura Ítaca- esvaeceu para ledicia de B e contento meu, que afasto por fin da cabeza a arrepiante idea doutra mudanza tan preto da anterior; cando menos, que me dea tempo a esquecer as chambonadas dos últimos transportistas.
A tarde transcorreu entre sesta, lectura e paseos polas nosas posesións prestadas, ollando a buganvílea preñada de seda, as hortensias que empezan a poñerse coma repolos maduros (cada conxunto de floriñas ten ben o tamaño dunha cabeza humana), os malabarismos do noso amigo o esquío, que semellou vir para celebrar connosco o acougo recuperado, e o voo irregular das rulas, que se negaron a deixar pasar o día sen a correspondente visita.
Sentados nos mexedores do balcón contemplamos os xogos de luces que o avance do serán ía debuxando no mar e no ceo e experimentamos esa doce paz que xorde no corazón cando hai acougo na alma. Á beira, na mesiña, unha prohibida cervexa ía refrescando a gorxa, porque un día é un día a pesar das consecuencias.

Entrementres, un solpor máis foi caendo na badía, as Estelas e as Cíes de fondo dando conta de que aínda hai cousas que permanecen para acougo dos humanos. Porque, aínda que semelle mentira, existen cousas que unha desexa permanentes caia quen caia. As outras..., ben, as outras xa mudarán cando teñan que mudar.
Por certo, feliz noite de San Xoán.

22.6.05

Linda idea

A de Pawley secundada por Cesare é unha fermosa idea. O domingo 26 de xuño. Estaría ben ir até alí.

21.6.05

Revolución interior

Ando co corpo revolto desde o incidente do coche; leveino ao taller para asegurarme de que estaba ben e un mecánico moi amable veu comigo a probalo nunca costa, marcha adiante e marcha atrás, por activa e por pasiva e... íalle á perfección.
Descubrimos que o problema é meu (sospeitábao), probablemente polo tamaño e características do vehículo. O bo do home explicoume con moita delicadeza e cortesía como había que mover os pés para que non se trabase; eu -case sobra dicilo- notaba a fogaxe na cara e unhas ganas tremendas de que a terra me tragase. Mais tamén son unha muller sensata e sei aceptar a realidade con enteireza. Cumprirame facer prácticas en sitios con pouco tráfico.
De todos os xeitos, xa mirei un coche novo que probarei esta tarde, máis que nada para asegurarme de que a torpeza non se repite. En caso contrario, creo que contratarei un chofer.

19.6.05

Muller tiñas que ser

En fin, que vaia día completiño. Fomos votar -como hai que facer- e logo non se me ocorreu mellor cousa que levar a B a unha visita turística pola zona das praias para tomar unhas cervexas e gozar do día. O coche no que o levo é herdado e creo que ten todas as taras da antiga dona e parte das da actual; padece o vicio de facerse preguiceiro nas costas, até o punto de deterse porque lle resulta máis cómodo que arrastrarse, o moi cabrón. Total, que decidiu poñerse bravo nun semáforo en pendente e houbo que chamar un guindastre para sacalo de alí.
Se poden elixir, non se lles ocorra romper o coche en domingo; nin bombeiros, nin poli local nin nada de nada; ao final resolveunos o problema a garda civil, que nos mandou o guindastre -en teoría. Primeiro chegou o individuo nunha moto para comprobar se, en efecto, cumpría o guindastre, porque xa se sabe que hai moito grazoso solto; cando comprobou que si, que cumpría, marchou e non volveu até tres cuartos de hora despois. ¿Dixen que o coche estaba nun semáforo e a zona petada de turistas? ¿Si? ¡Ah!, pois non me repito.
Dúas horas de domingo electoral pasadas ao sol, atoando o tráfico en pleno semáforo, aturando golpes de buguina e malas caras, porque, claro, o coche estaba alí porque tiñamos ganas de amolarlles o día aos guiris.
De propina, o guindastreiro probou o coche e sentenzou que estaba en perfecto estado, que eu non o sabía tratar, que llo pasase a B (por certo, B non ten carné). Só lle faltou engadir -non se atreveu pero linllo nos ollos- iso de "muller tiñas que ser". Pois vale. ¿E túa nai está ben? Alédome, oes.
Como esta noite non haxa unha boa noticia, non sei que farei, pero algo gordo seguro.

17.6.05

Arredor da pasiflora


Esta é a primeira flor que abrollou dunha das dúas plantas pasifloráceas (passiflora caerulea) que temos no xardín xunto a hedra, para que faga máis mesta a sebe asemade que aleda a vista.
A primeira vez que a vin engaiolou os meus ollos de nena e prometinme a min mesma que de maior conseguiría unha. Daquela nunca vira flor tan exótica. Serve de símbolo á fe, pois di a lenda que eses catro cravos son os de Cristo crucificado, de aí que se lle chame tamén flor da paixón. Ten múltiples cualidades entre as que non é a máis cativa a sedante e decora unha barbaridade polas súas cores e forma.
Dadas as datas nas que estamos, coideina un agoiro de esperanza, aínda que tamén me pasou coma un alustro unha idea inquietante: ¿e se naceu para anunciarnos outra etapa de paixón cristiá?

