12.11.04

Divagando

Comprácenme os espazos recollidos coma a miña cova e os abertos coma unha enorme praia, luminosos ou escuros segundo as circunstancias, solitarios ou acompañados consonte o momento. Penso que nada é positivo ou negativo per se; as situacións que atravesamos adquiren perspectiva coa distancia e o tempo, quizais por iso nos sorprenda descubrir que hoxe abrazamos algo que rexeitabamos até non había moito e viceversa.
Ás veces faime graza -non ma vai facer- comprobarme a min mesma aceptando posturas que hai vinte anos me semellaban odiosas ou constatar o absurdo de actitudes radicais. Porque eu, hai vinte anos, era moi radical. Ou negro ou branco, ou vermello ou azul; nin grises nin morados cabían no meu vocabulario.
Lembro en particular un verán no que covas e praias implicaban ameazas, perigos, angustias; varias fobias atoparon en min un bo niño onde chocar ovos; estaba tan fóra de xogo coma un peixe no campo (B sabe ben qué supuxo aquilo).
Foi unha de tantas -crise vital chamoulle o especialista-, máis intensa sen dúbida ca outras, que me obrigou a revisar moreas de papeis, a rachar, a reescribir, a soltar lastre, a repensar. Durou... o que tiña que durar; na vida os prazos carecen de sentido, non hai présa que valla, por moito que a desexes.
Estou atravesando unha fase moi linda; máis que gradicela síntome esponxa; aprecio a miña cova e as praias enormes; valoro sobre todo o que non leva etiqueta co prezo; comprendo que, se agora estou así, se debe a un proceso demorado que non sabe de ritmos nin de pausas. Carpe diem dixo Horacio. ¡Salutem plurimam! exclamaba Max Estrella. Tiremos para adiante borboriña Peke.

Ningún comentario :