27.2.08

Última entrega, e II

Entre os comentarios que lin por aí sobre Harry Potter y las reliquias de la muerte chamoume a atención sobre todo un que se queixaba de que morresen algúns personaxes que nos acompañaran ao longo de case todos os libros. Debía ser alguén bastante novo, supoño eu, para que a morte lle produza tanto desacougo, á parte de que se hai alguén presente na serie é precisamente ela, ou Ela, como se prefira.
Por outro lado, desde o punto de vista literario, non resultaría crible que morresen tantos mortífagos e ningún compoñente do outro bando, sobre todo se temos en conta que estamos perante unha guerra de verdade na que se xoga o dereito a ser libre, entre outros dereitos.
Outro comentarista amosábase moi satisfeito de comprobar que no último libro se vise que a autora tiña todo pensado de antemán, pois detalles que apareceran nos anteriores e non quedaban nada claros ficasen agora desvelados. Pois claro que o tiña todo pensado de antemán! Quen podería dubidalo? A obra está moi traballada, crea un universo particular con toda unha serie de miudezas que contribúen a conformar un ambiente verosímil, case real.
Aos que soltan con desprezo que o éxito das novelas se debe a unha fabulosa campaña de mercadotecnia cumpriría lembrarlles que o despegue e o éxito aconteceron primeiro e só cando estes estaban conseguidos comezou a propaganda e todo o demais.
Confeso que me dá certa mágoa que a serie remate, aínda que tamén me decato de que o tema non daba para moito máis que para repetirse e idear situacións de xeito indefinido, algo que non creo que estivese na mente da autora. Dixo que os libros serían sete e foron sete. A iso chámolle eu coherencia.

26.2.08

Última entrega, I


Só sabía algúns detalles finais desde que saíra o orixinal en inglés, pero resistín a tentación de ler algunha tradución que andaba na rede para non cometer o mesmo erro que co libro anterior. A mañá do día vinteún (si, foi ilegal, e que?) sostiven por fin o meu exemplar, ansiosa por mergullarme na última entrega do neno mago despois de tantos meses de espera.
Desta vez cometín outro erro: devoralo ás présas a pesar de ter un ollo irritado a máis non poder. Pero non hai mal que por ben non veña: volvereino ler con calma para saborealo devagar.
Coma sempre, moreas de sentimentos, acción a ferrados, intriga e tensión a mancheas e un intenso pracer. Quen dá máis?

24.2.08

Abandono


O porto da vila é tan grande que nunca se acaba de descubrir recantos, detalles, escenas... En tempos, cada vez que iamos de vacacións, a paixón de B polo mar levábanos ao noso primeiro punto de destino: o porto do lugar, coma se con ese ritual afastase de si a abafante calor de Auria e a forzosa distancia do océano.
Os enormes barcos amarrados nos peiraos prodúcenme unha intensa sensación de pequenez, coma a que debeu de sentir David perante Goliat xusto antes de lanzarlle a pedra mortal. Onte metémonos por unha zona de barcos abandonados nos que medraban herbas e ramallos e as amarras, cubertas de carriza, amosaban unha soidade un chisco estarrecedora. Desbotáronos porque non serven para nada, pensei, e porén hai algúns en activo case tan vellos coma este. Que sería do seu dono? Por que non os despezan se son ferralla? Por que continúan aí, testemuñas inútiles da actividade humana?

20.2.08

774 en 4

Hai catro anos por estas datas abrín este blog despois de moito pensar. Acababa de instalar internet na casa e aínda non estaba moi tranquila con esta fiestra aberta ao mundo, que se me antollaba non sei que trebello perigoso por descoñecido. Era a ignorancia dos que nos resistimos ás novidades tecnolóxicas por sistema ou polo que sexa, o caso era dicir non.
Daquela os blogs en galego non chegaban a douscentos e o blogmillo (se aínda existe tal) non tiña nada que ver co actual, abranguíase con facilidade e coñecíase a case todos os que tiñan un (por referencias, máis ca nada, no meu caso). Agora iso resulta impensable.
Aínda que non tiña unha idea moi clara de que ía falar (á parte dos libros que lía), si sabía que había dous temas que non quería tocar: a política e a relixión; tampouco desexaba que o meu nome real se coñecese, atraíame o relativo anonimato, a liberdade de poder expresarme sen que se me identificase cunha faciana. Agora iso tanto me ten; á fin de contas, son unha blogueira máis aceptada ou non polo que son, non por un nome.
Que supuxo para min o blog? Sobre todo, compañía no meu (in)voluntario retiro, conversar con xente descoñecida que axiña se convertía en familiar; tamén supuxo escribir case a diario, ás veces reflexionar con calma sobre asuntos que lía noutros cadernos e que antes non me chamaran a atención, asomar a cabeza a outras fiestras que, coma a miña, se abrían aos demais.
A través del coñecín na realidade bastante xente coa que tomei unhas cañas e botei algunhas gargalladas, o espírito da arañeira era solidario e colaborativo e iso para min resultou un descubrimento estupendo. Aínda o é.
Grazas a todos os que pasades por aquí por estar aí.

19.2.08

Colaborando

A avoa Cris convidoume a participar nun conto que ela comezou para continualo despois. Aínda non está rematado, pero a a cousa promete.

14.2.08

A ratiña comelibros


A través de Ferran cheguei a Firmin de Sam Savage animada polo que semellaba unha novela diferente. A editorial que a publicou estreou estratexia comercial en España e está sendo un éxito. Case todas as críticas que lin na rede (algunhas non hai xeito de enlazalas) son positivas e case todas coinciden en destacar que esta obra foi o fenómeno editorial do ano 2007. Eu só podo engadir que gocei moito coa súa lectura, que o personaxe, tan amante dos homes e teimudo soñador, resulta tenro, emotivo, por veces cáustico e en todo momento atractivo, a pesar de ser unha rata pequerrecha e deforme que o que máis desexa é comprender o mundo dos humanos e comunicarse con eles.
Lectura deliciosa, abofé.

10.2.08

Primavera


Cada ano chega un momento en que me digo: "cheira a primavera", e esa sensación tan vívida e real provócame un sorriso interior, a pesar de que durante moito tempo a súa chegada supoñía meses de sufrimento e temíaa como se temen as desgrazas. Agora, por fortuna, non hai montaña rusa grazas á ciencia médica e podo alegrarme sen peros do cambio de estación.
O paseo de Coroso onte bulía de xente camiñando ao sol, de nenos con patíns e patinetes, de cans corricando arredor dos seus donos ou turrando deles coa lingua colgando; o ceo estaba limpo coma unha patena e o mar tranquilo invitaba a un baño; sobrábame o chaquetón e B, sempre amable, cargou con el boa parte do camiño.
Falamos da miña teima nos últimos anos que é facernos cun can igual ao da foto. Dadas as circunstancias, polo momento non é posible, pero estou desexando que se aclare o panorama. Será unha femia, sen dúbida.

5.2.08

Entroido de temporal


Á fin, o temporal foi moito máis suave do que as predicións facían temer e desenvolveuse case todo pola noite, algo moi de agradecer. Saímos durante o día e vimos nenos disfrazados, curiosamente varios bebés levaban traxes de pirata sen formar parte de ningún grupo. Tamén vin unha exipcia e unha cabareteira moi no seu papel cunha longa boquilla semellante a unha que me agasallaron a min hai unha morea de anos. O que máis abundaba, porén, eran as fundas azuis pintadas de cores e completadas con espantosas caretas dos monstros variados e para todos os gustos. Este ano o ambiente nocturno non o cheiramos.
A veciña tróuxonos este mediodía orellas, rosquillas e algo ao que non lle sei o nome pero ten forma de chourizo, aínda que é de pasta e está recheo de pasas. Probarémolo esta noite de sobremesa. Non deixa de sorprenderme a amabilidade desta muller connosco; supoño que lle caemos en graza. Xa nos regalou ovos, touciño e verdura para un caldo e leña e carozos de millo para a cheminea; de cando en vez charlamos un anaco e mesmo teño estado con ela tomando café. Se alguén me chega a dicir hai tempo que me entendería tan ben cunha persoa que me leva máis de vinte anos, cuxa vida foi tan diferente da miña e coa que teño tan pouco en común non o crería posible. Pero así son as cousas, por fortuna.

3.2.08

Sábado: día B


Os paseos baixo o sol do inverno teñen un aquel irresistible, non quenta tanto coma no verán e agradécese a súa caricia sempre e cando non sexa moi longa. A chamada telefónica do home de Maryland, moi preto da praia de Coroso , fíxonos deter a marcha durante un anaco e a B case se lle derreten as neuronas. Nada no ceo facía presaxiar o temporal desta madrugada, malia estarmos avisados. No porto, agás os vendedores que recollían as súas mercadorías, apenas había movemento e os barcos brillaban baixo a luz coma acabados de pintar. B fíxome observar a flota de Aguiño, facilmente identificables polos nomes, todos alusivos á zona, coma se ese lugar fose o máis especial do mundo. O que eu chamo orgullo patrio.
Teño a sensación de que pasamos todo o día camiñando, agás un par de paradas para repoñermos forzas e refrescar a gorxa. E de noite, na cea, o abraio de descubrir un home de cincuenta e oito anos cunha neta de vinte e dous (o fillo maior ten corenta e tres) e que non aparenta máis de corenta a pesar de que estivo embarcado media vida. Agora a súa muller vai ter unha nena e el prepárase para cambiar cueiros e coidar da criatura, algo que non puido facer cos outros tres. Espero que goce desa nova faceta da vida.