16.6.05

Promesas

A medida que a campaña chega á súa recta final as promesas vanse facendo máis e máis delirantes. Se pretenden cumprir todo o que aseguran que van cumprir, eu como o sombreiro.

15.6.05

Tempos

O que lle pido a unha obra de ficción en prosa, sexa novela, conto ou teatro, é que me entreteña, nada máis e nada menos. Se non cumpre ese requisito xa pode estar escrita polo mesmísimo... -poñan o nome que lles pete- que non me vale; en canto un libro me empeza a pesar nas mans, as pálpebras dan en abatérseme a media hasta ou comeza a impacientarme o número de follas que me restan, mal camiño levamos.
De máis nova era moi escrupulosa e tiña a gala rematar toda canta obra iniciaba; agora, con máis lecturas enriba das que podo recordar, eses pruritos de lectora modélica non van comigo e pecho sen dó libros mediados, se acaso me laio dos cartos investidos.
¿Por que será que a pura diversión está tan mal vista en literatura? Minto por omisión, tamén ocorre o mesmo co cinema, por exemplo, e con toda manifestación artística que pasou non se sabe por que criterios de canon infalible.
¿Cando deixará de avergonzarnos ler por pracer e por botar unhas gargalladas?

14.6.05

Entrevista


Lévanme feito unhas cantas -poucas- entrevistas por teléfono para medios escritos e sempre, ao lelas, quedo coa sensación de que eu non dixen o que figura alí. A última -hoxe mesmo- foi para un medio falado e sairá ao aire mércores ou xoves ás tres da tarde. Cando menos desta vez non me quedará máis remedio que recoñecerme no que escoite, incluída a retranca que me puidese saír, que a teño, madía leva, se non non sería boa galega.
Confeso que estas cousas me poñen nerviosa, coma se se tratase dun daqueles xa remotos exames de historia da arte en que miles de diapositivas pasaban por un cerebro convertido en proxector na véspera de dar conta do estudiado. Malditas noites sen descanso malia durmir.
Mais decátome de que vou adquirindo seguridade, de que nada do que diga suporá un suspenso, entre outras cousas, porque ninguén me vai poñer nota. Entrementres, procuro buscarlle o lado divertido e rir un chisco coa situación. Por fortuna o profesor de arte renacentista hai tempo que permanece arrombado no baúl dos recordos.

12.6.05

Memoria infiel


Antes desconcertábame que me contasen unha lembranza común de xeito que me resultaba case irrecoñecible; o feito non transcorrera como o evocaban nin, probablemente, como eu o lembraba. Adornamos o pasado converténdoo en mellor ou peor do que en realidade foi, outorgándonos un papel máis protagonista do que tivemos ou cargando as tintas en aspectos que non foron tan negativos nin positivos como nos empeñamos en crer. Ás veces caemos na deformación máis pura sen sabelo, pois se o soubésemos estariamos entrando na mentira sen paliativos.
Cando me decato de que nin sequera me podo fiar da miña memoria, que se empeña en modificar este ou aquel detalle, sinto unha especie de vertixe que o esborrancha todo, pero tamén penso que, se cadra, é un dos seus mecanismos para axudarnos a sobrevivir sen demasiadas doses de realidade.
O venres coñecín a Paco Penas de Dorvisou, vin a cámara que tantas alegrías nos dá aos miróns, fun suxeito de varias fotos que espero con ansia e sentín a calidez da súa persoa. A tarde pasou nun lampo. Espero que a memoria non me sexa infiel.

9.6.05

Olores

Se un sentido me funciona ben é o do olfacto, mesmo vivín algún episodio relacionado con el que unha meiga calificou de estraño por inusual e serviu para que un médico me mirase con ollos sorprendidos.
Cando era nena e subía pola escaleira da casa de volta do colexio, sabía se a avoa ou a súa cuñada estaban de visita polo ronsel que me prendía o nariz; nunca fallaba: unha ou outra facían gancho á beira da fiestra mentres debullaban novas sobre a familia ou o pasado cun aquel de morriña indescifrable para min. Contábanlle a miña nai qué fora daquel curmán de remota memoria ou qué acontecera con aquela enfermidade que levara a mellor vida a tal parente; eu escoitaba coma se fosen contos esas historias de personaxes descoñecidos ao tempo que preparaba unha limoada fresca ou un café quente, segundo a estación do ano. Gustábame agasallalas naqueles momentos de intimidade sen perturbarlles a conversa.
Agora moitos olores me transportan á nenez: o cheiro a mar, a algas quentes e húmidas, a cociña de aldea, a pan acabado de facer... Hummmmm. Incluso son capaz de identificar situacións concretas, persoas e edificios polo olfacto, e non me refiro a hospitais tan só, senón a vivendas. Cada vivenda cheira de xeito diferente, se cadra porque absorbe a personalidade e o olor dos habitantes, os seus costumes, as súas inquedanzas.
Tamén eu teño un olor particular que forma parte de min e que lles serve aos outros para identificarme; alá onde vou deixo o meu ronsel, a miña pegada olfactiva que eu xa nin percibo pero da que non sabería prescindir.
A miña madalena non se come, ólese.

