Atopar o seu lugar
Volvía de levar a B ao instituto; a mañá estaba limpa e recendía a primavera. De súpeto pasoume coma un lóstrego todo o vivido durante o ano pasado, a espera, a incerteza, o abandono do coñecido, dos costumes adquiridos, dos amigos... ¡Tantos cambios, tanto temor!
Charlei con Flo do guapa que estaba desde que se separara; a tranquilidade, díxome. Frodo mirábanos sen intervir, pero notábaselle atento, asentía polo baixo. Flo picouse cun coitelo e relevouna Frodo na tarefa. Incluso o neno botou corpo, continuaba ela mentres apertaba o dedo cun pano para que non sangrase, e mellorou nos estudios. Logo rematou suspirando, ¡é que aquilo, filla, era un sinvivir!
Despois merquei o xornal; a quiosqueira comentoume o bonito que estaba o seu bebé, o grande que era, a face iluminada coma un sol pequeniño.
Camiñei amodo polo bordo da foz; seguía recendendo. E sentín, por un marabilloso instante, que por fin atopara o meu lugar, que estaba onde quería estar.
Ningún comentario :
Publicar un comentario