11.11.04

Animal
Hai obras na Ramallosa; seica están metendo cable baixo a calzada e o caos, relativo, aumenta grazas ao bo facer dos operarios que pretenden axilizar o tráfico. Os encargados da tarefa, cigarro en man, meten présa aos condutores para que bulan cando lles dan paso -o límite de velocidade está en 20-, fan xestos de impaciencia aos que se encarreiran con prudencia e (o colmo) increpan de "animal" a quen se equivoca de carril -difícil non facelo se menean o sinal coma se se tratase dunha tixola ambulante.
O "animal" era eu e aínda me dura a rabia que me obrigou a parar en seco e contar até vinte para non saír do coche e largarlle un sopramocos -metafórico- ao operario.
Hoxe coincidín con el no quiosco da prensa mentres charlaba coa quiosqueira e unha colega. Olleino con atención intentando controlar o impulso de dicirlle o que me parecían os seus modos, pero conseguín frearme a tempo. Nin a quiosqueira nin a colega merecían unha escena semellante.

Ningún comentario :