8.6.05

Abastecemento


Mentres o corpo intenta afacerse ás altas temperaturas e a canseira, remitir un chisco, a novela da pantasma comeza a representar unha obsesión que me asalta facendo a compra, ollando o mar, falando coa panadeira ou pasmando no sofá. Ábrense novas posibilidades que intento explorar con certa timidez porque as ideas preconcibidas interfiren sen permiso.
Xa comezan a notarse problemas de abastacemento de determinados produtos, un aumento do tránsito con música a todo volume e/ou coches impresionantes, así coma dificultades para aparcar; a praia asoma ateigada de xente case as doce horas do día e o monte no que vivo coñece máis visitas e lixo ca durante o resto do ano.
O único que me queda é madrugar un pouco e achegarme a pasear polo areal á primeira -ou segunda- hora da mañá se quero quitarme esta cor esbrancuxada que me dá un aspecto tan decimonónico. Veremos se son quen de erguerme só para iso.

7.6.05

Nova crise

Había tempo que non me daba esta canseira infinita, típica da fibromialxia, semellante a un esgotamento de pilas total e absoluto. A enerxía desaparece por completo e mesmo levantar un vaso supón un esforzo titánico que corre o risco de rematar co líquido sobre unha en vez de dentro dunha. Quizais sexa a faceta menos coñecida da enfermidade e unha das que máis amola o doente, porque o doente conserva as ganas de facer malia non poder.
Por fortuna, cada vez se coñece máis a doenza, grazas en parte ás numerosas asociacións que xorden coma fungos coa intención de divulgala e conseguir que a sociedade se mentalice de que non somos queixosos gratuítos nin afeccionados ao drama, tan só enfermos de algo ao que a ciencia aínda non atopou remedio.
Nunha revistiña donimical leo un artigo sobre o tema e chámame a atención que os médicos aínda estean barallando a posibilidade do consumo de cannabis para aliviar as dores, malia que non saben cal é o mellor xeito de consumilo. A min, a verdade, tanto me ten porque coñezo de sobra os seus beneficios. Dos efectos secundarios nin me preocupo. Quero vivir hoxe e agora, non mañá.

5.6.05

Deformacións

Desde Patricia Highsmith a John Gardner ou David Lodge, pasando por calquera manual de estilo que se prece, hai unha recomendación que se repite coma o allo e que me tomo a licenza de resumir: se podes contar unha cousa con cinco palabras, non empregues vinte. Capacidade de síntese, de atopar a palabra xusta en cada caso, non outra semellante, de chapodar as pólas prescindibles até deixar a frase espida de follas secas, de mutilar sen dó. Semella doado. En Augusto Monterroso -o do famoso dinosaurio-, a nudez impera, pero unha non está segura de querer ceibar tantos velos e, porén, inténtao. Tanto, tanto, que ao final só lle queda unha palabra: nada.

3.6.05

Estrañezas


Ás veces teño a sensación de que non reflexiono sobre as cousas, senón de que as cousas me reflexionan a min.
Ben, non é exacto ao cento por cento mais responde dalgunha maneira a esta especie de alleamento que me asalta de cando en vez, cando me dá por mirar con ollos distantes o que fago ou sinto. Por exemplo, seguindo o ronsel de Luces, que se facía esta pregunta hai uns días -¿por que escribo?-, atópome que hoxe por hoxe non sabería respondela con precisión. De mociña quería crear mundos coma os que lía nos libros, ser capaz de transportar a quen fose a un universo paralelo; máis adiante souben que me gustaba imaxinar vidas distintas, crealas para min ou para quen fose e facelas con xeito, retorcer a lingua e tanguer con ela xogos musicais, que soase harmoniosa. No momento presente descoñezo a resposta, aínda que me pasa un pouco o que a outros escritores: non sabería vivir doutro xeito, non podería prescindir da escritura aínda que quixese.
Dicíame esta semana o fisioterapeuta que para que deixase de doerme tanto a parte dereita do corpo debería eliminar esta actividade e comprendín que esa cura estaba fóra de lugar. ¿Por que escribo? pregúntome. As respostas de antano esvaeceron fundidas nunha brétema de incertezas, a pesar de que non me molestan en exceso. Desde hai un tempo amólame ter que dar resposta a todas as preguntas, ter opinión sobre todo, colocar cada cousa nun lugar; se cadra, débese á idade esta indecisión na que me movo, pero quitando tres ou catro asuntos aos que si sabería responder sen pensar, os demais representan un cúmulo de novas preguntas, de sopesar e barallar opcións, de verlles as facetas a todas e cada unha para, á fin, definirme en contadas ocasións.
¿Será grave? Prodúceme estrañeza de min mesma.

2.6.05

Outra cadea rota

Está visto que debe haber por aí unha conxura para avergonzarme en público. Dorfun lánzame agora un desafío musical. Pois estámosche bos; tendo en conta que estou coma unha tapia e escoitar música hai tempo que deixou de ser un pracer sen fisuras, vou quedar coma a arcaica que son nese terreo. Pero sinceridade ante todo, meus, que non se diga que son unha covarde.
1.- Tamaño total dos arquivos de música do meu PC: ¡Ah! ¿Hai diso? Pois non teño, síntollelo ben.
2.- Último disco que comprei: Lume (para que saia o sol) de Lamatumbá.
3.- Canción que estou escoitando: Non adoito escoitar música cando escribo.
4.- Cinco cancións (e grupos, engado eu) que teñan un significado para min: A despedida de Lamatumbá (Mari Luz segue presente todos os días), Malevaje, Ilegales, Loquillo y los Trogloditas e Radio Futura.
Ben, xa está. ¿Algo que comentar? (Moito ollo co que se di) ;).

