(Des)Igualdade
Confeso, sen ningún rubor, que desde que comezou a campaña paso as follas do xornal tan rápido que me abanan dun xeito algo fresco de máis para a época na que estamos. Detenme a concesión do premio "Galicia en feminino" por parte da Xunta a Ana Pastor e Marisa Real; por un instante véxoo todo vermello, dando por suposto que non existe un premio "Galicia en masculino"; en efecto, non existe; o vermello roza o escarlata.
Recoñezo, tamén sen rubor, que esta tendencia a premiar o 'diferente', sobre todo cando pertence ao sexo feminino e nos atopamos en plena campaña, ataca algo moi íntimo en min; máis que satisfacción porque as mulleres sexan merecentes dos parabéns de autoridades e demais (compostas na súa meirande parte por homes, non nos esquezamos), sinto a labazada en estéreo da discriminación e do oportunismo. Sospeito que deixarei de sentila cando a este tipo de premios se lle retire a apostila restritiva e especificativa.
Ocórreme algo semellante coa chamada 'literatura de mulleres', etiqueta que, por fortuna, está empezando a desaparecer de revistas especializadas. A ver se se informan algúns que eu sei. Os méritos, se os hai, non entenden de sexo.
Ningún comentario :
Publicar un comentario