9.3.04

'El código da Vinci'
Si, hai uns meses caín na tentación e merquei ese libro. Hoxe o libreiro preguntoume qué me parecera, porque vendera moitos (para o lugar, claro) e a xente comentaba que estaba moi ben. Supoño que fun algo brusca ao contestar; acumulara bastante xenreira que non puidera desafogar a eito, así que aproveitei a ocasión: "malísimo, un insulto á intelixencia, simplón, un quero e non podo..." ¡En fin! O home miroume asombrado.
Que conste que leo bastantes novelas de intriga, misterio, acción e demais; seméllame un campo moi amplo e variado no que aprender infinidade de cousas, amais de distraer a cabeza, e teño atopado algunhas xoias entre as moreas de autores que o frecuentan. Minette Walters, Alicia Giménez Bartlett, Michael Connelly, Val McDermid ou Robert Wilson, por poñer uns cantos exemplos, resultan abondo dignos como para non chorar os cartos investidos. Pero este Dan Brown dá a impresión de que colleu indiscriminadamente recursos -non moi ben dixeridos-de aquí e acolá, meteunos nunha cocteleira, axitounos sen orde nin concerto e, voilà, best-seller rematado.
Non vou entrar en detalles chiantes, pois sería o conto de nunca acabar; por se a alguén lle interesa, sente curiosidade ou quere comprobar por si mesmo o que digo, este domingo, como moi tarde á unha e media p.m., atopará un exemplar esquecido nun banco do parque da Ramallosa, fronte ao barco branco.

Ningún comentario :