29.1.08

Para o "lector"

Non me considero escritora profesional, entre outras cousas porque non vivo do que escribo, algo, por outra parte, case imposible neste pequeno país en que tantas e tan boas plumas se disputan as coroas de loureiro. Ademais, nunca fixen da escritura unha carreira, senón máis ben un desafogo que en tempos me era tan necesario como respirar. Intentei prepararme ben, madía leva, e sigo preparándome, pero iso non implica que xurdan sempre ideas atraentes. Ademais, leo tanto, bo, malo e regular, que con frecuencia teño a impresión de que queda moi pouco que dicir.
Escribir un libro leva tempo e por veces publicalo aínda máis; de feito Vidas exemplares tardou dez anos en ver a luz por motivos que non veñen ao caso.
Ando con varias cousas entre os dedos, pero son unha escritora lenta. Non teño nin idea de cando rematarei algunha e non me preocupa; as cousas saen cando teñen que saír e de nada vale intentar forzar a marcha. Non me xubilei con tanta antelación para cambiar de profesión, senón para procurar tomar a vida con máis calma. Grazas, lector, polas súas amables palabras; déronme moitos ánimos.

25.1.08

Unha familia normal


Por veces divertida, por veces dramática, Un pequeño inconveniente, a última novela de Mark Haddon lese con facilidade e pracer. Non ten nada que ver con El curioso incidente del perro a medianoche, como debe ser, aínda que algúns comentarios que lin por aí parecen translucir no fondo unha especie de decepción por ese feito, algo que non deixa de sorprenderme.
Altérnanse os puntos de vista con axilidade, os personaxes están ben trazados e deixan pouso no lector, as peripecias que atravesan ás veces póñennos un nó na gorxa, outras inquiétannos e outras fannos soltar a gargallada e case en ningún momento decae o interese porque, á fin e ao cabo, se trata de vidas humanas nas que nos podemos ver reflectidos con facilidade.

23.1.08

Meme-Horario

Pásame Mak desde De todo un poco o meme do horario cotián. Dáme un chisco de reparo, a verdade, porque ao pertencer ás clases pasivas e carecer de grandes obrigas, o meu horario é, en certo modo, privilexiado, non coma os dos que deben fichar día a día no seu lugar de traballo. Pero, en fin, chegados a este punto en que xa amosei parte do meu recuncho, deixo fóra pudores e alá vou.
Como Mak, teño días A (de luns a venres) e días B (sábados e domingos).
Os días A érgome sobre as oito, cando B me dá o segundo toque (o primeiro vén do espertador, ao que non lle fago máis caso có orientativo), almorzo e antes das nove levo a B ao instituto. Logo volvo á casa (agás se teño sesión de fisioterapia, os xoves) arranxo o pouco que a saúde me permite (as camas) e saio pasear. Adoito descansar un anaco no Plaza para tomar un té e charlar con Juan. Volvo á casa, miro o correo e os blogs e cociño o xantar. Sobre as doce e media ou unha e media (depende dos días) vou recoller a B ao instituto, xantamos e durmo a sesta. Se non hai que facer compra, ao levantarme métome no estudio a escribir até a hora da cea, que corre ao cargo de B. Lectura até as doce e media ou unha e logo maldurmir.
Hai unha variante os luns, que é cando B ten clase pola tarde: con frecuencia vou ao Plaza (cerrado ao público) a unha pequena tertulia con Tucho e con quen se presente.
Os días B son bastante diferentes, pois érgome tarde. Ás veces imos ao mercado dos sábados, compramos a prensa, xantamos por aí e damos un paseo. Podemos seguir de troula se empatamos con amigos ou ir ao monte recoller leña se o tempo o permite ou volver á casa a seguir o ritmo pousón. Os domingos case nunca saímos e paso case toda a tarde blogueando e escribindo.
Hai variantes, por suposto, debido a imprevistos, ao mal tempo ou ao meu estado de saúde, pero en liñas xerais así son os meus días fóra das vacacións.

20.1.08

O recuncho de verdade

Aínda que a foto está un pouco cegada pola luz das fiestras, este é o verdadeiro recuncho onde paso moitas horas ao día. Vexo ao mar de fronte (e o tellado dunha casa) e do lado esquerdo, máis casas, árbores e monte. Non é o colmo da orde (nin falta que fai mentres me sirva), pero atópome a gusto, máis ca en ningún dos recunchos anteriores, quizais porque teño máis espazo e moita máis luz natural.
Á dereita da mesa do ordenador hai unha parede con andeis de obra no que figuran libros de psicoloxía, autoaxuda, reflexións de pensadores, teoría da arte e literatura clásica, todo un rustrido froito das présas e do tamaño dos volumes, moitas veces pensados para amolar e desbaratar as mellores intencións. No bauliño que está preto da lámpada (por certo, teño que retirala de aí, pois nunca a acendo) hai unha morea de variñas de incenso para escorrentar o cheiro a tabaco, e á beira, unha caixa con disquetes que non me serven de nada, porque este ordenata non ten disqueteira.
Espero que lles guste, sobre todo a Kaplan, curioso de seu.

19.1.08

Parte do meu recuncho

Esta é unha parte do meu estudio, a dedicada á novela negra, aínda que hai elementos estraños aos que non lles atopei sitio mellor por aquilo de manter os autores xuntos. Vaime quedando pequena a pesar de que conto con seis paredes para libros, algunhas non completas porque están as fiestras, necesarias para dar luz aos case corenta metros cadrados que conforman o habitáculo.
Como me din algúns, debería mercar por internet, e fágoo ás veces; porén sigo fiel a un principio que me move desde que teño memoria: dar de comer aos libreiros da vila que me acolleu. Por iso é un pracer ir mercar a prensa e que che diga a libreira erguendo o furabolos: chegou un, e que ese un sexa A pista de area do meu adorado Montalbano ou, mellor dito, do meu adorado Camilleri. E iso a pesar de que ás veces lle daría de sopapos cando de xeito sibilino deixa as mulleres en mal papel (putas, raposeiras, incitadoras ao pecado, manipuladoras e un longo etcétera), pero a provecta idade de Camilleri, o pracer que me reporta coas súas novelas, a súa retranca irrepetible (e logo falan dos galegos), a aparente facilidade con que retrata a sociedade siciliana lévanme a perdoarlle case todo.
Noemí, miña rula, esta é a primeira que se traduce ao galego antes ca ao español. Ou esperas ou a les en galego. Serás capaz?

16.1.08

Relecturas


Volvín ler as tres obras que teño de Petros Márkaris depois de ver en Qué leer que Tusquets acaba de publicar unha novela nova, El accionista mayoritario, promesa de máis doses do comisario Jaritos.
Este grego nacido en Estambul, guionista de cine e televisión coma Andrea Camilleri, imprime un ritmo particular ás súas obras asemade que retrata unha Atenas diferente e moito máis real cá idealizada imaxe soñada polos estranxeiros. Seica non hai demasiada tradición de novela policial en Grecia, de feito só tres autores a practican, e desde a primeira vez que o lin atopei puntos en común co siciliano e diferencias notables cos ingleses, nórdicos e norteamericanos. A pesar de que me gusta o xénero en xeral, recoñezo que me identifico máis cos autores mediterráneos (como di Márkaris), se cadra porque a súa cultura me queda máis preto.

15.1.08

Blog

Un bo amigo abriu blog. Polo momento está de probas pero vai rápido.

13.1.08

Da vida e do desconcerto

Cando era nova coidaba que ao chegar a certa idade a madureza traería un acougo e unha serenidade que daquela era incapaz de sentir, a pesar de que os desexaba máis ca nada no mundo; cada cousa ocuparía un lugar recoñecible, case inmutable; tería aprendido moito sobre o xénero humano e sabería desenvolverme sen atrancos, con naturalidade verdadeira, entre todo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, volveríanse claras coma a auga e, así, o meu lugar no mundo deixaría de ser unha busca permanente que calmase a miña dispersión porque por fin o tería atopado.
Cando era nova soñaba cun futuro de estabilidade, coas emocións xustas para manter a ilusión de sentirme viva, con arelas abondas que contribuirían a facer da existencia un alegre fluír. Tería superado os conflitos que me inquietaban e me desequilibraban, o horizonte estenderíase limpo de nubes e sabería como actuar en cada momento, por moi complicado que se presentase. E sempre, sempre, contaría co refuxio indestrutible de contar historias.
Atópome na suposta madureza, que si me trouxo acougo e serenidade, pero moitas cousas non teñen un lugar recoñecible, e menos inmutable; o xénero humano segue a sorprenderme, mesmo desconcertarme, e por veces non sei como desenvolverme con certo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, flutuan ao ritmo que marcan as mareas e non acabo de ver con claridade cal é o lugar que me corresponde. Os conflitos non superados convertéronse en tolerables e continúo cargando con eles coma un fardo cuxo peso xa non molesta tanto, por aquilo do costume; no horizonte seguen aparecendo nubes que non chegan a inquietarme, aínda que ás veces me sorprendo soprando contra elas sen demasiada convicción, se cadra porque sei que se desfarán en auga cando lles toque, non cando eu queira. E o refuxio que coidaba eterno mantén en ocasións a porta fortemente pechada sen permitirme acceder á chave agachada nun recanto que non acabo de descubrir.
A madureza. Ha. Cómpre seguir vivindo para atopala. A busca continúa.