1.6.05

Romper a cadea

Kaplan empaquétame unha enquisa que vou contestar só por deferencia cara a el, aínda que me dá moitísimo reparo dada a miña ignorancia cinematográfica. Non vou a un cine desde hai uns dez anos (calculo ao chou) a causa dos oídos e non vexo demasiados filmes na tele porque prefiro ler, así que... En fin. Aí vai.
1.- ¿Cantos filmes teño na casa?: Uns trinta. Non o sei con certeza.
2.- Último filme que merquei: El retorno del rey.
3.- Último filme visto no cinema: Indiana Jones y la última cruzada (creo).
4.- Último filme visto pero non no cinema: El retorno del Jedi (na tele).
5.- Cinco filmes de entre os meus favoritos: Blade Runner, El halcón maltés, ¿Quién engañó a Roger Rabbit?, Alien, Danzad, danzad, malditos. E máis que non collen na resposta.
Como se pode apreciar, o meu non é precisamente última hora.
Rompo a cadea porque, con toda probabilidade, quedaría como estaba coa información que me desen.

30.5.05

Creación e destrución


Non conservo os diarios que escribín na nenez e na adolescencia; un bo día de verán, ás portas da adultez, volvín ler aquelas follas cubertas de pesares e destruínas sen dó; coidaba que con iso abría a porta a unha nova etapa. As épocas de escritura compulsiva, case diaria, e de destrución alternaron despois, ciclos que se repetían teimudos guiados polo impulso. Só gardo tres ou catro, os correspondentes aos últimos dez anos, talvez algo menos.
Estes días volvín sentir a necesidade de escribir só para min en cadernos de tapas duras, debuxar coa miña pluma favorita letras de cores que van formando sentimentos imposibles de comunicar, ocorrencias ou sensacións momentáneas que piden quedar fixadas dalgún xeito, ignoro para que.
Se cadra ese exercicio ten só unha utilidade clara: facernos caer na conta, cando os volvemos ler, do moito que cambiamos. Do moito que nos cambia a vida.

29.5.05

A primeira vez

Por primeira vez escoito música -bastante baixiña- mentres escribo; estréome co último disco de Lamatumbá e vou de abraio en abraio mentres vexo algúns integrantes do grupo cos ollos da memoria, porque non sempre foron os mesmos; malia quedaren poucos dos fundadores, a case todos lles sigo a pista. Menéaseme o pé ao ritmo das cancións e non me resulta difícil imaxinalos sobre o escenario, supoño que polas veces que os contemplei no instituto, alá cando cantaba o millo e os meus oídos aturaban o directo.
Rescato fotos tan vellas que me sobresalto asemade que me acoden lembranzas gratas a moreas e pónseme un sorriso parvelo na boca. Festas, teatro, actividades varias, excursións, risos e máis risos, algún cabreo... ¡Ai! Pero non se trataba de caer na morriña, senón de gozar de boa música, e iso está garantido. ¡Que bos son estes rapaces!

27.5.05

Enxeño


Haber, haino.

Tópicos

Por veces non sei se os tópicos sobre homes e mulleres responden a unha realidade coa que non me identifico ou se, pola contra, son o resumo fácil de actitudes e comportamentos que cada vez están menos vixentes. Que un mozo teña traballo, coche propio, estea fisicamente máis ou menos ben pero... non teña moza implica para min un xeito de pensar sobre as mulleres bastante machista e simplificador. ¿Por que será?

26.5.05

Plantas

Tanto a schulumbergera truncata coma a schulumbergera gaertneri continúan dando flores sen descanso. Creo que acoplaron os seus ritmos e funcionan ao unísono, para o meu pracer. Comezaron en novembro e aínda proseguen alegrándome o salón, o que non deixa de abraiarme.
Atraveso unha desas fases que eu denomino moucho e que na miña nenez os adultos liquidaban cun cocón algo apesarado, se cadra porque desexaban criaturas sociables e faladoras ao cento por cento. Intúo que é a reacción natural a tantas emocións da semana pasada.
Pola contra, B anda nun período en extremo afable que o leva de acá para alá con amigos que saen até de debaixo das pedras; mentres eles gozan da súa sociabilidade eu comprázome na miña soidade até que me volvan as ganas de compañía.
De máis nova desconcertábame esta flutuación, pero tiven tempo e tempo de afacerme a ela e acéptoa encantada da vida, se cadra porque hai cousas que non se poden cambiar por moito que unha queira. Son os ritmos naturais de cadaquén. Arestora ocórreme que, perante alguén, as palabras néganse a saír, coma se non tivese nada que comentar ou opinar; forzar o inevitable non conduciría máis ca á artificialidade e coido que, aínda que mo propuxese, non sabería ser artificial. Mais iso non implica que non me bulan pensamentos nin procese informacións, actividades imparables deste meu cerebro. Supoño que dentro dun días volverei ser a outra.
Entrementres constato que as dúas teñen algunhas cousas en común; a principal, quizais, é a capacidade de indignarse ante anuncios e comentarios mentireiros, desculpas de mal pagador e manipulacións informativas. ¡Uf! ¿Tan difícil é dar noticias sen interpretalas segundo conveñan?

