5.3.04

Adolescencia
Durante moitos anos traballei con adolescentes; si, uf, son repelentes, vale, pero... non o poden evitar. Abraiada quedei o día que lin, nun deses libros sobre o cerebro nos que me empeño en buscar explicacións, que o caos da adolescencia non se debe só á revolución hormonal que viven, senón tamén a que nos seus cerebros se está producindo unha reestructuración das conexións entre neuronas. ¡O que lles faltaba!
Ó principio, o que máis me sorprendía era o cambiazo que daban os nenos desde xuño a setembro; de súpeto -en fin, case-, tiña diante a un medio homiño que me levaba dúas cabezas (¡en xuño os nosos ollos quedaban ó mesmo nivel!), que non sabía qué raios facer cunhas mans e uns pés demasiado grandes (non lle dera tempo aínda de afacerse a eles) e a cuxa voz, para colmo, lle fallaba o dial. Debía facer esforzos sobrehumanos para non sorrir, para non estender a man e rozarlle a meixela, para non murmurarlle "tranquilo, meu, logo se arranxa". Sabía que, de o facer, se sentiría fatal. As nenas, porén, sempre semellaban menos desvalidas.
Despois aprendín outros recursos -estratexias chámanlles, malia non ser a guerra- máis sutís e desenvolvín unha paciencia descoñecida; entenrecíanme tanto que, por veces, saía da aula a tragar a emoción ou sacaba da manga un exercicio urxente. Cumpría disimular.

Lémbrome ás veces deles e, cando me dá a morriña, mergúllome en corredores estreitos acugulados de berros histéricos, empurróns, malas caras, pelexas e acenos de perdoa vidas. Abonda para curarme.

Ningún comentario :