17.11.04

Paradoxos
O último asunto que nos quedaba en Auria liquidarase en breve; debería estar contenta por sacar do medio unha preocupación, porén síntome bastante furiosa. Non serei moi aleuta para certas cuestións, mais para outras posúo uns radares que para si quixeran determinados organismos. Por exemplo, cheiro ás leguas os intentos de manipulación, rebótome coma unha tigresa se me intentan presionar e, de propina, todo o que soe a chantaxe sentimental reméxeme as tripas.
Os primeiros seméllanme un insulto á intelixencia; os segundos, unha falta de consideración imperdoable, e a terceira, un xogo rastreiro e indigno.
Non respondo ao estereotipo do galego do que non se sabe se sobe ou baixa unha escaleira; non entendo as medias palabras e, aínda máis, négome a entendelas; os rodeos para tratar un tema sácanme dos eixos; gústanme as cousas claras, o chocolate mesto e chamarlle ao pan, pan e ao viño, viño.
Amólame ter que manter a cabeza fría no asunto de Auria; se por min fose, xa os estaba mandando a todos a tomar o aire do vertedoiro municipal.

Ningún comentario :