25.5.05

Historias

Leo o último libro deste psiquiatra afincado nos USA estrañándome dalgunhas expresións ben pouco españolas, mais evitando todo o posible facer análise de texto; algúns aspectos sonme coñecidos por ter lido os autores aludidos e as súas teorías. A medida que avanzo, non fago máis que pensar en Espe, a muller toca que vai comigo a ioga e de quen xa teño falado. Separada desde hai un lustro, aínda non superou a ansiedade que ese suceso desencadeou e amólame constatar unha vez máis o vulnerables que son algunhas mulleres de mediana idade cando a vida á que estaban afeitas esvaece de súpeto. Por suposto que un proceso dese tipo é duro, ten que selo por forza, pero magóame que aínda non dese levantado cabeza e aprendese a facerse unha vida de seu.

Vía Cesare chego a un post de El pez que recolle un anuncio -por chamarlle dalgún xeito- dunha xente -por chamarlle tamén dalgún xeito- publicado nun diario de -ehem- bastante prestixio entre determinado sector da sociedade. Que a estas alturas se pretenda que a SIDA é unha enfermidade de orixe homosexual daría risa se non desen ganas de incharlle a alguén a cara a...; en fin, non nos desmandemos, que iso non vén a conto.
Dos máis ou menos vinte coñecidos e amigos meus e de B que morreron desa enfermidade, NINGÚN era homosexual. Como mostra -pequena si, pero mostra-, abonda.
¿A que demos xoga esa xente -por chamarlle dalgún xeito? ¿Como é posible que un xornal enlarafuce o seu prestixio -merecido ou discutible- publicando iso? Cousas veremos.

24.5.05

Piratas

Ike estivo de aniversario e, dada a súa xenerosidade sen límites, fíxonos agasallos aos seus lectores; a min tocoume un estupendo pirata que levará a cabo sen protestar as tarefas do fogar. Advírteme de que lle gusta beber e mirar o programa de María Teresa Campos polas mañás, pero mal sabe el que, cando me poño severa, nin unha mosca se me arrepón. Aquí vénse a traballar, non a mirar chorradas televisivas.
Continúo indecisa co das eleccións, que lle imos facer. O máis probable é que acabe dándolles un voto de confianza, a pesar de que temo moi moito que acabarei, coma sempre, mordendo as unllas de rabia. Ese entusiasmo de hai que botalos non o comparto, se cadra porque, máis que realista, son pesimista sobre este pobo perdido no mapa. Iso si, como desta continúe o actual gobernante, capaz son de exiliarme aos antípodas. ¿Por que non?

22.5.05

Cereixas


Esta é unha das poucas cereixas que aínda sobreviven ás asiduas visitas dos merlos e dos paporrubios; coma quen non quere a cousa, achéganse ollando para todos os lados choutando miúdo de póla en póla, polo chan entre as margaridas ou camuflándose na camelia; xogan a distraer e logo atacan con saña feroz as farangullas que lles boto e, agora, os pobres e indefensos froitos. Son uns auténticos mestres na arte de fuxir ao menor ruído ou movemento que coidan perigoso para a súa integridade. Xa desisto de crer que un prato de cereixas chegará á nosa mesa.
Malia o cansazo, onte fomos dar un paseo; non me presta quedar estarricada no sofá porque seica non é bo para o corpo permanecer inmóbil. Axudeime do caxato e houbo que descansar á metade do camiño un par de veces, pero pagou a pena.

A brisa zoábame nos audífonos soándome á liberdade absoluta e insuflándome -¡ai!- ganas de correr coma cando era cativa, polo puro afán de saber que as pernas podían levarme onde eu quixese só coa miña vontade. Logo, desde a casa, a contemplación dese incendio antes da chuvia, o tempo detido e o aire calmo durante uns segundos, igual ca momentos antes de ocorrer algo importante.
B insiste en que nesta zona ten que haber un campo de forza, que non é normal sentir esta placidez tan plena na alma, lonxe de calquera desacougo, tan preto da paz.
E eu sigo sen ter nada claro que farei o día dezanove. ¿Votarei en branco? Esa é a miña intención.

21.5.05

Cansazo

O que peor levo das miñas limitacións é, se cadra, este cansazo infinito que cae de súpeto e carece de equivalencia co esforzo realizado. Iso si, seguen investigando. As reaccións que desencadea no doente son innumerables.

20.5.05

Andazo


B está farto da administración e do sistema educativo, de xeito que segue acariciando a idea de mudar de profesión, pero aínda non decidiu que xiro quere imprimir á súa vida; a miña amiga da alma vai un paso máis alá e ten solicitado un permiso de varios meses con vistas a pedir a excedencia e dedicarse a tarefas máis gratas; o seu home tamén devece por deixar o bufete e vivir.
Está claro que quen non se molla non colle peixes, que as oportunidades non veñen buscalo a un á casa e que, chegados a determinado punto, máis vale equivocarse por facer algo que arrepentirse toda a vida por non telo feito.
Entrementres, sen proxectos definidos á vista, teño a sensación de estarmos no aire sobre un bambán ao ralentí.

