1.11.04

De fotos
Desde ben cativa desgústame que me fagan fotos, así que é raro atopar no álbum da nenez unha "normal"; en canto albiscaba a cámara, dáballe ás costas, fuxía ou poñíame a berrar coma unha tola facendo acenos esaxerados de rechazo.
Agora de adulta segue sen chistarme en exceso, quizais porque case nunca me recoñezo na imaxe captada; ou ben saio con cara de susto ou de mal humor ou ben co ricto tan crispado que dá grima.
Mañá teño que ir ao fotógrafo para que me retrate e negros agoiros abátense sobre o meu ánimo. A sorte está en que os modernos aparellos permiten repetir as veces que cumpra até que unha acepte que é a que é, e iso non ten remedio.
Entendámonos; o meu aspecto físico non resulta desagradable, o problema non radica aí. Segundo este artista (aproveitou unha das trinta que me tirou), xesticulo con moita rapidez, demasiada para a cámara. Así non hai maneira.

Ningún comentario :