7.1.08

Así nacen as baleas


Descubrín a Anxos Sumai en Melodía de días usados e gocei coa súa frescura e lirismo, coa súa corrección e espontaneidade, algo non moi habitual nas nosas letras. Recunquei con Así nacen as baleas e volveume gustar, se cadra porque agradezo ler un libro en galego sen erros nin atrancos, ou porque a historia é bastante orixinal, ou porque está ben escrita. En principio non parece prometer nada que non se dixese sobre unha moza que volve á casa e atopa o universo familiar case igual que o deixou, pero neste caso os ingredientes son diferentes, e a novela cobra pulo a medida que avanza.
Merecidos os premios, abofé.

6.1.08

Unha de Montalbano


A estas alturas afirmar que sinto devoción por Andrea Camilleri é bastante superfluo, pois teño falado aquí de moitas das súas obras a medida que ían caendo nas miñas mans. La luna de papel saíu ao mercado hai pouco (setembro de 2007) e lina onte desde á tardiña á noite gozando de cada capítulo, de cada parágrafo e de cada palabra coma se estivese gorentando un pastel de chocolate.
Salvo Montalbano conserva esa retranca tan súa que o leva a ver as cousas desde varias perspectivas, por moi delirantes que semellen; tamén conserva a debilidade polas mulleres e o seu amor á boa mesa, así coma a perspicacia á hora de lidar coa psicoloxía humana sen perder el mesmo nin un ápice de humanidade. Se cadra os seus defectos (ás veces impaciente cos seus subordinados, rosmón, imprevisible para os demais, desafecto ás rixideces da lei) fano máis atractivo aos meus ollos.
Aínda que a propaganda da editorial o describe coma o caso máis turbio do comisario, coido que todos, en maior ou menor medida, o son, de xeito que consegue sorprendernos en cada entrega con reviravoltas inesperadas na trama. Ironía, fluidez, matices inesperados e unha atmosfera envolvente son características do seu estilo impagable, sempre abraiante.

1.1.08

Luciñas

Conservo de cando era cativa o gusto polas luces de Nadal. Ver a cidade engalanada convertía a festa en máis grande e mellor; ollaba marabillada para elas coma se xurdisen da nada para o pracer dos pequenos. Non me perdía ningún acontecemento que tivese lugar por esas datas e, por suposto, acudía puntualmente á cabalgata de Reis na que nunca conseguía pillar un só caramelo. Un ano decateime de que Baltasar era diferente ao do anterior e sentinme moi desconcertada, até que miña nai me explicou que enviaban embaixadores porque eles sós non daban feito.
Ás veces boto de menos aquela ilusión desaforada que me poñía nerviosa até o punto de xurar unha vez que vira a capa de Baltasar saíndo do meu cuarto. Quen me ía chamar mentirosa?
Gocemos das luciñas mentres duren e afastemos a nostalxia da nenez.

21.12.07

Felices festas


Hoxe fomos mirar o belén que o Concello arma todos os anos. Había moreas de figuras, algunhas un chisco chocantes. Unha das escenas que máis graza me fixo foi a da taberna. Habería tabernas en Belén?
Estarei desconectada durante uns días. Que pasedes unhas moi felices festas!

18.12.07

Petra e Fermín

Gústanme as novelas de Alicia Giménez Bartlett protagonizadas por Petra Delicado e Fermín Garzón. Nido vacío é a sétima entrega da serie e un dos casos máis duros e difíciles na súa carreira. Ten o que debe ter unha novela policial e por riba unha sorpresa final na vida da inspectora que, confeso, me puxo cara de parva e un sorrisiño destes de coello que me saen a min.
O tema é o sempre horrible e desagradable a máis non poder da prostitución e explotación infantil, no que os policías se ven mergullados a raíz do roubo da pistola de Petra por unha meniña de menos de dez anos.
Acción, intriga, ritmo por veces trepidante con remansos que non veñen mal e ese humor entre sardónico e brutal que caracteriza o personaxe son os elementos que me levaron a meterme na novela o domingo e rematala o luns. Estou desexando que escriba a próxima entrega.

13.12.07

Frío

Fago uso dos meus xerseis máis grosos para saír á mañá; o frío non é tan intenso coma en Auria pero chégalle e unha capa de xeada cobre os campos verdes e a terra marrón suavizando a intensidade das súas cores. Mentres circulo polas estradiñas locais para levar a B ao instituto vou pensando na fermosura da luz alaranxada que se alonga sobre as casas e paisaxes, en que me espera unha sesión de fisio nas mans sempre hábiles de María (agora, visto o novo informe médico, tamén me colga polo pescozo), un té no bar de sempre e despois un paseo bordeando o porto ou atravesando a vila.
Paso pola libraría e avísanme de que chegou un dos libros que teño encargados, Las saturnales de Lindsey Davis, a cuxa serie son adicta desde o principio. A pesar de que fixen pedidos a principios de agosto, non chegou nada máis e dígolles ás libreiras que se atopo algún na aldea sagrada cando vaia dentro de dez días fareime con el. É o malo de vivir nunha vila relativamente pequena, que non hai librarías grandes nin feiras do libro e que as distribuidoras funcionan daquela maneira.
Agora só me queda rematar o libro co que estou agora (El significado de la noche de Michael Cox), que, por certo, se me está facendo un chisco pesado, para meterme de cheo na Roma de Marco Didio Falco.

6.12.07

Entre a reportaxe e a novela

Aínda que pareza mentira, non lera A sangre fría de Truman Capote até esta semana. Trátase dun relato que parte do asasinato dunha familia de catro membros, os Clutter, a mans de dous individuos que só os coñecían de oídas e que deriva nun bo retrato de parte de sociedade americana.
Inclúe recreación de diálogos (aínda que Capote falou polo miúdo cos asasinos mentres estes permaneceron no cárcere varios anos) e de situacións e cara ao final as análises dos psiquiatras que estudaron a personalidade dos mesmos e as circunstancias do crime.
Gustáronme a prosa áxil e vivaz tan típica de certos escritores norteamericanos de mediados do século XX (e de aí en adiante, dito sexa de paso), a frescura que aínda conserva malia o tempo transcorrido e a tensión narrativa a pesar de que desde o comezo coñecemos boa parte da historia, se non toda.

1.12.07

Sara e Victoria

Da man de Noemí chego a Lista negra de Sara Parestky, creadora da detective privada V.I. Warshawski de quen lera hai algún tempo Sin previo aviso e Tiempos difíciles que non me deixaran grande pegada, pois non volvera facerme con ningún.
Este que nos ocupa introdúcenos nun mundo de vellas vacas sagradas dispostas a defender con uñas e dentes os seus privilexios de clase poderosa, a pesar de que no medio haxa unha investigación de asasinato. A paranoia xurdida despois do 11 de setembro plásmase na persecución dun adolescente exipcio e na invasión da intimidade sen ordes de rexistro nin permisos de ningún tipo. Parestky non aforra censuras sobre este xeito de actuar por parte do FBI e doutras forzas de seguridade.
A primeira persoa narrativa, a linguaxe directa, as frases curtas e a precisión lingüística imprimen un ritmo veloz á novela que se le bastante ben malia algunhas repeticións un pouco irritantes. Recoñezo que case acabo tan esgotada coma a propia Warshawski, que ao longo da obra comenta unha chea de veces o exhausta que está.
As diferencias sociais, os prexuízos e o medo son outros aspectos que quedan abondo ben plasmados. Quedei remoendo algúns ao meu pesar.

27.11.07

De paseo

Recupero pouco e pouco o gusto polos paseos en solitario que tanto me gustaba dar hai apenas un par de anos. Por riba, o médico é o remedio que me ofrece para calmar os meus problemas dixestivos e ir perdendo peso amodiño; non quere que faga dieta nin que tome máis medicamentos dos que tomo, así que me obrigo a vencer a preguiza e evitar escusas como que sopra moito vento (que sopra) ou que me doen os cadrís (que me doen, pero segundo el deixarán de doer). Aínda que hoxe o paseo foi urbano, días atrás fixen o percorrido que bordea a costa e ollei unha morea de barcas faenando. Pillei a estes desde a beirarrúa (había ben unha ducia de pequenas embarcacións), supoño que collendo ameixa, cuns curiosos aparellos de mango moi longo e unha especie de gaiola con reixa no remate. Sinto non poder dar o nome, pero o meu vocabulario marítimo deixa moito que desexar (se alguén o coñece, que me ilustre).
Levamos varios días de ceos despexados e un nordés que arrastra todo o que se lle poña por diante; nas ruelas estreitas que comunican o malecón co interior da vila créanse auténticos tiros que baten forte contra as facianas e remexen cabelos e roupas coma se o mesmo Eolo se aplicase en amosar que a pesar de todo continúa a ser un deus.