19.5.05

A presentación

Creo que non me afarei a estas cousas mentres viva, quizais porque me semellan males inevitables neste mundo, pero evitables nun sensato. Antes non cumpría verlle o careto a un escritor para gozar do que escribía nin necesitabamos coñecer a súa intimidade para vivir as súas fábulas sen reservas. Sei que os que me rodean o pasaron en grande -sobre todo meténdose comigo e cos meus nervios- pero só porque me queren; os outros quedarían decepcionados por unhas palabras improvisadas froito dun mal consello.
A min o que máis me gustou foi a festa, atopar amigos de verdade que quixeron estar comigo e ver a Cesare pasándoo coma un anano ante o meu acoro. Coñecer en persoa a Neira Cruz é outra historia ab-so-lu-ta-men-te arrebatadora.

17.5.05

Aprender a dicir non

Non deixa de asombrarme constatar a facilidade dalgunhas persoas para establecer relación con quen menos lles convén e, unha vez conscientes, a dificultade para rompela. Analizo un caso que me toca relativamente preto -con chantaxe sentimental incluída- e caio na conta da febleza humana cando non se acadaron aínda os recursos suficientes para dicir non e rexeitar así o que nos fai dano. Se cadra o miolo do asunto estea en quererse a si mesmo, proceso, con frecuencia, lento e laborioso, mais desde o momento en que un se valora como ser humano, comeza a ser moito máis doado non permitirlle a determinada xente que nos magoe nin coidar normais as chantaxes sentimentais ás que pretende someternos.
¿Por que se produce ese aborrecemento cara a nós mesmos que nos leva a caer en relacións insás? Velaí un campo amplísimo de posibilidades entre as que non son as menores a educación familiar, os falsos amigos na nenez e na adolescencia e a propia psique.
A primeira vez que dixen non sentinme mal, con absurdos remorsos; logo aprendín a negar con máis suavidade pero con firmeza e fun gañando tranquilidade. Espero que Ma non tarde moito en aceptarse como é e aprender a quererse como merece.

16.5.05

O home propón...

Tiñamos pensado ir a Ítaca esta longa fin de semana, pero o tempo púxose tan treboento que sería imposible pasear pola vila e intentar solucionar o asunto da vivenda. En troques, miramos inmobiliarias por interné e demos con catro posibles opcións que cumprirá estudar con detalle, coñecín uns curiosos amigos de B cos que estivemos varias horas e vimos a tormenta abeirados tras os cristais. Impresionante, coma decote.
A ver se B se vai convencendo de sacar o carné de conducir, máis ca nada porque ás veces acho de menos ir de paquete mirando a paisaxe e a miña resistencia ao volante mingua cada día. Pero iso é algo que require tempo, coma todas as súas decisións.
Á vista do panorama político, creo que a miña intención de votar en branco se fai máis e máis firme, por moito que a algúns lles semelle un erro. Non vexo alternativas que me convenzan nin me presta votar o menos malo. A política non se fai con palabras, é unha cuestión moi seria gobernar un país e non atopo ningunha opción que poida cumprir nin de lonxe o que eu soño para el. Terei que facerme mirar este fondo desencanto.

15.5.05

Presentación

Puxen o enlace hai uns días aí á esquerda; un bo amigo decoroume o local e, agora que está máis presentable, anúncioo aquí; réstanlle algúns detalliños que irán engadíndose a medida que as ideas me xurdan nidias. Non sabía que facer con eses delirios que se me ocorren ás veces, pero desde o primeiro momento tiven claro que o mellor era expoñelos ao aire para que recibisen suxestións e comentarios sen censura. É unha maneira excelente de progresar no que se fai. Espero que gusten deles. A min encántame compartilos. Cousas da interné.

14.5.05

O xoguete do odontólogo

Un moderno aparello que substitúe ao clásico torno, funciona con láser e auga e non manca. O odontólogo estaba que non lle collía un gran de millo no cu, amosounos como funcionaba e rabiaba por estrealo, pero necesitaba un coello de Indias. ¿Quen mellor ca Peke que protesta moito pero, á hora da verdade, permanece quietiña deixándose facer? Pois iso; estreou o aparello -que non manca; dou fe- agasallándome un empaste. B agasalloume o outro e agoro luzo dentes. ¡Ai! O progreso da técnica fai marabillas, até que eu ría ás gargalladas sentada no que outrora era cadeira de tortura.

Engadido

A Orentino deille clase hai vinte anos. Non sei como, informouse de qué supoñía para min o 13 de maio e desde entón todos os anos, ese día, chámame por teléfono. ¿Pode haber na vida algo máis conmovedor?

13.5.05

Sírvanse se gustan


Aínda que eu non podo comer tortas de nata e morogos, sírvanse tomar un anaco á miña saúde. Estou de aniversario -mellor omito o número- e, coma adoito, ocorre de todo este día. Chega un ramo de flores da miña sogra cun día de adianto, o correo tráeme uns dereitos de autor que me darán para algún capricho e o meu libreiro favorito de Auria organiza nun abrir e pechar de ollos a presentación do meu revello fillo na cervexaría O Moucho para o vindeiro mércores. Moitas emocións antes das once da mañá que conseguen poñerme leda coma un axóuxere.

