8.3.04

Os anos de vida
Conto dos irmáns Grimm
"Cando Deus Noso Señor creou o mundo e quixo fixarlle os anos de vida a cada criatura, foi consultando un a un. E vaise e vén o burro e pregúntalle:
- Señor, e eu ¿cantos anos hei vivir?
- Pois, trinta anos -respondeulle-, ¿estás conforme?
- ¡Ouh, Señor! -repuxo o burro-, é demasiado. Cavilade na miña penosa existencia: levando pesadas cargas de aquí para acolá, desde o abrente á noite pecha; carrexando sacos de trigo ao muíño para que outros coman o pan; ¡sendo apurado decote a paus e vergallazos!¡Perdoádeme unha parte deste tempo, para min tan longo!
Daquela o Señor apiadouse del e concedeulle dezaoito anos. O burro foise xa consolado, e presentouse o can diante del.
- ¿Canto tempo queres vivir ti? -preguntoulle Deus-; ao burro parecéronlle demasiado trinta anos, pero quizais ti esteas dacordo con eles.
- Señor -respondeu o cadelo-, ¿é esa a vosa vontade? Cavilade que, co moito que teño que canear, as patas non terán conta de min tanto tempo, e cando teña perdidas as forzas para ladrar e os dentes para morder, ¿que outra cousa podo facer eu que non sexa ir gruñindo, de recuncho en recuncho, de acá para alá?
Deus viu que tiña razón e outorgoulle doce anos. Entón chegou o mono.
- Ti si que acollerás con gusto vivir trinta anos -díxolle o Señor-; non traballarás coma o burro e o can e estarás contento decote.
- ¡Ouh, Señor! -respondeu- iso parece, pero non é así. Se choven papas de millo non teño culler. Teño que estar facendo trasnadas e carantoñas acotío para facer rir a xente, e cando me tiran unha mazá e lle meto o dente, resulta que é aceda. ¡Como se esconde amiúdo a tristura detrás da pallasada! Non poderei aturar trinta anos arreo cunha vida así.
Deus amosouse compasivo e concedeulle dez anos.
Por remate presentouse o home; estaba ledo, san e frescallón, e pediulle a Deus que lle dispuxese os seus anos.
- Trinta anos haberás vivir -dixo o Señor-; ¿abóndache?
- ¡Que tempo máis curto, Señor! -exclamou o home-. Cando teña construída e amañada a miña casa, o lume ardendo no meu fogar; cando xa as árbores que teña plantadas florezan e dean froitos; cando comece a gozar ledamente da vida..., vai e hei morrer. ¡Ouh, Señor!, alóngame os anos para vivir.
- Dareiche, pois, a máis os dezaoito anos do burro -dixo Deus-; ¿válenche?
- Non abondan -protestou o home.
- Terás tamén os doce do can.
- Aínda é pouco.
- Ben -dixo Deus-, aínda che darei os dez anos do mono; pero non recibirás máis.
E o home foise, aínda que non moi satisfeito.
Así é que o home vive setenta anos. Os trinta primeiros son os anos seus de home, que pasan rápidos; durante eles vive san, contento, traballador con folgos acepta a súa vida con ledicia. Séguenlle os dezaoito do burro, levando daquela unha carga tras da outra, carrexando o trigo con que outros se manteñen; e malladuras e patadas é o que recibe, como xornal, polos seus fieis servizos prestados. Logo veñen os do can; vai polos currunchos rosmando e xa non lle quedan dentes para rillar as codias. E cando xa ten apurado ese tempo, aínda lle quedan os dez anos do mono antes de rematar. Daquela é un queicoa e un estrafalario que fai cousas choqueiras para facer rir os nenos".

Ningún comentario :