25.11.07

Chamar ao timbre

A porta non é gran cousa, apenas unha cancela sólida que non permite adiviñar que hai detrás. Claro que podía asomarme por riba e, poñéndome na punta dos pés, botar un ollo para saber que se agacha detrás dese claro convite a turrar da cadea que faga soar -a saber onde- un timbre misterioso. Pero corro o risco de que alguén me pille in fraganti ou, o que sería peor, me abran a porta sen que eu teña preparada unha boa escusa para explicar o meu acto.
Porque non sempre hai que facer caso dos convites que aparecen aquí e acolá e menos cando non se coñece a xente.
Unha veciña de moi preto tomounos baixo o seu manto protector e agasállanos ovos das súas galiñas, verzas, uvas, carozos de millo e leña. Dicíame que turrara do saco de carozos para levalo até a casa e xuro que o intentei, pero non teño forza ningunha desde que estou enferma. Creo que a boa muller non daba creto á miña febleza e, por riba, engadiu que estaba moi gorda. Xurei polo baixo e reneguei da sinceridade non pedida, pero cómpre recoñecer que me sobran bastantes quilos que, dito sexa de paso, acumulei desde que estou nesta vila.
Cada vez máis vai urxíndome a idea de perder peso. Veremos como o consigo sen poñerme a dieta.

21.11.07

Substituto de Pendergast


Xa teño falado aquí de Douglas Preston e Lincoln Child, creadores do meu adorado Pendergast e doutros libros cuxo protagonista non era el. Atopei por casualidade no centro comercial unha novela xa algo vella, La ciudad sagrada, cuxa figura central é Nora Kelly, unha antropóloga que se atopará co axente do FBI en Los asesinatos de Manhattan. Sérveme para informarme de certas incógnitas que me tiñan intrigada por non o ter lido antes, digamos que a historia previa de Nora e dalgún personaxe máis que sae en posteriores entregas.
Aínda que o comezo non é dos que apreixan a atención desde o primeiro momento, vai gañando pulo e garra a medida que avanza e xa agora me ten o corazón nun puño. Doses de intriga, misterio, aventuras e un toque de fenómenos inexplicables fan destes libros un bo remedio contra a desgana e o aburrimento, amais de unirse unha calidade non despreciable que contribuíu en boa medida ao seu éxito, cando menos nos USA.
Á espera da seguinte entrega de Pendergast (quero crer que a haberá despois de ver como remata a última), resulta estupenda para facer boca.

18.11.07

Sábado de feira


Todos os sábados na vila hai un enorme mercado que ocupa gran parte do porto. Postos de todo tipo (froitas, verduras, queixos, bacallau, chourizos, doces, plantas, bolsos, calzado, roupa interior e exterior, alfombras, apeiros, cacharros de barro, mobles...) espállanse pola explanada para gozo de compradores e curiosos, a xente amoréase nalgúns e pasea polos corredores que se forman, papeis e bolsas sementan o chan e un vai tropezando a cada pouco cos que miran para todas as partes menos para adiante. Onte fomos mercar cenorias para zume (hainas enooormes) e un pantalón que non lle serve para B.
Á parte do pracer que supón escoitar os vendedores pregoar a mercadoría (os acentos son do máis variado que se poida dar), non o menos ler certos letreiros que cantan as excelencias do produto; o máis auténtico que vimos ese día rezaba así: Calcetines a 6 euros la docena. Tres años de garantía.
Aínda que é algo cansado este mercado, sempre resulta divertido deixarse caer por alí, despois ir tomar o vermú e rematar a mañá xantando nalgún mesón uns mexillóns da ría (os mellores do mundo) e unhas luriñas fritidas, regado todo cun viño gorentoso.

13.11.07

Mesturas

Aínda que os luns o Plaza está pechado ao público, con frecuencia Webmaster está dentro e convídanos a un café tertuliano. Case nunca se sabe a priori de que vai ir a tertulia, pero sempre é ilustrativo e agradable andar por alí e informarse de que se coce na vila ou entre os veciños.
Webmaster é, entre outras cousas, home de negocios; eu diría que o bar lle imprime carácter e fai que ás veces non se saiba se sobe ou baixa a escaleira; a pesar diso a min resúltame un amigo fiable.
Vai cumprirse un ano da apertura do Ateneo Valle Inclán na parte de arriba do bar, un local non moi grande pero xeitoso, cunha biblioteca que medra e medra sen pausa, onde se organizan actos variados, desde presentacións de libros e exposicións a charlas-coloquio ou charlas a secas. Non recibe subvencións de ningún tipo (nin falta que lle fai), acolle a todo aquel que teña algo que dicir e dálle certa vidiña á vila. Porén, hai a xente que lle parece mal a iniciativa de Webmaster e critícao sen achegar nada construtivo por ter aberto o ateneo, só polo afán de rexoubar. Son os menos, quero crer, porque en xeral nos actos case sempre hai cheo.
A miña pregunta é por que as iniciativas deste tipo, claramente positivas, provocan este tipo de reaccións que me lembran tanto ao can do hortelán?

10.11.07

Novela de suspense

Aínda que non todas as novelas de José Carlos Somoza teñen o mesmo nivel (das que lle lin, La caverna de las ideas segue parecéndome a mellor), esta consegue sorprender de novo o lector pola orixinalidade da trama (marca da casa), o ritmo trepidante, os recursos variados que o autor emprega na súa construción, a diversidade de tipos humanos que desfilan perante os nosos ollos, a corrección lingüística e o(s) tema(s) que trata cunha fluidez envexable. Vémonos metidos nun mundo futurista que imos comprendendo pouco a pouco, como debe ser, e que sorprende e repele a partes iguais. De fondo unha estraña biblia de cuxos capítulos hai crentes capaces de facer cousas extraordinarias e un non crente que quere vingarse e buscar a verdade.
Saín do seu influxo magnético mergullándome noutro libro bastante diferente pero non menos fascinante: La muerte lenta de Luciana B de Guillermo Martínez, o mesmo que me marabillou con Los crímenes de Oxford hai xa un par de anos. De lectura doada e riqueza lingüística, a trama atrapa desde o primeiro momento e lévanos a oscilar entre a delirante versión de Luciana e a de Kloster até chegarmos a un remate abondo inesperado. Tanto unha coma outra son moi recomendables.

6.11.07

O meme das oito cousas

Chégame outro meme da man de paideleo. Trátase de poñer oito cousas, as que sexan, e falar delas. El, por exemplo, falou de oito países aos que lle gustaría ir; outros puxeron cancións, actitudes ou momentos en que se sentiron ridículos. Eu vou poñer oito cousas que xurei algunha vez non facer nunca e que o decorrer da vida me levou a elas.
1.- Dar clase. Daquela era eu moi arrebatada e moi de ideas fixas. Coidaba que o ensino non era para min porque non me gustaba xulgar nin dicirlle a ninguén o que tiña que facer. Mal sabía eu que esa actividade implicaba bastante máis ca iso. Serviume para aprender moito do xénero humano e de min mesma e coñecer xente estupenda coa que hoxe sigo en contacto.
2.- Ter internet na casa. Aínda hoxe me pregunto por que era tan reacia a abrir esta ventá ao exterior. Sospeito que a miña desbordada imaxinación me facía temer que unha man saíse de súpeto da pantalla e me apreixase a gorxa. Delirios.
3.- Abrir un blog. Cando Cesare me falou deles, rexeitei de entrada a posibilidade de meterme neste mundo. Parecíame unha indiscreción escribir un diario público. Cousas veredes.
4.- Facer crítica literaria. Outra vez o meu desgusto a xulgar os demais. O mesmo home de antes meteume nesa leria e, aínda que el tirou a toalla, eu sigo na brecha intentando atoparlle o lado positivo. Espero verllo algún día.
5.- Expoñerme á opinión pública. Que estupidez, verdade?, porque sempre, sempre estamos expostos ao que digan os outros. Pero así era eu.
6.-Non depender de ninguén para nada. Outra estupidez máis. Na vida todos dependemos de todos dalgún xeito e no meu caso as enfermidades e a xordeira fanme dependente, sobre todo de B que vive comigo.
7.- Vivir no rural. Para unha urbanícola coma min todo eran desvantaxes: comunidades moi cativas, intromisións alleas na túa existencia, incomodidades mil... Menos mal que a realidade vai cambiando co tempo e nós con el.
8.- Presentar un libro. Non é unha actividade que me encante, pero cando menos son capaz de levala adiante sen poñerme demasiado nerviosa. Eu pensaba que o labor dun autor remataba cando remataba de escribir o libro. Outra vez a vida encargouse de ensinarme que estaba equivocada.

Debería pasarlle o meme a oito persoas, pero prefiro que o faga quen queira se quere.

3.11.07

Panorámica


Non deixa de ser unha mágoa que vaias onde vaias e por moi fermosa que sexa unha paisaxe atopes bolsas de plástico, papeis e restos indefinibles e variados que dan a sensación de que todo o mundo é un amplo vertedoiro de lixo. A maioría vén arrastrada polo vento, pero outra parte guíndana in situ os visitantes que non se fixan, non se decatan ou lles resulta totalmente indiferente deixar a súa pegada onde non debería quedar.
A pesar de todo, chega un momento en que intentas abstraerte e ollas ao lonxe, ao horizonte ou a calquera outro punto da distancia para non fixarte no que tes diante mesmiño do nariz.
Para iso están servíndonos estes días que empregamos en visitar os arredores: para constatar que o ser humano non pode evitar unha das facetas máis deplorables da súa condición.