Comezan a sucederse chamadas e mensaxes telefónicas que me achegan caloriña á alma ao demostrar que aínda se lembran de min vellos amigos; a moitos vereinos o mércores ao abeiro dunhas cañas, se cadra as penúltimas que beberei nesa cidade en bastante tempo.
E agora agárdame unha xeira abondo frenética, incluída unha sesión co odontólogo, para celebrar que sigo aquí e agora nun mundo marabilloso e cruel, o único que temos. Na nosa man está facelo máis marabilloso e un chisco menos cruel.

12.5.05

Des-acougo


Eu, coma as vacas, adoito rumiar os asuntos até conseguir que se desfagan en miúdas partículas doadas de dixerir. Ás veces o proceso é máis lento do desexable, mais unha xa vai asumindo que as présas son as peores conselleiras do mundo. Sorpréndome no transo de soportar o desacougo cun acougo ignorado e coido que iso forma parte do lento proceso de madurar. Alédame constatar o moito que me queda por descubrir, tanto de min mesma coma do mundo, e iso reconcíliame cos desgustos da existencia, capaces de obrigarnos a erguer a cabeza e dicir con orgullo: "Vale, estades aquí, pero eu tamén estou e son máis forte ca vós".
As follas medran imparables e nin sequera un trebón impedirá que a copa dos pradairos espese paseniño día a día nin que dentro dun mes reborde vida e acolla niños de paxaros que queren criar. Adiante, sempre adiante. Non paga a pena volver a vista atrás máis ca en contadas ocasións.

10.5.05

Sorrisos

Encántame provocar sorrisos alegres co que fago e o mellor de onte foi o de Chicho. Saciou a sede nunha tarde, o que xa ten mérito dado o seu negocio e o pouco hábito; agora pasoulle a xerra á muller, que xa a levaba mediada á unha da tarde, cando os deixei no apracible patio da súa casa, cheíño de testos con plantas: tomates, framboesas e pementos agardan o sol para poñerse vermellos de pracer.
As explicacións do médico, claras, detalladas e baseadas en comprobacións empíricas, abondáronme para conformarme e desistín de darlle máis voltas ao pote; total, non custa tanto tomar cada día as doses prescritas con tal de manter lonxe de min as gadoupas da pantasma. Por nada do mundo correría, hoxe por hoxe, o risco dunha recidiva.
A perda de dez decibelios de frecuencias graves (até para enxordecer fuxo da norma) supliuse cunha subida na potencia do aparelliño que lle conferiu nova nitidez ao mundo. Cando o coloquei de novo, preguntei por aquel estraño e inidentificable ruído de fondo e a audioprotesista respondeume que era a rúa, até había uns segundos ignorada. Comprobo, por enésima vez, a marabilla de oír.
No camiño de regreso cáenme tres ou catro ballóns que me obrigan a reducir a velocidade case ao ritmo comarcal e métenme un chisco de inquietude no corpo. Respirei no último treito de autovía, seco por completo baixo un ceo despexado sen apenas nubes. Por fin cheguei á casa.

8.5.05

Preparándome

Mañá irei a Auria para falar co médico a ver se podo reducir a medicación. Dinse tantas cousas negativas destes tratamentos prolongados que se me meteu certo desacougo no corpo. Tamén irei a programar de novo as próteses, esas que segundo o mentirán xa non serven para nada; estou desexando percibir mellor a voz humana, arestora bastante perdida entre ruídos imprecisos e convertida, ás veces, nunha papa sónica indescifrable.
Entrementres irei ao Moucho, verei amigos, charlarei e lembrarei os anos vividos alá. Sen morriña, creo; sen morriña, espero.

7.5.05

Unha certa vertixe

Por primeira vez B coincide no instituto cunha compañeira que foi alumna súa hai anos; ese día chegou á casa con cara de sorpresa, coma se non puidese crer as cousas que ten a vida. Cando me pasou a min experimentei certa vertixe, coma se os anos que nos mantiveran separadas se derrubasen de súpeto todos xuntos sobre min. Ese e ver medrar un cativo son os signos máis evidentes do paso do tempo.
Para nós, que nos ollamos todos os días, sempre estamos igual (a menos que caiamos na debilidade de mirar fotos antigas), mais cando temos enfronte un adulto ao que unha vez intentamos aprender realizando a mesma tarefa ca nós, decatámonos nun lampo de que somos maiores, de que nada volverá ser coma antes dese momento.
Agora B anda sorteando alumnos que o miran abraiados e pregúntanlle: ¿De verdade tiñas pelo e barba? ¿É certo que eras un peludo? Só lles falta completar o descubrimento para que lle solten: Así que ti tamén fuches novo, ¡eh!

