25.11.04

Historia de Lo
Lo é unha muller que traballa por horas limpando varias casas; traizóana os xeonllos, dóenlle os ombreiros e nota unha opresión no peito e nas costas que a ten preocupada, di que lle falta o aire. Hai nove meses o seu home incomodouse con ela e desde entón non lle fala, só quere tombarse no sofá coas persianas pechadas e mirar na tele casos de maltrato ou asasinato de mulleres da man das súas parellas.
Hai dous meses Lo, cansa das súas negativas, falou cunha avogada para forzar o home a acudir a un especialista da mente (el coida que a esa xente só van os tolos) e nestes momentos agarda que chegue unha carta á casa. Prepárase ante a reacción que poida provocar, pero mantense decidida a seguir adiante caia quen caia.
Lo é unha muller forte, négase a deixar de ir á perruquería, saír coas amigas e aceptar consellos de parentes, as máis das veces críticas nada encubertas por rebelarse contra a súa situación e o poder non escrito do marido. Ela comenta que non se vai rebaixar máis, por moito que os seus parentes llo recomenden; tampouco permite que a asusten con negros agoiros de malleiras ou morte.
Quere vivir de pé malia que a traizoen os xeonllos.

Ningún comentario :