19.3.04

Biografías
Cando L me viu mercar un par de biografías, comentou con leve ton de desprezo que eran o equivalente ao Hola ou ao Lecturas; escuso dicir que, no momento, me sentou fatal, pero non lle retruquei. ¿Para que? Nin eu ía convencer a L das cualidades que lles atopaba nin L ía modificar a súa sentenza por moita paixón ou razón que eu puxese nas miñas palabras.
Atravesaba unha época moi necesitada de muletas e lía, sobre todo, vidas de mulleres. Camille Claudel, Tina Modotti, Colette, Georgia O'Keefe, Karen Blixen ou Virginia Woolf alixeiraron moitas horas de incerteza e confusión, consolaron feridas e aprendéronme que a adversidade é unha circunstancia, o valor, unha virtude que sempre podemos espertar do seu letargo e a fraqueza, un aspecto máis da existencia, doada de contrarrestar se se desexa de verdade.
Logo bebín nas biografías de homes. Pero esa é outra historia.

Ningún comentario :