1.11.07

Collendo piñas

Moi preto da casa hai un monte ao que imos de cando en vez pasear ou recoller leños e piñas para a cheminea. A espléndida tarde de hoxe empregámola nas piñas e nunha pequena excursión a un miradoiro que queda preto do instituto de B. Víase toda Ribeira, a illa de Ons, as Cíes, Ogrobe e Cambados e cativos lugares con nome propio que temos pensado percorrer noutras ocasións.
O monte estaba menos tranquilo ca outros días, pois no medio del érguese un cemiterio e moita xente acudiu para levar flores aos seus defuntos; os coches sucedíanse pola estreita estrada que nos leva cada día ao instituto; o sol filtrábase polos troncos dos piñeiros dándolle ao monte un aspecto algo inquietante, asemade que fermoso; o arume seco sementaba o chan e dificultaba a camiñada, pois é doado esvarar en calquera momento.
Había moreas de piñas por todos os lados, apetecibles coma froitas maduras, e enchín unha gran bolsa coas que me saían ao paso.
Ao adentrármonos no monte os ruídos esvaecen,
e tes a sensación de estar só no mundo, coma se todo desaparecese e foses ti o único ocupante. A miña xordeira impedíame escoitar os berros do campo de fútbol próximo, os rumores dos motores dos coches que pasaban, algún que outro chío de paxaro. Sei que os había porque B, fiel transcritor, me ía dicindo o que os meus oídos non captaban.
Mágoa non ter unha cámara mellor para reflectir con maior exactitude o que viron os meus ollos.

30.10.07

Convite

Convídame Noemí a baleirar dez dos meus odios. Confeso que os teño moi atemperados, que se me chegan a facer este convite hai uns anos, case seguro que non me chegarían dez; en fin, que agora non é o que era, que o verbo odiar soa moi forte...; pero xa está ben: imos aló.
1.- A prepotencia, pedantería e abuso dos que se compracen en deixar moi claro que teñen razón e que os outros están equivocados ou de que son máis ca ninguén ou de que lles está permitido todo por ser quen son. A pesar de que hai matices entre eles, todos son igual de aborrecibles.
2.- A violencia gratuíta, sexa física ou psicolóxica, pois non persegue outra cousa que causar mal sen motivo, razón nin provocación. Para min é inxustificable.
3.- A condescendencia insultante con que algúns tratan os seus semellantes, coma se estes fosen indixentes intelectuais e non coñecesen nada da vida.
4.- Os ignorantes que perseveran na súa ignorancia e non se molestan en aprender. Teño relativamente preto algún exemplo e fuxo del coma da peste.
5.- Os chistes verdes, homófobos, raciais e machistas que non teñen ningunha graza por máis que o intenten.
6.- A envexa que dexenera e se converte nun pretexto para difamar e insultar. Nalgúns blogs hai unha chea de exemplos en comentarios amparados no anonimato.
7.- Os amargados que querendo ou sen querer intentan contaxiarche a súa amargura, e máis se se dedican ao ensino, pois nunca serán capaces de ver o lado positivo de nada nin poderán axudar a que agromen os valores que agachan os seus pupilos.
8.- Os manipuladores que pretenden conseguir algo doutros por medios indirectos e sibilinos, sen dicilo con claridade e sen dar nunca ou case nunca a cara.
9.- A mala educación en todas as súas vertentes, desde a que se ampara na sinceridade (malo cando alguén empeza con aquilo de"eu sonche moi sincero, así que..."; a saber que sairá de aí) á dos pais que non se molestan en controlar nin educar os seus fillos, non vaia ser que se traumaticen (uf!, que dano fixo certa psicoloxía pretendida moderna).
10.- Calquera tipo de discriminación.

Quen se anima a baleirar os seus?

27.10.07

Relatos

De A.S. Byatt merquei hai anos Posesión que gañara o premio Booker en 1990 e que lle deu a fama e a posibilidade de dedicarse á escritura a tempo completo. Este libro non fun capaz de rematalo ningunha das dúas veces que intentei lelo, se cadra porque non era o momento para el, mais quedoume a sensación de que a escritora sabía moi ben o que facía. Agora, El libro negro de los cuentos esvarou polos meus ollos coma auga que deita unha fonte sen ningún esforzo, con moita emoción e cunha especie de abraio ante a mestría da autora. Os cinco relatos, moi diferentes entre si en canto a temática, teñen en común unha fluidez narrativa, non exenta de complicación, que nos vai mergullando nunhas historias por veces máxicas, por veces dun estraño realismo arrepiante, sempre sorprendentes. Se queredes saber máis premede aquí.

25.10.07

A rosa

A roseira está plantada ao pé da fiestra da cociña para poder ir vendo os seus progresos a medida que medre. Non é moi xenerosa dando flores, case seguro que porque aínda é cativa e fáltanlle folgos abondos para iso. Escollémola pola cor, vermella intensa, e o recendo -delicioso- que prometía a etiqueta; malpocadamente a perdín e ignoro o seu nome.
Esta flor é a primeira que deu este outono, hai apenas uns días que a pillei así de espléndida, cando aínda non chovera e non empezara o nordés a soprar con furia. Nesta vila case sempre sopra vento pois está moi despexada, atópase na boca da ría e non a rodean grandes montes que freen a entrada de temporais e vendavais; na aldea onde nós vivimos, moi moi preto do centro e do mar, o vento sopra aínda máis forte e ás veces saír da casa require un esforzo non só mental. Onte volveu o vento fresco para lembrarnos que por fin chegou o outono.

24.10.07

Finlandia



Non coñecía a Arto Paasilinna nin nunca lera nada de ningún finlandés. Estreeime con Delicioso suicidio en grupo do que vin por algún comentario que case fai superfluo este post. O tema converte esta novela nunha novidade e a retranca do autor é moi de agradecer; quizais non houbese outra maneira de tratar o asunto ca con humor, boas doses de ironía e moito desenfado. Non provoca gargalladas pero si sorrisos cómplices asemade que amosa unha sociedade bastante diferente da que eu apenas tiña unha vaga idea.
Recomendable.

23.10.07

O colega de B

Pregúntome acotío por que B atrae a tipos tan estraños coma A, aínda que sospeito a resposta: sabe escoitar. A é un deses elementos que, coa escusa de ser xenuínos, solta pola boca todo o que lle cruza a cabeza sen pararse a pensar nin sequera un segundo se resulta conveniente ou inconveniente, se pode molestar ou se é razoable ou tan só unha boutade coa que provocar o persoal. Fala moito, moitísimo, mesmo interrompe cando ti estás contestándolle unha pregunta, e a maior parte do tempo dedícase a queixarse de que non ten amigos -amigas sobre todo-, de que as mulleres se lle resisten; non entende que cos seus atributos as relacións con elas non lle duren máis ca unhas poucas semanas no mellor dos casos; despreza todo o divino e humano (a relixión, o galego, o feminismo, a xente comprometida cunha causa, a familia, a xente gorda...) e deixa moi clara a súa postura diante de calquera, aínda que o acabe de coñecer.
Non sabe estar só na casa vendo un filme (a pesar de que lle gusta o cine), lendo un libro ou pasmando tan ricamente; enche o seu día a día con multitude de actividades que, porén, non lle achegan benestar; ignora que a fin última dun paseo é o propio paseo, non chegar a ningures; sofre dun eterno descontento, e sospeito que ten un grave problema consigo mesmo.

20.10.07

Sol

sol
Sospeito que todo o mundo está abraiado cos meses de setembro e outubro que gozamos, máis semellantes a irmáns serodios de xullo e agosto ca aos primeiros fillos do outono. Durante a semana vexo a diario o amencer desde unha pequena subida do camiño cara ao instituto de B e, cando imos con tempo, paramos preto dos colectores de lixo para botar unha ollada con certa calma e quentar a alma para o resto do día. Logo, a min agárdame unha mañá libre que ás veces ocupo en camiñar pola vila e deixarme impregnar do recendo a mar que me chega desde calquera punto, o que me fai experimentar unha especie de euforia difícil de comunicar. Que diferente dos temporais do ano pasado! Que agradable!
Os tomates madurecen ao sol e colleitamos case cada día un ou dous que saben de verdade a tomate. É a primeira vez na vida que como froitos do meu propio horto e a sensación resulta curiosa: unha mestura de satisfacción e asombro que se dilúe na boca despois de ter pasado polo nariz e as mans.
A vista, o olfacto, o gusto e o tacto: catro sentidos dos que podo gozar con plenitude. O oído, grazas aos aparellos, vai defendéndose.


Imaxe tirada de aquí.