6.5.05

Ponte nas ondas


Día solitario en ausencia de B, que foi de xira cos alumnos até que lles toque entrar ao aire en Ponte nas ondas, aí sobre as oito da tarde; sorte tiveron con este espléndido día en que por primeira vez vestín de verán.
Empecei cos envíos dos exemplares aos achegados trabucando nomes e provincias por mor dunha señora que quería mandar a León un aviso, pero non daba enderezo nin outros datos, para desesperación do funcionario; seica todos os anos por estas datas lle fai o mesmo e todos os anos a discusión conclúe do mesmo xeito tallante: sen datos non hai envío.
A xente xa comeza a ir á praia para os primeiros baños e onte paseei os pés nus pola area a pesar do nordés; deliciosa sensación notar os miúdos granciños escorregando entre os dedos, cálidas caricias de benvida. Dentro de nada lucirei o moreno obreiro de todos os anos, apenas atemperado polos tres ou catro baños de sol que son quen de soportar; quizais esta tempada expoña máis días o corpo, por aquilo de procesar calcio para endurecer os ósos.
A vida é tan, pero tan linda...

4.5.05

Máis realidades

Remato a última novela de Donna Leon mentres agardo na sala de espera para que me poñan unha moa noviña do trinque; saio de alí dúas horas máis tarde con toda a mañá esfarelada e co tempo xusto de mercar comida, volver á casa e facer o xantar. Os plans previos pasan ao baúl do imposible, pero non me importa demasiado: xa podo comer a pracer do lado dereito por primeira vez en oito meses.
Nada máis comezada a tarde, B na cama para a sesta, chaman ao timbre: o ansiado paquete cos vintecinco exemplares de rigor chegan por fin ás miñas mans; apresúrome a levarlle un a B antes de que adormeza; cólleo con ilusión, pasa as follas e emociónase, abrázame e mírame con ollos amorosos. En canto esperte de vez, daremos un paseo e celebraremos a boa nova.
Menos mal que irei a Auria a próxima semana e non tardarei en ver as caras de Chicho e de Toño cando llelo dea. Até pode que tome unha cervexa canda eles se ningún médico anda preto.

3.5.05

Realidades


Aínda co ánimo algo tristeiro polo incidente do mentirán, repaso o que sei sobre a natureza humana, a súa diversidade e a necesidade de relacionarse con eses matices diverxentes dos nosos, cando menos para lembrar que non somos illas, que non deberiamos selo.
Os meus valores -correctos ou menos- son firmes, diría que até intransixentes; o peso da educación familiar e certa tendencia de carácter en ocasións faríanme ver a vida un chisco plana se non fose polo costume de revirar as cousas, de intentar adoptar a perspectiva doutro, de poñerme na súa pel. A pesar dese exercicio practicado acotío e polo propio peso dos meus valores, o engano resísteseme; creo que nunca o poderei aceptar. ¿Como vou aceptar que alguén desprece de tal xeito as capacidades dos outros?

2.5.05

Técnicas de mercado

Non resisto a mentira, qué lle imos facer; cadaquén ten as súas desviacións e a miña é esa: non resisto a mentira. Que un audioprotesista xogue cun xordo para que lle merque o seu produto, provoque inquietude coas súas falsas palabras, esperte ilusións de fume contándolle marabillas inaplicables é a mellor maneira de que esta xorda se cabree. Tamén é a mellor maneira de que deixe de confiar tanto na xente.

1.5.05

Bloquedada: retrincos da primeira parte

Había nervios, claro, ¡non ía haber!, diluídos no transcurso dos primeiros cinco minutos por obra dunhas persoas encantadoras. Coma se de vellos amigos se tratase, recoñecémonos, rimos, falamos coma cotorras en medio dun balbordo ambiental que engulía a metade das palabras, suplidas con sorrisos e olladas cómplices.
A Martin derrubóuselle a imaxe de muller delicada que tiña de min, cousa que non me estraña nada porque son bastante brutiña cando me dá -e dáme bastante acotío-; como tiña información privilexiada, eu xa contaba cunha vaga idea de con quen me ía atopar; confeso que a devandita información non lle fai xustiza.
Aínda que semelle curioso, non me fixera unha idea do aspecto físico de ninguén, pero debo declarar (mesmo pregoar) que Ike é moitíiiiiiiiisimo máis atractivo do que el pretende e tan doce que dan ganas de comelo a beixos; volvín arrebatadamente prendada del. Mágoa non podermos charlar máis. María Bumblecat e Nuala, organizadoras materiais do evento, rebordan simpatía e vitalidade -ben poderían repartir un chisco comigo- tan contaxiosas que daba xenio miralas. Dorfun representou unha sorpresa non só pola súa mocidade, senón porque non fala de tecnoloxía nin de matemáticas e si doutros temas tamén interesantes máis comprensibles para min. Foi un auténtico pracer compartir tanto tempo con el. Con Hans, Wel, Ictioscopio e Arduina non houbo moitas posibilidades de coincidir, aínda que algo se puido intercambiar. Para a próxima espero que as circunstancias nos favorezan. Akin pasou coma unha nube (ao igual ca tres persoas máis das que sinto non poder dar datos) pois quedara con outro grupo noutro lugar.
A cea, deliciosa (as croquetas de bacallau in-des-cri-ti-bles), mais co problema das mesas alongadas: fías cos catro máis próximos e non hai xeito de entender o que din os demais. Para colmo, eu retireime xusto despois -o corpo manda- e perdín a segunda parte. Para informarse cumprirá ir ás ligazóns. ¡Ais!
Non me esquezo do chofer de luxo que o destino me puxo diante, pero del mellor será que non diga moito, non vaia ser o demo que me mire mal.