21.11.04

As trece vidas e media do Capitán Osoazul
Walter Moers é o autor dunha serie narrada polo mesmísimo capitán, que caeu nas miñas mans por azar e intuición. Rematei onte Mi vida de pirata enano e, sen apenas repoñerme, dispúxenme a emprender a lectura do segundo, Mi vida en el gran bosque, que ás quince páxinas osoazulpromete grandes doses de imaxinación, unha fantasía engaioladora e sorrisos a esgalla.
Nalgúns debuxos lémbrame a Bukowski, o meu autor favorito de cómics -ou viceversa, pola idade-, inda que máis amable, sobre todo porque os libros están pensados para nenos e certos graos de acedume non veñen a conto; chégalles o tempo para descubrir o lado menos amable da vida.
Houbo un parágrafo do comezo que me prendeu de xeito irremediable, non tanto polo contido, canto pola fermosura da expresión: Aprendín deles [dos piratas ananos] que unha boa mentira piadosa é acotío moito máis excitante ca unha verdade. É coma se se puxese á verdade un vestido bonito.
Así, introducinme nas trece vidas e media do Capitán Osoazul (Un oso azul ten vintesete vidas. Neste libro e nos dous seguintes revelarei trece e media e calarei as outras. Un oso ha de ter os seus aspectos escuros: iso faino atractivo e misterioso), medio disposta a namorarme del. Coido que estou xa disposta por completo e medio namorada.

Ningún comentario :