18.10.07

Máis lecturas

Por recomendación de Torredebabel fíxenme con El enigma de París de Pablo de Santis, flamante gañador do premio Planeta-Casamérica de literatura iberoamericana, convocado por primeira vez. De lectura bastante doada e baixo a forma de novela de detectives, está ambientada no París da exposición internacional de 1889, cando se está construíndo a torre Eiffel. Os doce detectives máis importantes do mundo reúnense tamén para amosar as súas habilidades baixo a forma de obxectos que mellor signifiquen os seus métodos. Un deles morre asasinado. Falan moito de enigmas e eles mesmos, por veces, semellan outros tantos enigmas.
Por unha entrevista que lin en Biblos merquei O soño da febre de Miguel Anxo Murado de quen xa lera un libro de ensaio ambientado en Tokio que me sorprendera gratamente. Nestoutro, a partir dun suceso verídico (a febre que o autor padeceu no Cairo), preséntanos unha serie de relatos cuxo protagonista é a febre e nos que por veces non se sabe se o acontecido é froito dunha alucinación ou é real. A pesar dalgúns erros lingüísticos, eses que tanto afean a prosa de calquera, a súa lectura resulta agradable, lonxe de malabarismos e escuridades, mais non de calidades literarias.

13.10.07

Arthur & George II

Estou rematando o libro de Julian Barnes tras superar o desacougo que me produciu o acoso ao que someten a George, o que me dá idea do ben presentado que está este tema na novela, porque se non fose así non conmovería nin conmocionaría. Pero esa non é máis ca unha parte, necesaria para entrar en fariña, que preside toda a obra, pois é o que desencadea a participación de Arthur na trama: buscar a verdade, procurar que se corrixa e compense un erro xudicial.
Plásmase moi ben o que era sociedade postvitoriana inglesa, a historia case folletinesca de amor de Arthur (sir Arthur) e Jean, a obsesión de George por rehabilitar o seu nome e poder seguir exercendo a súa profesión, todo adubado cunha prosa rica e fluída na que abundan os cambios de rexistro e unha caracterización dos personaxes que se produce case sen sentir.
Ten razón Arume cando se refire ao autor coma o mestre Barnes.

9.10.07

Arthur & George

Empecei por fin este libro de Julian Barnes do que tantas cousas boas escoitei e lin. Aínda non cheguei á metade e, á parte de que está ben escrito e iso sempre é un pracer, teño que confesar que o tema me pon nerviosa. Un acoso de tal calibre é un dos peores pesadelos que lle poden pasar a ninguén. Veremos se podo abstraerme del e centrarme na escrita. Véxoo difícil.

Número trabucado

Estou máis que farta da axencia de Sito. Que corrixan o número de teléfono xa!

6.10.07

Espécimes

A cantidade de tipos curiosos que hai nesta vila daría para encher un libro ao estilo de Cunqueiro. Non coñezo as interioridades de ningún dos que me chaman a atención, pero a capacidade de suxerir do seu físico aguza a miña imaxinación. Xa falei do pegureiro de vacas, que me segue inspirando un feixe de fantasías, por veces algo delirantes; estes días atopei un iluminado que anda de acá para alá con ollada perdida tras uns lentes non moi grosos, aborda señoras e onte ía a fume de carozo polo malecón adiante, igual que se perseguise unha avelaíña invisible. Tamén o fumetas pasea decote co pito entre os beizos coma se ese fose o traballo máis importante da súa vida; pequenote e nervudo, camiña cunha axilidade insospeitada para os seus anos. O bolecho (e hai moitos que sobrepasan o peso ideal) non ten un aspecto agradable, quizais porque padece unha enfermidade que o pon malísimo cando bebe unha copa de máis; anda amodo con mirada que non perde detalle e unha séntese analizada con lupa cada vez que pousa os ollos con desgairo. A desinhibida é unha muller aínda nova que arrasa alí onde entra; fala alto, moi alto, coñece e saúda a todo o mundo, viste á moda e parece saber máis do que aparenta.
Hai máis, bastantes máis tipos curiosos. Diríase que se xuntaron todos aquí. Ou será a miña ollada a que os converte en espécimes dignos de análise? Pode ser, pero en ningún outro lugar tiven unha sensación tan intensa de que cada persoa é un mundo por explorar.

5.10.07

Curiosidades

Preme aquí para ver como as gastan os escritores.

3.10.07

Re-lectura

Á espera de que se dignen traducir a última de Harry Potter, releo Harry Potter y el misterio del príncipe case coa mesma emoción da primeira vez, pero cunha diferenza abondo substancial, pois agora voume fixando moito máis nas técnicas narrativas que emprega a autora. Dosifica moi ben a intriga, a atmosfera está ben lograda grazas aos detalles e ás descricións, os personaxes medraron o seu e algúns adquiriron máis peso e protagonismo e, en xeral, a prosa fluída e os acontecementos que se suceden con naturalidade converten esta relectura nun pracer.
Cada vez entendo menos os detractores dunha serie que conseguiu que máis de trescentos millóns de persoas lesen, aínda que podo facer un esforzo se penso na envexa ou na simple mala baba. Porque a autora, ninguén o pode poñer en dúbida, triunfou de cheo con esta serie e iso algúns non o levan moi ben.

29.9.07

Outono

outono

As primeiras chuvias do outono teñen algo especial, coma se a Natureza decidise tomar unha ducha e quitar con ela o po das últimas calores do verán. O vento azouta os piñeiros que se ven desde a fiestra do meu estudio e empurra en refoladas a auga que bate case con saña nas paredes e tellados das casas.
Gústame esta estación, as cores ocres coas que tingue as follas das árbores, os castaños e amarelos que dan unha luminosidade distinta ao ambiente, o fresco que obriga a usar roupa de máis abrigo, as tardes de lectura no sofá cunha mantiña sobre as pernas, algún ocasional lume na cheminea, o arrecendo da terra mollada... Non é hoxe, por riba, cando gañamos unha hora?

Actualización: Non, non é hoxe.


Imaxe sacada de aquí.

25.9.07

Novela de suspense

Acabei La promesa de Harlan Coben, de quen xa lera outros libros. Aquí retoma o protagonista doutras historias, Myron Bolitar, antigo xogador de baloncesto retirado por mor dunha lesión e representante na vida cotiá. É o primeiro desta serie que chega ás miñas mans.
Despois de escoitar a conversa entre dúas adolescentes fillas de amigos, failles prometer que, de algunha vez atopárense de noite lonxe da casa e cun amigo que pretende conducir bébedo, o chamen a el, que as recollerá onde lle digan sen facer preguntas. Ao cabo duns días unha delas lémbralle esa promesa ao telefonalo de madrugada, el vaina buscar e déixaa onde ela lle indica, nunha rúa sen saída. Logo desaparece. A busca de Aimee é o motor da novela.
Aínda que ten momentos cara á metade en que parece decaer, a tensión mantense bastante ben ao longo da historia até chegar a un final bastante sorprendente (case coma se o autor sacase un coello do sombreiro), pero que non desmerece do conxunto.
Algúns dos personaxes son ben curiosos, outros excéntricos e case todos están caracterizados de xeito xenuíno; o estilo, como é típico neste campo, resulta fluído aínda que por veces a tradución chíe un chisco.
O autor, por certo, ten web.

23.9.07

Probando, probando

agonía
Había ben tempo que non subía unha foto, entre outras cousas porque perdera de vista a conta de flickr e porque os apuntamentos técnicos estaban gardados nunha carpeta que non abrín desde a mudanza; hoxe decidín refrescar memoria e dedos con esta foto tomada na miña anterior vivenda; é unha pasionaria que saíu tímida ou está morrendo? Púxenlle agonía porque máis ben me parece o segundo. Trouxemos a planta connosco e xa deu flores que fotografei, aínda que debo retomar a práctica e poñerme ao día. Quizais Webmaster poida botarme unha man. Seguro que si. ;)

22.9.07

O cerebro

Sempre me interesou o funcionamento do cerebro, quizais por saber que nel se atopa todo o que nos rexe, desde o cativo movemento dun dedo até un tic nervioso que non podemos controlar. Por iso fun á charla que tivo lugar onte no Bar Plaza de Ribeira, esperando que me dixesen algo novo, descoñecido ou simplemente que me sorprendesen. Aturei unha hora entre o rebumbio dos que estaban a outras cousas, as súas, pero o actor puido comigo. Os profesores non necesitaban o apoio dun actor para amenizar o acto, pois eles abondaban para darlle graza a esta exposición divulgativa.
Non resisto os chistes fáciles que acoden ao sexo para facer rir, seméllanme dun mal gusto indescritible, e o actor caeu no doado aludindo á vulva raquídea no canto de bulbo raquídeo porque na fala todo se confunde e os xogos de palabras desgraciados veñen de seu. Cativa fantasía é a que recorre a estas bromas para min fóra de lugar. Non cómpren para nada nunha charla distendida e amena.
Non asistín á segunda parte, claro; o actor espantoume, pero supoño que sería entretida cos xogos visuais que tiñan preparados, todos os que vin de esguello éranme familiares. Demasiado balbordo para min.

19.9.07

Comeza o curso

A mañá aínda non acabara de espreguizarse cando subín a persiana da cociña; a raia avermellada do horizonte anunciaba un día despexado e claro mentres preparaba o café e poñía a mesa para o almorzo. Había tanto tempo que non me erguía tan cedo que case esquecera o fermosas que poden chegar a ser as luces e sombras das mañás. Guiei moi amodo polo camiño salferido de arume que leva ao instituto e ollei o mundo coma se o contemplase por primeira vez; un corredor solitario, dúas mulleres paseando, un home maior cunha bolsa, un par de coches... Parte da vida. Deixei a B ante a porta co seu novo dicionario de grego e dirixinme á vila para seguir vendo partes de vidas.

