4.11.04

Digna vellez
Levo o coche ao taller porque lle baila o volante e danme a boa nova de que cómpre cambiarlle dúas rodas e a correa de transmisión; marcho de alí cunha cita para o vindeiro martes e unha controlable mala uva que medra cando caio na conta de que non preguntei en cánto me sairía a broma.
Aínda que a famosa correa adoita substituírse a partir dos oitenta mil quilómetros, e o meu cochiño ten cincuenta e tres mil, aducen que é vello aos seus dez anos. B remacha o cravo insinuando que, se empeza a dar a lata, non estaría de máis vendelo e facerse cun novo. A idea non me fai ningunha graza porque me gusta a rabiar o meu ZX, téñolle cariño e acariciaba a esperanza de conservalo durante moito tempo máis; consome pouco, portouse sempre coma un campión e nunca me deixou tirada. Adío o tema contestándolle que xa veremos cómo vai despois do arranxo.
Logo, termando con forza do volante bailón, cavilo neste mundo que nos tocou en sorte onde cada vez máis se fan as cousas para usar, tirar e subtituílas por outras cunha rapidez digna de videoxogo. Tamén cavilo en que durante estes dez anos vou polo cuarto ordenador -bastante ao meu pesar-, que dous deles feneceron de seu, o terceiro úsao B mellorado e ampliado e o cuarto cumpriu un ano hai poucos días.
Supoño que este comeza a ser vello e o de B, unha reliquia.

Ningún comentario :