25.3.04

Perder o silencio
Perdín o silencio hai cinco anos a raíz dunha gripe fortísima que me tivo muda e xorda durante dúas semanas completas. A medida que ía recuperando a pouca audición anterior, escoitaba asemade campás tanguendo entolecidas, buguinas de coches premidas por histéricos e un micrófono (des)acoplado a non se sabe qué frecuencia. Non daba creto ao que me estaba ocorrendo.
Co paso dos días, o estrondo estabilizouse en micrófonos mal sintonizados, un de cada lado, que me acompañan sen interrupción desde aquela.
Os meus acúfenos son, pois, agudos, incoercibles (palabro do otorrino que vén dicir incontrolables), teimudos e inasequibles ao desalento.
Ao principio non me deixaban durmir; pasei dez días de noites toledanas indo traballar, ata que constatei que se me ía a cabeza, extraviábame en medio dunha frase e estaba ao bordo de perder os nervios a cada ruído forte que me chegaba.
Decidín poñer audífonos coa esperanza de que, se oía mellor o mundo exterior, me distraería desta cantarela obsesiva. De primeiras a cousa non foi mal; estaba marabillada coa cantidade de sons descoñecidos que de súpeto descubría, saía soa ao campo e ás rúas da cidade para afacerme a escoitar, ávida dunha faceta ignorada que lle confería ao mundo unha nova profundidade: a perspectiva auditiva. Pasada a novidade..., ¡en fin!; pasada a novidade volveron as noites en branco, a negativa a aceptar algo que me desbordaba, o pavor a perder os nervios no traballo, a cometer unha barbaridade irreparable... As maquiniñas máxicas son estupendas, desde logo, mais non deixan de ser máquinas con todos os seus inconvenientes, sobre todo en ambientes ruidosos.

Logo veu o empeoramento dos outros males, as baixas necesarias e cada vez máis frecuentes, a tortura da reincorporación e, á fin, a seguridade de que así non podería continuar. Gustábame a miña profesión, e moito, pero era ela ou eu, e emprendín os trámites para que me sacasen do medio.

Hai un ano que me xubilaron (vinte antes do que me correspondería, por se alguén ten curiosidade) e, agora si, podo dicir que foi a mellor decisión da miña vida. Os acúfenos non desapareceron nin van desaparecer, pero xa non temo perder os nervios a cada paso, durmo coma unha pedra gracias aos exercicios de relaxación (o único remedio non agresivo que me deron) e fago unha vida con bastantes limitacións, pero máis ou menos normal.

Foron cinco anos duros e difíciles nos que cometín algunhas estupideces e sufrín algún accidente desafortunado. Pero contei en todo momento con algo que nada nada nada pode pagar: o apoio e o amor incondicionais de B.

Ningún comentario :