16.9.07

Gadus morhua

Chámase así un restaurante no que ceamos onte cuxa especialidade é o bacallau. Non o descubrimos antes por non estarmos atentos e, se cadra, pola súa situación, enfronte do Grupo escolar, nunha casiña baixa das de toda a vida, algo afastada da morea de establecementos de comidas que pululan no Malecón e nas súas proximidades.
O carpaccio de polbo estaba rico, pero o prato estrela -bacallau con cabaciña, setas e espárragos verdes, máis un par de patacas- resultou unha revelación, e iso que eu non son moi amante deste peixe. Acompañámolo cun Pedrosa ben saboroso que baixaba só. De sobremesa, unha crema catalá compartida ben diferente das que aparecen xa feitas en recipientes de barro, e de remate un café de Kenia que me soubo a gloria.
A pesar de que a decoración do local non me encantou, o ambiente era agradable, sobre todo porque gran parte da noite estivemos sós; vantaxes de ir cear cedo. Moi, moi recomendable.

12.9.07

Microrrelatos

Por se a alguén lle interesa, convócase un concurso de microrrelatos moi apetecible. Premede en actividades. Quen se anima?

10.9.07

A tele

Hoxe veu a tele galega á casa para gravar unha entrevista da que sairán ao ar unhas escenas; o programa é deses nocturnos que poñen a horas prohibitivas, Libro aberto, e o tema vai sobre blogs de escritores. Escolléronme por veterana, pois este blog comezou a andar en febreiro de 2004, pero logo lembrei que o primeiro blog de escritor declarado (eu vou de medio anónima, aínda que as novas corren que voan) foi Cabrafanada, a bitácora de Fran Alonso, da que falei con Cesare cando me iniciaba neste mundo, daquela para min descoñecido.
Remisa como era a ter internet na casa, faime graza (e non é para menos) o enganchada que estou agora ás bitácoras, que leo con fruición e non só as que figuran enlazadas aí á esquerda, senón que de leoeosseus, a pícara de Allegue ou Brétemas (que teñen unhas listaxes ben longas) saltarico de aquí para alí e coñezo novos mundos. Tamén, desde que descubrín o blog de Rafael Reig, introdúzome noutros ámbitos, algúns ben curiosos e interesantes. Un que passava, do amigo Ferran, bibliotecario para máis datos, sérveme para practicar o meu cativo catalán, do que apenas lembro indicacións de cando estudaba filoloxía, aló na aldea sagrada, a miña pequena patria.
A entrevistadora e o cámara foron o colmo da amabilidade e, por riba, ao rematar o encontro, este último informoume de que a súa muller e eu estudamos filoloxía ao mesmo tempo, aínda que eu, madía leva, son maior ca ela, non en van pasei os cinco anos anteriores na facultade de historia. O que son as cousas e que cativo é este mundo.

9.9.07

Cada vez menos

O venres pasado tivo lugar un novo acto no Ateneo Valle-Inclán; desta vez faláronnos dos apelidos en Ribeira, aínda que o relator non se centrou só nos da vila e aludiu a moitos outros galegos e portugueses, en gran parte comúns, como é lóxico.
Este é un tema que me atrae moito; en xeral todo o que teña que ver coa onomástica e os topónimos me interesa, por iso decepcionoume un chisco que non se afondase máis nas cuestións das orixes e significados, e bastantes cousas que alí xurdiron resultáronme máis que coñecidas.
Agradeceuse a humildade do relator, aínda que non cumpría repetir tanto que non era filólogo, pois para dominar un tema non fai falta ter título ningún, senón curiosidade e afán de informarse.
Chocoume, iso si, que houbese tan pouca xente. Parece que ímpeto e o interese iniciais que levaban a encher o ateneo de xente con ganas de cultura vai dando paso a esa canseira tan típica dos que se senten á volta de todo. Tamén pode ser que o bo tempo empurre a xente ás terrazas e praias (B, por exemplo, non quixo perder o baño vespertino e alí quedou), pero non deixa de resultarme algo sorprendente o fenómeno, e máis se temos en conta o atractivo da charla. Ou non é apetecible afondar nas raíces da árbore da que vimos?

6.9.07

Mamá

Atopei a mamá bastante ben dadas as circunstancias; prestoulle o mes pasado en Hércules entre baños diarios na piscina, visitas aos seus sobriños-netos, feiras do libro e paseíños ao seu ritmo (xa sobrepasa os douscentos metros que antes a esgotaban). Fala moito de meu pai, do seu, da súa nenez na zona republicana e da súa mocidade na posguerra, temas estes últimos que ocupan boa parte da súa locuacidade irredenta. Entre as súas recentes teimas está a de procurar libros do meu avó, desaparecidos case todos despois da guerra civil, non tanto pola temática (política e economía sobre todo) canto por razóns sentimentais. Sospeito que lle custará dar con algún nas librarías de vello, aínda que hai uns anos a piques estivo de conseguilo; por unhas horas quedou sen un, vendido en oito mil pesetas a un descoñecido herculino a últimas horas da mañá.
Como sigo con probas e consultas, volveremos a semana próxima a despedir a tempada e non me estrañaría nada que xa tivese rematado o cadro do que nos amosou o boceto esta mañá. Espero que nunca perda as ganas de actividade.

4.9.07

Game over

Game over é o título dunha novela de Santiago Lopo que Biblos mandou de agasallo o anterior bimestre. Lera o comezo da mesma na páxina do club de lectores e gustoume a frescura da prosa e o tema, até o punto de que foi a obra do pedido que con máis ganas agardaba.
Breve, de estilo fluído, cunha intriga ben argallada, absorbente e bastante orixinal, tragueina dunha sentada antonte pola tarde, pero quedoume a sensación de que lle faltaban páxinas. É dicir, fíxoseme curta.
Claro que nestas novelas por entregas as regras fixas son inamobibles: os capítulos deben ter un número de caracteres determinado, non poden pasar de trinta e un capítulos, a acción, xa que logo, ten que estar concentrada... Quizais por iso mesmo me gustou máis: imaxino o esforzo do autor por non deixar voar a pluma e centrarse no choio. Espero a súa seguinte entrega con expectación.

1.9.07

Praias

Desde cativa todos os veráns ía á praia coa familia. Gustábame xogar na area, pasar o día sen vixilancia, bañarme até case converterme nun peixe e coñecer outros críos cos que compartía as horas.
As de Compostela e as Sinas son as primeiras das que gardo memoria e por veces véñenme refoladas de lembranzas, case todas alegres. Riazor vina cambiar ano tras ano, até converterse en algo imposible. Xa con B fun ás de Baltar e Montalvo, onde temos pasado horas e horas de sol, bocatas e froita; tamén acudimos a Lapamán e Agrelo, até que decidimos cambialas polas de Viveiro e Ribadeo, fartos das aglomeracións que sufría a provincia do sur.
Cando vivimos en Vila Real paseabamos moito por Ladeira, sobre todo no inverno; a pesar das algas que a ateigaban case todos os días, era unha boa praia carente de risco. Logo, en Nigrán, B chegou a collerlle algo de noxo a Praia América, onde resultaba imposible poñer un pé nos meses do verán. Grazas que durante o resto do ano estaba á nosa completa disposición. Por fin, onte fomos por primeira vez á famosa praia do Vilar co seu estupendo parque para pasear. Gustoume que non se permita o acceso aos cans, que haxa vixilantes para que a xente non deixe o coche en calquera lugar non permitido e a terraza do bar onde pasamos un anaco tomando cervexa e olivas.
Agora non me entusiasma a praia; entre que a auga está demasiado fría para min e non podo bañarme, que desenvolvín alerxia ao sol e que me amola pringarme de area, prefiro deixar a B a pé mesmo do mar e agardalo comodamente cun bo libro e unha bebida fresca no bar máis próximo.
Ao Vilar volveremos durante o inverno a pasear, cando marche toda esta xente. Seguen sen gustarme as aglomeracións.

30.8.07

Herbas

O cilantro ou coriandro é unha planta semellante ao pirixel, pero achega matices diferentes ás comidas, quizais por ese leve resaibo a limón que deixa aló no fondo. Hai tempo que B o plantou á beira da porta da cociña e hoxe, xa seco, estiven recollendo as bólas que, metidas nun pequeno muíño deses de pementa, servirán para condimentar pratos futuros. Foi unha tarefa que me fixo lembrar o tempo en que axudaba a mamá a sacar as burbullas dos tarros da marmelada antes de cocelos para crear o baleiro. Tempos aqueles preñados de inocencia!
Pola mañá tiven sesión de fisioterapia con María, a miña fisioterapeuta desde hai case un ano. É unha muller nova, animosa, entusiasta, de bo carácter e, sobre todo, unha excelente profesional que acrecenta a súa sabedoría con cursos a cada pouco. De todos os especialistas por cuxas mans levo pasado (e xa van uns cantos), esta é da que non podo falar máis ca marabillas, a pesar de que algunhas sesións poidan facer pensar en algo semellante a unha cativa tortura. Inevitable, claro, depende do día.
María aconséllame con ese seu sorriso verdadeiro que pasee (a min que nunha época non tan remota fixen do paseo un ritual cotián de doce ou catorce quilómetros) sempre que poida aínda que me doia, malia que nos últimos tempos ando un pouco baixa de máis e lle perdese o chiste ás camiñadas solitarias. Porque antes me gustaba camiñar en soidade, comigo mesma, pero agora algo cambiou. Por que cambiou? Chi lo sa?.

