7.11.04

Cinco meses de vida no colo
O sábado -hai apenas unhas horas- tiven o indescritible pracer de acoller no meu colo a Opedro, o tenro fillo de Opaco e señora. Non quero darlle envexa a ninguén (¿ou si?), pero as fotos de Opaco non lle fan xustiza a Opedriño; é tan lindo como se ve e moito máis. Mentres lareaba con discreción rodeado polos meus brazos chuchoume unha man a conciencia; estanlle a piques de rebentar os dentes e a sensación é impagable, coma se unha caricia rotunda se apropiase do molete previo ao polgar e uns beizos ávidos e delicados coma os do bebé que é buscasen satisfacer a súa sede de aprender.
Non creo pecar de indiscreta se digo que os pais se derreten ante el, porque non me estraña; eu tamén me derretín. Imposible o contrario.
Se Opedriño segue sendo tan feliz como semella, o tempo -e todo o demais- converterao nun adulto ao que dan ganas de amar a conciencia. Imposible o contrario.
(E non me estendo describindo o seu recendo, o tamaño da súa man abranguendo o meu dedo, o nariz de botón tan apetecible, o remuíño no curuto da cabeza, os movementos constantes de pernas e brazos, a boquiña de... ¡En fin!)

Ningún comentario :