Bela adormecida
Non deixa de ter a súa graza que aos catro anos a miña aspiración fose ser nai e pasear os fillos nos seus carros á beira da miña propia nai cos seus; as dúas paseabamos en amor e compañía comentando as nosas cousas mentres os cativos tomaban o aire. Cando crecín un chisco decateime do absurdo da idea; miña nai sorría ao dicirme: ¿imaxinas?, eu empurraba o carriño onde ti ías e ti facías o mesmo con outro carriño onde ía teu fillo. Unha amorosa cadea, nin máis nin menos.
Vivía na adormecida caverna da nenez onde todo é posible e nada roza o absurdo; tiña catro anos e amaba a miña nai. Os detalles menores carecían de importancia.
Agora o meu adormecemento é diferente, mais ás veces acho de menos esa ignorancia sublime que convertía o absurdo en posible.
Ningún comentario :
Publicar un comentario