28.8.07

Outro concurso

Esta vez de fotografía. Preme sobre o cartel para ver as bases.

26.8.07

Mundodisco

Teño escrito máis dunha vez sobre Terry Pratchett, o creador dese disparatado Mundodisco onde case todo é posible. Din por aí que as novelas desta serie son altamente adictivas, que o momento ideal para ler algunha é despois de estar mergullado nun libro considerado "serio", que non todas posúen a mesma calidade (madía leva!)...
Conto cunha reserva abondo nutrida que vai minguando segundo o capricho da lectora. Desta vez enlacei dúas seguidas; tras Guardias! Guardias? (estupenda sátira sobre o poder de todas as cores), metinme con Dioses menores que, entre bromas e veras, nos introduce no complexo mundo das relixións e os seus fanatismos.
A capacidade de Terry Pratchett para sorprender resulta asombrosa; a súa ollada irónica esténdese por tantos aspectos da existencia que se diría que nos atopamos ante un taumaturgo que todo o coñece. Mundodisco cobra vida en cada entrega, recréase un universo multifacético, diferente e semellante ao real, onde podemos ver desde os caducos magos da universidade invisible até ao máis insignificante vendedor ambulante experto na arte de sobrevivir.
Por riba, están ben escritos.

22.8.07

Concurso

Chégame un correo pedíndome colaboración para difundir a convocatoria dun concurso literario. Os interesados poden premer aquí e, unha vez no blog, volvelo facer sobre as letras que bailan para ver as bases.

18.8.07

Crise

Unha crise de fibromialxia tívome esta semana tan debilitada que apenas puiden facer nada por falta de ánimos e de enerxía. Dores por todo o corpo, cansazo infinito, os acúfenos máis entolecidos ca nunca, mesmo molestias estomacais e intestinais. En fin. Aínda non me recuperei por completo, pero intento pouco e pouco volver a unha mediana normalidade.
Mentres, lin El libro de las leyendas urbanas de terror de Jan Harold Brunvand, un folclorista especializado neste tipo de historias e do que xa tiña dous libros anteriores. Confeso que non me deron medo ningún, máis ben servíronme para rir un pouco da credulidade humana. Como é posible que moita xente lles dea creto a historias tan inverosímiles e fantasiosas? En internet é incrible a cantidade de páxinas que existen sobre estes temas. Probade, se non.

13.8.07

Fin de semana

O venres pola tarde coñecín a familia pelacha ao completo con quen estiven compartindo unhas xerras de cervexa e un par de horas de boa conversa. O pelacho non tardou en preguntarme por que levaba tantos pendentes nas orellas e, despois doutra dose de observación, atacou cos audífonos. Saquei un para que o vise e entre o papá e eu explicámoslle como funcionaba. Está moi alto para a súa idade e guapo. A pelacha, unha beleza en miniatura con ollos preciosos e sorriso engaiolador, é unha nena sociable que empata con calquera, teña ou non o seu tamaño.
Sentinme moi a gusto conversando con todos.
Ao día seguinte recibimos a visita de E e C, amigos de Auria que pasan uns días na cidade da oliveira. C xubilouse antes de tempo hai un par de anos e agora inviste parte das súas horas en coidar dúas hectáreas de viñas situadas moi preto das doutro viñateiro. Está moi ilusionado con este proxecto, pero E non o ve con bos ollos porque di que non lle ve o pelo. Amoloume notar a tensión aboiando entre eles. Logo, comentando con B as conversas que mantiveramos (homes e mulleres por cadanseu lado, homes e mulleres intercambiados), chegamos a falar dos xeitos de ser dos homes e mulleres en xeral, dos tópicos que tanto me rebentan pero que, porén, tamén repito (algún, cando menos), e nesas continúo.
O domingo baixamos camiñando á vila e nun portón dun garaxe cuberto de po, moi preto de onde adoitamos aparcar o coche, podíanse ler as seguintes palabras trazadas cun dedo: Peke, Bolli--> fea. Pois vale. Que axiña fixen amigos aquí.

7.8.07

Estrea

É agradable ler por primeira vez un autor e que guste a obra. Aínda que oio falar ben del desde hai anos, que recibiu un gran premio, que conta con numerosos admiradores e que teño nos meus andeis varios libros seus, non se me ocorrera até o de agora botarlle a man.
Ao parecer, Brooklyn Follies é un libro atípico na produción de Paul Auster polo seu optimismo; o protagonista parte dunha situación persoal bastante desoladora para ir avanzando paseniño nun encontro co mellor de si mesmo e dos que o rodean. Lin nalgures que nas historias que xorden paso a paso e conforman a principal van amoreándose os finais felices e que un non sabe que facer con eles. Discrepo. Resulta alentador ver como os problemas se van solucionando, como os seres humanos se axudan entre eles e como eses esforzos dan o seu froito, aínda que algunhas desas solucións semellen rocambolescas. Nada hai máis rocambolesco cá propia vida, así que por que ía ser unha excepción unha obra literaria?

4.8.07

Festas

A cantidade de vendedores ambulantes e atraccións variadas que invaden a vila por mor das festas do verán non deixa de abraiarme, a pesar de que os locais digan e repitan que non valen para nada. Por todas as partes escóitase música, sucédense as actividades para os pícaros na praza do concello, amiúdan as verbenas amenizadas por distintas orquestras para os maiores e hai xente e xente que pasea mirándoo todo. En fin, responde ao que entendín sempre por unha vila en festas que, ás veces, depara sorpresas.
Incluso podes ter a sorte de atopar nun posto de produtos de coiro eses apliques de parede en pel de vaca decorada con henna que andabas buscando para as escaleiras da casa e dar cun vendedor agradable con quen comentas cousas da vida. El e a súa parella (posuidora dun posto de roupa que me gusta onde comprobei con horror que non me servía nada) pasan varios meses en Galicia, de abril a outubro, e sempre engordan un feixe de quilos a base da riquísima cervexa e o pan do país.
É curiosa a vida dos vendedores ambulantes, decote colocando e recollendo a mercadoría, durmindo quen sabe en que lugares, con horarios suxeitos ás circunstancias e ao clima... Para min non servía.

31.7.07

Calor (agora si)

A subida das temperaturas colleunos en Teucro en visita familiar. Gústame esta cidade polo ben que deixaron a zona vella, con recantos marabillosos para perderse no tempo e no espazo, pola cantidade de terrazas que se espallan nas numerosas prazas que acubilla. De noite, parece que o tempo está detido nun murmurio suave de palabras nunca pronunciadas, pero si adiviñadas.
A irmá de B está espléndida na súa madureza, serena malia o seu carácter teimudo e dá gloria falar con ela, á fresca, os tres sentados nos chanzos da casa fronte a ría, a un tiro de pedra de Lourido, a praia á que ían os irmáns de cativos.
Tiña a esperanza de que aquí o tempo fose máis clemente, por aquilo de que estamos máis preto do océano, pero trabuqueime; a calor non distingue fronteiras e, malia que de noite sopla unha brisiña aliviadora, polo día é un horror moverse pola vila. As festas, por riba, teñen todo colapsado; o concello fai obras no asfalto e distintas empresas buscan o tesouro en distintas gabias. O cheiro a chapapote case chega a Martín e só descansamos xa tarde, cando todo queda en silencio. Espero sobrevivir.

26.7.07

Día da patria e de Santiago

Non creo moito nos símbolos nin me compracen os "días de", quizais porque me parecen escusas un tanto ocas para celebrar algo que non se celebra acotío e desgústame. Prefiro erguerme cada mañá pensando en todo o que me parece celebrable, sentirme persoa completa, muller, galega, e, sobre todo, viva. O demais vén de seu. Cústame compartir o entusiasmo por tal día ou tal outro, coma se os demais estivesen eliminados do calendario ou fosen simplemente días sen mérito. Todos os días teñen o seu mérito, sobre todo aqueles nos que reflexionamos sobre nós mesmos, a propia identidade e a identidade dos outros, eses que por veces esquecemos metidos no noso ovo primixenio. Tampouco entendo moi ben o concepto de "patria", se cadra porque tampouco entendo moi ben o concepto ao uso de "familia" nin o de "comunidade". A comunidade é o conxunto de todos os seres humanos, incluídos eses que parten do seu país para intentar integrarse noutro distinto movidos polo desexo de mellorar, de atopar un mundo distinto que lles permita medrar como persoas.
Vivo nun mundo do que non comprendo as reviravoltas, se cadra porque sempre soñei nun sen fronteiras, en que cada ser humano crecese ao abeiro dos outros, axudado por eles sen importarlles a cor da pel, o sexo, a ideoloxía política ou a clase social.
Son muller, galega, intento medrar día a día e entender os demais ou, cando menos, aceptalos aínda que non pensen coma min. Mellor que non pensen coma min; sería moi aburrido que todos nos movésemos guiados polos mesmo estímulos. Non rexeito as dereitas nin as esquerdas nin tomo partido por uns e por outros, porque todos teñen a súa parte de razón e a súa parte de delirio, sen excepción.
Viva o día do ser humano. Todos os días. Sen excepción.