Xeitos de ler
Non teño outra que volver ler Harry Potter y la Orden del Fénix, se quero poñerme ao nivel dos comentaristas do blog de Akin (cando me aprendan, poderei ligar. -¡Ei, Cesare!, ¿estás aí?-).
A primeira vez engulino coma unha posesa, totalmente enganchada na acción e nas ganas de saber qué raios estaba ocorrendo. É este un xeito de ler que me encanta porque me leva á nenez, cando devoraba todo canto libro me puxesen diante (debía pasar a censura materna, en fin) e a realidade desaparecía durante unhas horas sen deixar rastro. Claro que ten inconvenientes: escapan detalles, erros, erratas e ata datos importantes; en canto aos nomes complicados, xa desisto de retelos durante moito tempo, dada a miña facilidade para modificalos segundo un mecanismo que aínda non aclarei por completo (creo que está relacionado coa coincidencia vocálica).
Polo momento, levo vinte páxinas e xa atopei que as hortensias da sexta mudaron en begonias na dezaoito, as relativas enlázanse de maneira algo irritante e o sintagma adxectivo+substantivo repítese con demasiada frecuencia. Sospeito que en parte se debe á tradución.
Os poucos libros que leo do primeiro xeito esíxenme case sempre unha relectura; o habitual en min é o segundo, e si, ás veces moléstame porque interfire no pracer, pero como hai cousas superiores a unha, xa me resignei a esa inconsciente activación das antenas.
Ao principio víao coma unha perda de inocencia, unha máis das que a vida trae consigo; agora..., ben, agora procuro non romper a cabeza con esa historia. Total, para o que serve...
Ningún comentario :
Publicar un comentario